El árbol ausente, de Catherine François, é un exemplo moi apropiado para aqueles que, ben por falta de referentes literarios sólidos ben por teren ficado atordoados nunha época de permanentes “achados” estéticos, boian sobre os sistemas literarios sen saber para onde se dirixen as correntes das boas obras. Edificada sobre as lembranzas da infancia, esta novela de 120 páxinas demostra que existe unha incomún maturidade que permite comprender a infancia na súa verdadeira potencia, aquela que permite experimentar a vida cunha intensidade sabia, afastada da hiprocrisía, do hábito vacuo, do amor como costume e do traballo como unha escravitude tolerábel.
A infancia como un modo intenso, sincero e valente de enfrontar a vida. O coñecemento indutivo que tanto ofende o tópico católico da vida como lugar de purga ou dor necesaria. Un modo que, ao tempo, nos mostra a importancia do mito e o valor real dos misterios que xamais nos abandonan: o abismo insondábel do lago, a morte súbita que reservan incógnitas bombas da guerra mundial, a escuridade do submundo nos corredores infrecuentados dos edificios, as identidades de persoas descoñecidas… Paralelamente, a reflexión sobre a creatividade que nos ofrecen as semellanzas excesivas dos predios, recipientes idénticos para vidas diversas en experiencias domésticas, ás veces coincidentes, sempre irrepetíbeis. O que temos de humano fainos comúns, mais o modo de desenvolvernos convértenos en diverxentes. Partimos do mesmo lugar, partillamos os mesmos espazos e porén camiñamos por sendeiros que aleatoriamente se aproximan e afastan.
Se ben as vidas da xente do bairro constitúen de partida un argumento de cadro costumista, isto logo se revela o recurso principal para o destaque dunha lingua literaria puída como poucas en que cada frase, cada parágrafo e cada capítulo semellan ter sido medidos en lonxitude e altura poética cunha mestría que, avanzaba no inicio da reseña, nos lembra cal é a técnica perenne da escritura literaria. A necesaria compensación de recursos poéticos (o símil , por exemplo) con descricións carentes de retórica, a ausencia de reiteracións, o equilibrio entre o subxectivo e o realista…
Orixinalmente en francés e agora con tradución e prólogo de Santiago Auserón, esta edición (Demipage) será presentada pola autora, o tradutor e a nosa colaboradora Tati Mancebo o luns 2 na Feira do libro da Coruña.
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …