Estes versos breves son a confesión do sentimento despido. As imaxes poéticas, pouco adubadas, decorren limpas polos poemas, deixando ver unha franqueza sentimental con frecuencia orientada para o diálogo ou, ao menos, para un receptor mudo.
Canto aos contidos, ora o amor fica situado na esfera sentimental do eu poético, ora a experiencia do social precisa de manifestar a súa dor, nun contexto anímico en que desolación e nostalxia nacen a consecuencia dunha forza destrutiva que nos conduce a un fin incerto.
No imaxinario, un enorme pranto telúrico cobre estes textos, ofrecendo como achado poético esencial unha conexión directa entre a mensaxe do que é sentido e os movementos da Natureza. Os límites entre o home e o mundo esfumíñanse completamente, ao ponto de todo parecer confluír nun movemento sentimental único. Através de tal materialización poética do sentimento en trazos aparentemente simples, énos transmitida unha idea de unidade cósmica.
De O devalo do mar
p. 50
recupero a tensión da terra…
recupero a tensión da terra
e do amor,
peixe libre que son
no mar dos teus ollos
sinto que a paixón de vivir
no teu ventre
a noite
só é comparábel
a ver a mañá
desde os teus labios de mel
quero ser eu acaso
o leal compañeiro
cara á luz dun novo día
recolle, pois, amor,
como só ti sabes
as primeiras enrugas
na miña pel estremecida
De A sotavento dunha singradura
p. 17
Soñábamos desde as árbores
a relva e as flores,
tamén o río e a pedra;
cada paisaxe era unha nova ansia
e cada ansia, a luz.
E a noite primeira
de terra no sangue
debruzados na claridade e no po
comezamos a mentir
e a soñar a nube,
o ceo alzado,
e fomos pregaria
cara ao tobo escuro.
p.20
Aquí soubemos
do ferido temporal
e da vagarosa xeada.
Despois
chegáronnos as turbas augas
dos mananciais de marzo
mentres o inverno
era nostalxia no mar ancorado
e ardíamos os corpos
en viños fuxitivos.
Mudamos a nosa condición
de servos
a agrandamos o lugar
da terra
arredando os últimos vestixios
da desolación.
Levantamos, por fin, os ollos do chan
e encravámolos na liña do horizonte
deixando esvarar a dor
nas meixelas enzoufadas.
Fomos pranto inxel
na afouteza dunha nova estrela
de puntas acendidas.
Tamén amamos
e fomos pontes ancoradas no horizonte,
vimes apouvigados polos ventos
e duros penedos despuntando
de entre os corpos,
ósos e carne entregados
á fervenza do noso sangue mesto.
De O tributo da tarde
p.22
Cóbrense os sons
de sombra
e dificilmente
pode haber unha palabra
que resuma
esa luz extinguíndose.
Talvez o lume pasado
fose iso
e eu estea
a revolverme na mudez
de ver como o silencio
prendeu o seu facho
e tolda os meus intentos todos
por facer
que permaneza aberta
a empequenecida xanela
dos días perdidos.
p.25
Como se fose un deber
ir sementando séculos
a aferrarse ás horas,
embazo o cristal
destas follas
co alento
con que as hedras
deteñen uns instantes
o meu rumbo.
É este o itinerario
(como vedes)
unha boca de acantilado
pola que o mar
ensancha o seu destino.
O rozamento da vosa pel
confirma o amparo
das miñas mans de area.
p.26
Oxalá non persistise
en cada momento noso
unha sombra de desacougo
polo que puido ser
e oxalá que tampouco
durmísemos abrazados
á bandeira da resignación,
que o futuro
segue sendo unha páxina
intacta
até que non o tocamos
coa fronte.
More from Uncategorized
Mudam os tempos não mudam as vontades
O levantador de minas muda de local para Blogaliza, como apoio aos soportes galegos. E tamén polo servizo, que parece …
Gabriel Nascente, poeta brasileiro
O Gabriel Nascente é sem dúvida um homem generoso. Certo dia recebi um pacote com um livro dele e uma …