VII
TRISTEZAS DE INFANCIA
El e máis as súas tres irmás eran moi novos cando morreu seu pai, deixando á súa nai unha considerábel fortuna, unha verdadeira fortuna de comerciante inglés. O luxo, o benestar, a vida folgada e magnífica son condicións moi favorábeis ao desenvolvemento da sensibilidade natural do neno. «Ao non ter máis camaradas que tres inocentes irmanciñas, durmindo ademais sempre con elas, encerrado nun fermoso e silencioso xardín, lonxe de todos os espectáculos da pobreza, da opresión e da inxustiza, non podía, afirma, sospeitar a verdadeira complexidade deste mundo.» Máis dunha vez deu grazas á Providencia por este privilexio incomparábel, non só por crecer no campo e na soidade, «senón, ademais, por ser os seus primeiros sentimentos modelados polas máis doces das irmás, e non por horríbeis irmáns sempre dispostos ás puñadas, horrid pugilistic brothers.» Con efecto, os homes que foron educados por mulleres e entre mulleres non son do todo igual aos outros homes, supondo tamén a igualdade no temperamento ou nas facultades espirituais. O arrolo das nutrices, os mimos maternais, as garatuxas das irmás, sobre todo das irmás maiores, especies de nais en diminutivo, transforman, por así dicilo, amasándoa, a pasta masculina. O home que, desde o inicio, foi moito tempo bañado na tenra atmosfera da muller, no cheiro das súas mans, do seu seo, dos seus xeonllos, da súa cabeleira, dos seus vestidos lixeiros e flotantes
Dulce balneum suavibus
Unguentatum odoribus (14),
contraeu unha delicadeza de epiderme e unha distinción de acento, unha especie de androxinia, sen as que o xenio máis áspero e máis viril fica, en relación á perfección na arte, un ser incompleto. En fin, quero dicir que o gusto precoz do mundo feminino, mundi muliebris, de todo este aparato ondeante, escintilante e perfumado, crea os xenios superiores. E estou convencido de que a miña moi intelixente lectora absolve a forma case sensual das miñas expresións, como aproba e comprende a pureza do meu pensamento.
Jane foi a primeira en morrer. Mais para o seu irmán pequeno a morte aínda non era unha cousa intelixíbel. Jane só estaba ausente; regresaría, sen dúbida. Unha criada encargada de atendela durante a súa doenza, tratáraa un pouco duramente dous días antes da súa morte. O rumor chegou a oídos da familia e, a partir dese momento, xa non puido o neno ollar aquela rapaza de fronte. En canto aparecía, chantaba a ollada no chan. Non era cólera, non era espírito de vinganza que intenta disimular, era, simplemente, pavor; a sensibilidade que se afasta dun contacto brutal; terror e presentimento mesturados era o efecto producido por esta horríbel verdade, por vez primeira revelada, de que este mundo é un mundo de desgrazas, de loita e de proscrición.
Mais a segunda ferida do seu corazón de neno non foi tan fácil de cicatrizar. Morreu á súa vez, despois do intervalo dalgúns anos felices, a querida, a nobre Elisabeth, intelixencia tan nobre e tan precoz, que sempre lle semella, cando evoca o seu doce fantasma nas tebras, ver arredor do seu amplo fronte unha auréola ou unha tiara de luz. O anuncio do fin próximo desta querida criatura, dous anos maior que el, que exercía xa tanta autoridade sobre o seu espírito, encheuno dun desespero indescritíbel. O día que seguiu a esta morte, como a curiosidade da ciencia aínda non violara este despoxo tan precioso, decidiu volver a súa irmá. «Nos nenos, a mágoa ten horror da luz e foxe das olladas humanas.» Tamén esta visita suprema debía de ser secreta e sen testemuñas. Era mediodía, e cando entrou na habitación, o primeiro que atoparon os seus ollos foi unha gran xanela, aberta de par en par, pola que un ardente sol de verán precipitaba todos os seus esplendores. «O ar era seco, o ceo sen nubes; as profundidades azuladas aparecían como un modelo perfecto de infinito e era imposíbel ao ollo contemplar, e ao corazón concibir, un símbolo máis patético da vida e da gloria na vida.»
