CÉLINE EN CAMISA PARDA OU O MAL DO PRESENTE
Hanns-Erich Kaminski
Presentación, tradución e notas: Xesús González Gómez
Primeira parte
A biografía de Hanns-Erich Kaminski será difícil de escribir pola falta de datos e informacións. Até 1980 non se estabeleceu que este era o seu verdadeiro nome, pensábase que era un pseudónimo. Sábese que naceu, de familia xudía, en Labiau, na Prusia oriental, o 19 de novembro de 1899, e que seu pai era comerciante. Da súa familia tampouco se sabe nada, aínda que algúns autores din, sen afirmar, que sería sobriño de E. Halpérine-Kaminski, tradutora de Tolstoi ao francés. Estudou na kantiana cidade de Könisberg o bacharelato até 1917, ano en que foi mobilizado polo exército alemán, destinado á aviación, aínda que semella que nunca entrou en combate. Ao acabar a Primeira Guerra Mundial, ingresou na universidade para estudar económicas e foi licenciado en economía pola Universidade de Heidelberg, en febreiro de 1922, onde presentou unha tese sobre a «Teoría do dumping». Desde 1921 colabora en diversas revistas e xornais, sobre todo en Die Weltbühne, semanario da esquerda independente animado por Carl von Ossietzky e Kurt Tucholsky, o grande escritor satírico da República de Weimar. En 1922 trasladouse a Italia, onde permaneceu dous anos e escribiu o libro Fascismus in Italien, aparecido en Berlín en 1926. Tamén viaxou por España, o Marrocos español e Francia. En 1926 converteuse en redactor político de Volkstimme, xornal socialdemócrata de Francfort e recibiu, polo seu libro sobre o fascismo e a súa actividade editorial a favor da paz, o premio Filehne, concedido por unha institución estadounidense. Durante os cinco anos que preceden á toma do poder polos nazis en 1933, colabora en diversos xornais berlineses, e cando en 1932 von Ossietzky é encarcerado baixo a acusación de alta traizón, Kaminski participa na redacción dos editoriais de Volkstimme, onde propugna a unión de comunistas e socialdemócratas para frear o nazismo. En 1933, nas vésperas do incendio do Reichstag, abandona Alemaña e refúxiase en Francia. Nos medios da emigración alemá sostén unha posición revolucionaria contraria tanto á socialdemocracia como ao stalinismo: é o momento en que se achega aos anarco-sindicalistas da AIT. En setembro de 1936, chega a Barcelona, onde estará até febreiro de 1937, e ese mesmo ano aparecerá nas Editions Denoël de París, Ceux de Barcelonne (1). Vive en París, refuxiado. Na capital francesa relacionarase con outro ilustre exiliado, Walter Benjamin (2). Na mesma editorial Denoël e o mesmo ano de 1937, poucos meses despois do libro de Kaminski, publicará Louis-Ferdinand Céline o seu libelo Bagatelles pour un massacre. O seu interese cada vez maior polo anarquismo, lévao a escribir unha biografía de Bakunin, Bakunin, la vie d’un revolutionnaire, publicada en 1938 pola parisiense Aubier-Montaigne –tanto esta biografía como o libro sobre os anarquistas de Barcelona foron redactados en francés. Este mesmo 1938, as Nouvelles Éditions Excelsior de París publican o panfleto que agora traducimos ao galego: Céline en camisa parda ou o mal do presente.
Bagatelles pour un massacre fora recibido xubilosamente pola crítica francesa, poucos se atreveron a denunciar o antisemitismo e pro-nazismo de Céline: os «críticos», entre eles André Gide, vían nese infame panfleto só un grande «exercicio de estilo» e loaban a calidade literaria do libro celiniano. Poucas foron as voces discordantes, á parte de Kaminski, o poeta surrealista exipcio Georges Henein, admirador de Céline, que titulou a súa recensión de Bagatelles…, «Adieu à Céline», e case ninguén máis. Dos anos que van desde o seu regreso de Barcelona a 1940, colabora na prensa anarquista, mais tamén no Mercure de France e nos Cahiers Bleus. En 1940, fuxindo dos nazis abandona Francia e chega a Lisboa coa súa compañeira Anita Kanfunkel, onde permaneceu varios meses e onde escribiu un Journal de Lisbonne cuxo manuscrito se perdeu. Grazas á intervención do anarquista español Diego Abad de Santillán, que coñecera en Barcelona, Kaminski e a súa compañeira poden emigrar á Arxentina en 1941. Neste país, un ano antes, publicarase, traducido do francés, e por mediación de Abad de Santillán, El nazismo como problema sexual. Ensayo de psicopatología.
Unha vez chegado á Arxentina, o rastro de Kaminski perdeuse. Segundo uns autores morreu neste país en 1963. Segundo outras fontes, en París, en 1961.
***
CÉLINE EN CAMISA PARDA OU O MAL DO PRESENTE (3)
En lembranza de Carlo Roselli
Revolucionario en Italia
Soldado da liberdade en España
Asasinado polo fascismo internacional
I
Viaxe ao fin dun día
Insultádeme/ ou non me conteño.
Céline estaba descontento. A vida facíaselle difícil, era intolerábel.
Os días pasaban sen o menor noxo. Para que introducirse na casa para evitar a porteira, xa que ela sorría cada vez que o encontraba? O dispensario? Era a mantenta que se afixera a chegar tarde. Ninguén, non obstante, lle dicía nada.
Ollaba a súa mesa de traballo. Só críticas favorábeis. Ao miralas, sempre tiña preparado un gran lapis azul para subliñar os ataques: non había nada.
A súa ollada foise para o correo que se amoreaba. Ai!, só había cartas de admiradores, peticións de autógrafos, obras escritas a imitar o seu estilo que lle enviaban autores novos á procura de aprobación e de recomendación. Para se incomodar, era en verdade necesario escoller algunhas cartas de pedichóns e de vendedores de autos, mais, en fin, iso non abondaba para entrar en transo.
Fáltanme odios, pensou. Estou seguro de que existen. Mais, como atopalos?
A noite achegábase. O crepúsculo envolvía a rúa cunha néboa melancólica. Aínda que fose inverno, Céline non prendera calefacción central. Quería ter frío, estar só e desesperar. Con precaución achegouse á fiestra e mirou fóra, sen erguer a cortina, atento a que non o visen. Non obstante, non o vía ninguén… Caera tan baixo que ninguén o espiaba, que ninguén o perseguía?
É unha trampa, díxose. Queren apañarme. Pensan durmirme… Renderme?… Non, nunca! Provocareinos. Obrigareinos a odiarme… Non quero perderme na mediocridade, que sería o fin e o esquecemento… Reaccionarei.
Mais esperaba en van a faísca creativa.
Non podo asombralos mediante unha paxarela e un chapeu de longas abas, reflexionaba. O xénero bohemia hoxe só ten como efecto espertar a indulxencia da xente… Tentar escribir como Paul Valéry? Algúns críticos encheríanme de loanzas e podería gañar premios literarios de cinco centos francos… Converterme con grande estrondo ao catolicismo e tomar os hábitos? O saio non me iría mal, mais isto fai demasiado antigo socio da Comedia Francesa… Podería tamén envelenar os membros da Academia Goncourt. Un oficial austríaco matou a todos os seus compañeiros de promoción que ían diante del, enviándolles veleno en forma de pílulas contra a debilidade sexual. Só que douscentos escritores franceses me felicitarían… Cómpre achar outra cousa.
Desde había varias semanas estaba á procura dunha idea. Non habería verdadeiramente nada que os fixese alporizar? Era necesario enlouquecelos de ira, a todos, sen excepción, aos aristócratas tanto como aos obreiros, sen falarmos dos burgueses.
