Benquerida Emilia:
Na tua época era habitual falar de ¨los males de España¨. Muitos vían unha España que perdía o império, tiña unha economia desastrosa, estaba afundida no atraso e non sabía funcionar como outros países o facían. Discutíase se era culpa dos políticos, dos monarcas ou dos proprios españois, mas non parece que se pensase que o mal funcionamento era sistémico e que os males eran producto do método de governo que se introducira no século XV co reparto de poder e diñeiro entre a Coroa e a Igrexa.
Non sei, Emilia, como se estudaba a Historia nos teus tempos. Nos meus, a Historia de España que se estudaba culminaba nos reis católicos, e nen antes nen depois parecia haber nada que se puidese comparar con aquel reinado que trouxera a ¨grandeza de España¨. Os reis católicos eran a santidade personificada, a mostra directa do amor de Deus por aquela España que con eles entrara no bon camiño e deixara de ser ¨as Españas¨, como era usual chamarlle ao territorio peninsular, para virar a España unificada e católica. Os reis católicos construíran a unidade territorial, relixiosa e espiritual de España e mencionábase a expulsión dos xudeus, a Inquisición e a chamada ¨conquista de América¨ todo xunto e igual de glorioso. O estudo da Historia na educación secundaria consistía en aprender nomes de reis e de batallas; o que contaba eran as conquistas e reconquistas e quen gañaba a quen, e non se estudaba nen analizaba a situación económica, social e intelectual de cada época. A simplificación era total e non se adquiria nen sentido histórico nen imaxinación do pasado: tanto tiña unha época como outra porque o único que se aprendia era a recitar listas de nomes e datas. Nunca se vía a continuidade da historia e talvez iso explica que no noso país non se entenda que sen coñecemento do pasado non se pode interpretar o presente nen preparar o futuro. Víase o pasado como se nel estivese marcado para sempre se o país ou países nasceran de ¨boa familia¨ e con apelido ilustre, e iso era o único que contaba.
Nótase, Emilia, que a ti a Historia te interesaba de verdade e, grazas a ese interese, adquiriches un entendimento agudo e robusto das cuestións do teu tempo. Ti percebías a dinámica do pensamento da tua época e notabas a ¨palpitación¨ vital nos temas que se discutian, e iso é inusual no noso país.
Dicían os livros de Historia, para pintar ao reis católicos como modernizadores, que España saíra con eles do sistema feudal anterior. Mas o que parece é que España non chegara a ter un auténtico sistema feudal na Idade Media, talvez porque a Reconquista criara unha sociedade mais móbil, guerreira e dinámica que as de outros países europeus. Isto é o que di o historiador A. Mackay en Spain in the Middle Ages:
A existencia dunha fronteira militar permanente levou na práctica a que a sociedade da España medieval estivese organizada para a guerra, e talvez por iso o feudalismo non se desenvolveu nunca plenamente na península. O feudalismo oferecia un conxunto de convencións que proporcionaban certo grau de estabilidade e paz: era sobretudo defensivo e para ocuparse do militar habia só grupos profesionais de nobres e guerreiros. Mas en España os problemas da guerra fronteiriza afectaban á maior parte dos sectores da povoación e iso fixo unha sociedade cunha combinación pouco frecuente de características nobres e ¨democráticas¨.
Unha das afirmacións contundentes que se facian nos libros de Historia cando falaban dos reis católicos era que demostraran un sentir democrático cando loitaran contra o poder dos nobres. A realidade foi que loitaron contra os nobres para submetelos ao mando político da Coroa, e que os nobres recibiron en troca mais títulos de nobreza, co poder económico que ese títulos conferian, e mais poder social do que xa tiñan. Di o historiador J. H. Elliot en Imperial Spain, 1479-1716:
Na ordenación económica e administrativa de España, Fernando e Isabel contentáronse con usar as bases que xa habia. O seu reinado non aportou nengunha mudanza significativa na organización social de Castela e, ao contrário, perpetuou firmemente a orde que xa existía. Os seus ataques contra a influencia política dos grandes señores e potentados non foron acompañados dunha arremetida mais xeral contra o poder económico e territorial que tiñan.
O reinado dos Reis Católicos estivo mais ben caracterizado por un aumento do poder social e económico deses grandes nobres. O resultado diso foi, na práctica, que o dous ou tres por cento da povoación de España se apropriou do 97% da terra de Castela e que mais da metade dese 97% quedou en mans de meia dúcia de grandes familias.
