Benquerida Emilia:
Falando agora da Galiza direiche que, así como coido que los males de España veñen da Inquisición e do sistema político-relixioso que se impuxo naquela época e que seguiu depois, inclínome a pensar que o problema da Galiza non se debe unicamente a causas exteriores ou posíveis colonialismos por parte do centro, senón que ven sobretudo do sistema familiar. Coido que para chegar á raíz do que debilita a Galiza hai que analizar a familia galega, ainda que haxa que analizar tambén con muito cuidado a repercusión da história da península no noso país.
Se Isabel ¨a católica¨ non se tivese apoderado do reino de Castela e tivese herdado a coroa a filla do rei, Juana ¨la Beltraneja¨, que era a quen lle correspondia, é case seguro que o reino de Castela e León e o antigo reino da Galiza se terian unido a Portugal e non a Aragón. As consecuencias desa historia alternativa terian sido imensas en tudo, por exemplo na cuestión da língua galaico-portuguesa, pois desa maneira non se teria imposto a língua castelá, nen na Galiza nen provavelmente no resto de España. A historia foi como foi, mas para calquer análise que se faga convén recordar que podia e debia ter sido distinta. Isto é importante. Na história dos países, como na das pesoas, as mudanzas que se impoñen pola forza e de má maneira non axudan a evoluir e en xeral fan retroceder e até decair. Non é que se poda afirmar que, se non fose polas desviacións e brutalidades que houbo na España do século XV, a história da Galiza teria sido mellor. Iso non hai maneira de sabelo, mas tudo parece indicar que nesa unificación tiránica de España que se empezou a facer daquela, Galiza quedou arrinconada e esquecida, separada do seu ámbito natural, ¨desatlantizada¨, e tendo que depender para tudo dun centro lonxano e indiferente aos seus intereses. E tambén aprisionada por unha Igrexa que asentou con forza e poderio nela.
Ti, Emilia, plantexácheste a cuestión que nestes tempos chamaríamos dos nacionalismos dentro da España, é dicer, as aspiracións á liberdade, independencia, autodeterminación ou autonomia dalguns deses países que formaban as Españas e que no reinado dos reis católicos empezaron a seren incorporados nunha unidade chamada España dirixida desde o centro. Eses países parece que nunca estiveron mui convencidos desa unidade e sempre se sentiron mais ou menos incómodos dentro dela. Hai e houbo sempre na España países ¨distintos¨ do resto, ou distintos de Castela, ou distintos entre eles e con conciencia desa diferenza. Pensaches no problema e manifestácheste partidaria da España unificada, que te parecia mais propicia ao adianto. O outro parecíache un atraso, como sempre lles pareceu a muitos. E esta cuestión da separación e a unidade está mui conectada co patriarcado, ainda que che pareza estraño.
Perguntarás, Emilia, en que me vou basear para facer unha análise de como funciona o patriarcado e como inflúe nas nosas ideias do que é un país, unha patria e unha nación. Nos teus tempos era mui pouquiño ou nada o que se escrevera e pensara sobre o patriarcado (excepto para apresentalo como a maneira natural e santa de organizar a familia, a política e a sociedade). E nos meus tempos segue sendo mui pouco ou cuase nada o que se pensou e escreveu sobre ese tema. As reivindicacións feministas centráronse na desigualdade entre varóns e mulleres, biolóxica, psicolóxica, social e de todo tipo, porque iso é o que salta aos ollos e o que doe.
Eu tambén pensaba así, ainda que habia pezas que non encaixaban. Até que chegou o momento en que, analizando a falta de criatividade no mundo e tentando averiguar de onde podia vir, dado que eu creio que o desexo e a capacidade de criar é a principal característica do ser humano, empecei a ver que habia que ir muito mais a fundo, e que as diferenzas decretadas entre mulleres e homes eran só unha peza dun sistema que imperaba en tudo, que era o patriarcado. Estas son, pois, as miñas reflexións sobre ese sistema do que non nos decatamos que existe porque estamos mergullados nel desde que nascemos. E direiche, Emilia, que eu estou convencidísima de que é o que fai que o mundo funcione tan mal e que a vida sexa tan inxusta e frustrante. Penso tambén que na Galiza o patriarcado funciona con mais forza que na maioria dos países e que aí está a explicación de muito do que acontece no noso país.
Isto é o que ti escreveches sobre patrias, terras e separatismos en De mi tierra:
(…) ¡Qué otra cosa significa la frecuente confusión del concepto de patria con el de tierra o región nativa, confusión que aquí se repite tan a menudo en el lenguaje hablado y escrito!
Galicia no es sino la tierra, algo íntimo y dulce, algo quizá más caro al corazón, más necesario para la vida que la misma patria: pero la patria representa una idea más alta aun, y la patria, para los españoles todos, donde quiera que hayan nacido, desde la zona tropical hasta el apartado cabo de Finisterre, es España, inviolable en su santidad, santa en sus derechos.
Conviene decir que el mal del separatismo es por ahora bien leve en Galicia; que este pueblo, práctico y serio en medio de su misma postración, no ha dado la menor señal de que le cruce por las mientes tan peligrosa utopía.
O certo, Emilia, é que os que, como ti, defenden a unidade de España e a santidade desa unidade, están transferindo á política o modelo da familia patriarcal e defendendo, sen se decataren, unha das bases nas que asenta o patriarcado, que é a de que os direitos individuais non contan e teñen que seren sacrificados para conseguir un ben maior e mais valioso, que só pode vir coa unidade. Na familia patriarcal os direitos da muller e dos fillos teñen que ser sacrificados para que haxa unidade entre eles e o cabeza de familia, que é o pai, o patriarca. Os direitos deste tampouco existen, porque teñen que seren sacrificados para conseguir a unidade da Familia, que é o fundamental. No patriarcado hai sempre unha entidade santa pola que hai que sacrificar tudo e que ten direito a exixir o martirio e a morte se for preciso, mesmamente porque é santa sen que teña que facer nada para provalo. Se colocamos en lugar da entidade Familia a entidade Patria temos un calco perfeito.
Non te asustes, Emilia. Non é que non teña que haber familia nen patria e que non haxa que crer nesas duas entidades. Mas as ideias do que ten que ser a familia e as do que ten que ser unha patria, unha nación ou un país formáronse dentro do patriarcado e responden a padróns patriarcais. O patriarcado impúxose no mundo desde tempos inmemoriais facendo crer que era o que querian os deuses. Non é tanto, coido eu, que a maioria das relixións sexan patriarcais, como que no patriarcado se usaron as crenzas relixiosas para impor dominio e obediencia. O caso é que o patriarcado é o sistema que rexe o mundo, e ten tanta forza nas sociedades secularizadas como nas mais relixiosas, nas esquerdas políticas como nas direitas, mais que nada porque, como está ainda sen analizar nen entender, non se ten conciencia de como afecta ao tecido e funcionamento da sociedade.
Nengunha patria é ¨inviolable en su unidad¨ e menos ainda ¨santa en sus derechos¨, Emilia. Por que habia de selo? Nen as nais son santas nen as patrias tampouco. Esas falsas santidades valeron para asentar inxustiza e exixir sacrificios horrendos. Os fillos das nais de carne e óso e os fillos das patrias son os que debian ter o direito a seren ben tratados e a que as nais os poñan en condicións de viver con independencia e facer a sua vida, non a da familia na que nasceron. Que é mesmo o contrário do que o patriarcado impón. E ti, que tan católica eras, terias que recoñecer que esas santidades non poden ser cristiás. Iso é a idolatria que o patriarcado fomenta porque os ídolos poden exixir sacrificios e inmolacións sen ter que se responsabilizaren de nada.
Como te dixen, eu coido que o patriarcado está muito mais enraizado na Galiza que noutros lugares de España e de fora dela. A que se debe isto non o sei: suspeito que tivo muita culpa a Igrexa, mas seguramente haberá outros factores que influíron tambén.
Empecemos, pois, a analizar o patriarcado. O primeiro que convén aclarar é que a base do sistema, o que impón por cima de tudo, non é a desigualdade entre varón e muller, sexismo, machismo ou como queiramos chamar á discriminación á que foron submetidas sempre as mulleres. Isto é parte importante do sistema, un dos instrumentos principais que utiliza, mas non o fundamental. O fundamental do patriarcado é que asenta xerarquia e desigualdade na sociedade e fixa de maneira case permanente o mando dos vellos sobre dos novos, das xeracións anteriores sobre as xeracións presentes e futuras. É un sistema criador de elites que controlan desde unha posición superior os fíos todos da sociedade. O modelo, a célula básica dese sistema, é a familia patriarcal, que sempre ten as mesmas características, tanto ten cal sexa o país, a relixión ou a falta dela e incluso o sexo dos que a forman. Nestes tempos mais recentes estamos comezando a ver familias sen matrimonio oficial ou formadas por pesoas do mesmo sexo que se axustan, tanto ou mais que as tradicionais, aos padróns patriarcais. Ainda que esas familias formadas por pesoas do mesmo sexo ou por pesoas que non contraen matrimonio rompan alguns dos moldes tradicionais da sociedade, non rompen para nada o sistema. O mesmo aplícase a familias laicas que, non obstante, reproducen sen desviarse o modelo patriarcal.
O patriarcado é unha superestrutura que utiliza tudo, desde as relixións até as diferenzas sexuais, sociais ou económicas, para incrustarse a fundo na sociedade. E non encontra resistencia porque non podemos contrastalo con nada; nunca outra cousa vimos e todos nascemos inseridos nel e sen posibilidade nengunha de quedar fora. Por iso parécenos natural e non pensamos que teña culpa de nada.
Seguiremos, Emilia.
You might also like
More from Críticas
Sobre “Estado Demente Comrazão”, de Paulo Fernandes Mirás | Alfredo J. Ferreiro Salgueiro
Estado Demente Comrazão é um livro complicado. É por isso que não está na moda. Parabéns ao seu autor!
O tempo das “Não-Coisas”. E o uso excessivo das redes sociais segundo Byung-Chul Han
"O que há nas coisas: esse é o verdadeiro mistério" Jacques Lacan Agarramos o smartphone, verificamos as notificações do Instagram, do Facebook, …