Mais non achaba a provocación axeitada. Por máis que camiñaba durante longas horas –prudentemente, ben entendido, e sempre lonxe dos paseantes–, a única cousa que descubría era nomes de tendas que, como moito, podían servir para os personaxes dunha novela.
Chegou un domingo, un domingo máis nestas semanas de miseria! Céline corría sempre detrás da súa provocación, como outros detrás dunha muller, un emprego ou o éxito. Camiñaba sen meta, sen saber onde estaba. Non se decataría que chegara ao mercado das pulgas se a súa atención non fose espertada polo encontro imprevisto con Paul Morand (4).
O gran poeta estaba conversando animadamente con dous anticuarios xudeus. Cheo de atencións, semellaba envolvelos de amabilidades, e os seus ollos de grande explorador de países remotos e de cabarés eran doces e suplicantes. Tendíalle varias das súas oras como se quixese venderllas.
–Que fai aquí?, preguntoulle Céline cun ton ríspeto. A súa zona está nos Campos Elíseos e rúas adxacentes.
Paul Morand estaba visibelmente incómodo. Apresurouse a despedirse cortesmente dos dous anticuarios. Logo saudou a Céline cun sorriso un pouco forzado e conseguiu arrastralo a un café.
Era a hora do aperitivo. Os dous homes non resistían a chamada desta hora sagrada e, aínda que Céline só tomou unha botella de Vichy, intercambiaron axiña confidencias.
–Porque me é moi simpático, voulle dicir a verdade, dixo Paul Morand despois dalgúns vasos. Non é para situar unha escena que deixei o meu barrio. Fun ao mercado das pulgas porque me fai falta unha panca. Quizais xa saiba que quero propor a miña candidatura á Academia Francesa. Teño necesidade de apoios.
–E procúraos no mercadiño?
–Precisamente. Non sabe que a Academia está completamente influída polos xudeus? Todos os académicos son xudeus e manteñen firmemente as rendas das eleccións. Os dous anticuarios cos que me viu falar son xustamente Grandes Electores.
Céline comezou a prestar atención.
–Si, continuou Paul Morand. É unha vergoña! Toda Francia está dominada pola xudaría. Coñece a historia de Saumur?… Pois ben, esa cidade esta chea de xudías, ricas e guapas, enviadas polos Sabios de Sión.
–Saumur?
–Perfectamente. Porque alá está a Escola de Cabalaría.
–Mais para que?
–Para casar con mozos aristócratas. Non sabe que os xudeus sacrifican cada ano algunha das súas mulleres para corromper así o sangue dos pobos arios, a comezar pola aristocracia? O propio Hitler afírmao en Mein Kampf.
–É abominábel!, berrou Céline. Déixame amolado. Hai que impedir ese crime como sexa, e non sabe que feliz me sinto por achar en vostede un home que ve claro nesta materia.
–Nin que o digas, meu caro! Coñezo os trucos dos hebreos, mais gárdome ben de emporcalos. A miña candidatura estaría acabada.
Céline estremeceuse.
–Estou magoado, dixo, de oírlle usar unha linguaxe tan ordinaria. As súas obras, tan ricas de ideas xenerosas e profundas, afixéronme a outra fala.
–Merda!, respondeu Paul Morand. E ti que?
–A literatura, suspirou Céline, lévame ás veces a me afastar da verdadeira linguaxe da miña alma, que me arrastra cara aos contos inocentes e os ballets sentimentais. Fálolle agora nos termos que a súa presenza me inspira, tanto máis que son desgraciado e estou desamparado. Deixoume vostede entrever a posibilidade de salvar os pobos arios da funesta influencia dos xudeus. Unamos xa que logo as nosas forzas e os nosos talentos e camiñemos xuntos nesa cruzada sagrada!
Mais Paul Morand moveu a cabeza.
–O carallo! A min non me levas. Non teño necesidade de me facer romper a cachola.
