Benquerida Emilia:
Falemos agora da língua da Galiza. No teu ensaio sobre se o galego era dialeto ou língua estan alguns dos elementos principais que haberia que analizar para enfocar ben o asunto. Nisto das línguas está moi enraizado o hábito patriarcal de interpretar tudo seguindo pautas de dominio e submisión e de superioridade e inferioridade. Como xa dixemos en cartas anteriores, nestas cousas das patrias funcionan as pautas patriarcais tanto ou mais ainda que nas familias.
O primeiro a ter en conta cando se analiza a cuestión da língua ou línguas da Galiza é que, cando a Galiza quedou formando parte da coroa de Castela e separada de Portugal, aquela língua galaico-portuguesa que antes se falaba e escrevía nunha grande parte da península ibérica seguiu sendo a língua falada e escrita de Portugal e perdeu forza, en cambio, na Galiza, onde foi substituída, pouco a pouco, por un castelán que adquiriu cada vez mais influéncia e prestixio na España iniciada polos reis católicos. Desde entón, durante case seiscentos anos, o galego foi perdendo recursos e importancia. Seguírono falando grande parte dos habitantes da Galiza, en distintos níveis, até seguramente metade do século XX, cando empezou a urbanización en masa da povoación e a entrada tambén masiva de meios de comunicación de forte impacto como a televisión. A partires do século XV o galego foi virando, mais cada vez, unha língua de falar na casa ou ¨da aldeia¨, reducida á intimidade e sen importancia oficial por non se considerar língua utilizável fora desa intimidade ou deses meios xulgados incultos. Co tempo pasou a ser a língua dos que non sabian falar, e mesmo os que a falaban nas aldeias non sabian o que era aquilo e chamábanlle ¨isto que falamos por aqui¨.
Tudo o que dis no teu ensaio Idioma o dialecto está atinado. Dis que o único en que se distingue en realidade un idioma dun dialeto vén sendo en que o idioma ten títulos nobiliarios e goza de estimación social, mentres que o dialeto non, e que, en definitiva, os considerados hoxe idiomas son dialetos do latin, e que o latin é
uno de los muchos dialectos hablados por las tribus arias moradoras del territorio latino. ¿Será más encumbrada la alcurnia del griego? Tampoco, ni la del sánscrito; pues ambos, como el latín, proceden de una lengua primitiva, de la cual desciende la numerosa y opulenta familia de los lenguajes indo-europeos. El gallego es una lengua antigua venida a menos; como el provenzal, madrugó en prestarse al cultivo y a las galas de la poesía lírica; como el provenzal -aunque con menos violencia- las vicisitudes políticas la hirieron en un momento crítico de su desarrollo, cuando cabalmente tomaba vuelo y prevalecía la destinada a ser lengua nacional española. En suma, el gallego es un romance, igual en su nacimiento a los otros en que el latín se descompuso, traído luego al estado de patué por el mutismo de la literatura y la fuerza de las circunstancias históricas, y renaciente en las letras desde la segunda mitad del siglo XIX.
Filológicamente, ningún romance procede de otro romance: todos ellos son corrupciones fonéticas y renovaciones dialectales del latín, quien a su vez lo es de su venerable lengua, madre común del griego, latín y sánscrito. Las unidades nacionales, al formarse, propenden a establecer la identidad de lengua, eligiendo entre sus dialectos.
