Benquerida Emilia:
O patriarcado cultiva a idolatría porque cos ídolos non se dialoga; os ídolos exixen admiración, obediencia cega e teñen sempre razón. Tudo o que fan ten que estar ben, ainda que non se entenda, porque un ídolo non erra nunca.
O culto aos pais e o culto á familia son formas de idolatria que permiten a actuación autoritaria sen explicación nen xustificación. No patriarcado os pais teñen direito de vida e morte sobre os fillos. Os fillos son posesións e na doutrina está que os pais, e sobretudo as nais, quérenos muito sempre, ainda que nos traten mal. Na versión sentimental que usa o patriarcado para impor control absoluto, o amor dos pais é indiscutível, a intención deles será sempre boa e os pouquiños erros que poda haber non teñen importancia. Ese amor, como o de Deus, é incuestionável, o que facilita xa de primeiras calificar aos fillos de ingratos se desobedecen e non se axustan ao que se quer deles.
A nai da familia patriarcal ten que colaborar co sistema (sen ela non poderia funcionar) e apoiar e fomentar tudo o que o caracteriza, incluidos a misoxinia e o machismo. Non é difícil para ela, pois xa foi educada para esa tarefa pola sua própria nai. Antes de ser nai foi filla, inferiorizada e deprimida, coñecedora do que esa inferiorización constante significa e sabedora de que a maneira de sair un pouco da sua inferioridade radical era entrando no mundo masculino, ainda que fose de servidora, e influindo nese mundo mediante os fillos varóns. Esa é a chave do asunto. O patriarcado incentiva e protexe esa influencia egoísta da nai sobre os fillos varóns, e aí hai unha grande contradición, pois que se de verdade se pensase que a muller é inferior ao varón non se poderia permitir que alguen radicalmente inferior por ser muller, que é a nai, influise tanto no mundo por meio dos fillos varóns. Mas esa influencia da nai no fillo varón é decisiva para asentar as bases emocionais e sentimentais do sistema. A nai ten que transmitir a misoxinia e o sexismo que precisa o patriarcado para funcionar, ten que dividir para conseguir a falsa unidade da familia, e ten que esmagar o potencial humano tanto dos fillos como das fillas, o que fai con métodos distintos: o das fillas co desprezo e impedindo que podan facer nada que non coincida co seu destino de cuidadoras da familia, e o dos fillos varóns con exixencias de glorias para a familia e anulando a posibilidade de que se desprendan dela mais que en aparencia. A nai ten que quedar de muller superior que deixou de ser muller ao virar nai, e as demais mulleres seguirán sendo da caste inferior até que se rediman un pouco contribuindo á liña superior, que é a masculina.
A nai da familia patriarcal está encarregada de animar e de desanimar, de dar alento e de tiralo, de estimular, encoraxar e dar forza a uns, e de desalentar e abater a outros. Ten que animar ao fillo varón e desanimar á filla, para conseguir que cada un deles cumpra o destino que lles marca o sistema. Con ese xogo tambén apodérase psicoloxicamente dos dous: do fillo varón cunha especie de incesto psicolóxico no que ela vira a muller mais importante da sua vida para sempre e calquer outra muller non vai ser mais que unha concubina, e da filla virándoa escrava e servidora dela e de quen ela ordene.