Unha gran desgraza, unha desgraza irreparábel que nos golpea na bela estación do ano, comporta, diríase, un carácter máis funesto, máis sinistro. A morte, xa o sinalamos, penso, na análise das Confesións, aféctanos máis fondamente baixo o reinado pomposo do verán. «Prodúcese entón unha antítese terríbel entre a profusión tropical da vida exterior e a negra esterilidade da tumba. Os nosos ollos ven o verán, e o noso pensamento frecuenta a tumba; a gloriosa claridade está arredor de nós e en nós as tebras. Estas dúas imaxes, ao entraren en colisión, préstanse reciprocamente unha forza esaxerada.» Mais para o neno, que será máis tarde un erudito cheo de espírito e de imaxinación, para o autor das Confesións e das Suspiria, outra razón ademais que este antagonismo asociara xa solidamente a imaxe do verán á idea da morte –razón tirada das relacións íntimas entre as paisaxes e os acontecementos descritos nas Sagradas Escrituras. «A maior parte dos pensamentos e dos sentimentos profundos véñennos, non directamente e nas súas formas núas e abstractas, senón a través de combinacións complicadas de obxectos concretos». Desta maneira, a Biblia, que unha criada lía aos nenos nas longas e solemnes veladas de inverno, contribuíra fortemente a unir estas dúas ideas na súa imaxinación. Aquela moza, que coñecía Oriente, explicáballes os climas, así como os numerosos matices dos veráns que os compoñen. Era baixo un clima oriental, nun deses países que semellan agraciados por un verán eterno, que un xusto, que era máis que un home, sufrira a súa paixón. Era evidentemente en verán que os discípulos arrancaban as espiñas do trigo. O domingo de Ramos, Palm Sunday, non axudaba tamén a alimentar esta ilusión? Sunday, día de descanso, imaxe dun decanso máis fondo, inaccesíbel ao corazón do home; palm, palma, unha palabra que implica á vez ás pompas da vida e as da natureza estival! Co domingo de Ramos aproxímase o acontecemento máis importante de Xerusalén; e o lugar da acción que esta festa rememora está moi preto de Xerusalén. Xerusalén que, como Delfos, pasou por ser o centro ou o embigo da terra, pode cando menos considerarse o centro da mortalidade, porque, se ben alí a Morte foi tripada, é alí tamén onde abriu o seu máis sinistro cráter.
Foi, polo tanto, fronte a un magnífico verán cruelmente desbordante naquela cámara mortuoria, que por última vez conseguiu contemplar os trazos da querida defunta. Oíra dicir na casa que os seus trazos non foran alterados pola morte. A fronte era a mesma, mais as pálpebras xeadas, os labios pálidos, as mans ríxidas impresionárono horribelmente; e mentres el, inmóbil, a miraba, elevouse un vento solemne e púxose a soprar violentamente, «o vento máis melancólico, di, que nunca oín». Moitas veces, desde entón, durante os días de verán, no momento en que o sol quenta máis, oíu levantarse o mesmo vento, «inchando a mesma voz profunda, solemne, memnoniana, relixiosa». É, engade, o único símbolo da eternidade que o oído humano pode percibir. E tres veces na súa vida oíu o mesmo son, nas mesmas circunstancias, entre unha xanela aberta e o cadáver dunha persoa morta un día de verán.
Repentinamente, os seus ollos cegados polo resplandor da vida exterior e comparando a pompa á gloria dos ceos co xeo que cubría a cara da morta, tiveron unha estraña visión. Unha galería, unha bóveda semellou abrirse a través do azul un camiño prolongado até o infinito. E o seu espírito elevouse sobre as ondas azuis; e as ondas e o seu espírito botaron a correr cara ao trono de Deus; mais o trono fuxía sen cesar perante a súa ardente persecución. Neste singular éxtase, adurmiñouse; e cando volveu en si, achouse sentado a carón da cama da súa irmá. Así, o neno solitario, abafado pola súa primeira mágoa, voara cara a Deus, o solitario por excelencia. Así, o instinto, superior a calquera filosofía, fixéralle atopar nun soño celeste un alivio momentáneo. Entón, xulgou oír pasos na escaleira e temendo, se era sorprendido neste cuarto, quixeran impedirlle retornar, beixou apresuradamente os labios da súa irmá e retirouse con precaución. O día seguinte chegaron os médicos para examinaren o cerebro; ignoraba a finalidade da súa visita, e algunhas horas despois de que se retirasen, intentou de novo deslizarse na habitación; mais a porta estaba fechada e a chave fora retirada. Foille así evitado ver, deshonrado polos estragos da ciencia, os restos daquela da que puido gardar intacta unha imaxe apracíbel, inmóbil e pura como o mármore ou o xeo.
Despois viñeron os funerais, nova agonía; o sufrimento do percorrido en coche con aqueles indiferentes que falaban de materias estrañas á súa dor; as terríbeis harmonías do órgano e toda aquela solemnidade cristiá, demasiado esmagadora para un neno, a quen as promesas dunha relixión que elevaba a súa irmá ao ceo non o consolaban de tela perdido na terra. Na igrexa recomendáronlle que se puxese un pano nos ollos. Tiña necesidade de afectar unha compostura fúnebre e xogar ao chorón, el, que apenas se podía soster sobre as súas pernas? A luz incendiaba as vidreiras coloreadas onde os apóstolos e os santos expuñan a súa gloria; e nos días que seguiron, cando o levaban a oficios, os seus ollos, fixos na parte non coloreada das vidreiras, vían sen cesar as nubes algodonosas do ceo se transformar en cortinas e en almofadas brancas sobre as que descansaban cabezas de nenos doentes, chorosos, moribundos. Estas camas pouco a pouco elevábanse ao ceo e ascendían cara ao Deus que tanto amou aos nenos. Máis tarde, moito tempo máis tarde, tres pasaxes do oficio fúnebre, que seguramente oíra pero que talvez non escoitara ou que escandalizaran a súa dor polos seus demasiado ásperos consolos, representáronse na súa memoria, co seu sentido misterioso e profundo, a falarlle de liberación, de resurrección e de eternidade, e convertéronse para el nun tema frecuente de meditación. Mais, moito antes desta época, namorárase da soidade con aquel gusto violento que mostran todas as fondas paixóns, sobre todo as que non queren ser consoladas. Os vastos silencios do campo, os veráns cribados por unha luz abafante, as tardes brumosas, enchíano dunha perigosa voluptuosidade. A súa ollada perdíase no ceo e na néboa en persecución de algo inencontrábel, escrutaba teimosamente as profundidades azuis para descubrir nelas unha imaxe querida, á que, talvez, por un privilexio especial, lle estaba permitido manifestarse unha vez máis. E con moito pesar que abrevio a parte, excesivamente longa, que contén o relato desta dor profunda, sinuosa, e sen saída, como un labirinto. Nela invoca a natureza enteira e cada obxecto, á súa vez, convértese en representativo da idea única. Esta dor, de cando en vez, fai crecer flores lúgubres e coquetas, á vez tristes e ricas; os seus acentos funebremente amorosos transfórmanse con frecuencia en conceptos. Non ten mesmo o loito os seus adornos? E non é soamente a sinceridade deste entenrecemento o que conmove o espírito; existe tamén para o crítico un singular e pouco frecuente gozo ao ver desvanecerse aquí este misticismo ardente e delicado que xeralmente só florece no xardín da Igrexa romana. Finalmente, chega unha época en que esta sensibilidade mórbida, a alimentarse exclusivamente dunha lembranza, e este gusto inmoderado pola soidade, poden transformarse nun perigo positivo; unha desas épocas decisivas, críticas, en que a alma desolada dise: «Se os que amamos non van volver, que nos impide ir cara a eles?», en que a imaxinación, obsesionada, fascinada, sufre con delicia os sublimes atractivos da tumba. Felizmente, estaba na idade do traballo e das distraccións forzosas. Éralle necesario endosarse o primeiro arnés da vida e prepararse para os estudos clásicos.
Nas páxinas seguintes, a pesar de ser máis divertidas, atopamos aínda o mesmo espírito de tenrura feminina, aplicada agora aos animais, eses interesantes escravos do home, aos gatos, aos cans, a todos os seres que poden ser doadamente molestados, oprimidos, encadeados. Por outra parte, o animal, pola súa alegría despreocupada, pola súa simplicidade, non é unha especie de representación da infancia do home? Aquí, neste punto, a tenrura do mozo soñador, aínda que desviándose cara a outros obxectos, ficaba fiel ao seu carácter primitivo. Amaba aínda, baixo formas máis ou menos perfectas, a debilidade, a inocencia e o candor. Entre os sinais e os carácteres principais que o destino imprimira sobre el, hai que salientar tamén unha excesiva delicadeza de consciencia que, unida á súa mórbida sensibilidade, servía para engrosar desmesuradamente os feitos máis vulgares e para tirar das faltas máis leves, mesmo imaxinarias, terrores infelizmente demasiado reais. En fin, basta imaxinar un neno desta natureza privado do obxecto da súa primeira e maior afección, namorado da soidade e sen confidentes. Chegado a este punto, o lector comprenderá perfectamente que varios dos fenómenos desenvolvidos no escenario dos soños deberon ser a representación de adversidades dos seus primeiros anos. O destino lanzara a semente; o opio fíxoa frutificar e transformouna en vexetacións estrañas e abundantes. As cousas da nenez, para me servir dunha metáfora que pertence ao autor, convertéronse no coeficiente natural do opio. Esta prematura facultade, que lle permitía idealizar todas as cousas e darlles proporcións sobrenaturais, cultivada, exercida durante moito tempo na soidade, debeu producir en Oxford, activada máis do normal polo opio, resultados grandiosos e insólitos incluso na maioría dos mozos da súa idade.
O lector lembra as aventuras do noso heroe en Gales, os seus sufrimentos en Londres e a súa reconciliación cos seus tutores. Védeo agora na Universidade, a se fortalecer no estudo, máis inclinado que nunca ao soño e tirando da substancia que descubrira, como dixemos, en Londres a propósito das súas dores neurálxicas, un axudante poderoso e perigoso para as súas facultades precozmente soñadoras. Desde entón, a súa primeira existencia entrou na segunda e confundiuse con ela para resultar un todo tan íntimo como anormal. Empregou a súa nova vida en revivir a primeira. Cantas veces volveu ver, nos leceres da escola, a cámara fúnebre onde xacía o cadáver da súa irmá, a luz do verán e o xeo da morte, o camiño aberto ao éxtase a través da bóveda dos ceos azulados; e logo, o cura en roquete branco a carón dunha tumba aberta, o ataúde a descender á terra e o po volvendo ao po; en fin, os santos, os apóstolos e os mártires da vidreira, iluminados polo sol e proporcionando un magnífico marco a aquelas camas brancas, a aqueles bonitos berces de nenos que realizaban, aos sons graves do órgano, a súa ascensión cara ao ceo. Volveu ver todo isto; cores máis intensas ou máis vaporosas; volveu ver todo o universo da súa infancia, mais coa riqueza poética que engadía agora un espírito cultivado, xa sutil, afeito a tirar os seus maiores praceres da soidade e da lembranza.
VIII
VISIÓNS DE OXFORD
O palimpsesto
«Que é o cerebro humano senón un palimpsesto inmenso e natural? O meu cerebro é un palimpsesto, e o teu tamén, lector. Innumerábeis capas de ideas, de imaxes, de sentimentos deposítanse sucesivamente sobre o teu cerebro coa mesma suavidade que a luz. Parecía que a última chegada amortallaba a precedente. Mais, en realidade, ningunha pereceu.». Non obstante, entre o palimpsesto que leva, superpostas unha sobre a outra, unha traxedia grega, unha lenda monacal e unha historia de cabalaría, e o palimpsesto divino creado por Deus, que é a nosa inconmensurábel memoria, preséntase esta diferenza: mentres no primeiro hai como un caos fantástico, grotesco, unha colisión entre dous elementos heteroxéneos, no segundo, a fatalidade do pensamento introduce necesariamente unha harmonía entre os elementos máis dispares. Por moi incoherente que sexa unha existencia, a unidade humana non é perturbada. Todos os ecos da memoria, se puidesen espertar simultaneamente, formarían un concerto agradábel ou doloroso, mais lóxico e sen disonancias.
Con frecuencia, seres sorprendidos por un repentino accidente, sufocados bruscamente pola auga e en perigo de morte, viron iluminarse no seu cerebro todo o teatro da súa vida pasada. O tempo foi aniquilado e uns segundos abondaron para conteren unha cantidade de sentimentos e de imaxes equivalente a anos. E o que hai de máis singular nesta experiencia, que o azar carrexou máis dunha vez, non é a simultaneidade de tantos elementos que foron sucesivos, é a aparición de todo aquilo que o mesmo ser non coñecía xa, mais que, non obstante, está obrigado a recoñecer como propio. O esquecemento, xa que logo, non é máis que momentáneo: en tales circunstancias solemnes, na morte talvez, e xeralmente nas excitacións intensas creadas polo opio, todo o inmenso e complicado palimpsesto da memoria desenvólvese de golpe, con todas as súas capas superpostas de sentimentos defuntos, misteriosamente embalsamados no que denominamos esquecemento.
Un home de xenio, melancólico, misántropo e desexoso de se vingar da inxustiza do seu século, lanza un día ao lume todas as súas obras aínda manuscritas. E como se lle reprochase este espantoso holocausto feito ao odio, que, por outra parte, era o sacrificio das súas esperanzas, respondeu: «Que importa? O importante é que as cousas fosen creadas; foron creadas, logo existen.» Concedía a calquera cousa creada un carácter indestrutíbel. Con canta maior evidencia aplícase esta idea aínda a todos os nosos pensamentos, a todas as nosas accións, boas ou malas! E se nesta crenza existe algo infinitamente consolador, no caso de que o noso espírito se vire cara á parte de nós mesmos que podemos considerar con compracencia, non existe tamén algo infinitamente terríbel no caso futuro, inevitábel, en que o noso espírito se virará cara a esta parte de nós mesmos que só podemos afrontar con horror? No material non menos que no espiritual, nada se perde. Así como calquera acción, arroxada ao remuíño da acción universal, é en si irrevogábel e irreparábel, abstracción feita dos seus posíbeis resultados, así todo pensamento é imborrábel. O palimpsesto da memoria é indestrutíbel.
«Si, lector, innumerábeis son os poemas de alegría ou de mágoa que se gravaron sucesivamente no palimpsesto do teu cerebro e, como as follas das selvas virxes, como as neves indisolúbeis do Himalaia, como a luz que cae sobre a luz, as súas incesantes capas acumuláronse e, unha tras outra, recubríronse de esquecemento. Mais, á hora da morte, ou na febre, ou polas pescudas do opio, todos estes poemas poden volver cobrar vida e forza. Non morreron, dormen. Pénsase que a traxedia grega foi expulsada e substituída pola lenda do monxe, a lenda do monxe pola novela de cabalaría; mais non é así. A medida que o ser humano avanza na vida, a novela que, mozo, o encandeaba, a lenda fabulosa que, neno, o seducía, múrchanse e escurécense por si mesmas. Mais as fondas traxedias da nenez –brazos de nenos arrancados do colo de súas nais, labios de nenos separados para sempre dos beixos das súas irmás– viven sempre ocultas baixo as outras lendas do palimpsesto. A paixón e a enfermidade non dispoñen dunha química bastante poderosa para queimar estas inmortais pegadas.»
Levana e a Nosa Señora das Tristezas
«En Oxford vin a miúdo Levana nos meus soños. Coñecíaa polos símbolos romanos.» Mais que é Levana? Era unha deusa romana que presidía as primeiras horas do neno, que lle fornecería, por dicilo así, a dignidade humana. «No momento de nacer, cando o neno saboreaba por vez primeira a perturbada atmosfera do noso planeta, depositábano no chan. Mais case inmediatamente, por medo a que tan gran criatura non se arrastrase polo chan máis que un instante, o pai, como mandatario da deusa Levana, ou algún parente próximo, erguíao ao ar, obrigábao a mirar para o alto, como se fose o rei deste mundo; e presentaba o fronte do neno ás estrelas, dicindo quizais no seu corazón: “Contemplade o que é máis grande que vós!” Este acto simbólico representaba a función de Levana. E esta deusa misteriosa, que nunca desvelou os seus trazos (agás a min, nos meus soños), e que sempre actúa por delegación, tira o seu nome do verbo latino levare, erguer ao ar, manter erguido.»
