Benquerida Emilia:
Imaxino que nos teus tempos o atraso da Galiza encaixaba no que se vía como o atraso xeral da España e non se lle buscaban outras causas. Nos meus tempos falouse do atraso económico da Galiza e de que os males do país viñan de que estaba colonizado. Eu coido que a causa principal do atraso da Galiza é a familia galega, e que iso é o que de verdade a ¨coloniza¨. Penso que se non se quebran as pautas autoritarias de dependencia, falta de responsabilidade e reverencia ás autoridades que esa familia fixa, o potencial da Galiza quedará malogrado. Os galegos levan cravado mui adentro o autoritarismo e quedan atrapallados nunha rede de imposición activa e pasiva que fai que non podan decidir a sua vida. Cada un deles renuncia mui cedo a forxar a sua individualidade e a buscar os seus próprios camiños. Viven prendidos nun sistema familiar fechado e negativo no que se está sempre loitando por obter o agrado dos pais e por pagar a dívida eterna e infinita que se lles debe. Os galegos estan obsesionados coa familia na que nascen e, no fundo, tudo o que fan é pensando nesa familia. Nunca se desprenden dela e, como non acadan independencia, non poden madurecer nen enfocar a vida de modo criativo. Confórmanse coa dependencia eterna e senten a independencia como un pecado contra a familia.
As pautas da familia galega, tiránica, impositiva e mal levada, na que todos están obsesionados coa obtención de poder e con ser os favoritos da nai, e na que todos se senten vítimas de algo ou de alguén ainda que trunfen no mundo de fora, cálcanse na sociedade galega. Tudo está pensado para que esa sociedade funcione da maneira que convén ás autoridades políticas e eclesiásticas, que usan as pautas da familia galega para anular o país. Os efeitos do autoritarismo extremo que o patriarcado infunde na Galiza vense en tudo, no cultivo da dependencia en nome da familia, na obsesion cos cuidados, con quen cuida a quen e quen vai cuidar de min, na renuncia a facer a própria vida, no mal e cedo que se envellece, no mal que se trata á xente nova, no divididos que están os galegos sempre e na incapacidade que semellan ter para actuar unidos. O que impera é esa agresividade pasiva que se chama ¨individualismo¨. Fora da familia nada ten importancia e o conceito do ben comun apenas existe. O único a que se aspira é a impor, mandar e amolar para que outro ¨irmán¨ non mande: así xurde o ¨cainismo¨ e a división que caracteriza á sociedade galega, mui ¨de familia¨ e na que a familia é a cova da que non se pode nen se quer sair porque o mundo de fora non conta.
A familia galega está orientada a que os vellos teñan o poder tudo e a ancorar no pasado. Os fillos veñen ao mundo para servir á familia e para dar satisfacción aos vellos. Tudo o que fagan nese sentido será pouco e así afanse a venerar ás autoridades. Os fillos nascen cunha dívida imensa cos pais e insírese neles o sentimento de culpabilidade desde o primeiro momento. Igual que os habitantes dalguns países nascen coa carga dunha dívida monetaria que non poderán redimir por muito que traballen e que aumenta cada vez mais, os habitantes da Galiza nascen cunha dívida psicolóxica que nunca poderán pagar e que pesa tanto neles que lles tira o alento para enfrentar a vida. Fálase da armadilla da pobreza e de que quen nasce ou cae nela fica atrapado e non pode sair mais nunca. A pobreza material atrapa como unha tea de araña da que non se pode escapar e a pobreza espiritual funciona tamén así. A familia galega cría pobreza espiritual e psicolóxica e fai da Galiza un país desanimado e atrasado.
Todas as familias de todos os países son patriarcais. O patriarcado rexe a sociedade inteira desde tempos inmemoriais, mas na familia galega nen sequer hai os trazos mais positivos que teñen outras, e nela os lados negativos do patriarcado funcionan con intensidade máxima. A familia galega exixe tudo e non dá nada. Tudo o que podia dar parécelle de máis. Na mentalidade dos galegos está mui arraizada a ideia de que os fillos son dos pais e para os pais, e tambén a crenza de que é mellor tratalos mal para que non se afagan ao trato bon e logo pidan mais, e para que non viren soberbos e se rebelen. Estas son todas características da familia patriarcal, mas na Galiza hai unha avaricia de sentimentos e unha ansia de empequenecer e rebaixar que chama a atención. Como di o proverbio: ¨Se o avaro fose sol, a ninguén daba calor¨. Os galegos viven nun sistema avarento de sentimento. Esa avaricia emocional fai que nada se aprecie nen se cuide. Falta cuase por completo a xenerosidade que xurde dun sentir folgado, e iso leva a que todos fiquen fechados no desánimo interior e sen render, nen para eles próprios nen para o país.
Os galegos levan mui adentro un sentimento de culpabilidade con respeito aos pais. Teñen a impresión de que nunca poderán facer abondo por eles e de que nunca conseguirán agradarlles e responder ao que esperaban. Ese medo aos pais e ese sentimento de culpabilidade que debilita aos galegos non se limita a esta vida, porque o que temen é que os pais morran e que aumente ainda mais esa culpabilidade que senten por non teren feito por eles o que debian facer. Os habitantes da Galiza están paralizados e non poden decidirse a nada porque se perguntan por dentro como terian que facer para agradar a eses pais exixentes e a esa figura materna que non poden contentar nunca. Nesa tarefa gástase o tempo tudo. Non é doado liberarse dese peso inconsciente que levan os galegos dentro, mas ainda no caso improvável de que algun deles conseguise a sua liberación individual, a sociedade galega impediríalle actuar de acordo con esas crenzas liberadoras e obrigaríalle a obedecer os mandatos da piedade filial e a seguir o culto ás autoridades familiares.
A ansia de conseguir a aprovación da nai está mui adentrada nos galegos e fai que capitulen e se rendan a esa figura autoritaria e idolatrada que impón o que quer de xeito negativo, sen ter que dicilo nen mandalo. O temor á separación desa figura autoritaria está tambén implantada nos galegos desde que nascen, o medo á expulsión e a que outros receban esa aprovación tan buscada e necesitada, e iso debilítaos de raíz e fai que estexan obsesionados co poder pequeno, coa influencia ¨feminina¨. Iso é o que quer esa figura materna que aspira a manexar o poder que os fillos consigan para ela, e que exixe que os fillos tributen e rendan homenaxe. Esa obsesión, incompatível coa liberdade, a independencia e o espírito criador, mutila aos galegos e fai que non saiban nen queiran ter unha relación boa, de reciprocidade e xustiza, co mundo, coa vida e cos demais. Díxose sempre que o galego era traidor e seguramente hai algo de certo niso, pois que todos os que padecen enfamiliamento até ese ponto non queren criar outras relacións que non respondan á sua obsesión.
A tradición que hai na Galiza de que as mulleres dean sempre preferencia aos homes chama a atención até nos demais países da España, que teñen un sistema familiar patriarcal como o que hai en todo o mundo, mas non teñen un matriarcado patriarcal como o que hai na Galiza. Con esa preferencia que asenta a nai galega, e que nen se tenta disimular porque a sociedade a promove e aplaude, esa nai espalla as pautas ultra-autoritarias coas que se asegura o trono e tece o debuxo que estampa na sociedade. Todos, varóns e mulleres, fican aprisionados, física e psiquicamente, inseguros, desorientados e loitando entre eles polos favores dese ídolo da sociedade en forma de figura materna que nunca estará contenta e que na conciencia dos fillos está exixindo sempre e ten direito a exixir ainda que non diga nada. E asi xurde ese ¨machismo¨ pasivo que caracteriza á sociedade galega, inserido e protexido polas mulleres, e conséguese unha sociedade subxugada e dominada moralmente, sen coraxe e traizoeira, na que se esmaga tudo o que poda valer e non se deixa que nada floreza para que non se desfaga o tecido de influencia interesada e mesquiña no que están prendidos os habitantes da Galiza.
A familia galega afoga e destrúe o espírito da Galiza. Se aos galegos lles dixesen que a relación mais importante e adiantada, dentro da familia e fora dela, é a amizade, e que sen amizade nen a familia nen o ¨amor¨ nen a sociedade funcionan, levaríano a mal e escandalizaríanse. A amizade parécelles, no fundo, un pecado contra a familia. Están tan afeitos ao autoritarismo, e lévano tan adentro, que o que lles agrada da familia é mesmo o que ten de preceito, imposición, obrigatoriedade e inxustiza. Mas o desenvolvimento e adianto da Galiza non será posível até que se entenda que a familia ten que funcionar de acordo co espírito e propiciar a amizade, a xustiza e a liberdade.
Até a próxima, Emilia.
You might also like
More from Crónicas
Adeus, ti, Ponte Nafonso I por Ramón Blanco
"En la ingeniería civil la seguridad estructural está en lo más profundo de su identidad, por lo que no puede admitir …
«Não vou por aí»: A máscara
«Não vou por aí»: A máscara. Há tempo que queria escrever sobre esta crise político-económico-sanitária local, regional, nacional, estatal, mundial…