Dirán muitos, e seguramente ti tamén o dirias, Emilia, que os favorecidos do sistema viven mui ben e teñen todas as vantaxes. Iso é o que din sempre as mulleres falando do ben que lles vai aos homes comparado co mal que lles vai a elas. Mas eu diríache que o consentimento excesivo estraga e deforma mais que a dureza física ou psicolóxica. Sen dúvida é muito mais grato ser consentido e amimallado, mas á hora de xulgar o que de verdade sucede e cales son as consecuencias, o certo é que non hai nada que estrague tanto o potencial do ser humano como a arrogancia, a soberba e o atrevimento, que é o que o sistema patriarcal insire no varón, e que é mais difícil reacionar contra o exceso que contra a carencia. Muitos son capaces de reacionar con intelixencia frente ás carencia físicas e psicolóxicas que houbo na sua vida e de desenvolver o seu potencial. Mas o outro é difícil demais, case imposível: quen está afeito ao trato privilexiado e consentidor desde o comezo da sua vida non é capaz de entender a situación en que está nen sair dela, ainda que quixese, que non é provável, e o seu potencial queda sen desenvolver por exceso de facilidade. Isto pode aplicarse a muitas esferas, mas no das diferenzas de trato monstruosas que o patriarcado estabeleceu entre mulleres e homes, eu coido, Emilia, que se ben é certo que é muito mais agradável nascer varón -ou era- e ser acollido como favorito da familia desde que un nasce, e ter unha nai que anima e consente e outorga privilexios, non é mellor para ¨realizarse¨, como se diria agora. No patriarcado o varón está mais estragado e anulado que a muller, ainda que a muller estea pior tratada. Entre ter unha nai que flirtea co fillo e espera que sexa o home da sua vida e lle cumpra todos os caprichos e a compense por todos os desgostos e as frustracioós que lle causaron os demais homes, que é o lle que sucede habitualmente ao fillo varón, e ter unha nai inimiga que quer inferiorizar á filla desde o principio e vai ver nela unha rival no mundo masculino, que é o que lle sucede á filla, é preferível o segundo, que estraga menos. Contra iso pódese reacionar, ou polo menos velo con realismo. O outro destrúe o organismo psíquico, porque actúa como unha droga que causa adición e que levará a querer conseguila por cima de tudo. É o que está no fundo da violencia contra as mulleres.
A situación nestes momentos é mui interesante, Emilia. Ao contrário do que cabia esperar, onde perdeu algo de forza o patriarcado foi na familia e onde segue tendo tanta forza como sempre ou mais ainda é na relación coa patria e na política internacional. Nalguns países mais adiantados houbo nos últimos tempos unha grande mudanza na estrutura da familia, que se democratizou. O trato que receben os fillos e as fillas, en xeral, é muito mellor que o que recebian antes, non no sentido de que se lles consinta mais, senón de que hai mais conciencia de que aos pais lles corresponde facer un esforzo para manter unha boa relación cos fillos, ao contrario do que sucede na familia autoritaria típica do patriarcado, en que o esforzo o teñen que facer os fillos e non os pais. Na estrutura psicolóxica da familia mais moderna hai indicios positivos, mui ao revés do que se pensa e di con frecuencia. As cousas melloraron e hai mais familias democráticas agora que antes, cando eran todas autoritarias. En cambio, na relación que mais se asemella á da familia, que é que se ten co país dun, coa Nai-Patria, paréceme ver en muitos sentidos un endurecemento do patriarcado que leva diretamente ás guerras e que explicaria que desde que comezou o século XX até agora vaiamos dunha a outra sen descansar. A propria linguaxe que se utiliza para iniciar e xustificar esas guerras está baseada en conceitos patriarcais que hoxe seria difícil aplicar ás familias menos autoritarias das sociedades mais adiantadas. Por muito que se fale de democracia política, abonda con que se faga un chamado á guerra para que esa democracia desapareza e esteamos de novo na doutrina patriarcal de sempre de que os fillos teñen o deber de sacrificarse pola familia, e de que os pais da nación poden mandalos a morrer polo honor desa familia. A facilidade con que se poden manipular as estruturas mentais e emocionais no patriarcado e se poden suprimir da noite á mañá todas as liberdades conseguidas fai pensar que o sistema segue igual de forte que sempre e que, se perde algunha forza por algun lado, nivélase mui axiña por outro.
E o que segue igual de patriarcal que sempre é a ideia de que as patrias non teñen que se responsabilizaren do benestar dos ¨fillos¨ nen facer nengun esforzo por tratalos ben e merecer o amor que exixen deles. As patrias, como as nais patriarcais, son ¨autoridades¨ que exixen respeito e amor dos fillos e non pensan que lles teñan que dar os recursos materiais e espirituais que precisan para poderen facer as suas vidas. Igual que as familias patriarcais, as patrias procrían e non crían, mutilan o espírito criador en lugar de fomentalo. E seria importante ter isto en conta nunha Galiza prisioneira do patriarcado e abafada pola doutrina da piedade filial.
Até a próxima, Emilia.
You might also like
More from Crónicas
XIIº Encontro de Escritores de Língua Portuguesa
Entre os dias 5 e 8 de setembro tive a honra de representar a Galiza em Cabo Verde no XIIº …
Primeira Crónica desde Xai Xai: a chegada
Participação de poetas da Galiza no VII Festival Internacional de Poesia de Xai-Xai, Gaza, Moçambique Primeira Crónica desde Xai Xai: a …