SINTAXE
Un home ollando fixamente as súas ecuacións
dixo que o universo tivo un comezo.
Houbo unha explosión, dixo.
Un estalido de estalidos, e o universo naceu.
E expándese, dixo.
Tiña mesmo calculado a duración da súa vida:
dez mil millóns de revolucións da Terra arredor do Sol.
O mundo enteiro aclamouno;
acharon que os seus cálculos eran ciencia.
Ninguén pensou que ao propor que o universo
comezou,
o home tiña meramente reflectido
a sintaxe da súa lingua nai;
unha sintaxe que exixe comezos, como o nacemento,
e desenvolvementos, como a maduración,
e finais, como a morte, en tanto que declaracións de feitos.
O universo comezou,
e está envellecendo, o home nos asegurou,
e morrerá, como morren todas as cousas,
como el mesmo morreu
logo de confirmar matematicamente
a sintaxe da súa lingua nai.
A OUTRA SINTAXE
O universo realmente comezou?
É verdadeira a teoría do Grande Estalido?
Estas non son preguntas,
aínda que soen como se o fosen.
É a sintaxe que require inicios, desenvolvementos
e finais en tanto que declaracións de feitos,
a única sintaxe que existe?
Esta é a verdadeira pregunta.
Hai outras sintaxes.
Hai unha, por exemplo,
que exixe que variedades de intensidade
sexan tomadas como feitos.
Nesa sintaxe, nada comeza e nada termina;
polo tanto, o nacemento non é
un acontecemento claro e definido,
senón un tipo específico de intensidade
para dicir con autoridade
que o universo nunca comezou e nunca terminará,
porque atravesou, atravesa e atravesará
infinitas flutuacións de intensidade.
Ese home ben podería concluír que o universo
é a carroza da intensidade
e que un pode abordala
para viaxar a través de mudanzas sen fin.
Concluirá todo isto e moito máis,
tal vez sen nunca ter reparado
en que está simplemente confirmando
a sintaxe da súa lingua nai.
[De Carlos Castaneda, O lado activo do infinito]
O poeta cuestina o científico por sentir que reflexiona aprisionado no exame do mundo material, incapaz de comprender que a “instancia superior” que pretende analisar, o infinito, non está composto simplemente por unha complexa cantidade de materia ou enerxía, senón que constitúe algo cualitativamente diferente. Como se non se pode afirmar a súa infinitude?
O argumento de que o universo pode ser comprendido como o resultado de infinitas variacións de intensidade vai implicar, do mesmo modo que no exemplo precedente, que nestas variacións poderá ser observado un nacemento, un desenvolvemento e un termo. Ora ben, aínda existindo ese esquema material vital o feito de que estas flutuacións se repitan infinitamente coloca o concepto de universo nun lugar cualitativamente superior ao da materia (e recoñezo que falar de “superior” neste caso significa simplemente falarmos na sintaxe da nosa lingua nai).
Ao mesmo tempo, da materia non se tiña dito que non se crea nin se destrúe? Non é esta, precisamente, a fórmula da “outra sintaxe”? Quere isto dicir que a materia a nivel micro, é dicir, na experiencia dela percibida polos nosos cinco sentidos, nace e caduca, mentres que a nivel macro, un nivel de existencia xeralmente desapercibida polo ser humano, as súas cualidades son diferentes? Non será que o obxectivo auténtico das tradicións espirituais, lonxe da dominación das persoas e a acumulación de riquezas, é a provisión de técnicas melloradas durante milenios para penetrarmos nese ámbito de percepción do superior?
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …