Camilo Nogueira: «[…] Non hai tantos anos había xente galeguista, galeguistas moi coñecidos, que admitían a idea de que a Galiza é un país sen historia. Incluso agora en medios académicos até galeguistas fálase da “Coroa de Castela” sen pasar vergoña ningunha, cando é un tratamento puramente ideolóxico negador da historia de Galiza e de España. Para coñecer o presente hai que coñecer o pasado.
Por exemplo, “é que os cataláns, a diferenza dos galegos… isto e aquilo…” Non é os cataláns, son as circunstancias propias de Cataluña e as propias de Galiza. Cataluña perdeu a autonomía profunda no século XVIII, nós perdemos a que nos restaba de reino autónomo no 1500, o galego foi negado pola monarquía española nese momento, entanto que o catalán foi oficial até o principio do dezaoito. E non pasou moito tempo até que se deu a revolución industrial alí. Pero no principio do XVIII Galiza tiña o dobre de poboación que Cataluña e agora menos da metade. Ademais as clases dominantes catalás apenas participaron no goberno da monarquía española nin no estado español, en cambio as galegas estaban, paradoxalmente, profundamente implicadas. A metrópole de Santiago, que era un poder económico e político extraordinario, chegaba até Badaxoz, Ávila e a fins da Idade Media até Lisboa, e na Idade Moderna, no século XIX e boa parte do XX os arcebispos designados desde fóra eran alleos a Galiza. A metrópole de Santiago foi un feudo da monarquía. Esa imbricación das clases dirixentes galegas na monarquía e no estado supuxo un elemento moi diferente dos cataláns que, por así dicir viviron até moi tarde con autonomía, vivían “en si mesmos” aínda que coas relacións correspondentes co resto da Península. Como non comprendas isto non podes explicar o que ocorre agora. Entón afirmacións do tipo “Galiza ten un carácter esencial mariñeiro e labrego… Os galegos somos mariñeiros e somos labregos… Mágoa que se perdera o mundo agrario, porque alí se falaba o galego e no mundo urbano non…” Ese tipo de pensamentos non teñen en conta as circunstancias de que o carácter galego é expresábel no mundo industrial, como ocorre en todos os países e que se o uso do galego non está hoxe normalizado despois de séculos de negación na administración, na educación, na igrexa, etc. é por razóns políticas evidentes, que temos necesidade imperiosa de superar.
A parte diso, os meus estudos históricos nacen dun cabreo intelectual contra a aceptación pasiva dun pensamento que nega o propio país, algo que se dá no estado español pero que se dá en moitos sitios e que ten que ver co proceso de construción dos estados […]
A tendencia é intentar situar a Galiza nun marco historiográfico e político que é contrario á existencia mesma da Galiza… Os mesmos estudos historiográficos feitos desde un certo galeguismo limitáronse, foi tamén necesario, a describir o sucedido territorio galego actual. Non se puxo en causa o marco ideolóxico español establecido da Idade Media e codificado nos séculos contemporáneos. E, claro, ese marco que se acepta impide comprender a nosa historia […] moi especialmente porque a historia desa Castela mítica medieval, que culmina cos Reis Católicos, está construída sobre a pura negación do reino galego, establecido séculos antes do establecemento de Castela como reino. Como esa idea da Reconquista, que non foi tal, pois o cuadrante noroeste nunca foi cristianizado, nunca, e iso non se recoñece. Esa especificidade da construción dunha Castela como base de España, cando esa Castela nega a Galiza, nunca foi ben desvelada.
[…] Neste sentido, non poden aceptar que León era capital de Galiza, ademais unha capital posta alí por un rei galego desde Santiago e que os reis de León cando o latín foi substituído polas linguas romances falaban galego. Comprender iso como “Galiza”, como se dicía naquel tempo ademais, non pasa pola cabeza de quen acepta a ideoloxía españolista. De tal maneira que para esa posición o único rei galego foi García, que o foi efectivamente, foino nun momento no que o reino galaico foi dividido en tres partes, érao especificamente de Galiza pero érao de todo Portugal até chegar a Lisboa, mais esa visión non comprende que o Reino de Gallaecia foi independente durante sete séculos, desde o século V até o 1230, con unha breve paréntese e despois aínda conservou a autonomía. Nai un marco novo a construír, aínda que hoxe a ideoloxía historiográfica española non acepta a realidade histórica de Galiza […]».
(“Camilo Nogueira Román, os números da utopía”, entrevista de Suso de Toro; Galegos, 13)
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …