Benquerida Emilia:
Esta carta xa será a última e falaremos do futuro da Galiza. Ti viviches o xurdir dos nacionalismos na Europa e na España e manifestácheste en contra deles, non só porque pensabas que a santa patria era España, senón porque tambén che parecia, e non deixabas de ter algunha razón, que nas ¨nacións¨ divididas e pequenas se repetirían os defeitos e o atraso da nación grande, e pior ainda. Para o nacionalismo romántico do século dezanove os factores esenciais dunha nación eran territorio, língua e raza. Non mudou moito o conceito desde aquela, Emilia, e o nacionalismo galego dos meus tempos baséase neses tres elementos. Eu, en cambio, non o vexo así. Para min Galiza, talvez porque a vexo como unha entidade espiritual, transcende as fronteiras físicas, poderia ser nación ainda que non tivese língua própria ou non a conservase, e non podo crer que o ideal de nengunha nación poda ser que só vivan nela os dunha raza, que me parece a mellor receita para cair no atraso.
Eu coido, Emilia, que o nacionalismo funciona e funcionou sempre como as familias e que haberia que pensar nun nacionalismo que non repita as pautas da familia do patriarcado. O nacionalismo non pode consistir en adorar o pasado e ancorar nel, nen en fecharse contra o exterior, porque sen o estímulo do diferente e a tensión que xorde de que haxa mais que o que se coñece e se posúe, non pode haber adianto nen criación. Iso podería traer independencia política no papel, mas non poría a Galiza en condicións de actuar con autenticidade e desde o seu próprio centro. Imitaría aos demais e substituiría uns amos por outros que farían o mesmo ou pior. Se a única diferenza vai ser ensinar e viver en galego o mesmo que se ensina e se vive en castelán, iso ten mais de capricho que de nacionalismo. As persoas e os países teñen que encontrar o seu próprio centro e actuar desde el, e ese centro é xusto o contrário do que se entende por egocentrismo, que vén sendo egoísmo e vaidade e sempre depende dos demais. Hai que aprender a ¨coñecérmonos a nós mesmos¨ e a manexar ese instrumento musical bruto que somos cando nascemos, que quedará tosco se non se traballa e refina. Hai que aprender a ¨tocalo¨ ben para que emita música e non ruido, e se poda integrar nunha orquesta universal sen desafinar. E hai que aprender a amar e respeitar a música, que é como dicer o espírito, e a deixarse levar por ela desde o próprio centro dun. Esa aprendizaxe, que dura toda a vida, forma parte da subida da montaña interior que todos temos que facer con valentía para conseguir autenticidade e entrar nos camiños da criación. Quen aprenda a tocar o piano descobrirá que non se toca coas mans, como semella a primeira vista, senón que hai que utilizar técnicas que permiten sacar o son preciso e sen iso só se golpea, e quen aprenda a cantar descubrirá técnicas que permiten subir a voz á cabeza para podela manexar e conseguir dar notas que sen esas técnicas non se conseguen. Iso é así en calquer saber, arte ou oficio. Cuase nada é o que parece e hai que polir, refinar, traballar e aprender todo o tempo para actuar con competencia e non ficar no nível da chafallada.
Os países tambén teñen que aprender a actuar con competencia, e para min niso ten que consistir o nacionalismo. O nacionalismo dentro do patriarcado ten tendencia sempre a repetir as pautas da familia patriarcal e a ser, como ese modelo de familia, fechado, clánico, elitista, presunzoso, posesivo, machista, misóxino e impositivo. E, como fai ese tipo de familia, a ancorar no pasado e non pensar no futuro.
Eu coido, Emilia, que sería esencial para o futuro da Galiza partir de que os pais son para os fillos e non os fillos para os pais, de que o obxectivo da familia ten que ser educar e equipar para a independencia e propiciar o espírito criador, e entender que a providencia dos que veñen ao mundo non son os deuses, senón os pais que os fixeron. E, igualmente, que as patrias son a providencia dos que as habitan e teñen que se responsabilizaren polo desenvolvimento físico, mental e espiritual dos ¨fillos¨, en lugar de actuar como nais patriarcais e exixir tudo deles sen dar nada.
Para min, un nacionalismo que non pense en construir un futuro neses termos para a Galiza non ten sentido. Eu intúo que a mensaxe que dará Galiza ao mundo será espiritual e universal e que nesa mensaxe poderá verse que tudo, incluido o mundo físico e material, ten que actuar de acordo co espírito para que funcione ben e teña bons resultados na práctica. A primeira empresa espiritual que a Galiza poderia emprender, e que tería dimensións universais, sería a do abolicionismo da falta de traballo, porque a falta de traballo nun país é como ter escravitude. Está aceitada como se fose natural e imprescindível, igual que antes estaba o direito a ter escravos. Haberia que partir de que traer ao mundo persoas que non van encontrar traballo é inaceitável, e que non pode haber nada que o desculpe. Sen traballo para todos non pode haber liberdade mais que para uns poucos, que abusarán dela e escravizarán aos demais. E haberia que aceitar que o exceso de povoación significa que non poderá haber nunca traballo para todos. As familias e os países debían ter iso en conta e facer o posível para que non se traian ao mundo persoas para as que non poderá haber traballo. Isto, Emilia, xa no século XXI no que estamos agora, non se admite para nada e toda a propaganda, non só ¨relixiosa¨, senón política e económica, está dirixida a meter medo do que sucederá se non se procría abondo e as povoacións diminúen. As elites precisan que haxa humanidade sobrante porque iso é o que lles dá poder para repartir e corromper. A corrupción xeneralizada convenlles e está vinculada á falta de traballo. As elites non queren adianto nen liberdade e fixeron e farán sempre o que podan para que non os haxa. Iso é un feito que na sociedade patriarcal foi sempre difícil de aceitar, porque o patriarcado inseriu moi fundo a crenza de que as autoridades, familiares e políticas, son boas, e que, se puidesen dar mais, daríano, aos fillos e aos súbditos ou cidadáns. A realidade é que esas autoridades queren mais poder para elas e menos para os mandados, e que obstaculizaron e obstaculizarán sempre, mentres o patriarcado exista, tudo o que poda traer liberdade, poder e independencia para os demais. Esta confianza ou fe nas autoridades fai que a democracia non funcione, porque os habitantes dos países que a teñen non a defenden e a deixan en mans dos que mandan. Na Galiza sería moi útil, ou cuase imprescindível, organizarse de maneira tal, en grupos talvez, que tudo se analice e debata, para que os partidos e as autoridades receban ideas, pensamento e sentir xurdidos da propria sociedade. Resulta difícil de crer, Emilia, que nestas alturas a política e a economía sigan sendo materias cuase arcanas que se deixan en mans dos que ¨saben¨, cando terían que ensinarse nas escolas e en todo o sistema educativo. E non como asignaturas secas e áridas, senón como algo sempre vivo do que depende o manexo e a governanza da nación. Habería que falar da política e a economía como se fala de futebol, analizando tudo o que se fai e pensando en tudo o que se poderia facer.
Na Galiza habería que criar comercio e industria, e conectividade. Se non é capaz de ¨gañarse a vida¨ dependerá sempre dos demais. É imprescindível que se críen boas redes de transporte, e se teña en conta que o transporte mundial de mercadorias faise principalmente por auga e depois por tren. Haberia que conectar todo o país con camiños de ferro e facer canais, se for preciso, para o transporte comercial. Potenciar a comunicación por tren en toda a Galiza, ou por novos meios que se descubran, estimularia o comercio e a empresa e tiraría do isolamento a moitos lugares dela. Pensar no que Galiza xa ten non é abondo. A cuarta revolución industrial que está comezando semella axeitada para Galiza e haberia que pensar en formar parte dela en lugar de ollala de lado e deixala pasar como se fixo con todas as revolucións industriais.
Habería que aspirar a que as necesidades elementais, físicas, psíquicas e espirituais, estexan cubertas. Que ninguén teña que pasar fome e frío, e que tudo o mundo se poda permitir algún tipo de recreio e descanso barato, que tambén é unha necesidade. Iso pódese conseguir se se quer e se fixa como obxectivo sen facer caso do que digan os que queren tudo para eles e nada para os demais. E unha boa base para conseguilo sería ter electricidade moi barata. Pódese facer se hai vontade de facelo, e iso traeria grandes vantaxes económicas e sociais para a nación galega. O esencial, Emilia, seria pensar tudo desde outros ángulos, ou desde o principio, e no deixarse levar polo que xa está feito, que moitas veces está mal feito e estorba. Hai economistas que falan agora de ¨destrución criadora¨, e están acertados, porque ese tipo de destrución é necesaria para que o espírito funcione ben. Hai que destruir ás veces o exceso de complicación e a acumulación de enganos e trampulladas que non deixan ver os problemas tal como son. A escuridade convén a muitos e Galiza precisa luz e claridade.