Naturalmente. Moitas persoas entenderon por Levana o poder tutelar que vixía e goberna a educación dos nenos. Mais non pensedes que se trata aquí desa pedagoxía que non reina máis que entre os abecedarios e as gramáticas; hai que pensar sobre todo «naquel vasto sistema de forzas centrais que se oculta no seo profundo da vida humana e que traballa incesantemente os nenos, a ensinarlles, a modiño, a paixón, a loita, a tentación, a enerxía, a resistencia». Levana ennobrece o ser humano que vixía, mais por medios crueis. Esta nutriz é dura e severa e entre os procedementos que usa gustosamente para perfeccionar a criatura humana, o que prefire é a dor. Estanlles sometidas tres deusas, que emprega para os seus misteriosos designios. Así como hai tres Grazas, tres Parcas, tres Furias, como primitivamente había tres Musas, hai tres deusas da tristeza. Son as nosas Nosa Señora das Tristuras.
«Vinas moitas veces a conversaren con Levana e algunhas, ademais, falaban de min. Entón, falan? Oh, non! estes poderosos fantasmas desdeñan as insuficiencias da linguaxe. Poden proferir palabras polos órganos do home cando habitan un corazón humano; mais, entre elas, nunca usan a voz, non emiten sons; un eterno silencio reina nos seus reinos… A máis maior da tres irmás chámase Mater Lachrymarum, ou a Nosa Señora das Bágoas. É ela quen, día e noite, divaga e xeme, a invocar rostros desaparecidos. Era ela a que estaba en Rama cando se oíu unha voz lamentarse, a de Rachel chorando aos seus fillos e rexeitando ser consolada. Tamén estaba en Belén a noite en que a espada de Herodes botou a todos os inocentes lonxe da súa morada… Os seus ollos son alternativamente doces e penetrantes, espavorecidos ou adurmiñados, erguéndose a miúdo cara ás nubes, con frecuencia acusando aos ceos. Leva unha diadema sobre a súa cabeza. E eu sei, por lembranzas da miña nenez, que pode viaxar sobre os ventos cando oe o salouco das ladaíñas ou o trono do órgano, ou cando contempla os derrubamentos da nubes de verán. Esta irmán maior leva na cintura chaves máis poderosas que as chaves papais, coas que pode abrir todas as chousas e todos os palacios. É ela, eu seino, quen, todo o último verán, permaneceu na cabeceira do mendigo cego, aquel co que tanto amaba falar e cuxa piadosa filla, de oito anos, de fisionomía luminosa, resistía a tentación de se mesturar á alegría do burgo para errar durante toda a xornada polas rutas poeirentas co seu aflixido pai. Por isto, Deus recompensouna amplamente. Na primavera daquel ano, e como tamén ela comezase a florecer, chamouna canda el. Seu pai cego chóraa sempre e, sempre a media noite, soña que aínda ten na súa man a manciña que o guiaba e sempre esperta nas tebras que son agora outras tebras máis pofundas… É coa axuda destas chaves que a Nosa Señora das Bágoas se desliza, fantasma tenebroso, nos cuartos dos homes que non dormen, das mulleres que non dormen, desde o Ganxes até o Nilo, desde o Nilo até o Missisippi. E como é a maior e posúe o imperio máis vasto, honrámola co título de Madonna.
»A segunda irmá chámase Mater Suspiriorum, a Nosa Señora dos Suspiros. Nunca escala as nubes e non se pasea sobre os ventos. O seu fronte non ten diadema. Os seus ollos, se puidesen verse, non semellan nin doces nin penetrantes; non permitirían descifrar ningunha historia, non se acharía máis que unha masa confusa de soños moribundos e os restos dun delirio esquecido. Nunca ergue os ollos. A súa cabeza, envolta nun turbante feito farrapos, case sempre, e sempre mira o chan. Non chora, non xeme. De cando en vez suspira inintelixibelmente. Súa irmá, a Madonna, é ás veces tempestuosa e frenética, delirante contra o ceo e a reclamar aos seus ben amados. Mais a Nosa dos Suspiros non berra nunca, nunca acusa, nunca soña con rebelarse. É humilde até a abxección. A súa dozura é a dos seres sen esperanza… Se ás veces murmura, é en lugares solitarios, desolados coma ela, nas cidades en ruínas e cando o sol baixou ao seu descanso. Esta irmá é a visitadora do Paria, do Xudeu, do escravo que rema nas galeras; …da muller sentada nas tebras, sen amor para cubrir a súa cabeza, sen esperanza para iluminar a súa soidade… de todo cativo na súa prisión; de todos os que son traizoados, de todos os que son rexeitados; dos que están proscritos pola lei da tradición, e dos nenos da desgraza hereditaria. A todos acompaña a Nosa Señora dos Suspiros. Tamén ela leva unha chave, mais non a necesita. Porque o seu reino está sobre todo entre as tendas de Sem e os vagabundos de todos os climas. Non obstante, acha algúns altares nos máis altos rangos da humanidade, e mesmo na gloriosa Inglaterra hai homes que ante o mundo levan a súa cabeza tan orgullosa como un reno e que, secretamente, recibiron o seu selo sobre a fronte.
»Mais sobre a terceira irmá, que é tamén a máis nova… Silencio! Falemos dela en voz baixa. O seu eido non é moi extenso, de non ser así ningunha carne podería vivir; mais sobre este eido o seu dominio é absoluto… A pesar do triplo veo ondulado con que envolve a súa cabeza, por moi alta que a leve, pode verse desde abaixo a luz salvaxe que escapa dos seus ollos, luz de desespero sempre flamíxero, as mañás e as noites, a mediodía como a media noite, á hora do fluxo como á hora do refluxo. Esta desafía a Deus. É tamén a nai das demencias e a conselleira dos suicidas… A Madonna camiña con paso regular, rápido ou lento, mais sempre cunha graza tráxica. A Nosa Señora dos Suspiros deslízase timidamente e con precaución. Pero a irmá máis nova móvese con movementos imposíbeis de prever; abalánzase, salta como un tigre. Non leva ningunha chave, porque, aínda que raramente visite aos homes, cando se lle permite achegarse a unha porta, se apodera dela ao asalto e a derriba. E o seu nome é Mater Tenebrarum, Nosa Señora das Tebras.
»Tales eran as Euménides ou as Graciosas Deusas (como as chamaba a antiga adulación inspirada polo temor) que atormentaban os meus soños en Oxford. A Madonna falaba coa súa misteriosa man. Tocábame a cabeza; chamaba co dedo á Nosa Señora dos Suspiros e os seus signos, que ningún home, agás en soños, pode ler, podían traducirse así: “Mira! Aquí está aquel a quen na súa infancia consagrei os meus altares. Fixen del o meu favorito. Perdino, seducino e desde o alto do ceo, atraín o seu corazón cara ao meu. Por min agora é idólatra; por min, está cheo de desexos e languideces, adorou o verme da terra e dirixiu os seus rezos á tumba vermiculosa. A tumba era sagrada para el; amábeis as súas tebras, santa a súa corrupción. Para ti, querida e doce Irmá dos Suspiros, preparei este mozo idólatra. Tómao agora sobre o teu corazón para a nosa terríbel irmá. E ti –dirixíndose á Mater Tenebrarum–, recíbeo á súa vez dela. Fai que o teu cetro pese sobre a súa cabeza. Non atures que ningunha muller, coa súa tenrura, veña sentarse preto del na súa noite. Expulsa todas as debilidades da esperanza, seca os bálsamos do amor, queima a fonte das bágoas; maldío como ti só sabes maldicir. Así neste incendio acadará a perfección; así verá as cousas que non deberían ser vistas, os espectáculos que son abominábeis. Así lerá as antigas verdades, as tristes verdades, as grandes, as terríbeis verdades. Así resucitará antes de morrer. E realizaremos a nosa misión, recibida de Deus, que é atormentar o seu corazón até desenvolver as facultades do seu espírito.”»
O espectro de Brocken
Nun deses maravillosos domingos de Pentecostés, subamos ao Brocken. Resplandecente amencer sen nubes! Non obstante, ás veces abril empurra as súas últimas incursións até a nova estación, e régaa coas súas caprichosas tormentas. Cheguemos ao cume da montaña; unha mañá semellante ofrécenos moitas máis oportunidades de ver o famoso Espectro de Brocken. Este espectro viviu tanto tempo cos bruxos pagáns, asistiu a tantas negras idolatrías, que quizais o seu corazón se corrompeu e a súa fe abalou. Primeiramente persignádevos, a maneira de proba, e mirade atentamente se consinte en repetir o acto. Con efecto, repíteo; mais a rede de ondas que se vai achegando perturba a forma dos obxectos e lle dá un aspecto de home que só cumpre o seu deber con repugnancia ou de maneira evasiva. Volvamos a empezar a proba, «collede unha daquelas anémonas que noutrora se chamaban flores de bruxo, e que quizais tiñan o seu papel naqueles ritos horríbeis do medo. Colocádea sobre aquela pedra que imita a forma dun altar pagán; axeonlládevos e, erguendo a vosa man dereita, dicide: Pai noso que estás nos ceos!… eu, o teu servidor, e este negro fantasma do que fago, este día de Pentecostes, o meu servidor durante unha hora, achegamos as nosas homenaxes reunidos sobre este altar que volve ao verdadeiro culto. Mirade! A aparición colle unha anémona e deposítaa sobre un altar; axeónllase, ergue a súa man dereita cara a Deus. É muda, é verdade; mais os mudos poden servir a Deus dunha maneira moi aceptábel.»
Non obstante, talvez pensaredes que este espectro, afeito desde tempos antigos a unha cega devoción, se sente obrigado a obedecer a todos os cultos e que o seu natural servilismo fai a súa homenaxe insignificante. Procuremos entón outro medio para verificarmos a natureza deste ser singular. Supoño que na vosa infancia padeceriades dalgunha dor inefábel, atravesariades un desespero incurábel, unha desas desolacións mudas que choran detrás dun veo, como a xudía da medallas romanas, tristemente sentada baixo a súa palmeira. Cubride a vosa cabeza cun veo en conmemoración daquela inmensa dor. O fantasma de Brocken, tamén el, cubriu a súa cabeza, como se tivese un corazón de home e como se quixese expresar por un símbolo silencioso a lembranza dunha dor demasiado grande para se expresar mediante palabras. «Esta proba é decisiva. Agora sabedes que a aparición non é máis que o voso propio reflexo e que ao dirixir ao fantasma a expresión dos vosos sentimentos secretos, facedes del o espello simbólico onde se reflicte a claridade do día, o que doutra maneira permanecería oculto para sempre.»
O comedor de opio ten tamén preto del un Sombrío Intérprete, que está, respecto ao seu espírito, na mesma relación que o fantasma de Brocken co viaxeiro. Este algunha veces é perturbado por tempestades, néboas e choivas; igualmente o Misterioso Intérprete mestura algunhas veces elementos estraños á súa natureza de reflexo. «O que di, xeralmente, non é máis que o que me dixen esperto nas meditacións bastante profundas como para que deixen a súa pegada no seu corazón. Mais algunhas veces as súas palabras, como o seu rostro, altéranse e non semellan aquelas que máis facilmente usaría. Ningún home pode dar conta do que sucede nos soños. Acho que este fantasma é unha fiel representación de min mesmo; mais tamén, de cando en cando, está suxeito á acción do bo Phantasus (15), que reina sobre os soños.» Poderíase dicir que ten algunhas relacións co coro da traxedia grega, que con frecuencia expresa os pensamentos secretos do personaxe principal, secretos para el mesmo ou imperfectamente desenvolvidos, e preséntalle comentarios, proféticos ou relativos ao pasado, propios para xustificaren a Providencia ou calmaren a enerxía da súa angustia, aqueles, finalmente, que o infortunado encontraría el mesmo se o seu corazón lle deixase o tempo da meditación.
Savannah-la-Mar
A esta galería melancólica de pinturas, vastas e móbiles alegorías da tristeza, onde encontro (ignoro se o lector que só as ve abreviadas pode experimentar a mesma sensación) un encanto tan musical como pintoresco, vén engadirse un fragmento que pode considerarse como o final dunha longa sinfonía.
«Deus castigou a Savannah-la-Mar (16) e unha noite fíxoa descender, con todos os seus monumentos aínda erguidos e a súa poboación adurmiñada, dos sólidos alicerces da orela ao leito de coral do Océano. Deus dixo: “Amortallei Pompeia e oculteina aos homes durante dezasete séculos; amortallarei esta cidade, mais non a ocultarei. Será para os homes un monumento da miña misteriosa cólera, fixado durante futuras xeracións nunha luz azulada; porque a incrustarei na cúpula cristalina dos meus mares tropicais.” E con frecuencia, nas calmas límpidas, a través do medio transparente das augas, os mariñeiros que pasan perciben esta cidade silenciosa, que se diría conservada baixo unha campá, e poden percorrer coa ollada as súas prazas, as súas terrazas, contar as portas e os campanarios das igrexas: “Vasto cemiterio que fascina a ollada como unha revelación feérica da vida humana, persistente nos retiros submarinos que atormentan a nosa atmosfera.” Moitas veces co seu Escuro Intérprete, moitas veces en soños, visitou a soidade inviolada de Savannah-la-Mar. Xuntos ollaban os campanarios, onde as campás inmóbiles esperaban en van casamentos para celebrar; achegábanse aos órganos que non celebraban xa as alegrías do ceo nin as tristezas do home; xuntos visitaban os silenciosos dormitorios onde todos os nenos durmían desde había cinco xeracións.
»Esperan o celeste abrente –díxose moi baixo para si o Escuro Intérprete– e cando apareza este abrente, as campás e os órganos elevarán un canto de xubilo repetido polos ecos do Paraíso. –E logo virándose cara a min, dicía: Velaí que é melancólico e deplorábel; mais unha calamidade menor non abondaría para os designios de Deus. Comprendo ben isto… O tempo presente redúcese a un punto matemático, e incluso este punto matemático perece mil veces antes de que poidamos afirmar o seu nacemento. No presente, todo é finitude, e tamén esta finitude é infinita na velocidade da súa fuxida cara á morte. Mais en Deus non existe a finitude; en Deus nada é transitorio; en Deus nada vai cara á morte. Do que se deduce que para Deus o presente non existe. Para Deus o presente é o futuro, e é polo futuro que sacrifica o presente do home. É polo que opera mediante o terremoto. É polo que se manifesta mediante a dor. Oh, profunda é a labranza do terremoto! Oh, profundo (e aquí a súa voz crecía como un sanctus elevado polo coro dunha catedral), profundo é o labor da dor! Mais non é preciso menos para a agricultura de Deus. Sobre unha noite de terremoto edificou para o home agradábeis moradas para mil anos. Da dor dun neno, tira gloriosa vendimas espirituais que, doutro xeito, non poderían ser recollidas. Con arados menos crueis o chan refractario non podería ser removido. A terra, o noso planeta, o habitáculo do home, necesita a conmoción; é a dor é aínda con máis frecuencia necesario por ser o instrumento máis poderoso de Deus –si (e mirábame cun ar solemne), é indispensábel aos fillos misteriosos da terra!».
IX
CONCLUSIÓN
Estes longos soños, estes cadros poéticos, a pesar do seu xeral carácter simbólico, ilustran mellor, para un lector intelixente, o carácter moral do noso autor do que o farían anécdotas ou notas biográficas. Na última parte dos Suspiria, aínda retrocede como con pracer cara a aqueles anos xa afastados, e o que é verdadeiramente precioso, alá como en calquera outra parte non é o feito, senón o comentario, comentario a miúdo sombrío, amargo, desolado; pensamento solitario que aspira a de elevar lonxe deste chan e lonxe do teatro das loitas humanas; grandes golpes de ala cara ao ceo; monólogo dunha alma que foi sempre demasiado fácil de ferir. Aquí, como nas partes xa analizadas, este pensamento é o tirso do que con tanta graza falou, co candor dun vagabundo que se coñece ben. O tema non ten outro valor que o dun caxato seco e nu; mais as fitas, os pámpanos e as flores pode ser, polos seus entretecementos xoviais, unha preciosa riqueza para os ollos. O pensamento de De Quincey non é so sinuoso; a palabra non é abondo forte: é espiral por natureza. Por outra parte, analizar estes comentarios e estas reflexións levaríanos moito tempo e debo lembrarme que a finalidade deste traballo era mostrar, por un exemplo, os efectos do opio sobre un espírito meditativo e inclinado ao soño. Acho que o obxectivo foi cumprido.
