Nos números pertencentes ao 15 e 30 de xaneiro de 1860 da Revue contemporaine, de París, apareceu Encantamentos e torturas dun comedor de opio, de Charles Baudelaire, que era un comentario ao libro de Thomas de Quincey, Confessions of an English Opium-Rater, being Extract the Life of a Scholar. Ese mesmo ano, no mes de maio, editado por Poulet-Massis et de Brouse, deuse ao prelo Os paraísos artificiais, do mesmo autor. O libro compúñase de dúas partes: O poema do haxix, que aparecera na revista citada o 30 de setembro de 1858 co título: Do ideal artificial, o haxix, que conforma a primeira parte. A segunda era os Encantamentos…, que foi retitulado como Un comedor de opio. Na edición das obras completas do poeta francés, aparecidas en 1869, os editores, o poeta xa morrera, tiveron a ben engadir, como apéndice, o ensaio publicado en Le messager de l’Asemblée, en marzo de 1851, Do viño e do haxix. Nós, pola nosa parte, entregamos, de momento, a versión galega de Un comedor de opio, tradución feita a partir da versión aparecida no devandito libro, que contén unhas poucas variantes, ínfimas, con respecto do texto publicado en Revue contemporaine.
Un comedor de opio é unha serie de extractos da xa mencionada obra de Thomas de Quincey As confesións dun comedor de opio inglés. O texto de Baudelaire é, ao mesmo tempo, un traballo de recompilación e extracto, e un traballo de esclarecemento crítico. Son páxinas que mostran ao lector toda a finura do xenio literario do poeta francés. A verdade é que un non sabe que admirar máis, se a precisión da análise ou a claridade de estilo. Baudelaire, como se sabe, quería a súa arte simple e natural, xa que logo, moral. Tamén cabe admirarmos a súa intelixencia, aplicándose a explicar as experiencias do comedor de opio cun tacto e unha mesura exemplares (palabras estas que acabamos de escribir que serven para o conxunto do libro).
A análise que fai o poeta dos «resultados» do opio é realizada cun rigor e un sentido da economía sen iguais. Como moralista sensíbel aos desenvolvementos do mal, mostra, con lucidez, todo o que hai de abandono e de remorsos, de demencia e de lucidez, de alegría e de tristeza, nesta embriaguez que porta en si amenceres dunha amarga desilusión. Sen dicilo ás claras, o aviso do poeta francés percíbese nitidamente: que ninguén se engane, o soño do comedor de opio, ou do fumador de haxix (e hoxe engada o lector toda clase de droga «natural», refinada ou sintética) non ten nada de sobrenatural. O home que se manifesta baixo a acción deses estupefacientes non é máis que el mesmo elevado a unha certa potencia. O toxicómano, dinos Baudelaire (e de Quincey), crendo que se descobre como unha alma nova, experimenta axiña unha angustia mal definida, como se o seu corpo non puidese conter a súa alma. E no momento que descubre a Deus, cae máis baixo que a súa natureza real; e o seu porvir é, simplemente, o dunha alma que se vende ao por menor. E a aqueles que pensan que os «beneficios» que o poeta –o escritor– pode tirar da embriaguez producida pola droga, talvez pague a pena sacrificar todo para conseguila, Baudelaire responde, coa lucidez que lle é propia, que a natureza do haxix, do opio (de toda droga, engadiriamos nós) é diminuír a vontade e, tamén, que concede por un lado o que retira por outro. Concede, certo, unha maior imaxinación; mais retira todas as facultades que serven para manifestaren esa imaxinación. Nunha palabra, o haxix, o opio, as drogas, só producen a esterilidade no home (na muller) poeta… e por extensión en todos os homes e en todas as mulleres que son prisioneiros do seus efectos.
Os paraísos artificiais, cuxa segunda parte, como dixemos, entregamos hoxe en versión galega, foi o único dos libros publicados polo poeta que este considerou acabado, definitivo. Talvez así o consideraba porque continúa a ser un texto de actualidade e sempre o será, infelizmente, penso. O libro non é unha mensaxe dirixida por un drogadicto (ou exdrogadicto) aos drogadictos, ou á sociedade en xeral, senón un libro escrito por un poeta que considera que a única verdadeira droga, a droga absoluta, que aumenta a imaxinación do home e lle entrega as facultades para expresala, é a Poesía. A droga que pode producir, que produce, que realiza, a verdadeira liberación do/a home/muller. As outras drogas, en realidade, non producen, non realizan, como ben escribiu un poeta que experimentou con elas, máis que «un miserábel milagre».
UN COMEDOR DE OPIO
Mentres estamos a escribir estas liñas, chega a París a nova da norte de Thomas de Quincey. Con ela expresamos o desexo da continuación deste glorioso destino, agora bruscamente interrompido. Digno emulador e amigo de Wordsworth, Coleridge, Southey, Charles Lamb, Hazlitt e Wilson, deixa numerosas obras, entre as principais: Confessions of an English opium-eater; Suspiria de profundis, The Coesars, Literary Reminiscense, Essays on the Poets, Autobiografic Sketches, Memorials: the note Book, Theological Essays, Letters to a Young Man, Classic Records reviewed ordeciphered, Speculations, literary and philosophic, or the Masque, Logic political Economy (1884), Essays sceptical and antisceptical on Problems neglected or misconceived, etc. Non só se creou a fama dun dos espíritos máis orixinais, máis autenticamente humorísticos da vella Inglaterra, senón tamén un dos carácteres máis afábeis, máis caritativos que honraron a historia das letras, tal como inxenuamente o deixou escrito nos Suspiria de profundis, que imos analizar a continuación e cuxo título cobra, nesta dolorosa circunstancia, un acento dobremente melancólico. De Quincey morreu en Edimburgo, á idade de setenta e cinco anos.