Haberia que mudar a educación, tanto nas familias como nas institucións de ensino. O grande reto da paternidade e a maternidade educadoras será sempre que hai que educar aos fillos para un futuro que se descoñece, e que os fillos viven sempre nun mundo distinto ao dos pais e que portanto tambén se descoñece. Hai que equipalos para que podan subir montañas individuais e colectivas que non son as que se coñecen e nas que sempre van encontrar paisaxes e situacións novas, e hai que educalos para que saiban entender o mundo no que están e no que estarán. Esta consciencia e aceitación do futuro e das mudanzas que traerá é o que se aborta no patriarcado e por iso, ainda que haxa adiantos materiais, non hai adianto espiritual. Educar para o futuro supón que o importante non é que a xente nova acumule datos e coñecemento do que xa hai, senón que teña un intelecto e un sentimento ben formados e folgados que lles permitan entender e axuizar as situacións e seguir aprendendo toda a vida. Como verás, Emilia, xusto o contrario do que se fai no patriarcado, que fomenta a adquisición pasiva de datos e un coñecimento ¨utilitario¨ a curto prazo que logo vale para mui pouco porque está centrado no presente e non quer imaxinar nengun cambio que o futuro poda traer.
En materia de ensino, o mais importante, e que ainda non se fixo en ningures, seria abolir a falsa superioridade dos estudos universitarios e ¨intelectuais¨ e dar a mesma importancia social aos estudos de materias e oficios ¨manuais¨ e non académicos. Deixar atrás esa ideia absurda de que o manual é para pobres e ignorantes. A segregación entre o intelectual e o manual, ou o abstracto e o concreto, foi impulsada polas igrexas e fixo muito dano. Está no fundo do elitismo e da falta de traballo, e ten tambén algo que ver co decreto do patriarcado que estabeleceu a superioridade do cerebro e do masculino. O de que só teñan prestixio social os estudos universitarios leva a que muitos teñan que facer á forza estudos que non lles chaman e para os que non valen, e que non se podan dedicar ao que lles chama. Isto causa imensa frustración e perda de talentos, fai que non se poda desenvolver a individualidade nen se poda render, e dá países como a Galiza nos que non hai gosto polo traballo feito con competencia. O fundamental neste asunto seria acabar con esa segregación sen sentido entre o intelectual e o manual e facer que os estudos técnicos ou de artes ou oficios estexan ao mesmo nível que os universitarios. Así conseguiríase tambén que as universidades funcionasen ben e deixasen de ser pezas na estrutura de poder e de criación de elites.
A educación do intelecto e do sentimento axudaria a corrixir a tendencia na sociedade galega a rebaixar os méritos e a cercear a rente o que poda valer e destacar, porque ensinaria a apreciar e cultivar a calidade. E para curar esa tendencia dos galegos a estaren sempre divididos seria útil fuxir dos governos centrados nun só lugar e ter governos itinerantes que atendesen a todos os lugares da Galiza. Seria outra forma de estimular a conectividade que precisa o país para que xurda a chispa da criación e Galiza poda desenvolver a sua espiritualidade e demostrar que o espírito, cando conecta á terra e se entende o seu funcionamento, trae competencia, eficacia, visión, xustiza e liberdade.
Até sempre, Emilia.
Teresa
You might also like
More from Crónicas
Primeira Crónica desde Xai Xai: a chegada
Participação de poetas da Galiza no VII Festival Internacional de Poesia de Xai-Xai, Gaza, Moçambique Primeira Crónica desde Xai Xai: a …
Adeus, ti, Ponte Nafonso I por Ramón Blanco
"En la ingeniería civil la seguridad estructural está en lo más profundo de su identidad, por lo que no puede admitir …