Abondaríame dicir que o pensador solitario retorna con compracencia sobre esta sensibilidade precoz que foi para el orixe de tantos horrores e de tantos gozos; sobre o seu inmenso amor pola liberdade e sobre o estremecemento que lle inspiraba a responsabilidade. «O horror da vida mesturábase xa, na miña primeira mocidade, coa dozura celeste da vida.» Existe nestas últimas páxinas dos Suspiria algo fúnebre, corroído, que aspira a outras cousas que ás cousas da terra. Aquí e acolá, a propósito das aventuras da súa mocidade, o entusiasmo e o bo humor, a graza para se moquear de si mesmo da que con tanta frecuencia deu probas, deslízanse nalgunha ocasión aínda; pero o máis rechamante e que salta á vista, son as explosións líricas dunha melancolía incurábel. Por exemplo, a propósito dos seres que incomodan a nosa liberdade, entristecen os nosos sentimentos e violan os dereitos máis lexítimos da mocidade, exclama: «Oh!, como é posíbel que aqueles que se chaman a si mesmo amigos dun home ou dunha muller, sexan precisamente os que, moito máis que os outros, este home ou esta muller, na hora suprema da morte, saudarán con esta despedida: Quixera o ceo que nunca vira o teu rostro!» Ou ben deixa cinicamente escapar esta confesión que ten para min, confésoo co mesmo candor, un encanto case fraterno: «Xeralmente, os raros individuos que excitaron a miña repugnancia neste mundo eran xente florecente e de boa reputación. No que respecta aos tunantes que coñecín, e non foron poucos, penso neles, en todos sen excepción, con pracer e benevolencia.» Notemos de paso que esta fermosa reflexión ven aínda a propósito do attorney de equívocos negocios. Ou ben noutra parte afirma que, se a vida puidese maxicamente abrirse diante nosa, se a nosa ollada, aínda moza, puidese percorrer os corredores, escrutar as salas e as habitacións desta hostelería, teatros de futuras traxedias e de castigos que nos esperan, nós e os nosos amigos, todos, retrocederiamos estremecidos de horror. despois de pintar, cunha graza e un luxo de cores inimitábeis, un cadro de benestar, de esplendor e de pureza domésticas, a beleza e a bondade enmarcadas na riqueza, móstranos sucesivamente as graciosas heroínas da familia, todas, de nai a filla, atravesando, cada unha, por vez, as densas nubes do infortunio; e conclúe dicindo: «Podemos mirar a morte de fronte, mais sabendo, como algún de nós o sabe hoxe, o que é a vida humana, quen podería sen se estremecer (supondo que se nos advertise) mirar de cara a hora do seu nacemento?»
Atopo ao final da páxina unha nota que, relacionada coa morte recente de De Quincey, toma un significado lúgubre. Os Suspiria de profundis debían, na mente do autor, estenderse e agrandarse singularmente. A nota anuncia que a lenda sobre as Irmás das Tristezas fornecería unha división natural para publicacións posteriores. Así, da mesma maneira que a primeira parte (a morte de Elisabeth e os laios do seu irmán) se relaciona loxicamente coa Madonna ou a Nosa Señora das Bágoas, igualmente unha nova parte, Os mundos dos Parias, debía colocarse baixo a invocación de Nosa Señora dos Suspiros; finalmente, a Nosa Señora das Tebras debía ser a patroa do Reino das Tebras. Mais a morte, á que non consultamos sobre os nosos proxectos e a quen non podemos solicitar o seu consentimento, a Morte, que nos permite soñar coa felicidade e coa fama e que non di nin si nin non, sae bruscamente da súa emboscada e varre cun golpe de vasoira os nosos planos, os nosos soños e as arquitecturas ideais onde abrigamos co pensamento a gloria dos nosos derradeiros días!
NOTAS
(14) Versos de «Franciscae meae laudes», de Baudelaire. Ver As flores do mal, Vigo, Ed. Galaxia, 2008, trad. de Gonzalo Navaza.
(15) Divindade filla do sono.
(16) Savannah-la-Mar é unha pequeña vila mariñeira de Xamaica, onde morreu Richard, irmán de De Quincey.
NOTA DE PALAVRA COMUM: a fotografia do retrato de Charles Baudelaire provém da Wikipédia.
You might also like
More from Críticas
Sobre “Estado Demente Comrazão”, de Paulo Fernandes Mirás | Alfredo J. Ferreiro Salgueiro
Estado Demente Comrazão é um livro complicado. É por isso que não está na moda. Parabéns ao seu autor!
O tempo das “Não-Coisas”. E o uso excessivo das redes sociais segundo Byung-Chul Han
"O que há nas coisas: esse é o verdadeiro mistério" Jacques Lacan Agarramos o smartphone, verificamos as notificações do Instagram, do Facebook, …