Benquerida Emilia:
Falemos do potencial e a personalidade da Galiza. Eu vexo á Galiza como unha entidade ou figura espiritual que está ainda sen expresar, en parte porque as circunstancias non lle foron favoráveis e, mui en especial, porque o patriarcado e o tipo de familia que se instituiu nela mantiveron aprisionado o seu espírito. O espírito está vinculado á intelixencia e á criatividade, e tambén á paixón, e iso foi o que o tecido social e institucional que se criou na Galiza apagou e cerceou a rente.
Muitos, e talvez ti tambén o facías, Emilia, vinculan a espiritualidade coa relixión e vena como algo etéreo, sublime e celestial que non pertence a este mundo. Mas a criación é o verdadeiramente humano e xorde do espírito. No espírito hai unha búsqueda apaixonada de exactitude, de matemática e de verdade que dá por resultado a música, a poesía, a ciencia e tudo o que está ben feito e acerta, tudo o que eleva as faculdades humanas e fai que rendan e sexan produtivas. O patriarcado anulou o espírito porque o que queria era procriación, automatismo e submisión. Se permitía que trunfasen a liberdade, a intelixencia e o espírito de criación, o mundo deixaría de estar en mans das elites e das autoridades familiares, relixiosas, económicas, sociais e de todo tipo. Os que manexaron as relixións colaboraron co patriarcado e tambén diminuiron ou mataron o espírito. A base das relixións teria que ser o espírito, mas todas as interpretacións que se fixeron delas no marco do patriarcado alonxárono, apagárono e desvirtuárono. Como sucede cuase sempre coas ¨causas¨, as relixións estiveron manexadas por sagaces que invocaron o espírito para situarse nas alturas e obter riqueza, poder e autoridade.
O espírito funciona dun xeito semellante á materia, en que, para que algo saia ben, ten que estar ben construido e ben feito. O nexo entre causa e efeito existe no mundo físico e no mundo do espírito. En nengun deles funcionan as trampulladas. Se un edificio se constrúe con pezas de má calidade e que non respondan ao que ese edificio ten que ser, poderá enganar cunha boa aparencia, mas os fallos irán tornándose visíveis e acabará derrubándose ou sendo un estorbo que non vale para nada. O espírito funciona igual: se o que impera son os defeitos e, en lugar de corrixilos, o que se busca é enganar e aparentar, os defeitos irán aumentando até que desbaraten, vicien e estraguen tudo.
Liberdade e xustiza son dous principios fundamentais do espírito, e teñen que ir xuntas: non pode haber xustiza sen liberdade e non pode haber liberdade sen xustiza. O que sucedeu na política do século XX, Emilia, do que ti só viches o comezo, foi un bon exemplo de que cando se anula a liberdade en nome da xustiza, como se fixo en nome do comunismo, a xustiza queda tambén anulada, e de que cando se anula a xustiza en nome da liberdade, como se fixo en nome do liberalismo, a liberdade tampouco existe. Na prática, as duas ideoloxias, que tan diferentes e opostas parecian, deron o mesmo resultado: governos das elites para as elites, que se repartiron tudo entre elas e deixaron aos demais sen nada.
O patriarcado fixo imposível que se seguisen eses dous principios e, en lugar deles, asentou, xa desde a familia, inxustiza, superioridade e inferioridade natas, xerarquia, liberdade excesiva para os varóns e cativeiro e suxeición para as mulleres. E, ao decretar a inferioridade do feminino, fixo un mundo inintelixente e sen xuízo. A verdadeira intelixencia xorde da interacción entre o masculino e o feminino, do cerebro e o corazón funcionando á par e con igual forza. O cerebro sen corazón non acada xuízo, e o corazón sen cerebro tampouco. Cando o cerebro funciona desacompañado do sentimento pode chegar a conclusións ¨lóxicas¨, como que as guerras están ben, que os que nascen ¨superiores¨ poden matar e roubar, que o mundo ten que ser dos fortes ou que hai direito a ter escravos, que son desatinos. O sentimento é o que pode dicer que tudo iso está mal. E cando o sentimento funciona desacompañado dun intelecto ben formado tambén pode descarrilar e non ter xuízo. O bon xuízo só se pode acadar cun intelecto e un sentimento ben formados e de calidade, e iso conséguese educando esas duas faculdades. No patriarcado só houbo formación do intelecto para as elites masculinas. Até tempos mui recentes privouse ás mulleres de instrución e educación intelectual, e así segue sendo nunha grande parte do mundo. E como se decretou que o sentimento era inferior, feminino e cousa de mulleres, quedou bruto e sen educar, funcionando como sentimentalismo fácil de torcer e sen a forza do sentimento de boa calidade.
