Benquerida Emilia:
Nestas cartas para as que te escollin como interlocutora, oponente ás veces e amiga, imos falar da Galiza e tambén da España e da Iberia, pois coido que non se pode analizar a história da Galiza sen analizar a de España, e que non se pode falar da língua galega sen falar da relación con Portugal. Hai algun tempo andaba eu paseando, por primeira vez desde habia muitos anos, polas rúas da Coruña, sobretudo polas ¨miñas¨, as que ainda levan nomes que falan da vida da cidade e non os de figuras ilustres que con tanto entusiasmo lles chantan no noso país e que escurecen a historia: Cordeleria, Tabernas, o Campo da Leña (ou da Forca, como dis ti que tambén lle chamaban, ainda que eu xa non o coñecin con ese nome), Panadeiras, os Olmos, o Parrote, o romántico e misterioso xardin inglés, que así lle chamaban tambén nos meus tempos ao xardin de San Carlos, coa tumba de Sir John Moore e os versos de Rosalia… Nese paseio foi cando me veu á mente a ideia de falar contigo, cunha muller de outra época e tambén coruñesa. Polo que contas nos teus escritos, para ti as estadias na Coruña eran mais ben melancólicas e tristeñas, e tiveches que facer un esforzo de entendimento e mudar de actitude para entender a cidade na que nasciches. Contas que o que se dicia cando se entraba na Coruña á noite era que ¨enganaba¨, e eu creo que ¨engana¨ de noite e de día, que non é o que parece. Aí está ese mar bravo que ti contas que case levaba á Cidade Vella ou Barrio Alto no que morabas e que eu vin destrozar as casas todos os invernos polo lado do Orzán e Riazor, que era por onde eu moraba, e aí están a Torre de Hércules e talvez a forza de Breogán para falarnos dun espírito intrépido, aberto e liberal.
Ti, Emilia, fuches unha grande intelectual e, nese sentido, unha grande feminista, igual que o foi Rosalia. Ela porque se atreveu a levar a sério o de escrever nunha época na que iso era cousa de homes e o que se esperaba das mulleres que se metian a facelo era que cantasen ás pombas e ás frores sen se ocuparen de mais nada, pois que o delas era o sentimento sen cerebro. Rosalia foi tan auténtica, e escreveu tan desde o seu proprio centro, que se atreveu a usar o sentimento de alta calidade como recurso artístico para sensibilizar e dar unha visión profunda da Galiza que chegase á alma. Fíxoo sabendo que con iso a tacharían de sentimental, ainda cando nos seus escritos non hai nen gota dese sentimento de má calidade que é o sentimentalismo. E ti porque te atreviches a escrever ¨como un home¨, cun rigor intelectual, unha capacidade de análise e unha comprensión da história que non abondan no territorio ibérico. Tiñas opinións fortes e decididas e iso vainos valer para falar dalguns temas que irán xurdindo.
Eu coido que os países, como as pesoas, precisan coñecer o seu pasado e aproveitalo como experiencia da que se pode aprender, sen temor de que os marque para sempre. Cando, en vez de querer ver a verdade, prefírese tapala e escurecela para inventar unha história mais grata ou mais ¨gloriosa¨, o pasado adquire un peso do que non é fácil liberarse, porque actúa desde un nivel inconsciente en forma de pautas e automatismos que se repiten unha e outra vez. Quedan as pesoas e os países atrapados e ancorados nun pasado mal interpretado ou inventado, sen poderen nen se atrever a soltarse e navegar cara ao futuro, flotando en augas estancadas, sen liberdade e sen evolución, presos en fantasias e xuízos errados e sen imaxinación criadora.
Eu penso, Emilia, que Galiza é un país sen estrear e que ten a vida por diante, como se di da xente nova. Esta visión non concorda coa habitual da Galiza Nai sempre vítima e maltratada. Paréceme que a historia da Galiza non é nen pior nen mellor que a dos demais países da Europa. É frecuente falar da Galiza como se fose o único país con forte emigración ou con pobreza rural, esquecendo que os noruegueses, que agora teñen un dos países mais ricos e civilizados do mundo, emigraron nalgun tempo en masa ás Américas, como fixeron os alemáns, os irlandeses, os italianos e tantos outros, polas mesmas razóns que o fixeron os galegos, porque non habia traballo para todos e tiñan que ir buscalo onde o houbera. Falaremos desa história e tambén falaremos do que eu vexo como o que mais afaga a Galiza e a deixa sen folgos nen alento criador, que é o patriarcado. Ese sistema de tirania que é o patriarcado, de dominio dos vellos sobre os novos e das elites sobre os demais, rexe o mundo desde tempos inmemoriais. Non hai país que non estea dominado polo patriarcado, mas eu penso que na Galiza está mais enraigañado e ten mais forza que na maioria dos países, talvez por influencia da Igrexa, e que iso causa parálise, ancoramento no pasado, acañamento e falta de visión do futuro.
Cando marchei para Londres en 1964, case o que mais me sorprendeu á primeira foi que notei que se entendia tudo, o que sucedia no presente e o que sucedera no pasado, que se vían os fíos cos que estaba feito o tecido do país, e decateime de que en cambio na España, e igual na Galiza, non se entendia nada. Iso levoume a pensar que tiña que haber unha razón para que así fose e que esa razón tiña que estar na história, ou na interpretación dela. Empecei a ler a história de España contada por historiadores anglosaxóns e vin que se entendía, que habia continuidade e fíos que se podian seguir, e que o relato tiña sentido. O que eu coñecia até entón eran versións intereseiras e tendenciosas dun pasado que oficialmente se glorificaba e que muitos desprezaban. Ou era ¨a grandeza de España¨ ou a España sen remédio que muitos vían, e as duas versións eran exaxeradas e fatalistas. Habia, no fundo, un ¨o que Deus queira¨: Deus fixera nobre e grande a España e así sería sempre, ou, na outra versión, España sempre fora un desastre, os españois eran ingovernabéis e nunca sería de outra maneira. Non se entendía que a historia das nacións, como a historia das pesoas, está chea de mudanzas e que o que hoxe é asi, onte foi de outra maneira e mañá tambén o será, que o país que ostentou a hexemonia a perdeu nalgun momento e que o que hoxe ten a hexemonia tambén a perderá, que tudo muda e nada dura para sempre, e que os que foron colonizados viraron colonizadores e vice-versa. España ten unha história desde os tempos dos reis ¨católicos¨ que a desorientou, a estreitou e a deixou sen alento criador, repetindo padróns que cre mui dela cando foron impostos con brutalidade e a desvincularon do seu centro verdadeiro. E Galiza ten abafado e mutilado o espírito porque o forte patriarcado que a domina non deixa que o teña.
Penso, Emilia, que cada pesoa e cada país teñen un potencial en bruto que hai que desenvolver e que ás veces non se desenvolve porque non se pode ou non se quer facelo. Ven sendo como unha partitura que é preciso aprender a interpretar e ¨tocar¨, e para iso hai que esforzarse por encontrar o centro auténtico, que é o contrario do que se entende por ¨ego¨ e individualismo. Un egocéntrico é igual a outro egocéntrico porque iso que habitualmente se entende por ¨ego¨ está fóra deles e depende dos demais para todo. O egocentrismo é o que mais aparta do auténtico centro interior, porque ese centro auténtico precisa liberdade e verdade e o egocentrismo leva á dependencia e ao engano para conseguir aplauso e imporse aos demais. Para min Galiza é unha figura espiritual que ainda non puido expresar a música que leva dentro e intúo que esa música será dun nível moi alto e que haberá muitos que a quererán escoitar.
You might also like
More from Crónicas
XIIº Encontro de Escritores de Língua Portuguesa
Entre os dias 5 e 8 de setembro tive a honra de representar a Galiza em Cabo Verde no XIIº …
Primeira Crónica desde Xai Xai: a chegada
Participação de poetas da Galiza no VII Festival Internacional de Poesia de Xai-Xai, Gaza, Moçambique Primeira Crónica desde Xai Xai: a …