Teño perante min un artigo necrolóxico, con data do 17 de decembro de 1859, que pode dar tema a tristes reflexións. En calquera parte do mundo, a gran loucura da moral usurpa en todas as discusións literarias o lugar da literatura pura. Os Portmartin e outros sermoneadores de salón inzan tanto os xornais norteamericanos e ingleses coma os nosos. E a propósito das estrañas oracións fúnebres que acompañaron a morte de Edgar Poe, tiven ocasión de observar que o campo mortuorio da literatura é menos respectado que o cemiterio común, onde un regulamento policial protexe as tumbas das inocentes aldraxes dos animais.
Quero que o lector imparcial sexa xuíz. Se O comedor de opio non rendeu nunca servizos positivos á humanidade, que importa se o seu libro é fermoso? Buffon, que en semellante caso está afastado de calquera sospeita, non acreditaba que un xiro de frase feliz, unha nova maneira de ben dicir, tiñan para o home realmente espiritual unha maior utilidade que os descubrimentos da ciencia, noutras palabras, que o Belo é máis nobre que o Certo?
Se De Quincey se mostrou nalgunhas ocasións singularmente severo cos seus amigos, que autor, coñecendo o ardor da paixón literaria, tería dereito a se asombrar? Maltrataríase cruelmente a si mesmo; ademais, como el dixo nalgún lugar, como antes xa o dixera Coleridge, non sempre a malicia provén do corazón; existe a malicia da intelixencia e da imaxinación.
Mais aquí vén a obra mestra da crítica. Na súa mocidade, De Quincey cedera a Coleridge unha parte considerábel do seu patrimonio: «Sen dúbida é un acto nobre e loábel, aínda que imprudente, dixo o biógrafo inglés, mais debemos lembrar que, vítima do opio, cando a súa saúde estaba estragada e os seus negocios en plena desorde, non tivo inconveniente ningún en aceptar a caridade dos seus amigos». Se traducimos correctamente, significa que non hai que agradecerlle a súa xenerosidade, xa que, máis tarde, utilizou a dos demais. O Xenio non atopa semellantes trazos. Para chegar a este grao, hai que estar dotado do espírito envexoso e puntilloso do criterio moral.
C. B.
Revue Contemporaine, 15 de xaneiro de 1860
I
PRECAUCIÓNS ORATORIAS
«Oh xusto, sutil e poderoso opio! Ti que, ao corazón do pobre como ao do rico, para as feridas que non se cicatrizarán xamais e para as angustias que inducen o espírito á rebelión, achegas un bálsamo dulcificante. Elocuente opio! Ti que, polo teu poder retórico, desarmas as resolucións da cólera e que, durante unha noite, devolves ao home culpábel as esperanzas da súa mocidade e as súas antigas mans puras de sangue; que ao home orgulloso dás un esquecemento pasaxeiro
Dos erros non endereitados e dos insultos non vingados;
que citas os falsos testemuños no tribunal dos soños, para o triunfo da inocencia inmolada; que anulas as sentenzas dos xuíces inicuos –constrúes no seo das tebras, cos materiais imaxinarios do cerebro, cunha arte máis profunda que a de Phidias e de Praxitele, cidades e templos que superan en esplendor a Babilonia e Hekatompilos; e do caos dun sono inzado de soños evocas á luz do sol os rostros das belezas desde hai moito tempo amortalladas e as fisionomías familiares e benditas, limpas das aldraxes da tumba. Só ti proporcionas ao home eses tesouros e ti posúes as chaves do paraíso, o xusto, sutil e poderoso opio!» –mais, antes de que o autor achase a audacia de elevar, en honra do seu amado opio, ese berro violento en recoñecemento do seu amor, cantas astucias, cantas precaucións oratorias! Primeiro, é a alegación eterna dos que deben facer confesións comprometedoras, case decididos no entanto a se compraceren nelas:
«Mercé aos esforzos que lles dediquei teño a confianza de que estas memorias non serán simplemente interesantes, senón tamén, nun grao considerábel, útiles e instrutivas. É positivamente con esta esperanza que as redactei por escrito, e servirame de escusa por romper esta delicada e honrosa reserva, que impide á maioría de nosoutros facer exhibición pública dos nosos erros e doenzas. Nada, certamente, máis axeitado para sublevar o sentidiño inglés que o espectáculo dun ser humano que impón á nosa atención as súas cicatrices e as súas úlceras morais, e que se desprende desta púdica roupaxe co que o tempo ou a indulxencia pola fraxilidade humana consentira en cubrilos».
Con efecto, engade, xeralmente o crime e máis a miseria retíranse lonxe da ollada pública e, mesmo no cemiterio, afástanse da poboación común, como se abdicasen humildemente de todo dereito á camaradaría coa gran familia humana. Mais, no caso do comedor de opio, non hai crime, non hai máis que debilidade, e unha debilidade tan facilmente escusábel! Como o demostrará nunha biografía preliminar; ademais, o beneficio resultante para os outros, as notas dunha experiencia pagada a un prezo tan caro, poden compensar amplamente a violencia feita ao pudor moral e crear unha excepción lexítima.
Neste chamamento ao lector, achamos algúns datos sobre o pobo misterioso dos comedores de opio, esta nación contemplativa perdida no seo da nación activa. Son numerosos, moitos máis do que se pensa. Son profesores, filósofos, un lord situado no máis alto posto, un subsecretario de Estado; se casos tan numerosos, tomados da alta sociedade, chegaron, sen seren procurados, ao coñecemento dun só individuo, que terríbel estatística non podería estabelecerse a partir da poboación total de Inglaterra! Tres farmacéuticos de Londres, se ben dos barrios máis apartados, afirman (en 1821) que o número de amantes do opio é inmenso e que a dificultade de distinguir ás persoas que fixeron del unha especie de hixiene das que queren procuralo para unha finalidade culpábel é para eles fonte de apuros cotiáns. Mais o opio descendeu a visitar os limbos da sociedade e en Manchester, un mediodía de sábado, os mostradores dos drogarías están cubertos de píldoras preparadas en previsión da demanda da noite. Para os obreiros das manufacturas, o opio é unha voluptuosidade económica; porque a diminución dos salarios pode facer do ale e dos espirituosos unha orxía custosa. Mais non pensedes que, cando os salarios suban, o obreiro inglés abandonará o opio para retornar ás groseiras alegrías do alcohol. Produciuse a fascinación; a vontade dobregouse; a lembranza do gozo exercerá a súa eterna tiranía.
Se naturezas groseiras e embrutecidas por un traballo diario e sen encanto poden encontrar no opio interminábeis consolos, cal será o efecto sobre un espírito sutil e letrado, sobre unha imaxinación ardente e cultivada, sobre todo se foi prematuramente traballada pola fertilizante dor –sobre un cerebro marcado polo soño fatal, touched with pensiveness, para me servir da asombrosa expresión do meu autor? Tal é o tema do maravilloso libro que desenvolverei como unha alfombra máxica a ollos do lector. Abreviarei sen dúbida moito. De Quincey é esencialmente digresivo; a expresión humorist pode aplicárselle mellor que a ningún outro; compara nunha pasaxe o seu pensamento cun tirso, simple tronco que tira toda a súa fisionomía e todo o seu encanto da follaxe complicada que o envolve. Para que o lector non perda nada dos emocionantes cadros que compoñen a substancia do seu libro, e ao ser o espazo que dispoño moi restrinxido, vereime obrigado, con moito pesar pola miña parte, a suprimir moitos preámbulos moi divertidos, moitas disertacións exquisitas, que non se refiren directamente ao opio, senón que teñen unicamente como obxectivo ilustrar o carácter do comedor de opio. Non obstante, o libro é abondo vigoroso como para se deixar intuír, mesmo baixo este envoltorio sucinto, mesmo no estado de simple extracto.
A obra (Confessions of an English Opium-Rater, being Extract the Life of a Scholar) divídese en dúas partes: unha, Confessions, a outra, o seu complemento, Suspiria de profundis. Cada unha divídese en distintos apartados, dos que omitirei algúns, que son como corolarios ou apéndices. A división da primeira parte é perfectamente simple e lóxica, a partir do tema mesmo: Confesións preliminares; Voluptuosidades do opio; Torturas do opio. As Confesións preliminares, sobre as que me estenderei amplamente, teñen unha finalidade fácil de adiviñar. É necesario que a personaxe sexa coñecida, que se faga amar, apreciar polo lector. O autor, que se propuxo interesar vigorosamente a atención cun tema en aparencia tan monótono como a descrición dunha bebedeira, insiste en mostrar até que punto é escusábel; quere crear en torno á súa persoa unha simpatía da que se beneficiará toda a obra. En fin, e isto é moi importante, o relato de certos accidentes, quizais vulgares en si mesmos, mais graves e serios en razón da sensibilidade de quen os sufriu, convértese, por así dicilo, na clave das sensacións e das visións extraordinarias que asediarán máis tarde o seu cerebro. Moitos vellos, inclinados sobre unha mesa de cabaré, volven verse a si mesmos vivindo nunha atmosfera desaparecida; a súa bebedeira está feita da súa mocidade esvaecida. Do mesmo modo, os acontecementos narrados nas Confesións usurparán unha parte importante nas visións posteriores. Resucitarán, como eses soños que non son mais que lembranzas deformadas ou transfiguradas das obsesións dunha xornada fatigante.
II
CONFESIÓNS PRELIMINARES
Non, non foi procurando unha voluptuosidade culpábel e preguizosa que comezou a usar o opio, senón simplemente para suavizar as torturas do estómago nacidas do cruel hábito da fame. Estas angustias da fame datan da súa primeira mocidade, e é aos vinte e oito anos cando o mal e o remedio aparecen por vez primeira na súa vida, despois dun período abondo longo de felicidade, de seguridade e de benestar. En que circunstancias se produciron estas angustias fatais, é o que veremos a continuación.
O futuro comedor de opio tiña sete anos cando seu pai morreu, deixándoo en mans dun tutores que o levaron, para a súa primeira educación, a diversas escolas. Moi cedo distinguiuse polas súas aptitudes literarias, particularmente por un coñecemento prematuro da lingua grega. Aos trece anos escribía en grego, podía non soamente compor versos gregos en metros líricos, senón mesmo conversar en grego profusamente e sen tropezos, facultade que debía ao diario costume de improvisar en grego unha tradución dos xornais ingleses. A necesidade de encontrar na súa memoria e a súa imaxinación unha multitude de perífrases para expresar nunha lingua morta ideas e imaxes absolutamente modernas, creara para el un dicionario sempre a punto, moito máis complexo e extenso do que resulta da vulgar paciencia dos temas puramente literarios. «Este mozo, dicía un dos seus mestres sinalándoo a un estranxeiro, podería arengar a unha multitude atenea moito mellor que vostede ou eu a unha multitude inglesa.» Infelizmente, o noso precoz helenista foi afastado deste excelente mestre; e despois de pasar polas mans dun groseiro pedagogo en perpetuo terror de que o neno non lle corrixise a súa ignorancia, foi posto baixo os coidados dun bo e sólido profesor que, el tamén, pecaba por falta de elegancia e non lembraba en nada a ardente e brillante erudición do primeiro. Mal asunto que un neno poida xulgar aos seus mestres e colocarse por riba deles. Traducíase a Sófocles e, antes de comezar a aula, o celoso profesor, o archididascalus (1), preparábase cunha gramática e un léxico para a lectura dos coros, purgando a súa lección, antes de empezar, de todas as dúbidas e de todas as dificultades. Non obstante, o mozo (achegábase aos dezasete anos) ardía en desexos de ir á Universidade e en van atormentaba os seus tutores a este respecto. Un deles, home bo e razoábel, vivía moi lonxe. Dos outros tres, dous depositaran toda a súa autoridade en mans do cuarto; e este énos descrito como o tutor máis testán do mundo e máis namorado da súa propia vontade. O noso ventureiro mozo toma unha gran decisión: fuxir da escola. Escribe a unha encantadora e excelente muller, unha amiga da familia sen dúbida, que o tivo de neno nos seus xeonllos, para lle pedir cinco guineas. Cedo chegou unha reposta chea de graza maternal, co dobre da suma solicitada. A súa bolsa de escolar aínda contiña dúas guineas, e doce guineas representan unha fortuna infinita para un neno que non coñece as necesidades cotiás da vida. Só se trata xa de executar a fuxida. O fragmento que segue é un dos que non me podo resignar a abreviar. Convén, por outra parte, que o lector poida, de cando en vez, saborear por si mesmo o ton penetrante e feminino do autor.
«O doutor Johnson fai unha observación moi atinada (e chea de sentimento, o que infelizmente non pode dicirse de todas as súas observacións), e é que non facemos nunca, deliberadamente, por última vez, sen un ton de tristeza no corazón, o que durante moito tempo tiñamos costume de facer. Sentín fondamente esta verdade cando conseguín deixar un lugar que non amaba e no que non fora feliz. A noite que precedeu o día en que debía fuxir para sempre, oín con tristeza resoar na vella e alta sala da aula a oración do serán; porque a oía por última vez; e, chegou a noite, cando se pasou lista, ao ser o meu nome, como de costume, o primeiro pronunciado, adianteime e, pasando diante do director que estaba presente, saudeino; mirábao curiosamente á cara e pensaba para min: está vello e enfermo e non o verei máis neste mundo! Tiña razón, xa que non o volvín ver nin o verei nunca. Miroume compracente, cun agradábel sorriso, devolveume o saúdo, ou máis ben o meu adeus, e separámonos, sen que el o soubese, para sempre. Non podía sentir un profundo respecto pola súa intelixencia; mais sempre se portara ben comigo; concedérame moitos favores, e eu sufría con só pensar na mortificación que ía inflixirlle.
»Chegou a mañá en que debía lanzarme ao mar do mundo, mañá da que toda a miña vida subsecuente tomou, en gran parte, a súa cor. Habitaba na casa do director e obtivera, desde a miña chegada, o favor dunha habitación particular, que me servía ao mesmo tempo de cuarto de durmir e de gabinete de traballo. Ás tres e media erguinme e considerei con fonda emoción as antigas torres de…, adornadas cos primeiros fulgores e que comezaban a se empurpuraren co radiante resplandor dunha mañá de xuño sen nubes. Mantíñame firme e inquebrantábel no meu proxecto, mais no entanto turbado por unha vaga aprehensión de dificultades e de perigos incertos; e se puidese prever a tempestade, a verdadeira pedrada de aflición que debía axiña abaterse sobre min, sentiríame con razón moito máis axitado. A profunda paz da mañá facía con esta turbación un contraste entenrecedor e case lle servía de remedio. O silencio era máis profundo que a media noite; e para min o silencio dunha mañá de verán era máis conmovedor que calquera outro silencio, porque a luz, aínda que forte e considerábel, como a do mediodía nas outras estacións do ano, semella diferir do día absoluto sobre todo en que o home aínda non apareceu; e así a paz da natureza e das inocentes criaturas de Deus semella fonda e asegurada, até que a presenza do home, co seu espírito inquieto e inestábel, vén a turbar a santidade. Vestinme, collín o meu sombreiro e as miñas luvas, e entretívenme algúns momentos na miña habitación. Durante un ano e medio, esta habitación fora a cidadela do meu pensamento; alá, lera e estudara durante as longas horas da noite; e, aínda que, a dicir verdade, durante a última parte deste período, eu, que estaba feito para o amor e os afectos suaves, perdera a miña alegría e a miña felicidade na loita febril que sostivera contra o meu tutor, por outra parte, un mozo coma min, amante dos libros, dado ás investigacións do espírito, non podía non gozar de bos momentos en medio mesmo do seu desalento. Choraba mirando arredor miña a cadeira, a cheminea, a mesa de escribir e outros obxectos familiares que estaba demasiado seguro de non volver ver. Desde entón, até a hora en que escribo estas liñas, pasaron dezaoito anos, e no entanto, neste mesmo momento, vexo distintamente, como se fose onte, o contorno e a expresión do obxecto sobre o que fixaba unha ollada de adeus; era un retrato da sedutora… (2), que estaba pendurado riba da cheminea e cuxos ollos e boca eran tan belos, e toda a súa fisionomía tan radiante de bondade e de divina serenidade, que mil veces deixara caer a miña pluma ou o meu libro para demandar consolo á súa imaxe, como un devoto ao seu santo patrón. Mentres ficaba enviso contemplándoa, a voz profunda do reloxo proclamou que eran as catro. Alceime até o retrato, beixeino e logo saín paseniño e fechei a porta para sempre.
»As ocasións de rir e de pranto entretécense e confúndense tan ben nesta vida, que non podo lembrar sen sorrir un incidente que se produciu daquela e que impediu a execución inmediata do meu plano. Tiña un baúl dun peso enorme, porque ademais da miña roupa contiña case toda a miña biblioteca. A dificultade estribaba en transportalo até un cocheiro. A miña habitación estaba situada a unha altura aérea e o peor era que a escaleira que conducía a este ángulo do edificio desembocaba nun corredor que pasaba diante da porta da habitación do director. Os criados adorábanme e, sabendo que calquera deles se apresuraría a me servir en segredo, confiei o meu problema ao asistente do director. Xurou que faría todo o que eu quixese e cando chegou o momento subiu a escaleira para se levar o baúl. Tiven bastante medo de que o traballo non estivese por riba das forzas dun só home; mais aquel home era forte e dotado:
De costas elásticas, feitas para soportar
O peso das máis potentes monarquías (3),
e tiña unhas costas tan amplas como as planuras de Salisbury. Teimou, xa que logo, en transportar o baúl el só, mentres eu o esperaba na planta baixa, cheo de ansiedade. Durante uns momentos, oíno baixar, con paso lento e firme; mais, infelizmente, por mor da súa inquietude, a medida que se achegaba ao lugar perigoso, a poucos pasos do corredor, o seu pé esvarou e o pesado fardo, ao caer do seu lombo, adquiriu tal velocidade de descenso a cada chanzo da escaleira, que ao chegar abaixo rodou ou, mellor dito, se abalanzou en liña recta cun estrondo de mil demos contra a porta da habitación do archididascalus. O meu primeiro pensamento foi que todo estaba perdido e que a miña única oportunidade para a fuxida era sacrificar as miñas bagaxes. Non obstante, un momento de reflexión decidiume a esperar o fin da aventura. O pobre home vivía momentos de terror, polo seu propio pelello e polo meu, mais a despeito de todo isto, o sentimento do cómico, neste desgraciado contratempo, apoderárase tan irresistibelmente do seu espírito, que estoupou a rir –mais nun riso prolongado, estrondoso, desenfreado, capaz de espertar os Sete Durmintes. Aos sons desta alegre música, que resoaba nos propios oídos da autoridade insultada, non puiden impedir unir a miña, non tanto a causa do infortunado descoido do baúl, como a causa do efecto nervioso producido naquel home. Ambos esperabamos, moi naturalmente, ver o doutor lanzarse fóra do seu cuarto, xa que, xeralmente, se oía moverse un rato, saía como un mastín fóra do seu niño. Cousa singular, nesta ocasión, cando cesaron as nosas gargalladas, ningún ruído, nin sequera un roce, deixouse oír no cuarto. O doutor estaba afectado por unha enfermidade dolorosa, que ás veces o mantiña esperto, mais que, talvez, cando conseguía adurmiñarse, o facía durmir máis fondamente. Animado por este silencio, o home volveu cargar o fardo sobre o seu lombo e realizou o resto do seu descenso sen incidentes. Esperei até que vin o baúl colocado nunha carreta e de camiño cara ao coche. Entón, sen outro guía que a Providencia, botei a andar, levando baixo o brazo un paquetiño con algúns obxectos de tocador, un dos meus poetas ingleses favoritos nun peto e no outro un pequeno volume in-doce que contiña unhas nove pezas de Eurípides.»
O noso escolar acariciara a idea de se dirixir cara a Westmoreland; mais un accidente que non explica, mudou o seu itinerario e lanzouno ao norte do País de Gales. Despois de errar durante algún tempo por Denbighshire, Merionethsire e Caernarvonshire, instalouse nunha casiña moi limpa en B…; mais cedo houbo de abandonala por mor dun incidente no que o seu xove orgullo se atopou ferido da maneira máis cómica. A súa caseira servira en casa dun bispo, quer como institutriz, quer como coidadora de nenos. A enorme soberbia do clero inglés infíltrase xeralmente non só nos fillos dos dignatarios, senón mesmo nos seus criados. Nunha pequena vila como B…, ter vivido coa familia dun bispo bastaba, evidentemente, para conferir unha especie de distinción; de maneira que a boa señora sempre tiña na boca frases como: «Mylord facía isto, mylord facía aquilo; mylord era un home indispensábel no Parlamento, indispensábel en Oxford…» Talvez lle pareceu que o mozo non escoitaba os seus discursos con bastante reverencia. Un día fora a ofrecer os seus servizos a casa do bispo e á súa familia e este interrogouna sobre os seus asuntos persoais. Ao se decatar de que alugara o seu apartamento, o digno prelado recomendoulle que fora severa á hora elixir os seus inquilinos: «Betty, dixo, lembre ben que este lugar está situado na estrada principal que leva á capital, de maneira que debe, probabelmente, servir de etapa a unha multitude de estafadores irlandeses que foxen dos seus acredores de Inglaterra, e a estafadores ingleses cheos de débedas na illa de Man.» E a boa señora, contando orgullosamente a súa entrevista co Bispo, non deixou de engadir a súa resposta: «Oh!, mylord, non creo verdadeiramente que ese gentleman sexa un estafador, porque…» –«Non pensará vostede que son un estafador!», respondeu o xove escolar exasperado; «A partir de agora aforrareille o traballo de pensar tales cousas.» E dispúxose a partir. A pobre caseira non desexaba outra cousa que facer as paces, mais como a cólera fixera que o mozo proferise algúns termos poucos respectuosos co bispo, toda reconciliación foi imposíbel. «Estaba, di, verdadeiramente indignado pola facilidade con que o bispo calumniaba a unha persoa que nunca vira e tiven ganas de lle facer saber o que pensaba sobre isto en grego, o que, ademais de fornecer unha presunción a prol da miña honestidade, obrigaría ao mesmo tempo (cando menos así o esperaba) ao bispo a me responder na mesma lingua; e neste caso, algo ficaría claro, que se non era tan rico como a Súa Señoría, eu era mellor helenista. Ideas máis sas expulsaron este proxecto infantil…».
