Benquerida Emilia:
Ser católico virou co tempo sinónimo de ser español e obrigatório para non levar a marca de renegado. Ainda que houbo unha forte tradición na España posterior aos reis católicos de secularismo, ateísmo e anticlericalismo, a división e a intolerancia de ideias e crenzas que eles fomentaron foi o que mais se notou en toda a historia de depois. Hai episodios nos séculos XIX e XX que só se explican por ese fanatismo relixioso que inseriron os reis católicos e a Inquisición e que levou a crer no direito a eliminar ¨infieis¨. Nesa España que criaron os reis católicos empezou un catolicismo ¨patriótico¨ que seria factor constante nos séculos seguintes e que volveu aflorar con forza no século XX, na Guerra Civil e no franquismo que ti xa non viches, Emilia. Os ¨roxos¨ foron os herexes de antes, os infieis aos que habia que aniquilar.
Houbo muitos intentos, alguns nos meus tempos, de levar a Isabel a Católica aos altares e convertela en santa. Ti, Emilia, duvido que chegases a tanta devoción, mas pesaba muito en ti o devezo de encontrar algo no pasado de España menos desalentador que a típica mediocridade da época na que te tocou viver. Veremos mais adiante o que escreveches sobre a Inquisición, mas agora lembremos o que facía aquela institución que levou o calificativo de Santa e que axudou a montar un sistema de governo e a inserir unha mentalidade e unha maneira especial de sentir e ver o mundo.
Nos libros de texto de Historia e en muitos dos outros afirmábase que a Inquisición servira para defender o catolicismo. Tudo leva a pensar que para o que serviu foi para implantar e conservar, durante centos de anos, un sistema de poder absoluto poucas veces igualado e nunca superado. O método de acusación e persecución que impuxo a Inquisición funcionaba como unha rede tupida que caía sobre o acusado e o deixaba apresado sen posibilidade de liberarse. Cada grupo de veciños estaba vixilado por un home de confianza da Inquisición que tiña por oficio espiar, acusar e caluniar. Era fácil acusar a alguén de hereje ou de non ter sangue limpo (limpieza de sangre). O fundamental para que a acusación prosperase era que houbese capital que confiscar. O de confiscar o capital fíxose en outras épocas e países en tempos de persecución brutal, mas non parece que nunca e en ningures se fixese de maneira tan sistemática como na España da Inquisición, na que foi un método fácil de recadar fundos para a Coroa e a Igrexa.
Non habia nen que provar que as acusacións eran certas. Abondaba con que as houbese para que a primeira medida fose a de confiscar os bens do acusado. O resultado foi que en mui pouco tempo caíron na miséria centos de famílias de acusados, que, se conseguían librarse das prisóns con torturas refinadas, quedaban sen nada e tiñan que iren engrosar os montóns de pícaros, vagabundos e mendigos tan característicos desa época. Lembro, Emilia, os contos de torturas da Inquisición que me contaba na miña infancia unha muller que era da parte de Santiago e que me fan pensar que arredor de Compostela quedaba ainda naqueles tempos, nos anos cuarenta do século XX, memoria viva das actividades da Suprema.
Habia tambén as redadas, dunha crueldade e exhibicionismo insuperáveis, as cuelgas del sambenito nas que se paseaba ao sambenitado montado en burro por toda a vila ou cidade antes de levalo á fogueira, e os xuízos, os tormentos e as queimas en público. A sombría teatralidade dos Autos da fe tivo que deixar marca nos habitantes da península; o terror marca sempre, e pior cando dura tanto e, pasado o tempo, non se ten conciencia de que o houbo e queda formando parte de padróns que se repiten sen saber de onde veñen.
Eu coido, Emilia, que o medo está adentrado mui fundo na psique dos habitantes da España, e de certo nos da Galiza, e que ese medo ainda non se curou e paraliza o espírito criador. O terror impón pautas de humillación e submisión e termina insensibilizando, pior ainda cando vira espectáculo e leva a bendición relixiosa.
A duración dese imperio de terror que se desatou na España foi insólita e poucas veces ou nunca igualada. Outros episodios de terror que houbo no mundo duraron muito menos. Do que mais se fala agora, posterior á tua época, Emilia, é o do dos nazis en Alemaña, mas o réxime nazi durou poucos anos, mentres que o terror da Inquisición durou tres séculos e logo por cima se defendeu e glorificou nos séculos seguintes. Algunhas das cousas que facian os nazis parecen copia do que facia a Inquisición, mas a diferenza é que os campos de concentración nazis funcionaban en segredo, mentres que as torturas e matanzas da Inquisición eran públicas e festexadas. Talvez sexa un dos poucos casos da historia mundial en que non se torturou en segredo e en lugares ocultos ou afastados, senón que se fixo como unha festa e en nome da relixión. Tambén é certo que na forma en que se conta a historia mundial tudo depende de que se ¨gañe¨ ou non: os que gañan son glorificados e os que perden son desprezados. Se Hitler tivese gañado a Segunda Guerra Mundial, en vez de pintalo como un demo como se fai agora, sería louvado por ter unificado Europa e xustificaríanse os campos de concentración nazis dicindo que naquel momento foran precisos para conseguir a Europa unida. Isto é típico do patriarcado que domina o mundo e do que falaremos mais adiante, Emilia.
Sen dúvida a Inquisición foi o instrumento mais poderoso da Coroa. Di o historiador Merriman:
A Coroa supervisaba as instrucións que daban os inquisidores. Insistía en que o diñeiro procedente das confiscacións realizadas pola Inquisición fose parar á tesourería real. Controlaba e regulaba os salarios (…)
Á Inquisición outorgáronselle privilexios e prerrogativas e, desde o momento en que se fundou, concedéuselle ¨supereminencia¨ sobre as outras institucións do Estado. Esa posición de poder mantívose en xeral, a pesares dalguns reveses, e aumentou nos dous séculos seguintes. Chegou a haber doce tribunais permanentes na coroa de Castela (incluído o de Canarias) e outro en Aragón. A Inquisición espallouse e instalouse tambén en Cerdeña, Sicilia e as posesións americanas.
A sua fundación foi un golpe durísimo para as aspiracións de liberdade que animaran sempre aos españois, e alguns pensadores e analistas perceberon mui axiña que a intolerancia traeria de certo a ruina económica. Mas co paso do tempo diminuiron muito os sinais de impopularidade da Inquisición e os españois deixaron de ser o povo mais tolerante da Europa e transformáronse no mais intolerante.
Queda constancia do entusiasmo que mais adiante sentirían Carlos I e Felipe II pola Inquisición nas muitas cartas que os dous escreveron louvándoa como o mellor remédio contra os inimigos deles e do catolicismo. Di o historiador Peter Pierson en Philip II of Spain:
Porfiaba Carlos con Felipe para que conservase a Inquisición e non tolerase herexes no seu reino.
Canto mais se desenganaba Carlos cos fallos da política pacífica ou guerreira destinada a suprimir herexes no Imperio, mais convencido quedaba de que unicamente unha feroz Inquisición poderia impedir que España fose polos mesmos camiños que Alemaña. Nunha instrución tardía que enviou á princesa Juana en 1577, Carlos afirmaba que os herexes andaban perturbando á comunidade e que mui axiña se levantarían en armas para botar fora á Igrexa e á autoridade estabelecida. Chegou a pensar que os herexes terian que ser considerados rebeldes e tratados como tais. No reinado de Felipe II era xa normal a frase ¨rebelde y hereje¨.
Felipe II disfrutaba cos espectáculos organizados pola Inquisición e, nas cartas que lles escrevía ás fillas cando estaban fora, contáballes con arrepiante pormenor aquelas macabras festas que eran os Autos da Fe.
A alianza que se forxou entre a Coroa e a Igrexa deulles poder imenso ás duas. A Igrexa desempeñou un papel decisivo no estabelecemento dos monopolios económicos, políticos e sociais cos que se introduciu un modelo de governo descomedido, intolerante e despótico. O ensino transformouse tambén en monopolio da Igrexa e urdiuse un fino tecido de apoio mutuo entre a Igrexa e a Coroa no que as duas foron quedando con tudo.
Seguiremos, Emilia.
You might also like
More from Crónicas
XIIº Encontro de Escritores de Língua Portuguesa
Entre os dias 5 e 8 de setembro tive a honra de representar a Galiza em Cabo Verde no XIIº …
Primeira Crónica desde Xai Xai: a chegada
Participação de poetas da Galiza no VII Festival Internacional de Poesia de Xai-Xai, Gaza, Moçambique Primeira Crónica desde Xai Xai: a …