Dialeto é, como ben dis, unha língua ¨venida a menos¨, que perdeu alcurnia social, e a língua galega virou dialeto porque non foi a língua escollida para a España dominada pola coroa de Castela. A descrición paréceme exacta, esteamos ou non contentos co que sucedeu. Teño que dicer, porén, falando disto dos dialetos, que, afeita como eu estaba a ver a pouca estimación en que se tiñan, e sabendo o trunfo que supuxo conseguir que o galego non fose considerado dialeto dentro da España, senon língua, surprendeume a forza que tiñan os dialetos na Alemaña e na Austria, por exemplo, e supoño que na Suiza tambén, e o feito de que alemáns e austriacos defendesen os seus dialetos e os cultivasen á par da língua ¨formal¨. O que me pareceu ver neses países foi que o dialeto tiña na prática tanta importancia como a língua nacional e que esa importancia non era só emocional e de sentimento, senón social tambén. Os dialetos alemáns e austriacos non son linguaxes de aldeáns, dos que non saben, como virou o galego co tempo, senón o que identifica aos habitantes dun lugar e os distingue dos de outros. Non sei ben como analizar este fenómeno e limítome a constatar a sua existencia, mas lévame a pensar que a chave do desprezo da língua galega non estivo tanto na clasificación de dialeto que se lle deu como na especie de apartheid que se criou entre duas castes, a do campo e a da cidade, e na relación con Portugal. A língua galega perdeu aceitación social nun grau imenso, e este é un feito que haberia que analizar. Paréceme que o desprezo ao galego non é de orixe lingüística nen filolóxica, senón social, emocional e político, e talvez resulte difícil de analizar mesmo porqué segue habendo esa falta de aceitación hoxe. Eu ouvin até o cansazo a teoría de que o catalán non se perdera, como se perdera o galego, porque na Cataluña habia unha clase meia que defendia a língua e na Galiza non. O parecido entre Cataluña e Galiza está en que nengunha delas é Castela, mas os dous países teñen unha historia mui diferente, e comparar o que sucedeu neles como se tivesen que ser iguais paréceme un erro fundamental. Hai até un sentimento de culpabilidade nos galegos, cando se comparan cos cataláns, por non teren sabido defender a língua como o fixeron eles. Ese sentimento de culpabilidade virou case unha obsesión que non deixa ver a realidade, pior ainda, porque se mestura con ese patriarcado que eu coido, Emilia, que é tan forte no noso país e que leva a ver á Galiza como a nai vítima e maltratada á que os bons fillos teñen que defender dos maus. Nese contexto, non ter sabido defender a língua é como ser ¨maus fillos¨, fillos ingratos que atraizoaron á Familia.
A forza que ten no mundo unha língua determinada nunha época concreta débese principalmente á utilidade e o prestixio que adquire nesa época desde o ponto de vista económico, intelectual e social. Eu coido que o forte patriarcado que impera na Galiza leva a unha visión fatalista e a crer que a língua dominante de hoxe será a que domine no futuro, sen entender que tudo muda co tempo. Nos meus tempos mozos o francés era a língua estranxeira de mais categoria e ¨utilidade¨ na España e a que se aprendia no ensino secundario. O alemán tiña prestixio científico e académico naqueles meus anos de xuventude, cando alguns viaxaban a Alemaña para se formaren nalgunhas materias consideradas sérias. Logo o inglés xa pasou a ser o idioma que habia que aprender porque ¨facia falta para tudo¨, e agora está empezando a selo o chinés. Esa preponderancia dunha língua sobre as demais vai case sempre unida á preponderancia política e económica dun país, ao ¨imperio¨ dun tipo ou de outro. O predominio do inglés que se ve hoxe é consecuencia do poderio dos Estados Unidos nestes momentos. Tampouco é que os países que teñen a hexemonia impoñan sempre a sua língua pola forza; o que sucede é que chega un momento en que tudo o que ten mais influencia se inicia na língua do país que vai na dianteira e se imita logo nas demais. Muito do atractivo que ten o hoxe o inglés, xa aparte dos aspectos mais utilitarios, vén da influéncia do cine, a música popular, as artes e as publicacións. Isto é importante telo en conta para non cair no vitimismo e non rematar na pura fantasia cando se queren defender as línguas que quedan atrás das predominantes en cada momento. Dado que a Galiza quedou formando parte da coroa de Castela e separada de Portugal, e que o castelán pasou a ser a língua predominante na España dominada pola coroa de Castela e a língua case única do imperio americano, foi un proceso lóxico que pouco a pouco esa língua castelá na que se producia tudo e se facia a vida social e intelectual mais interesante predominase sobre aquela outra língua, a galega, que quedara cada vez mais reducida a expresar a vida diaria dos que traballaban no campo, na pesca ou en oficios manuais, e incapaz de responder á vida intelectual, artística e económica da sociedade más culta e dinámica.
Ainda así, cómpre facer algunhas perguntas. Por que deixou de cultivarse o galego? Por que houbo ese rexeitamento intelectual e emocional que continúa hoxe, cando, a pesares de que se estuda no ensino oficial, hai muita xente nova que di que non quer falar galego porque non lle agrada e o encontra feio? Por que hai galegos que queren que se fale un galego que non teña nada que ver co portugués? E por que o portugués acorda mais rexeitamento e mais desprezo ainda que o galego?
Seguiremos con isto das línguas, Emilia.
You might also like
More from Crónicas
XIIº Encontro de Escritores de Língua Portuguesa
Entre os dias 5 e 8 de setembro tive a honra de representar a Galiza em Cabo Verde no XIIº …
Primeira Crónica desde Xai Xai: a chegada
Participação de poetas da Galiza no VII Festival Internacional de Poesia de Xai-Xai, Gaza, Moçambique Primeira Crónica desde Xai Xai: a …