A súa vida errante volve comezar; mais de albergue en albergue, rapidamente áchase despoxado dos seus cartos. Durante uns quince días vese obrigado a se contentar cunha soa comida por día. O exercicio e o ar das montañas, que actúan vigorosamente sobre un estómago mozo, converten este precario réxime nunha proba dolorosa; esta única comida consiste nun té ou nun café. Finalmente o té e o café convértense nun luxo imposíbel, e durante toda a súa estadía no País de Gales subsiste unicamente con moras e bagas de caramuxo. De vez en cando unha grata hospitalidade interrompe, como unha festa, este réxime de anacoreta, e esta hospitalidade págaa, xeralmente, con pequenos servizos de escritor público. Oficia de secretario para os campesiños que teñen parentes en Londres ou Liverpool. Ás máis das veces son cartas de amor que as mozas que servir a Shrewsbury ou en calquera outra cidade da costa de Inglaterra, lle encargan que escriba para os namorados que deixaron alí. Hai un episodio deste xénero que ten un carácter conmovedor. Nun lugar apartado de Merionethsure, en Llan-y-Stindwr, alóxase durante algo máis de tres días en casa duns mozos que o tratan cunha cordialidade encantadora; catro irmás e tres irmáns, todos falando inglés, e dotados dunha beleza e unha elegancia nativas moi singulares. Escribe unha carta para un dos irmáns, que tendo prestado os seus servizos nun navío de guerra, quere reclamar a súa parte do botín; e máis secretamente, dúas cartas de amor para dúas das irmás. Estas inxenuas criaturas, polo seu candor, a súa distinción natural e os seus púdicos rubores cando ditan as instrucións, fan pensar nas grazas límpidas e delicadas dos keepsakes. Realiza tan ben o seu cometido que as brancas rapazas fican completamente maravilladas de que soubese conciliar as esixencias do seu orgulloso pudor co seu secreto anhelo de dicir as cousas máis amábeis. Mais unha mañá nota un estraño malestar, case que unha aflición: volven os vellos pais, persoas rosmonas e austeras que se ausentaran para asistiren a un encontro anual dos metodistas en Caernarvon. A todas as frases que lles dirixe o mozo, só obtén unha resposta: «Dym Sassenach» («no English»). «A pesar de todo o que estes mozos podían dicir a favor meu, comprendín con facilidade que os meus talentos para escribiren cartas de amor serían, para aqueles graves metodistas sexaxenarios, unha recomendación tan pobre como os meus versos sáficos ou alcaicos.» E, por temor a que a graciosa hospitalidade ofrecida polos mozos se transformase, en mans daqueles rudos anciáns, nunha cruel caridade, reinicia a súa singular peregrinación.
