UNHA AUTONOMÍA RELATIVA
Estas son as diferenzas e diverxencias notorias e importantes. Mais non abonda con se deter no exame do seu contido. O que fai este debate tan fascinante para os «descendentes» é que a miúdo as posicións de Lukács e Brecht se opoñen e semellan oporse termo a termo –que se pense, por exemplo, no eloxio inmoderado de Thomas Mann no primeiro e nos incesantes sarcasmos con que o cobre o segundo, en resumo, o emblema a que tanto é para un como para o outro, en sentidos totalmente opostos.
Mais detrás destas oposicións decididas que producen a popularidade do debate Lukács-Brecht (poderíase, en principio, falar tamén dun debate Lukács-Bloch ou dun debate Sartre-Lukács) deséñase un fenómeno de longo alcance: a amplitude das diverxencias que opuxeron Brecht a Lukács, designa, dunha maneira estridente, a autonomía relativa dos intelectuais do stalinismo, no stalinismo. Ao longo das incesantes oscilacións, dos zig-zags e das viraxes da «liña xeral» da política do poder staliniano. Ambos áchanse máis ou menos «en fase» ou en desaxuste coa táctica e o espírito do momento. A súa «submisión» é infinitamente complexa, dialéctica. O denominador común da súa actitude fundamental a respecto do stalinismo, é a elección de non entrar en ningún momento en oposición ou disidencia aberta fronte ao seu discurso ou as súas prácticas. Mais un exame preciso dos textos e dos momentos permite matizar amplamente todo o que o termo submisión recobre de brusco: abundan as friccións, as tensións, as «contradicións secundarias» entre o que manifesta a lóxica profunda e a continuidade das súas posicións e os diferentes momentos e figuras da política staliniana. Ao final da súa vida, Lukács remarcou que insinceras e obrigadas foron as súas autocríticas, tanto a de 1930 como a de 1950. Brecht nunca agachou que o que entendía por «realismo socialista» non tiña nada a ver cos canons ambientes da URSS dos anos 1930 e 1950. En 1935 tivo que tirar conclusión da imposibilidade con que se atopou Piscator de traballar na URSS (28).
O mesmo acontece coas polémicas furiosas que leva Lukács en Moscova contra o socioloxismo vulgar e a confección do marxismo. Finalmente, o debate apaixonado sobre o romanticismo, o expresionismo, en que se enfrontan Lukács, Brecht, Bloch, Becher e outros lémbranos (o que se esquece de máis hoxe) que a ideoloxía staliniana constitúe un campo de tensións e de enfrontamentos permanentes, un lugar de conflitos e contradicións –a despeito da indelébel pegada do poder e dos modos de pensamento totalitario.
A imaxinaría corrente do stalinismo contén esencialmente o clixé dunha intelligentsia servil e cativa, portavoz grotesco do poder, completamente aplicada a axustar as súas producións aos ucases do poder (Fadeev a reescribir baixo ameazas La Jeune garde, Shostakovicth retocando tal movemento dunha sinfonía baixo a ollada vixilante de Khdanov…), a entoar himnos á GPU (Aragon) ou a reclamar o castigo dos «traidores». Mais este clixé, se non está desprovisto de fundamentos, non autoriza a facer a economía dunha tipoloxía e dunha socioloxía da intelligentsia stalianiana, ao ignorar que se diferencia en numerosos estratos e «figuras» (29). Brecht e Lukács, que non loaron a Iekhov nin saudaron o golpe de piolet no cranio de Trotski como un grande feito da epopea revolucionaria, que batallaron a miúdo contra certas formas particulares do dogmatismo ou do escurantismo stalinianos, non deixan de seren intelectuais do stalinismo menos «típicos» como o foron intelixencias servís como Erhenburg ou Aragon –por non falarmos dos funcionarios de máis mediocre calibre aínda. Non é xusto, polo tanto, dicir que foron «opositores», emigrados no interior do stalinismo, como non é conveniente –cousa semellante por outra parte– adornar a un Jünger co título de opositor ao nazismo. Globalmente aceptaron as «regras do xogo» inhumanas e bárbaras do stalinismo, «dialectizaron» e razoaron a barbarie, estiveron no stalinismo como o stalinismo estivo neles. No seu Diario de traballo, Brecht consigna as impresións que tira da lectura do libro «agobiante» de Souvarine sobre Stalin («a metamorfose do revolucionario profesional en burócrata…»), mais cando os seus amigos Koltsov e Treitakov desaparecen na tormenta das purgas, cala, contentándose con confiar o seu desasosego ao seu diario (30). Aquí, o «pensamento participante» xúlgase a si mesmo. O mesmo acontece con Lukács, que acepta de bo grado e mesmo cando a súa vida non estaba ameazada (en 1950) prestarse ao rito degradante da autocrítica galilea.
