Cúmprense este 2015 os cen anos do nacemento de Antonio Lago Rivera (A Coruña, 1916-París, 1990). O noso pintor pertenceu a unha xeración de artistas galegos formada na posguerra que foi protagonista unha nova diáspora -a anterior fora a do exilio republicano provocado pola vítoria franquista-, esta vez dirixida cara ao centro do sistema cultural dominante, Madrid, nun período en que o espazo cultural galego no propio país ficaba reducido á mínima expresión e non garantía practicamente ningunha proxección para os artistas. Os creadores da súa xeración -en Galicia e no Estado Español- terán grandes dificultades para recuperaren as angueiras e propostas da preguerra no contexto dunha España “en estado de convalecencia”, como a definiu José Carlos Mainer, un mundo violentamente separado de toda a produción cultural do exterior e en que a represión contra toda disidencia, tamén na orientación cultural, silencia e escurece moitos ámbitos de creación.
Antonio Lago Rivera estuda nos anos corenta na Academia de Bellas Artes de San Fernando de Madrid e completa a súa formación cunha primeira estadía parisiense. En 1945 participou na exposición La joven Escuela Madrileña, organizada pola librería-galería Buchholz, en que deu a coñecer o seu espírito renovador, espírito que compartía cos seus amigos Antonio Valdivieso, Carlos Pascual de Lara e José Guerrero.
Da formación académica e da inquedanza renovadora pola arte internacional vai xurdir a súa obra, que conseguirá afianzar a súa identidade en diferentes ámbitos histórico-sociais e artísticos, que a porán a proba e someterán a variados retos.
Nos anos corenta realiza unha pintura dunha figuración maxicista e primitivista, en diálogo cos realismos europeos, co expresionismo e o surrealismo. Son obras que semellan remitir a unha arte sen codificar, non contaxiada pola racionalidade clasicista nin polo gusto máis académico, con algo de primario, de contacto cunha natureza primordial, co cósmico e o telúrico, expresando nunha evidente simplicidade de formas. A Paisaxe azul (1947, colección particular), pintada como moitas outras obras deste tempo en San Pedro de Nós, moi perto d’A Coruña, ou ou o Paraíso terreal (1948, colección particular) son exemplos perfectos, e de grande calidade, deste momento evolutivo do artista.
Paisaxe azul, 1947
Nos anos cincuenta asume a abstracción no París do tachismo -onde se vai instalar- e dos informalismos, en relación coas grandes figuras da pintura internacional coas que chega a expor (José Guerrero, Karel Appel, Asger Jorn, Georges Mathieu, Antoni Tàpies, Antonio Saura, Mark Rothko…), e en contacto -nunca mimético- con movementos como a Art brut, CoBRA, Expresionismo abstracto…
No París que se encontra Lago Rivera, en 1952 o crítico Michel Tapié publica Un art autre où il s’agit de nouveaux dévidages du réel, dando un pulo definitivo á abstracción informalista cando, tamén na capital francesa, se asiste á penetración da action painting norteamericana.
Fronte a todos estes estímulos, o noso pintor vai reaccionar iniciando unha viraxe que o levará á abstracción. A partir de 1951 pinta paisaxes moi esquemáticas de vivo cromatismo e xa nos encontramos cunha pintura plana, de liñas finas e cunha tendencia a esluír formas secundarias.
Pintura, 1953
A partir de 1953 dá paso a cadros abstractos de carácter xeométrico (Pintura, 1953) e en 1954 xa se plasma esta evolución nunhas formas planas con liñas cada vez máis movidas con cores simples e fondos brancos, cinsentos ou azuis (Pintura, 1955). Entre 1954 e 1956 Lago abandona a xeometría seguindo un camiño abstracto no que dominan os fondos empastados, cinsentos e terrosos. Utiliza manchas de cor -terras- con liñas que logo desaparecen para ficar o lenzo, a partir de 1956, cuberto enteiramente con grosas camadas de materia logradas con pincel e espátula, un estilo que, no básico, perdura nas obras dos seguintes anos. Entre 1958 e 1959 a pintura faise menos empastada, aparecendo de novo os azuis, os vermellos, os amarelos, en tons suaves e formas de cor en grandes espazos. Estamos perante o que será o estilo final abstracto de Lago Rivera, moi achegado ao chamado en Francia nuagisme, literalmente “nubismo”, un termo artístico proposto en 1950 polo crítico Julien Alvard.
Pintura, 1955
RETORNO Á FIGURACIÓN
Os anos 1961 e 1962 marcarán o final desta abstracción nuagiste e o definitivo regreso do pintor á figuración, xa debedora dos logros da súa experimentación colorística abstracta. A partir desta altura a súa arte vai variar pouco. Estamos perante o Lago máis recoñecíbel, o de neboentas paisaxes, esfumadas figuras femininas, esluídos interiores ou equívocas naturezas mortas. O que nos ofrece o artista é unha pintura que, no esencial, reformula unha retórica de xénero, aínda que a partir dos setenta inserirá contidos irónicos, sarcásticos e de crítica social, aspectos que estarán presentes en toda a súa obra final.
You might also like
More from Carlos L. Bernárdez
Conexións surrealistas: Colmeiro, Granell e o surrealismo no exilio | Carlos L. Bernárdez
A Fundación Eugenio Granell alberga a exposición Conexións surrealistas. Colmeiro, Granell e o surrealismo no exilio, un proxecto comisariado por …
As leccións do mestre Castelao
O chegada do óleo A derradeira leición do mestre, propiedade do Centro Galicia de Buenos Aires e agora exposto na …