O autor non nos di por que enxeñosos medios conseguiu, a pesar da súa miseria, trasladarse a Londres. Mais aquí a miseria, por áspera que fose, devén positivamente terríbel, case unha agonía diaria. Só hai que imaxinar dezaseis semanas de torturas causadas por unha fame permanente, apenas mitigadas por unhas rebandas de pan sutilmente substraídas da mesa dun home do que falaremos máis adiante; dous meses pasados á intemperie; e, en fin, o sono corrompido por angustias e sobresaltos intermitentes. En verdade, a súa aventura de escolar custáballe cara. Cando chegou a estación inclemente como para aumentar os sufrimentos que semellaban non poder xa agravarse, tivo a dita de atopar un refuxio, mais que refuxio! O home a cuxo almorzo asistía e ao que lle subtraera algunhas codias de pan (este críao enfermo e ignoraba que estivese absolutamente desprovisto de todo) permitiulle durmir nunha casa grande e desocupada da que era arrendatario. Como móbeis, só unha mesa e algunhas cadeiras; un deserto poeirento e cheo de ratos. Non obstante, en medio desta desolación vivía unha pobre nena, non idiota, pero algo máis que simple, tampouco moi bonita, duns dez anos de idade, a non ser que a fame que a rillaba non envellecera prematuramente o seu rostro. Se era unha criada ou unha filla natural do home en cuestión, o autor nunca o soubo. A infeliz abandonada estivo moi contenta cando soubo que a partir daquel momento tería un compañeiro durante as negras horas da noite. A casa era grande, a ausencia de móbeis e alfombras facíaa máis sonora; o ruxerruxe dos ratos enchía de ruídos a sala e as escaleiras. A través das dores físicas do frío e da fame, a infeliz pequena soubera crearse un mal imaxinario: tiña medo dos fantasmas. O mozo prometeulle protexela contra eles e, engade de forma abondo estraña, «era toda a axuda que podía ofrecerlle». Estes dous pobres seres, fracos, famentos, trementes, deitábanse no chan sobre feixes de papeis de actas como almofada, sen outra manta que un vello abrigo de cabaleiro. Mais tarde, non obstante, descubriron no celeiro unha vella funda de canapé, un pequeno anaco de alfombra e algúns outros trapos que lle deron unha pouca máis de calor. A pobre pequena apertábase contra el para se quentar e para se tranquilizar contra os seus inimigos. Cando el non estaba máis enfermo que de costume, collíaa nos seus brazos, e a pequena, entrando en calor por este contacto fraterno, durmía a miúdo mentres que el non podía conseguilo. Porque durante os seus dous últimos meses de sufrimento, durmía moito durante o día ou, mellor dito, caía en repentinas somnolencias; mal sono atormentado por pesadelos tumultuosos; espertaba sen cesar, e sen cesar volvía durmir, a dor e a angustia interrompían violentamente o sono e o esgotamento devolvíao irresistibelmente a el. Quen é o home nervioso que non coñece este sono de can, como di a lingua inglesa na súa elíptica enerxía? Porque as dores morais producen efectos análogos aos dos sufrimentos físicos, como a fame. Un propio óese xemer; ás veces a nosa propia voz espértanos; o estómago vai afundíndose progresivamente, estrullándose como unha esponxa oprimida por unha man vigorosa; o diafragma encóllese e elévase; a respiración falta e a angustia vai sempre en aumento até que, atopando un remedio na mesma intensidade da dor, a natureza humana estoupa nun gran berro e nun brinco de todo o corpo que conduce finalmente a unha violenta liberación.
Non obstante, o dono da casa chegaba ás veces repentinamente e moi cedo; outras veces, non viña en absoluto. Por mor dos oficiais de xustiza, estaba sempre alerta, refinando o procedemento de Cromwell (4), durmía cada noite nun barrio diferente: examinaba por unha gradicela a fisionomía das xentes que petaban á porta; almorzaba só cun té e un anaco de pan ou algúns biscoitos que comprara polo camiño, e non convidaba nunca a ninguén. Era durante este almorzo, extraordinariamente frugal, que o mozo adoitaba encontrar sutilmente algún pretexto para permanecer na habitación e trabar conversa; logo, co ar máis indiferente de que era capaz, apoderábase dos últimos restos de pan esparexidos sobre a mesa; mais algunhas veces non lle quedaba ningún residuo. Todo fora engulipado. No que respecta á nena, nunca era admitida no gabinete deste home, se se pode chamar así a aquel caos de papeis vellos e pergamiños. Ás seis este misterioso personaxe desaparecía e fechaba o seu cuarto. Pola mañá, en canto chega, baixaba a nena para servilo. Cando a hora do traballo e dos negocios comezaba para o dono, o xove vagabundo saía e ía errar ou sentarse nos parques ou outro lugar. Pola noite regresaba á súa gorida desolada e ao escoitar o petador a pequena corría cun paso tremente para lle abrir a porta de entrada.
Anos máis tarde, un 15 de agosto, día do seu nacemento, unha noite ás dez, o autor quixo botar unha ollada ao asilo das súas antigas miserias. Á luz resplandecente dun fermoso salón, viu xentes que tomaban o té e que tiñan o aspecto máis feliz posíbel; estraño contraste coas tebras, o frío, o silencio e a desolación do mesmo edificio cando, dezaoito anos antes, abrigaba un estudante famélico e unha nena abandonada. Máis tarde realizou algúns esforzos para encontrar as trazas daquela pobre nena. Vive? Foi nai? Ningunha noticia. Queríaa como un socio na miseria; xa que non era nin bonita, nin agradábel, nin mesmo intelixente. Ningunha outra sedución que a dun rostro humano, a pura humanidade reducida á súa expresión máis pobre. Mais como dixo, penso, Robespierre, no seu estilo de xeo ardente, requentado e conxelado coa abstracción: «O home non ve nunca o home sen pracer!»
Mais quen era e que facía este home, este arrendatario de costumes tan misteriosos? Era un deses home de negocios, como hai en todas as grandes cidades, mergullado en complicados preitos, xogando astutamente coa lei e adormecendo por un certo tempo a súa conciencia á espera dunha situación máis próspera que lle permita volver emprender o exercicio dese luxo tan incómodo. O autor dinos que, se quixese, podería divertirnos a expensas deste infeliz e contarnos escenas curiosas, episodios impagábeis; mais quixo esquecelo todo e só lembrarse dunha cousa: este home, tan desprezábel baixo outros aspectos, sempre fora servizal con el, e mesmo xeneroso, cando menos no que estaba na súa man. Exceptuando o santuario dos papeis, todos os cuartos estaban á disposición dos dous nenos, que cada noite tiñan así unha vasta elección de estancias á súa disposición e podían, á hora de se deitaren, plantar a súa tenda onde mellor lles petase.