Foi peza fundamental da política dos Reis Católicos conceder monopolios e priviléxios exclusivos aos da confianza deles e deslustrar e deixar sen nada aos que non o fosen. Iso dislocou a economía e causou grandes estragos. A surprendente decisión de Isabel a Católica de conceder a Sevilla o monopólio do comercio con América debeuse a que desconfiaba de que os portos cantábricos, que tiñan unha estructura mais axeitada para esa empresa, se acomodasen ao que ela queria. Mais adiante os reis concederíanlle o monopólio dos negocios dalá a Burgos, outra decisión funesta para a economia de España que valeu para tirar importancia e deixar ser recursos a lugares como Bilbao, Santander e A Coruña, que terian funcionado muito mellor.
En Castela construiuse un centro de poder a base de tirar direitos e recursos aos demais reinos de España. Ao reino de Aragón, que en principio debía ter prosperado co casamento entre Isabel e Fernando, pouco a pouco se lle arrebataron os direitos e modos de vida que antes tiña. Dicíase nos livros de Historia que se estudaban nos meus tempos, como exemplo do xusto e democrático que fora aquel reinado, que ¨a los catalanes se les respetaron sus fueros y sus instituciones¨. Esa conservación en teoría dos foros e costumes do reino de Aragón foi o disfarce para afundir no atraso e na impotencia aos cataláns, valenciáns e aragoneses, que desde entón empezaron a encontrar fechados todos os mercados, inclusive os de Castela, onde era mal recebidos. Mais adiante non se lles permitiria tomar parte na colonización da recén descoberta América e no comercio co novo mundo. E as ¨respeitadas¨ institucións foron minadas implacavelmente. Isto é o que di o historiador Merriman:
En Cataluña e Mallorca o reinado de Fernando e Isabel trouxo unha forte decadencia económica. Foron muitas as causas que contribuiron a isto e xa as estragadoras guerras civís e os levantamentos internos que houbera no reinado de Joan II obstaculizaran as actividades comerciais de Barcelona e Palma. Mas, por cima, a constitución do poder na primeira desas cidades foi remodelada a fundo por Fernando coa intención de beneficiar á monarquía, co resultado de que as institucións democráticas de antes esmoreceron e de que o comercio padeceu tambén. A tradicional práctica de escoller os membros do Consell de Cent foi sustituida por un sistema de insaculación, e pouco a pouco se deixaron fora aos representantes das clases mercantís e artesanais. E tambén parece estar mui claro que os efeitos económicos da Inquisición e da expulsión dos xudeus se notaron muito mais axiña e con mais forza nos reinos do Leste da península que en Castela.
O reino de Aragón foi perdendo importancia e dinamismo coa política monopolista e centralista dos reis católicos. Piores danos ainda sofreron algunhas partes de reino de Castela e León, que dependían mais da agricultura e padeceron os resultados da política dos reis católicos de protexer aos proprietarios de gado frente aos lavradores. Esa política estragou e virou erma unha cantidade imensa de terras que antes eran férteis. As disputas entre os agricultores e os propietarios de gado viñan xa de tempos anteriores, mas os reis católicos remataron a disputa dándolle poderes á Mesta para coller as terras que quixese para as cabradas e o gado. A razón desa política foi que os amos do gado podían pagar contribucións mais elevadas que os agricultores porque o negócio da la era mais rentável que o cultivo da terra e porque a maioría dos proprietarios de gado eran grandes señores e poderosas ordes relixiosas, e tambén porque era mais fácil facer un monopolio do negocio da la que do cultivo das terras. Di o historiador J. H. Elliott en Imperial Spain, 1469-1716:
O comercio da la era fácil de suxeitar a un control de tipo monopolista e por esa razón representaba unha fonte magnífica de riqueza para unha Coroa que desde 1464 se encontrara cada vez mais en dificultades económicas, acrescentadas pola fuxida do capital xudeu. Unha alianza entre a Coroa e os amos do gado beneficiaba ás duas partes. A Mesta, que tiña dous e meio ou tres millóns de cabezas de gado, podía aproveitarse do favor real; e a Coroa, que ao facerse co control das Ordes Militares se apoderara de alguns dos mellores pastizais de España, podía contar desa maneira cunha entrada segura de capital e usala cando tiña falta dela para contribucións especiais.
As actividades daquela Mesta á que se lle permitiu apoderarse das terras de cultivo devastaron unha grande parte do campo de Andalucia, Estremadura e a propria Castela. Galiza non padeceu tanto os abusos da Mesta, mas padeceu igual ou pior que os outros países da península os efeitos dunha política que desvalorou e case extinguiu a agricultura e despovoou o campo. Na Galiza os lavradores víronse forzados a pagar feroces contribucións aos señores, á Coroa e aos bispados que se estabeleceron nela. A consecuencia desa política foi que os que se dedicaban a traballar no campo caíron na miséria. Esa miseria levou a que o lavrador galego tivese que viver sempre endividado e a que con esas dívidas adquirise poder absoluto o cacique, que era o que emprestaba o diñeiro e facia de intermediário entre os que mandaban e os que traballaban. Esa foi a situación básica do campo galego desde o século XV ao XX. Direiche, Emilia, que ese campo, que ti viches pobre e atrasado e eu tambén, está agora, no comezo do século XXI, abandonado e despovoado.
A historia da agricultura foi diferente en cada un dos países de España, mas en todos notouse a política de menosprezo desa actividade. En Andalucía o latifundio, que xa empezara nos tempos da Reconquista, aumentou muito coa política dos reis católicos e trouxo precariedade e miseria para os que traballaban a terra. En Castela a situación do campo virou catastrófica cando os reis católicos decidiron, para favorecer aos compradores, fixar o precio dos cereais nun momento de grande inflación (non é surprendente, Emilia, o moderno e actual que soa tudo isto? Mesmo poderíamos estar falando das economías do teu tempo e do meu). Muitos dos que traballaban no campo non puideron resistir que se pagase polos seus productos menos do que custaba producilos e tiveron que abandonar as terras e iren ¨traballar¨ de vagabundos e mendigos baixo a protección das ordes mendicantes e dos grandes señores, ou faceren de man de obra temporal e barata para sobreviver mal (non soa isto tambén mui moderno e recoñecível? Mentira parece que pasasen tantos anos desde aquela…).
A España de antes dos reis católicos era, segundo din os historiadores, un dos países mais abertos a atractivos do mundo e funcionaba ben e con normalidade. Os cataláns e valenciáns comerciaran cos países do Mediterráneo, cultivaran as artes e os oficios e criaran unha cultura liberal e aberta ao exterior. O Sul fora centro das ciencias e refuxio de artistas, poetas e filósofos de todas as razas. E alguns dos portos mais importantes do Norte, como A Coruña, Santander, Laredo e San Sebastián, vinculáranse xa no século XIII na Hermandad de las Marismas, unha especie de Liga Hanseática do Cantábrico e o Atlántico que trouxera prosperidade e que os reis católicos se apresuraron a desfacer. Di o historiador Merriman:
Aos reis católicos parecéronlles algunhas institucións tan perigosas que, en lugar de tentar modificalas, decidiron suprimilas. Así fixeron coa Hermandad de las Marismas, á que, por Pragmática do 1490, lle proibiron facer mais reunións, a non ser que estivesen vixiladas polo Correxedor de Biscaia, o que naturalmente foi un golpe mortal para a sua existencia independente.
Levar unha existencia independente, como entidade ou como pesoa, virou imposível, e virou imposível tambén aspirar a unha ¨vida decente¨, porque xa non se puido conseguir nada con mérito ou con traballo. Xurdiu a arte da picaresca e de ¨el mal vivir¨ e viraron norma o ¨arrimarse al sol que más calienta¨ e a submisión ao poderoso e ¨a quien unte el pan¨. Nasceu un sistema de supervivencia física e psicolóxica e España empezou a ser un país empobrecido, entorpecido, mal administrado e desorientado polo novo rumo que impuxo a alianza entre a Coroa e a igrexa católica.
Seguiremos, Emilia.
You might also like
More from Crónicas
XIIº Encontro de Escritores de Língua Portuguesa
Entre os dias 5 e 8 de setembro tive a honra de representar a Galiza em Cabo Verde no XIIº …
Primeira Crónica desde Xai Xai: a chegada
Participação de poetas da Galiza no VII Festival Internacional de Poesia de Xai-Xai, Gaza, Moçambique Primeira Crónica desde Xai Xai: a …