O que aparece, xa que logo, aquí, alén do famoso «debate», nesta dialéctica infinitamente complexa da autonomía e da submisión, é o tecido común do stalinismo dun Brecht e dun Lukács, dun tipo de intelectual staliniano dos que a ambigüidade de relacións co stalinismo designa a complexidade mesma do fenómeno que constitúe. Mais antes de chegarmos á descrición e á análise desta dialéctica, debemos examinar o momento e o lugar en que se arraiga: a famosa viraxe de inicios dos anos 1930.
NADA DE FUNCIONARIOS
A vinculación de Brecht e de Lukács ao poder staliniano non pode reducirse a un movemento oportunista, no sentido banal do termo. Lembremos un primeiro punto que ten a súa importancia: nin un nin outro foron, en ningún momento da súa existencia, funcionarios do réxime staliniano nin de ningunha das súas filiais e axencias, o que significa por unha parte que non ocuparon ningunha función, ningunha responsabilidade política institucional, e por outra que a súa submisión ou a súa lealdade a respecto da política e do réxime staliniano non poden relacionarse con eventuais beneficios materiais que tirarían desta actitude. Lembremos que se diferencian neste plano radicalmente dun Ehrenburg ou dun Aragon que, un e outro, son a miúdo considerados como opositores, incluso emigrados do interior do stalinismo (31). Aquí a autonomía intelectual de Brecht e de Lukács co réxime staliniano ten como fondo un segundo plano material mais decisivo que non o semella a primeira vista. Desde inicios dos anos 1930 até o fin da súa existencia, viviron esencialmente da súa «pluma», da súa produción intelectual en primeira persoa e non da súa posición no campo do stalinismo. Non é por nada se, ao fin da súa vida, Lukács subliñaba con tanta insistencia que despois do avatar das «Teses Blum», a súa «carreira política» acabara. Durante todos os seus anos moscovitas, foi un publicista, un crítico literario vivindo, modestamente, dos artigos que publicaba en diversas revistas soviéticas e emigradas que non sempre gozaban de olor de santidade entre os funcionarios da cultura soviética. Non vivía no fasto reservado aos «hóspedes de honra» do Estado soviético, senón nun minúsculo apartamento, tan pequeno, debía lembrar ironicamente máis tarde, que non era susceptíbel de espertar envexas e que foi sen dúbida unha das razóns polas que non foi arrestado durante as grandes purgas de 1937-1938! Na Hungría dos anos 1950 e 1960, o seu conflito co ideólogo xefe do PC húngaro, Jozsef Revai, logo do seu compromiso a carón de Nagy en 1956, arruináronlle calquera perspectiva de carreira oficial –universitaria ou non. Só é a partir de 1965 –ten entón oitenta nos– que se deseña realmente a «institucion-nacionalización» de Lukács polo réxime kadarista (32), esencialmente honorífica, por outra parte (33).
Polo que respecta a Brecht, abonda ler o Diario de traballo, no que se fai amplo eco das preocupacións monetarias dun xefe de «tribo», sempre acosado polo temor de non conseguir ferver o pote dos seus achegados, para se convencer dos beneficios materiais que o autor da Ópera de catro cadelas tirou da súa submisión ao réxime staliniano. Despois do seu retorno á RDA, Brecht terá «dereito» a certo número de honras e de privilexios (unha casa espazosa, a posibilidade de viaxar ao estranxeiro cando queira…), dirixe un teatro, mais o seu estatuto non é para nada (contrariamente ao dun Johannes Becher, por exemplo, que se converte en ministro de Cultura) o dun funcionario ou dun membro orgánico da nova elite: os seus incesantes conflitos coas autoridades culturais e políticos, a propósito especialmente da publicacións das súas propias obras, indícano suficientemente (34).