Mais o mozo tiña outra amiga da que xa é tempo que falemos. Para relatarmos dignamente este episodio, gustaríame, por dicilo así, arrancar unha pluma da ala dun anxo, tan casto me semella este cadro, cheo de candor, de graza e de misericordia. «Sempre, di o autor, me gabara de conversar familiarmente, more socratico, con todos os seres humanos, homes, mulleres e nenos, que o azar podía lanzar no meu camiño; costume favorábel para chegar a coñecer a natureza humana, os bos sentimentos e a franqueza dos xestos que conveñen a un home que pretende merecer o título de filósofo. Porque o filósofo non debe ver cos ollos desa criatura limitada que se chama a si mesma home de mundo, chea de prexuízos estreitos e egoístas, senón que debe, pola contra, ollarse como un ser verdadeiramente católico, en comuñón e relación iguais con todo o que está por riba e por debaixo, coas xentes instruídas e coas xentes non educadas, cos culpábeis como cos inocentes.» Máis tarde, entre os praceres outorgados polo xeneroso opio, veremos reproducirse este espírito de caridade e de fraternidade universais, mais activado e aumentado polo xenio particular da embriaguez. Nas rúas de Londres, aínda máis que no país de Gales, o estudante emancipado era unha especie de peripatético, un filósofo da rúa, a meditar sen cesar no ruxerruxe da gran cidade. O episodio en cuestión pode semellar un pouco estraño nas páxinas inglesas, porque se sabe que a literatura británica empurra a castidade até a beatería; mais, o que é certo é que o mesmo tema, rozado apenas por unha pluma francesa, pasaría axiña a ser shocking, mentres que aquí só hai graza e decencia. Para dicilo en dúas palabras, o noso vagabundo estaba ligado por unha amizade platónica cunha peripatética do amor. Ann non é unha daquelas belezas atrevidas, resplandecentes, cuxos ollos demoníacos brillan na néboa e que se gaban do seu descaro. Ann é unha criatura completamente sinxela, ordinaria, despoxada, abandonada como tantas outras e reducida á abxección pola traizón. Mais estaba revestida desta graza innomeábel, desta graza de debilidade e de bondade que Goethe sabía estender sobre todas as femias do seu cerebro e que fixo da súa pequena Margarita de mans vermellas unha criatura inmortal. Cantas veces, nas súas monótonas peregrinacións na interminábel Oxford Street, no ruxerruxe da gran cidade desbordante de actividade, o estudante famélico exhortou á súa infeliz amiga a implorar a axuda dun maxistrado contra o miserábel que a despoxara, ofrecéndolle o apoio do seu testemuño e da súa elocuencia.
Ann era aínda máis nova que el, só tiña dezaseis anos. Cantas veces o protexeu contra os oficiais de policía que querían expulsalo das portas en que se refuxiaba! Unha vez a pobre abandonada chegou a facer máis: ela e máis o seu amigo sentaran no Soho Square, nos chanzos dunha casa diante da que, desde entón, confesa, non puido pasar sen sentir o corazón oprimido pola pouta da lembranza e sen facer, no seu foro interno, un acto de acción de grazas á memoria desta deplorábel e xenerosa rapaza. Aquel día sentíase aínda máis débil e enfermo que de costume. Mais, apenas sentado, semelloulle que o seu mal empeorara. Apoiara a cabeza no seo da súa irmá de infortunio e, de repente, escorregou dos seus brazos e caeu de costas sobre os chanzos da porta. Sen un forte estimulante estaría perdido ou cando menos caería para sempre nun estado de debilidade irremediábel. E, nesta crise do seu destino, foi a criatura perdida quen lle tendeu a man de salvación, ela, que só coñecera o mundo pola aldraxe e a inxustiza. Lanzou un berro de terror e, sen perder un segundo, correu cara a Oxford Street, de onde volveu case que inmediatamente cun vaso de porto picante, cuxa acción reparadora sobre un estómago baleiro, que por outra parte non podería soportar ningún alimento sólido, foi maravillosa. «Oh miña xove benfeitora! Cantas veces, en anos posteriores, arroxado a lugares solitarios, e a soñar contigo co corazón cheo de tristeza e de verdadeiro amor, cantas veces desexei que a bendición dun corazón oprimido polo recoñecemento tivese a prerrogativa e o poder sobrenaturais que os antigos atribuían á maldición dun pai, a perseguir o seu obxecto co rigor indefectíbel dunha fatalidade! –que a miña gratitude puidese, tamén ela, recibir do ceo a facultade de axexarte, atormentarte, sorprenderte, alcanzarte até nas tebras inmensas dun tugurio de Londres, ou mesmo, se fose posíbel, até as tebras da tumba, para espertarte cunha auténtica mensaxe de paz, de perdón e de reconciliación final!».
NOTAS
(1) Archididascalus, director de escola, palabra inventada por de Quincey a partir do grego e do latín. (Se non se indica o contrario, as notas son do tradutor.)
(2) Quizais a dama das dez guineas. Nota de Baudelaire.
(3) Verso de John Milton pertencente a O Paraíso perdido.
(4) Cromwell, cando disolveu o parlamento en 1658, empezou a temer pola súa vida: levaba unha coiraza baixo os seus vestidos, raramente durmía dúas noites seguidas na mesma habitación e nunca ía polo mesmo camiño.
You might also like
More from Críticas
Sobre “Estado Demente Comrazão”, de Paulo Fernandes Mirás | Alfredo J. Ferreiro Salgueiro
Estado Demente Comrazão é um livro complicado. É por isso que não está na moda. Parabéns ao seu autor!
O tempo das “Não-Coisas”. E o uso excessivo das redes sociais segundo Byung-Chul Han
"O que há nas coisas: esse é o verdadeiro mistério" Jacques Lacan Agarramos o smartphone, verificamos as notificações do Instagram, do Facebook, …