O espírito é feminino e masculino e non pode funcionar ben se eses dous principios non teñen a forza precisa para chegar á paixón (e, dada a influencia das línguas no pensamento e na visión que se ten das cousas, convén recordar que a palavra espírito é feminina ou neutra en muitas línguas e que virou masculina cando pasou do grego ao latin e depois ás línguas derivadas del). A paixón leva á criación, e por iso o patriarcado non deixou que puidese habela. Esmagou a paixón e cultivou en lugar diso as ¨paixóns¨, é dicer, as adiccións e os vícios. A paixón é difícil de manexar e pode ser incómoda e até doer, mas dá unha visión que só se pode acadar con ela. Ás mulleres non se lles permitiu no patriarcado ter paixón, e aos homes en xeral tampouco. O patriarcado obrigou aos homes a anular o feminino e a substituir o verdadeiramente masculino por aridez e brutalidade, e ás mulleres a anular o masculino e a substituir o verdadeiramente feminino por mañas afeminadas e pensadas para potenciar o mundo falsamente masculino que fabricou o sistema.
Nos países sucedeu tambén iso. Na Galiza afogada polo patriarcado haberia que potenciar a paixón para que poda xurdir e predominar o espírito criador. E o papel das mulleres nese labor é fundamental. É esencial que haxa mulleres que escollan unha vida libre do ¨amor¨, da parella e da maternidade e podan dedicarse con paixón a outras tarefas. E é esencial tambén que haxa mulleres que se dediquen con paixón a educar aos fillos e que entendan a maternidade como un labor de educación. Isto, Emilia, traría unha mudanza imensa para a Galiza e para o mundo inteiro, o de ter mulleres que deixasen de colaborar co patriarcado e de amoldarse aos cánones que estabeleceu, e se dedicasen a praticar e potenciar o espírito criador.
O patriarcado impón a maternidade, que se centra en amoldar os sentimentos e as emocións dos fillos e das fillas ao sistema e nunca permitiu a maternidade educadora. Isto, Emilia, foi sempre así: así era nos teus tempos e así segue sendo nos meus. Nunca se esperou que as nais educasen aos fillos, e segue sen esperarse, porque é peza esencial do patriarcado, a bisagra sen a que non poderia funcionar, que as mulleres entreguen os fillos ás institucións e á sociedade patriarcal para que estas podan malear e mutilar o potencial humano. No patriarcado, Emilia, a sociedade é como un exército ás ordes das elites, e o papel da familia, e mui en especial das nais, é facer tropa ben mandada.
Como xa dixemos nalgunha carta anterior, Emilia, o de que pensar que as nais deban ser as principais educadoras dos fillos mesmo faga rir e pareza un desatino ou unha quimera imposível de levar á prática, indica até que ponto estamos ainda mergullados no patriarcado e influidos polas ideias que insire sobre as mulleres, os homes, o valor do ser humano e o destino e potencial da humanidade. As familias no patriarcado insiren dependencia e malean para que o ¨amor á familia¨ sexa visto como o mais elevado e para que os fillos ¨amen¨ á familia e non se despeguen dela. Fan que os fillos aprendan a actuar como posesións da familia e a aceitar que son para ela. Mas a verdadeira educación ten que ser sempre para conseguir que cada persoa aprenda a ser e manifestar o que está latente e en bruto nela, o que pode ser, en lugar de ser o que lle mandan e o que convén a outros, que descubra o seu proprio centro para actuar desde el. Isto faise coa adquisición de cultura, que é o que permite entender o mundo no que se está e que é un coñecimento que se adquire co intelecto e o sentir. Para adquirir esa cultura auténtica que axuda ao desenvolvimento persoal e colectivo é tan importante ler, ir ao cine, conversar con amigos, facer teatro ou escoitar música como ir á escola ou á universidade. Esa adquisición non pode estar rexida polo principio de utilidade imediata, é lenta e activa, e cada persoa ten que facela á sua maneira. As artes todas educan o sentir e o intelecto, e un filme ou un poema poden abrir mais a imaxinación e axudar a ensanchar a mente e o corazón que as aulas da universidade.
Talvez axudaria a aceitar a ideia de que a nai ten que ser a principal educadora dos fillos entender que hai que educar e equipar aos fillos para a independencia e para que podan construir o futuro. Asegúroche, Emilia, que se as nais deixasen de colaborar co patriarcado e educasen de verdade aos fillos e ás fillas, nunha xeración desaparecian o machismo e a misoxínia da sociedade humana. E se hai mulleres que se podan dedicar con paixón a tarefas que non teñan que ver cos homes nen coa maternidade, poderá xurdir con forza a enerxia feminina, que agora está afogada e desvirtuada, e contribuir a facer un mundo intelixente no que ninguén teña que nascer para ser obxecto dos demais e mercadoria que se compra ou se deixa.
You might also like
More from Crónicas
Primeira Crónica desde Xai Xai: a chegada
Participação de poetas da Galiza no VII Festival Internacional de Poesia de Xai-Xai, Gaza, Moçambique Primeira Crónica desde Xai Xai: a …
Adeus, ti, Ponte Nafonso I por Ramón Blanco
"En la ingeniería civil la seguridad estructural está en lo más profundo de su identidad, por lo que no puede admitir …