Cúmprese este ano o centenario do nacemento do pintor Mario F. Granell (A Coruña, 1914-Vigo, 1991), un artista merecente dun recoñecemento a unha traxectoria vital, ética e estética, comprometida cos valores progresistas.
A evolución artística de Granell desenvolveuse fondamente condicionada polas intensas e dramáticas experiencias persoais. Iniciada na súa mocidade na Compostela republicana, a súa formación estivo marcada pola aprendizaxe co pintor Camilo Díaz Baliño. Como é ben coñecido, o seu mestre foi asasinado en agosto de 1936; ao tempo, Mario tamén sería vítima da represión fascista, sendo detido en 1937 -condenado a morte, nunha pena logo conmutada- e sufrindo prisión até 1942.
Neste período, e encarcerado na prisión d’A Coruña, realiza unha obra de enorme singularidade, marcada por un onirismo surrealista moi persoal de grande forza lírica e cromatismo vivo, que reflicte unha actitude esperanzada en medio da súa dramática situación. Son boa proba deste momento vital e estético obras como Libres como o vento (1938) ou as ilustracións do libro Poema en cinco voces (1940). É moi interesante constatarmos que o pintor, coa súa linguaxe vangardista, aposta por unha disidencia tamén artística cos modelos estéticos dominantes dos sublevados. Neste sentido é ben ilustrativa unha obra como Parrondo e Tomasín no cárcere (1938), que recolle unha escena de prisión cunha atrevida sinxeleza que se nos aparece como plenamente moderna. Este retrato de dous compañeiros de condena contrasta vivamente coa retórica do retrato fascista -hexemónico nesta altura- no que dominaba un estilo figurativo clasicista, ao servizo dun contido que enxalzaba a ideoloxía do novo réxime franquista, coas representacións do poder, da familia e dos traballadores como portadores dos valores tradicionais, nun universo de idealizado equilibrio, que chocaba fortemente coa realidade social desta altura.
Logo da súa posta en liberdade en 1942, Mario Granell comeza a realizar murais e debuxo publicitario para subsistir, traballando, por exemplo, para a empresa Fraga en Vigo. Deste período temos obras moi variadas -non poucas pro pane lucrandi, como unha serie de esmaltes costumistas-. En xeral, nos traballos destes anos podemos percibir afinidades co mundo formal do Movemento Renovador, por exemplo con certas obras de Arturo Souto ou mesmo de Laxeiro (Escena mariñeira, 1950). Destacan tamén as súas colaboracións como ilustrador en carteis e na prensa, velaí as súas viñetas para o xornal compostelán La Noche ou as ilustracións para revistas como a literaria Alba, que dirixía en Vigo Ramón González-Alegre.
Do punto de vista artístico, Mario Granell atinxe a súa plenitude no período que comeza coa súa marcha para Venezuela en 1957. En América traballa como deseñador gráfico ao tempo que a súa pintura adquire unha solidez plástica e unha linguaxe propia tendo como referente o surrealismo.
Na súa obra, a visión surrealista ponse frecuentemente ao servizo de experiencias persoais e políticas (Condenados, 1973; Vivencias dunha guerra civil, 1978; Pranto de dor e carraxe pola morte de Celso Emilio Ferreiro, 1979). A relación persoal co contexto cultural é unha constante na súa obra, podéndose percibir tamén algunha confluencia con certo surrealismo americano como o de Wifredo Lam ou mesmo o do seu irmán Eugenio Granell.
Mario Granell crea un estilo dun cromatismo nítido e dunha planimetría espacial poboada de seres e obxectos, que delata en ocasións a influencia do ambiente tropical. A idea do encontro (Reunión, 1972), frecuente no artista, é elaborada a partir do mecanismo surreal dos misterios que provocan estrañas confluencias, mais a carga vivencial e social dos temas tratados tampouco non pode pasar desapercibida.
Non é raro percibir nestas obras o mecanismo do fixar imaxes dun mundo imaxinado, realizando unha atractiva síntese do pictórico e o poético, creando auténticas metáforas plásticas. Podemos daquela seguir a evolución do estilo de Mario Granell para o que o evocativo se torna elemento central. Ás veces fusiona o simbólico e o vivencial; noutras traballa cun tratamento achegado á abstracción, cun linealismo moi remarcado, en ocasións remitindo a un referente social, como fai en pinturas dos seus anos finais, de grande calidade e sintetismo. Trátase de obras elaboradas despois da súa volta a Galiza en 1981, que se afastan da evidencia figurativa, como As rúas encarceradas (1981), Estampas de longa e dolorosa espera (1986) ou O paxaro que bateu as súas ás (1987), exemplos brillantes do proceso depurativo ao que o artista someteu a súa obra. Nestes traballos a evocación do título, sempre importante para o pintor, aínda se torna máis significativa. Trátase de títulos que nos levan a un ámbito social, sempre referencia para un artista para o que vida, obra e compromiso social forma un todo indisolubelmente unido.
You might also like
More from Carlos L. Bernárdez
Un pintor que sabía o que facía. Achegas á obra pictórica de Luís Seoane, com entrevista ao seu autor
NOTA DE PALAVRA COMUM: O nosso colaborador permanente, Carlos L. Bernárdez, publica em Laiovento "Un pintor que sabía o que …
Linguaxes de vangarda: Seoane e Granell
Seoane e Granell entre Galicia e América. Unha mostra na Galería Montenegro (Vigo) Os pintores galegos Luís Seoane e Eugenio F. …