–Así eu morra, berrou Céline, combatereinos! Agora xa coñezo o meu camiño. Continuarei a obra de Vercingertorix, devolverei Francia aos gauleses e purificareina do xerme da descomposición que nos veu do estranxeiro desde César. Eis finalmente o meu tema! Darame a ocasión de provocar a todo o mundo, de atraer todos os odios e de gañar millóns. Abriume novos horizontes, caro Morand.
II
Rúa Roquépine
Ningunha diferenza, declaro, entre a paz xudía e a paz alemá… E eu prefiro a paz alemá non importa cando.
Céline
A Casa parda non se distinguía en ningunha maneira dos outros inmóbeis da rúa Roquépine. Mesmo no interior, nada de cruces gamadas, nada de camisas pardas. Como moito, retratos de Hitler.
O personaxe que recibiu ao visitante non tiña, tampouco, nada de extraordinario. Era correcto, cortés e ía ben vestido. Levaba o título de xefe de prensa. Nada delataba nel o axente da Xestapo.
–Heil Hitler!
–Heil Hitler!
Por vez primeira, Céline saudou á alemá.
Despois recitou as súas calidades e pediu documentos sobre a cuestión xudía.
O xefe de prensa sorriu.
–Vese ben, dixo, que é vostede un principiante. O antisemitismo é un sentimento ou, se vostede quere, un resentimento. Non ten, por tanto, necesidade de ser probado. Non hai nada a facer coa razón… O ario non razoa: cando o fai, xa está baixo a influencia do espírito xudeu.
–É necesario con todo explicar os seus rancores e facelos plausíbeis.
O xefe de prensa púxose ríxido.
–Supoño que non será vostede un home de boa fe?, preguntou, repentinamente desconfiado.
Céline apresurou a tranquilizalo sobre as súas verdadeiras intencións. Case se sentiu ofendido. El, un home de boa vontade? Estaba orgulloso de ser sempre e en todas as circunstancias de mala fe. E dubidalo era case unha ofensa.
Forneceu algúns exemplos da súa terminoloxía literaria e o nazi tranquilizouse enseguida. Esas expresións lembrábanlle o que máis quería: os cuarteis e as prisións da patria.
–Camarada, declarou, a empregar a fórmula usada entre os membros do partido, ben vexo que é dos nosos. Comprendo tamén que desexa ter argumentos para desenvolver as súas conviccións. Mais, unha vez consciente da nosa superioridade racial, vostede posúe a verdade, e os pormenores e a propaganda non contan. Non ten porque envurullarse con feitos e cifras. Un bo nazi non busca referencias, invéntaas. Ningún de nós leu o Talmud e vostede tampouco o fará. Iso non lle impide citalo.
–Ten razón, respondeu Céline. Os falsos testemuños sempre valen máis que os verdadeiros.
–Seguro. Colla unha estatística. Quizais é equívoca, ou mesmo desfavorábel. Ora, nós sabemos que os nosos principios son xustos. Deixaremos que algunhas cifras os obstrúan? Evidentemente, sería ridículo; un perfecto antisemita fabrica el mesmo as súas estatísticas, desta maneira son máis útiles, por tanto, máis verdadeiras que as estatísticas exactas porque corresponden a unha verdade máis profunda.
–Farei o mesmo, berrou Céline.
–Se o fai baixo unha forma científica e con moitos pormenores, moita xente o aceptará. E, sobre todo, non tema as protestas dos adversarios. Só ten que declarar anticipadamente que os seus contraditores son xudeus ou ao servizo dos xudeus.
–É un medio asombroso!
O xefe de prensa estaba visibelmente afagado.
–Si, dixo modestamente, nós non traballamos mal.
Por momentos era mesmo magnánimo.
–Entenda que non ten necesidade de refacer o noso traballo e inventar argumentos que, no noso país, son moeda corrente. Sería mesmo perigoso, porque os seus poderían diverxer dos nosos ou, o que sería peor aínda, contradicilos. Eu enviareille todo o que lle faga falta. O fardo sería demasiado pesado de levar.
–Falemos agora de negocios, dixo Céline.
–O seu libro será, naturalmente, traducido ao alemán como todas as obras antisemitas.
–E os meus dereitos?
–Os dereitos de autor son neste caso pagados no estranxeiro, o marco vale doce francos.
–Que tiraxe me garante e que porcentaxe?
–Depende. Temos unha escala móbil. Para as obras simplemente antisemitas pagamos o vinte e cinco por cento e a tiraxe non supera polo xeral os dez mil exemplares. Mais se o autor segue as nosas directrices e defende as nosas reivindicacións políticas, podemos ir até o trinta e mesmo o trinta e cinco por cento e a unha tiraxe garantida de cincuenta mil exemplares. Evidentemente, para obter estas condicións, é necesario que o seu libro corresponda enteiramente aos nosos intereses. Teña en conta, ademais, que en Alemaña os libros custan moito máis caros que en Francia. Pode contar que o prezo é cando menos o dobre.
Céline fixo un pequeno cálculo.
–Ben, de acordo. Cincuenta mil exemplares e o trinta e cinco por cento.
III
Masacre por bagatelas
Así que vostede está cos opresores?
Anatole France
Eu fun un grande admirador de Céline e amaría continuar a selo. Mort à crédit era –e continúa a ser– para min un dos libros máis potentes do noso tempo, porque explora rexións descoñecidas da alma humana e as describe da maneira máis vigorosa. A oposición entre a ruda linguaxe e a atmosfera melancólica do libro faino, para o meu gusto, máis fermoso. Como non discernir a través dos seus horrores un corazón magoado, que é o do autor? En verdade, inspirábame unha especie de compaixón.
Despois foi Mea culpa (5), e comecei a comprender que Céline non evitaba nin os escollos do seu talento nin os do seu temperamento. Para evitar todo equívoco, debo dicir que a min tamén me repugna o que acontece en Rusia, mais, é necesario converterse en reaccionario porque a revolución rusa dexenerou como, cando menos até o presente, todas as revolucións? É necesario, porque Stalin se converteu nun déspota demagóxico, recorrer a outras demagoxias máis antigas, máis experimentadas, máis inveteradas? É preciso, porque unha administración omnipotente se viste en Rusia dunha caricatura de poder proletario, abandonar toda solicitude e todo respecto polos humildes, os oprimidos, os que sofren, moitas veces inconscientemente, como o rapaz de Mort à crédit?
Que non se diga que o escritor é un cego que apalpa na escuridade, empurrado e guiado por impresións que se transforman en ideas claras sen el sabelo. Non se cuspe unha obra de arte. Sen coñecer os métodos do traballo de Céline, estou seguro de que todo o que produce é o froito dun labor encarnizado e paciente. En verdade, saber como abrollan as ideas é un misterio impenetrábel, mais o artista descóbrese traballándoas, e é precisamente este traballo que fai do escritor o ser máis concienzudo e máis consciente. Así, é preciso recoñecer que Bagatelles pour un massacre ten un alcance político que o autor percibe con toda claridade, tanto máis tendo en conta que a súa torre de marfil é un dispensario de Clichy.
Céline declara que non é un renegado. Sería, con efecto, de mal gusto reprocharlle que traizoou os seus lectores máis comprensivos: todo autor é libre de considerar os seus lectores como amigos ou inimigos. Tratalos como inimigos é o que, aparentemente, prefire Céline.
Mais, mesmo se non traizoou as súas conviccións, traizoou os seus instintos, as súas orixes, as súas experiencias, o seu oficio de médico. Toda a súa vida levárao, até hoxe, a se debruzar sobre os sufrimentos humanos. Agora, reacciona contra a súa propia natureza e ataca os débiles. Quizais ama ter vergoña e deléitase coas dores que sinte inflixíndoas aos outros. O torturado convértese así en torturador e, xa que, con razón ou sen ela, acha que é perseguido por algúns médicos, algúns compositores, algúns críticos xudeus, substitúeos por unha comunidade imaxinaria e ataca a todos os xudeus coa esperanza de ser perseguido aínda máis. Eilo enriba da sela, a lanza en riste –cabaleiro sen medo e sen reproches!