Subliñemos, de paso, que o que achega aquí Brecht a Lukács –a non«funcionarización», a ausencia de dependencia material directa con respecto aos aparatos do stalinismo– pesa máis que os que os distingue no seu estatuto formal de «compañeiro de viaxe» para un: Brecht nunca foi membro nin do KPD, nin do PC americano, nin do SED (35); membro do KPD e sobre todo PC húngaro en cuxo seo exerceu, a principio dos anos 1920, importantes responsabilidades o outro. Sen dúbida o feito de que Lukács vivise o seu exilio na URSS e Brecht en occidente, principalmente en América, determinou dunha maneira esencial a forma das súas obras nos anos 1930 e 1940. Mais fundamentalmente, compróbase que son factores moito máis profundos os que determinarán a súa relación co stalinismo. Sobre cuestións políticas fundamentais, a autonomía estatutaria (compañeiro de viaxe, non está obrigado á «disciplina») e «xeográfica» (está lonxe de Moscova) de Brecht non se traduce por unha autonomía sensibelmente máis importante que no caso dun Lukács que se acha no ollo da tempestade. O texto de Brecht sobre os Procesos de Moscova é o testemuño (36).
Como o mostrou David Caute (37), o compañeiro de viaxe do réxime staliniano distínguese non pola súa autonomía senón a miúdo pola súa credulidade e a súa tendencia a «esaxerar». E desde o Retour de l’URSS (38), de Gide, sábese tamén que o compañeiro de viaxe non é menos susceptíbel de caer na dependencia material a respecto de Moscova que o intelectual comunista «orgánico» vía os famosos dereitos de autor, principalmente.
«A persoa de Lukács está por riba de toda sospeita» tomaba a molestia de subliñar Adorno, preocupado de non prestarse a ningún equívoco, nesa execución capital do autor d’ A destrución da Razón que é Unha reconciliación extorsionada. Semellante precisión –que se aplica tamén a Brecht– non é inútil cando se sabe o papel esencial que xogaron todas a formas de corrupción –principalmente da intelligentsia– no universo staliniano. Hai, polo tanto, que volver ás orixes intelectuais –teleolóxicas, digamos– do compromiso staliniano en Brecht e Lukács a inicios dos anos 1930.
Para comezarmos, este compromiso non se pode analizar, esta vez, nos simples termos do oportunismo político, como unha adhesión «razoábel» e empírica ao «máis forte», o efecto automático dese movemento de gravitación que arrastra entón a tantos intelectuais progresistas ao campo do stalinismo. A elección que operan entón Brecht e Lukács obedece a un duplo movemento de ruptura: reformulación dunha filosofía da historia herdada das representacións dos anos 1920 e secesión perseguida co mundo burgués. Cada un á súa maneira, Brecht e Lukács despídense no xiro dos anos 1920-1930 da filosofía espontánea da intelligentsia europea radical nacida no crisol da Primeira Guerra Mundial, da Revolución Rusa, na paisaxe devastada da inmediata posguerra. Lukács renega dos fundamentos mesmos do mesianismo de Historia e consciencia de clase (o subxectivismo e o voluntarismo que se condensaban na noción de «consciencia outorgada», proxectada cara ao futuro, do proletariado), toma nota da retirada estratéxica do movemento revolucionario en Europa occidental. Brecht emprende unha reavaliación dos fundamentos mesmos do seu radicalismo; levado polos ventos violentos que sopran sobre a vida social e a cultura na Alemaña da primeira metade dos anos 1920, estuda o marxismo como materialista preocupado de apreixar os mecanismos reais da explotación capitalista e do movemento histórico contemporáneo. Nun e outro caso, trátase polo tanto dunha ruptura con sistemas de representacións que dan conta do estado real do campo social e histórico, dun esforzo para se dotar dunha filosofía realista do real, emancipada de calquera forma de wishful thinking ou de subxectivismo histórico. En Brecht como en Lukács esta ruptura está, xa que logo, guiada por un trámite fundamentalmente racionalista que enuncia a ambición de tomar en conta todas as determinacións do real, toda a súa «fondura». «A metamorfose do mundo antigo nun mundo novo non se opera fóra do mundo, segundo a previsión dalgúns críticos», escribe Brecht nos seus «Estudos marxianos» (39). No inicio dos anos 1930, operando unha especie de ascese filosófica, le Descartes e Kant á luz de Marx, preocupado por se dotar do seu «pensamento participante», dun fundamento sólido. Na mesma época, Lukács preocúpase tamén dos fundamentos dunha razón apta para deter o ascenso da barbarie encarnada polo fascismo. Elabora as liñas de continuidade e as liñas de defensa dun racionalismo marxista «asediado», comunista preocupado pola súa lexitimidade histórica e cultural, herdeiro das Luces e da dialéctica hegeliana. Por vías completamente diferentes, Brecht e Lukács elaboran unha filosofía do real que os conduce a considerar a URSS tal cal é, o movemento comunista tal cal é como o polo ou o núcleo racional por excelencia do movemento histórico, da dialéctica da emancipación. Nun contexto marcado pola crise de 1929 e o ascenso do fascismo, a necesidade dun punto de ancoraxe do «pensamento participante» e da razón é sentida por Brecht e Lukács como imperiosa. Son necesarias ao intelectual que non pretende ser unha simple consciencia –máis ou menos crítica e sempre alienada, sempre mutilada– do mundo, unha simple testemuña da crise do mundo burgués, raíces profundas e indestrutíbeis que o vinculen dunha maneira orgánica ao movemento da emancipación, o doten dunha lexitimidade, dun equipamento conceptual que lle permitirán resistir aos ascenso da barbarie na civilización.
Perry Anderson mostrou moi ben (40) como se deseña no xiro dos anos 1920 e 1930 unha cesura no marxismo e a intelligentsia revolucionaria entre, digamos, unha consciencia teórica e crítica do mundo (da que Adorno ou Bloch serían, por exemplo, representantes emblemáticos) e unha intelligentsia-de-partido sometida aos imperativos e azares do político. A percepción dos riscos e dos perigos desta cesura, deste divorcio no corazón da intelligentsia da praxe e da actividade crítica determina amplamente os compromisos de Brecht e de Lukács durante este período clave. A consciencia deste perigo, a obsesión deste corte, constitúen un dos fundamentos da crítica brechtiana do «tuismo». «Un grande número de traballadores do intelecto, escribe nas súas Notas sobre a filosofía, teñen o sentimento de que o mundo (o seu mundo) está cheo de incoherencia; mais non afecta ao seu comportamento… Esta xente está contra a política. Isto significa, na práctica, que están pola política da que son obxectos». Ou aínda: «Pódense coñecer as cousas na medida en que se modifican» (41). Lukács responderá a esta cuestión punzante indo acollerse de preto ao «faro» da revolución mundial, en Moscova. Brecht e Lukács están tamén entre os primeiros en inauguraren un modo de pensamento do que non se emanciparán até a súa morte, o pensamento de campo, pensamento que, do realismo, escorrega facilmente ao pragmatismo. («Recoñecer que o pensamento deber ser útil é o primeiro grao de coñecemento», escribe Brecht nas súas Notas sobre a filosofía), un pensamento polo tanto que institúe a necesidade de certas formas de heteronomía (enfrontadas co réxime staliniano, coas súas prácticas e coa súa ideoloxía) na esperanza de arraigar solidamente a súa autonomía fronte ao mundo burgués en crise e de escapar á miseria do «tuísmo».
AS APORÍAS DO «TUÍSMO»
Convén, polo tanto, conservar sempre en memoria que a submisión (con todo o que implica de mutilacións degradantes e de regresións ou de extravíos intelectuais) de Brecht e de Lukács non é o puro efecto dunha «conversión» fideísta, senón máis ben o reverso dunha ruptura que se quere irremediábel co mundo burgués. Antes do momento da submisión vén o da procura dunha comunidade verdadeira, dunha incorporación orgánica ao movemento da emancipación. Non é por nada se o tema da soidade e das consecuencias do illamento intelectual frecuenta as páxinas do Diario de traballo: «Interesante como un estreitamento de función disgrega a persoa, o eu perde forma cando xa non é interpelado, solicitado, maltratado. Comeza a esquizofrenia…». Ou aínda: «Éme agora case imposíbel, decátome, evitar o wishful thinking, i. e., practicar a análise impávida dos feitos. Perpetuamente sorpréndome pensando: reflexionarei isto nos USA…» (42). O movemento que vai da percepción do perigo da «disgregación» intelectual á incorporación voluntarista a unha comunidade histórica, aparece aquí claramente un «campo» (43).
É indiscutíbel que o compromiso staliniano de Brecht e Lukács desemboca nunca contradición insuperábel: con toda a súa racionalidade, a elección do «campo» arrástraos progresivamente a entrar nos círculos do inferno do irracional e da barbarie do sistema e da política stalinianos. O realismo racionalista, o pragmatismo materialista son arrastrados na espiral do irracional histórico e do irracionalismo. Brecht entrégase a unha perigosa construción intelectual para «comprender» a culpabilidade dos procesados de Moscova, Lukács acaba de estigmatizar a Dostoievski como un escritor de segunda zona que anuncia o declive da pequena burguesía reaccionaria e fai de Freud un espantallo «decadente». Os efectos da heteronomía política e intelectual con respecto do sistema stalianiano maniféstanse aquí. Mais non hai que esquecer que Brecht e Lukács son aquí figuras particulares dunha contradición non resolta que afecta a todo o campo da intelligentsia revolucionaria –ou radical– contemporánea. Adorno e Horkheimer peneiraron a modernidade cun traballo crítico renovador que enriquece indiscutibelmente o corpo teórico do marxismo e afina os seus instrumentos. Mais só foron «profesores», consciencias críticas do mundo, produtos, por tanto, da dislocación da unidade orgánica do marxismo, pensamentos «non-participantes» –ou moi pouco. «Tuis» típicos, dicía Brecht, que os tiña en pouca estima (44). O movemento trotskista, que atraeu a tantos intelectuais revolucionarios, viu como esta trampa se cerraba sobre el: a falta de constituír, na realidade histórica, unha alternativa ao stalinismo, achouse no esencial confinado no papel dunha consciencia crítica do movemento obreiro, da URSS, do marxismo nunha certa medida. «Debido a circunstancias atmosféricas desfavorábeis, a revolución alemá realizarase na música», escribiu un día Kurt Tucholsky. Debido a circunstancias históricas desfavorábeis, o trotskismo realizou a revolución mundial nos programas, os libros e a existencia máis ou menos distendida de microcomunidades que se relacionan entre si –isto sen dúbida non debido á debilidade do seu programa, senón, todo ao contrario, da súa excelencia.
Non é polo tanto unicamente o tipo de racionalismo histórico do que Brecht e Lukács se fixeron heraldos que se acha atrapado na trampa da dialéctica negativa da historia contemporánea, son todos os racionalismos da intelligentsia revolucionaria contemporánea que tropezaron coas aporías do racionalismo histórico, que foron subvertidos e mutilados polas ironías (o tráxico) desta historia. A cultura contemporánea, ese monstro devorador, ese lugar en que por excelencia todo cambia e todo vale, apoderouse de todas as producións de todas as variedades e correntes da intelligentsia revolucionaria na medida mesma en que a relación desta intelligentsia coa praxe política volvíase fráxil e aleatoria. Esencialmente, o libro fica no horizonte insuperábel da intelligentsia revolucionaria despois do gran corte dos anos 1920. Trotsky e a súa posteridade non escapan máis que Lukács e a súa. Camiñando sobre as pegadas de Benjamin, Adorno apreixou perfectamente o alcance desta reificación, desta alienación do pensamento revolucionario na cultura.
SAÍR DO STALINISMO
Para os intelectuais, a travesía do stalinismo é unha longa marcha, repleta de dificultades e de perigos aos que a maioría sucumbiu intelectualmente, moralmente, politicamente –ou fisicamente. Brecht e Lukács sobreviviron, en todos os sentidos do termo, e, cando evocamos a súa posición e as súas actitudes no stalinismo, debemos sempre analizalas en perspectiva, desde o punto de vista da súa dinámica, da súa dialéctica e da súa continuidade –é dicir, tendo en conta a iluminación retrospectiva que nos fornece a súa saída do stalinismo. O que distingue a Brecht e Lukács da grande maioría dos intelectuais occidentais que atravesaron o stalinismo ou realizaron incursións nel, é a continuidade da súa traxectoria, a súa duración, a súa «paciencia» no stalinismo. A súa saída do stalinismo prolonga o seu compromiso no stalinismo, veremos de que maneira. Nalgún momento, despois do compromiso inaugural dos anos 1930, cambiaron bruscamente de bando, cambiaron de sistema de valores, de comunidade política. Esta continuidade e esta «paciencia» teñen o seu reverso: a súa longa marcha a través do stalinismo só puideron realizala até o fondo camiñando polos sendeiros da ambigüidade, da astucia, do desdobramento. Continuidade, certamente, mais progresión infinitamente sinuosa entre o abismo e a montaña.
É en van que nos esgotaríamos para entrarmos en todos os meandros e todos os paradoxos desta dialéctica en que rexorde a inextricábel imbricación do «submiso» e do «autónomo». Brecht escribiu A decisión, unha peza inspirada por ultrabolxevismo sumario que resoa o ultraesquerdismo da época do KPD e semella anticipar os Procesos de Moscova; a mesma tonalidade ultraesquerdista, o mesmo esquematismo vólvense encontrar en Terror e miseria do III Reich; O parable ascenso de Arturo Ui está impregnado dun economicismo simplista que resoa o marxismo vulgar dos stalinianos do Capitole… Ao mesmo tempo, a vangarda cultural de Brecht, a súa concepción totalmente renovadora dun teatro «épico» e a súa teoría do «efecto V» (o distanciamento), chocaron sempre de fronte cos canons do realismo socialista definidos en Moscova. Se Brecht non pensou en instalarse na URSS despois do seu exilio de Alemaña, é en grande parte por esta razón –sabía ben que non podería traballar–, sen falarmos do resto. Ídem, Lukács abrazou todas as sinuosidades da liña staliniana, eloxiou a Fadeev e Sholokhov cando era necesario, arrastrou o carro da crítica á esquerda contra o seu temperamento e o seu corazón cando llo mandaban os imperativos da liña «clase contra clase», denunciou a contaminación do marxismo polo espírito do «liberalismo» cando se iniciaba a reviravolta que desembocou na sinatura do Pacto Hitler-Stalin, citou regulamentariamente a Stalin en todos os seus escritos dos anos 1930, fixo a súa autocrítica puntualmente, confeccionou a súa autobiografía á medida (45)… Mais ao mesmo tempo, en pleno terror staliniano, escribiu asombrosos textos de «crítica literaria» apenas codificados nos que advirte da dexeneración do marxismo soviético en lumpen-filosofía do progreso e ataca as figuras do stablishment cultural soviético (46).
Despois da Segunda Guerra Mundial, estes xogos de espello de desdobramento multiplícanse até o infinito: quen non coñece o poema de Brecht sobre na sublevación dos obreiros da construción este-berlineses de 1953, ese modelo de mofa antiburocrática? Mais o que non se pode ignorar é que o mesmo día da sublevación Brecht enviara a Ulbricht a mensaxe seguinte: «A Historia testemuñará o seu respecto ao celo revolucionario do SED. A grande explicación coas masas sobre o ritmo da edificación do socialismo conducirá a unha selección e a unha consolidación das conquistas socialistas. Debo nestas circunstancias expresarlle a miña vinculación ao SED…» (47). Súmmum do infortunio, Neues Deutschland contentouse con publicar a última frase…
Á morte de Stalin publicou o texto seguinte:
«Os oprimidos dos cinco continentes, os que xa se emanciparon, os que loitan pola paz mundial, deberon sentir o seu corazón deterse cando souberon da morte de Stalin. Encarnaba a súa esperanza. Mais as armas morais e materiais que forxou están sempre aquí, así como a doutrina que permite forxar novas…».
Mais algunhas semanas máis tarde, observa:
«Cambiar a adoración de Stalin (dolorosamente) en renuncia á oración.» (48)
As mesmas sinuosidades, as mesmas tensións, as mesmas propensións á dupla linguaxe repítense facilmente nos textos de Lukács contemporáneos da súa saída do stalinismo. Velaí un exemplo entre cento, tirado de A significación presente do realismo crítico:
«No seu último traballo sobre economía, Stalin criticou severamente o que se chama subxectivismo económico (…) Como lle aconteceu a miúdo no curso da súa vida, Stalin formulou aquí á súa maneira, mais correctamente, verdades coñecidas desde hai tempo polos clásicos do marxismo. Ao tomar posición contra o subxectivismo económico, ao sinalar o perigo que representa para a teoría e para a praxe socialistas, Stalin tiña perfectamente razón. Mais o que hai de contraditorio, e mesmo de tráxico na súa situación, é que el mesmo, pola súa propia actitude práctica e por moitas das súas antigas declaracións teóricas, impulsou ao máis alto grao o subxectivismo económico na vida soviética, e o que se reprochou a Stalin, ao denunciar o “culto á personalidade”, non era máis nada, no esencial, que esta actitude Sic volo, sic iubeo en contra de todos os feitos, de todas as leis».
Nin subtenentes da cultura e da política stalinianas, nin opoñentes no interior do stalinismo, Brecht e Lukács elaboraron durante esta longa travesía unha especie de «modo de vida» perigoso do stalinismo, baseado no compromiso e posicións de equilibrio sempre inestábeis. Por unha parte, beberon o amargo viño do stalinismo, foron non stalinianos de ocasión senón stalinianos en situación; por outra parte, ao navegar apertando os dentes, resistiron o stalinismo con suficiente constancia para non se converter en puros obxectos, en marionetas e portavoces seus. Novamente, por suposto, aparece que esta resistencia se despregou, ás máis das veces, no terreo da ambigüidade. O repregamento estratéxico sobre a estética, sobre a crítica literaria, que Lukács opera ao inicio dos anos 1930, pódese facilmente interpretar como un reflexo de autodefensa contra a aspiración polo réxime e o sistema stalinianos. Unha especie de distanciamento da política e do poder. Pódese tamén interpretar no mesmo sentido a elección que fai Brecht, exiliado de Alemaña, de pór un océano entre a súa mesa de traballo e os ucases dos amos da cultura soviética.
Esta estratexia da duración, da «paciencia» no stalinismo («A hora é mala, estamos nun momento escuro. Aforremos as nosas forzas: a historia aínda nos chamará», tería dito Lukács a Victor Serge no inicio dos anos 1930 (49)), é unha das pezas dun dispositivo de resistencia na dialéctica negativa da historia. É preciso insistir sobre o feito de que este problema de resistencia e de duración se formula en termos inéditos para a intelligentsia revolucionaria e radical nos anos 1930. Non son só unicamente as derrotas que se acumulan, son os principios mesmos da intelixibilidade histórica que se escurecen, é o núcleo racional da historia que semella disgregarse ao fío dun proceso acumulativo, erosionador. Son as palabras e os conceptos que se baleiran do seu sentido –progreso, cultura, democracia, socialismo… Durante este proceso experiméntase a fraxilidade extrema das bases materiais, políticas e morais da intelligentsia radical e revolucionaria, e son lexión aqueles cuxa barca vai chocar contra este escollo: Tucholsky, o suicidado, Koestler, o transfuga –por non falarmos das vítimas directas do terror nazi e das purgas estalianianas… Como durar, xa que logo, cando os péndulos da historia teiman en xirar ao revés? Como continuar a cumprir a súa función e a manter o seu posto de intelectual revolucionario? O compromiso histórico co stalinismo, no stalinismo, esta inextricábel mestura de «matrimonio de razón» e de inmersión instintiva –tal foi a resposta de Brecht e de Lukács. Posición esencialmente defensiva para resistir á adversidade dos tempos, posición de asediado, mais posición percibida por eles mesmos como inexpugnábel.
NOTAS
(28) Klaus Völker, op. cit., p. 225 a 228.
(29) No seu libro (op. cit.) Jeannine Verdès-Leroux analiza a intelligentsia do PCF nos anos 1950 baixo este ángulo.
(30) Journal de travail, p. 28.
(31) Non esquezamos que despois de 1945 Aragon foi membro da dirección do PCF, un patrón da prensa staliniana francesa, e non soamente un mestre-ideólogo. Sobre o tren de vida principesco de Ehrenburg en Moscova na mesma época, ver os recordos de Zelia Gattai (a compañeira de Jorge Amado): La reine du bal (Sctock, 1985). Cunha desarmante inxenuidade, Z. Gattai escribe igualmente que «deputado da Cámara das nacionalidades do Soviet supremo da URSS (Ehrenburg), ía dúas veces ao ano a Riga, para reunirse cos seus electores, escoitalos, coñecer as súas reivindicacións inmediatas e tomar medidas para satisfacelas» (op. cit., p. 159).
(32) É dicir, de Janos Kadar, presidente de Hungría, colocado polos soviéticos, desde 1956, ano da revolta de Budapest, até a súa morte en 1989, a poucos meses do afundimento total do denominado «socialismo realmente existente» (Ndt.)
(33) En 1969, Lukács ve atribuírselle o premio Goethe. Mais, de feito, é sobre todo post-mortem que accede ao recoñecemento oficial; en abril de 1985 o réxime festexou o seu centenario con rebumbio, como se nunca houbese unha sombra de disensión entre o filósofo e el…
(34) Ver Klaus Völker, op.cit., p. 364-365.
(35) É dicir, Socialistische Einheitspartei Deutschlands (SED), Partido Socialista Unificado de Alemaña (Ndt.)
(36) Écrits sur la politique et la société, p. 89 e ss. Neste texto, Brecht non manifesta, á maneira de tantos compañeiros de viaxe occidentais da URSS, unha aprobación ruidosa dos procesos; intenta «comprender» e explicar como os acusados puideron, levados pola dialéctica da súa oposición a Stalin e ao seu réxime, converterse en «traidores». En ningún momento pon en dúbida a súa «culpabilidade». Non berra a norte, non se alegra da súa liquidación, mais achega sen equívoco posíbel a súa sanción intelectual e moral aos procesos.
(37) Les compagnons de route, 1917-1968, París, Robert Laffont, 1979, éd., «Les hommes et l’histoire» (edición en español: Los compañeros de ruta, México, Grijalbo, 1975).
(38) André Gide: Retour de l’URSS, París, Gallimard, 1935. (Regreso de la URSS, seguido dos «retoques», Barcelona, Mario Muchnik ed., 1982).
(39) Écrits sur la politique et la société, p. 88.
(40) Perry Anderson, Sur le marxisme occidental, París, Maspéro, 1977. (Edición española: Consideraciones sobre el marxismo occidental, Madrid, Siglo XXI, 1979).
(41) Écrits sur la politique et la société, p. 137 e p. 134.
(42) P. 182, 324.
(43) Significativa é tamén esta pequena cuarteta que se acha no Journal de Travail (p. 270), datada o 9 de abril de 1942: «e a choiva caía sen discontinuar / e o sol brillaba terno e raro / e vían en silencio a vaga rubir/ ao monte Ararat»
(44) Le roman des Tuis, Turandot ou le congrès des blanchisseurs toma aos representantes máis coñecidos do Institut für Sozialforschung, principalmente Adorno, como branco. Ver tamén os numerosos disparos que lles lanza no Journal de Travail.
(45) Ver o texto da súa autobiografía de 1941 (verosimilmente) en György Lukács: Littérature, philosophie, marxisme, op. cit.
(46) Ver por exemplo: Écrits de Moscou, op. cit.
(47) Ver Klaus Völker, op. cit., p. 380 e ss.
(48) Écrits sur la politique et la société, p. 253-254.
(49) Victor Serge, Mémoires d’un révolutionnarie, París, 1951, Seuil, p. 211. (Existen diversas edicións españolas, a última: Memorias de un revolucionario, Madrid, Veintisiete de letras, 2011 –tamén se pode atopar na rede).
NOTA DE PALAVRA COMUM: a fotografia de Bertolt Brecht provém da Wikipédia.
You might also like
More from Crónicas
Primeira Crónica desde Xai Xai: a chegada
Participação de poetas da Galiza no VII Festival Internacional de Poesia de Xai-Xai, Gaza, Moçambique Primeira Crónica desde Xai Xai: a …
Adeus, ti, Ponte Nafonso I por Ramón Blanco
"En la ingeniería civil la seguridad estructural está en lo más profundo de su identidad, por lo que no puede admitir …