Benquerida Emilia:
Na España que construíron os reis católicos o mando repartiuse de forma perfeita entre a Igrexa e a Coroa, entre o poder temporal e o poder eterno. Con esa combinación dos dous poderes conseguiuse controlar tudo pola forza e mudar a mentalidade e a forma de actuar dos habitantes da península.
Na época dos reis católicos España fechouse frente ao mundo de fora, incluído o seu novo imperio americano, e empezou a ver tudo desfigurado. Tan grande foi o retraemento que comezou entón que, a pesares de que a Corte española tiña fama de ser a mais soporífera de toda Europa, a Felipe II e aos seus cortesáns parecíalles a mais animada do mundo e padecian cando andaban de visita por outras Cortes europeias nas que abondaban as foliadas e o espírito bullangueiro. Aquelas bullangas, comparadas coa excitación dos Autos da Fe e as queimas de herexes, parecíanlles insípidas. Na nova España inquisitorial e fechada, Carlos I escandalizou por chegar arrodeado de extranxeiros, que antes non terian escandalizado a ninguén. Felipe II obrigou á sua esposa, Isabel de Valois, a que despedise ás damas francesas que a acompañaban, pois a sua presenza frívola ofendia nunha Corte na que habia que manter aparencia séria. España transformouse nun grande teatro no que todos tiñan que representar un papel e cuidar da aparencia. Quedou mui pouco espazo para a vida interior e nengun para a criatividade, que, de xurdir naquel ambiente malicioso e viciado, non podia desenvolverse mais que ás escondidas. Incrustouse na psique colectiva o medo a destacar, e enraizaron a cobiza e a envexa nascidas da frustración e o ódio a quen non se axustase ao molde decretado. A duración insólita do réxime inquisitorial fixo que o habitante da España, de tanto ter que disimular e finxir por medo ao tribunal eclesiástico, se afixese a viver na superficie da vida e a abrigarse nas aparencias como única roupa posível.
Por iso España, nunha época na que podia ter disfrutado da expansión que oferecia o descobrimento do novo mundo e colocarse diante das demais nacións, empezou a perder guerras e posesións con rapidez pasmosa e a ser o riso do mundo. O poder que lle daban as posesións non podia usalo na práctica porque a economia era un caos e non habia cartos para nada. Naquel ambiente de teatralidade, disimulo e envexa, os reis preferian perdelo tudo e que España fixese o ridículo, a que algun mariño, capitán ou descobridor levase a fama e a honra que lles corresponderia e que en outros países se lles teria outorgado. Felipe II impresionaria talvez aos que o arrodeaban coa sua representación de home sério e grave, os teatrais ¨sosegaos¨ cos que recebia desde o trono e os austeros lutos cos que vestía, mas nunca enganou a ninguén de fora de España, e os astutos embaixadores venecianos tíñano catalogado de egoísta, finxido e arteiro. Non foron os elementos, como se dixo para disimular o estrepitoso fracaso da invencível armada que enviou contra Inglaterra, os que impediron a vitoria. O fracaso veu de que se empeñou en que guiase esa armada un home que non sabia facelo e que así llo dixo muitas veces desesperado. E empeñouse por medo a que algun outro demostrase valía. O gosto por argallar e o medo de que outros puidesen brillar e o deixasen a el na sombra levárono a muitos fracasos, que preferia antes de permitir que outros destacasen.
Ti, Emilia, tambén falaches de El Cid porque notaches que esa figura, como a de Cervantes, nunca mais se repetira e que a ¨raza¨ xa non daba ese tipo de pesoa. El Cid tambén pasou a parecer case extranxeiro, inexplicável na España criada polos reis católicos e sen nada en comun co que mais adiante se considerou tipicamente español. El Cid semella ter sido un home independente, intelixente e valente que vivía do seu traballo nunha sociedade na que, ainda sendo famoso e festexado, non desentoaba e era apreciado polo que valía. Desde o reinado dos reis católicos, o español dese tipo, que parece que abondaba, empezou a desacordar coa sociedade que se fabricara e converteuse nun estraño, un proscrito, un home ou muller que tiñan que ir sempre contracorrente, amargados pola incomprensión, o desafecto e o desprezo que a sua honradez e intelixencia suscitaban nos demais. Na literatura da época vese a grande amargura, desesperanza, acedume e desconfianza que lles foi entrando a todos os que ainda tiñan espírito e despontaban no monolito masivo de hipocrisía e censura que o sistema inquisitorial criou. O español típico foi desde entón o que se conformaba con todo e o que, desde que nascía até que morría, se ocupaba unicamente de non desentoar e de cuidar as aparencias, nas que se xogaba a fama, a fortuna e a vida.
Contudo, o que talvez tivo repercusións mais fortes e duradoiras no governo e administración de España foi que, ademais dos desastrosos monopolios económicos que se criaron nos tempos dos reis católicos, se criou tambén un monopolio intelectual. A instrución e a educación pasaron a ser monopolio da Igrexa e a estar en mans dun clero que xa antes dos reis católicos tiña fama de ser un dos mais incultos da Europa. Ese monopolio intelectual espallou por todo o país ignorancia e pseudocoñecimento, estreitura de ideias e falta de entendimento e comprensión. E, dado que no sistema inquisitorial o traballo e o saber suscitaban case automaticamente a acusación de andar xudaizando e se consideraban sinal de non ter limpieza de sangre e de non ser cristiano viejo, a ociosidade, a incultura e a medianía enseñoreáronse do país.
Falando co corazón nas mans, Emilia, nen ti, que tan amiga eras de louvar á Santa España e que tan católica te considerabas, serías capaz de defender, mais que coa boca pequena e só desde o ponto de vista político, non relixioso, o que se fixo en España en nome do catolicismo e da defensa da Fe. Sabías de sobra que o cristianismo é incompatível con organizar expulsións, torturas e matanzas, roubar o capital alleio, caluniar, criar un inferno neste mundo e chamar santo a todo ese latrocinio e sadismo.
Esa Igrexa que se apoderou de España e que se chamou católica non cría na relixión que predicaba e non foi mais que un instrumento da política que os reis querian facer. Haberia católicos verdadeiros nela, homes e mulleres que nunca chegaban á xerarquía porque esta estaba reservada para os que non crían en nada e inventaban unha doutrina ao gosto deles. Os místicos do Siglo de Oro foron apresentados como a prova da grande relixiosidade daqueles tempos. Mas eses místicos foron figuras que viñan de atrás, do que quedaba da España de antes, e por iso nunca se repetiu o fenómeno, como non se repetiu o de Cervantes. Santa Teresa de Jesús e San Juan de la Cruz non foron figuras da igrexa estabelecida; foron dous perseguidos pola Inquisición que se libraron dela con dificuldade. Foi un milagre que a Santa Teresa, de familia xudía, non a queimasen na fogueira, e a San Juan de la Cruz encarceirárono e torturárono os da sua Orde por andar ocupándose do espírito en lugar de seguir os ditados da Inquisición. Fray Luis de León pasou muitos anos nos cárceres da Inquisición, castigado por se ter atrevido a traducir os Salmos da Bíblia e penetrar desa maneira nun monopolio fechado. A Igrexa converteuse na única administradora do saber intelectual e relixioso, e dentro dela mandaban os que colaboraban co sistema político.
A época gloriosa da España imperial e dona de meio mundo foi acompañada dun fenómeno sen igual na historia dos séculos pasados. O que sucedeu foi insólito e non parece ter sucedido en nengun outro lugar do mundo nen en nengunha outra época da historia. O estraño foi que España, ao contrario de todos os países que tiveron imperios, non se abriu co imperio ao mundo exterior, senón que se fechou contra el.
Ese fenómeno inusual foi un dos rasgos mais decisivos e singulares da historia da península e poderia explicar muitos enigmas e obscuridades. Explicaría a notável falta de sentimento afectivo por aquel imperio americano que se desprezou. Aquel imperio produciu unha incomodidade mental e espiritual que ainda segue hoxe, non porque España non fose ¨imperialista¨, senón porque foi imperialista sen nengun apego. Hai unha grande falta de sentimento auténtico en toda a historia do imperio español nas Américas, non nos descobridores nen nos que foron logo a estabelecerse no Novo Mundo, mas si na Madre Patria a respeito dos seus fillos, e isto é un tema mui interesante que valeria a pena estudar a fundo. Na relación entre os habitantes de España e os do Novo Mundo está unha das principais chaves da estraña historia de España, e portanto da Galiza. Os enfoques e sentires que daquela se criaron seguen mui vivos ainda hoxe.
Seguiremos, Emilia.
You might also like
More from Crónicas
XIIº Encontro de Escritores de Língua Portuguesa
Entre os dias 5 e 8 de setembro tive a honra de representar a Galiza em Cabo Verde no XIIº …
Primeira Crónica desde Xai Xai: a chegada
Participação de poetas da Galiza no VII Festival Internacional de Poesia de Xai-Xai, Gaza, Moçambique Primeira Crónica desde Xai Xai: a …