Hai cinco anos leríase este anaco de literatura como se asiste a un torneo a fin de contas inofensivo. Non obstante, desde 1933 Hitler está no poder. Céline, ao se lanzar sobre os xudeus, pensa que é audaz e orixinal, mais comparado cos nazis non é, a pesar de todos os seus esforzos, máis que un antisemita falido, que un mesquiño principiante que se adianta aos verdadeiros matamouros racistas.
Heinrich Heine –un xudeu e por riba de todo un meteco– fala do fantasma que, espada na man, o persegue durante unha noite polas rúas de Colonia para executar os inimigos que o poeta só ataca na imaxinación. «Eu son a acción dos teus pensamentos!», declara este fantasma-vingador.
Esta vez é o poeta quen segue ao verdugo.
***
NOTAS
(1) Deste libro existen edicións española, Los de Barcelona, e catalá, Els de Barcelona, ambas publicadas por, Edicions del Cotal, Barcelona, 1977.
(2) A finais de febreiro inicios de marzo de 1940, Walter Benjamin envía a Rudolf Olsen (1885-1940), xurista e escritor que abandonara Alemaña en 1933 e vivía desde 1934 en Inglaterra, onde dirixía a «Sección de emigrados alemán do Pen-Club», a seguinte carta:
«Caro Señor,
O Sr. H.-E. Kaminski, que desexa adherirse ao Pen-Club –sección de emigrados alemán [desde había pouco máis dun mes Benjamin fora aceptado como membro desa sección]– rogoume proporlle a súa admisión. Responsabilízome con moito gusto dicirlle que o Sr. Kaminski gañou a miña simpatía tanto polo seu talento como pola súa probidade. Estaría moi contento de saudalo como membro do Pen.
Reciba, caro Señor, a expresión dos meus máis sinceros sentimentos.
Walter Benjamin»
(3) O panfleto de Kaminski apareceu por vez primeira en París, publicado por Nouvelles Éditions Excelsior, en 1938. Reeditado en 1997 por Éditions Mille et une nuits, Paris; é a partir desta edición que se fixo a presente versión.
(4) Paul Morand (1888-1976), coñecido escritor francés. Amigo de Proust, converteuse subitamente, a mediados dos anos 1920, ao antisemitismo. Durante a Segunda Guerra Mundial, coa ocupación de Francia por Alemaña, optou pola colaboración e foi embaixador do goberno colaboracionista do mariscal Pétain en Romanía. Despois de 1945, viviu exiliado durante dez anos en Suíza. Cando foi elixido para a Academia Francesa, en 1968, contrariamente á tradición, o novo académico non foi recibido polo presidente da República, o xeneral de Gaulle. Entre as súas obras destacan Ouvert la nuit, Tendres stocks, etc. (Ndt.)
(5) Escrito de Céline publicado en decembro de 1936, despois do seu regreso da URSS, onde fora convidado polo matrimonio, militantes e figuras literarias do Partido Comunista Francés, Louis Aragon-Elsa Triolet, esta última a tradutora ao ruso de Viaxe ao cabo da noite (Ndt.)
You might also like
More from Críticas
Sobre “Estado Demente Comrazão”, de Paulo Fernandes Mirás | Alfredo J. Ferreiro Salgueiro
Estado Demente Comrazão é um livro complicado. É por isso que não está na moda. Parabéns ao seu autor!
O tempo das “Não-Coisas”. E o uso excessivo das redes sociais segundo Byung-Chul Han
"O que há nas coisas: esse é o verdadeiro mistério" Jacques Lacan Agarramos o smartphone, verificamos as notificações do Instagram, do Facebook, …