Foto: KBr. Exposición Claudia Andujar
O KBr Barcelona Photo Center, ese templo de Mapfre para a arte fotográfica, volve sorprender cunha exposición excepcional, nesta ocasión sobre Claudia Andujar, a fotógrafa que dedicou décadas da súa vida á defensa das comunidades ianomamis. Por que Andujar fala de persoas europeas e americanas marcadas? Marcadas polo destino, por outros humanos? Estes meses, nas beiras do Mediterráneo, mestúranse o valor estético e a importancia da testemuña comprometida.
*
Claudia Andujar, Mulheres não podem ser fotógrafas.
Eu não sabia se eu ia ser fotógrafa. Eu fotografava, mas era muito mais uma coisa que eu fazia para mim. Pois, eu através do trabalho com as aulas de inglês, me dava possibilidade de viajar um pouco mais do que só no litoral norte. Então comecei a ir à Argentina, na Bolívia, enfim, nos países ao redor. Nessa época eu fazia relatos de viagens, um tipo de diários. E nesses diários, eu tinha também fotos dos lugares. […] Eu sempre falo que o começo da minha fotografia, e ainda hoje, não é só na época, é um diálogo com os brasileiros, com as pessoas, na verdade. (Claudia Andujar, en Revista Eco-Pós, 2013).
Claudia Andujar (Claudine Haas de nacemento) nace en Suíza, 1931, vive en Hungría e logo nos EEUU, para acabar por chegar ao Brasil, onde residirá definitivamente. Atrás deixa o nazismo cos seus campos de exterminio onde morre seu pai e boa parte da súa familia paterna e amizades. Diríase que Andujar nace loitando contra os tempos, contra os fanatismos.
Mulheres não podem ser fotógrafas. No ano 1959, cando Claudia Andujar foi pedir traballo como fotógrafa á revista O Cruzeiro o director negoullo con esta sentenza: Mulheres não podem ser fotógrafas. Pero Andujar era moi arriscada: viaxaba soa por todo Brasil, e tamén por outros países de América Latina. Ela non abandonou. Décadas antes (anos 30) outra muller dedicada á fotografía tamén se atopou con problemas similares: Berenice Abbott (de quen a Fundación Mapfre tamén presentou a fantástica antolóxica Berenice Abbott. Retratos de la modernidad) tiña que arreporse ás persoas de New York que a avergoñaban por visitar certos barrios para retratar os edificios; e arrepúñase coa potente frase: Non son unha moza decente. Son fotógrafa. Toda unha declaración de principios naqueles anos 30. E/ou de guerra?
No Brasil, Andujar terá moita relación co matrimonio de orixe italiano composto pola arquitecta Lina Bo Bardi (construtora do Museo da Arte de Sao Paulo –MASP-) e polo activista e coleccionista de arte, Piero Maria Bardi, que foi o primeiro director do museo que levantara a súa muller. Claudia e Lina seguro que tiveron boas relacións, as dúas mulleres de grandes enerxías nunha terra que non era a súa. ¿Que e cantas cousas terá feito Lina Bo no Brasil para que Caetano Veloso teña dito dela que foi unha persoa civilizadora para o Brasil? Hai dous anos a Fundació Miró de Barcelona adicoulle unha importante mostra: Lina Bo Bardi dibuixa na que se puido ver a forza que a arquitecta que confiaba os eixos das súas construcións ao debuxo proclamaba nos seus proxectos.
Sabendo da loita de Andujar en defensa da Amazonía e das súas comunidades aborixes, a fotógrafa tamén é considerada no Brasil como unha civilizadora?
No ano 1961, cando aínda Claudia Andujar traballaba para revistas brasileiras e non pisara as selvas amazónicas, a revista Claudia (precisamente) pediulle que retratase á xa por entón famosa escritora Clarice Lispector. Fui recebida com muita simpatia por aquela mulher linda, vestida com simplicidade e elegância. –comentou anos despois Andujar- Conversamos pouco. (…) a ideia de sentar diante da máquina de escrever e começar a trabalhar em algum texto foi de Clarice. E então ela se deixou absorver pelo ato de escrever,… Clarice Lispector (nada Chaya Pinjasovna Lispector, en Ucraína) tamén chegou ao Brasil fuxindo de fanatismos. Como se mirarían fotógrafa e escritora? Veríanse reflectidas en espellos mutuos?, como en selfies, cando non se practicaba tal autocompracencia? identificaríanse unha na outra?
Claudia Andujar forma parte dun elenco de mulleres artistas que -vidas de fóra- traballan e loitan polas persoas e o medio natural do Brasil. Consultadas varias persoas do Brasil por quen subscribe estas liñas á procura de relacións de Andujar coas mulleres antes citadas, e con outros artistas, os resultados das pescudas non deron o resultado esperado. En concreto foron preguntados (vía e-mail) o señor Zeulker Rocha Lima, especialista na obra de Lina Bo, Thyago Nogueira, responsable de Fotografía do Instituto Moreira Salles e comisario da presente exposición de Andujar e mais o Instituto Bardi, sito na Casa de Vidro (primeiro proxecto de Lina Bo no Brasil, e súa vivenda), e encargado de cuidar o legado da arquitecta.
Claudia Andujar e o Yanomami. A fotografía roubadora.
Faço como os Yanomami, que estão elaborando seus mitos, justificando-os, retrabalhando continuamente a oralidade de sua história, para ajustá-la ao novo, aos tempos de hoje. Uma bricolagem de adaptação e elaboração do novo. […] Meu trabalho ainda não encontrou sua forma definitiva, que na verdade creio que não existe. Como os mitos, se adapta, incorpora novas imagens e toma novas formas, passa pela transcodificação (das imagens) para se atualizar, numa bricolagem virtual infinita. (C. Andujar. Yanomami: A etnopoética da imagem. entrevista, 2013).
Son moitas as persoas ás que lles molesta ser retratadas por unha cámara fotográfica. A evidencia da súa imaxe nun papel, e o uso que dese retrato se faga, aterra. Quizais habería que dicir, aterraba. Hogano, en calquera rúa ou local, a presencia de móbiles facendo selfies e outras instantáneas, convida a crer noutras fantasías máis ególatras. Pero durante décadas, e en moitas latitudes, era habitual coñecer persoas que non se deixaban retratar. A fotografía rouba a alma. O retrato é entendido como un útil máxico de imprevisibles consecuencias para a integridade das persoas captadas. O propio Richard Avedon, o gran retratista norteamericano, recoñece no seguinte escrito que non é alleo a tal crenza: Un retrato fotográfico é unha imaxe de alguén que está sendo fotografado, e o que el fai con este coñecemento é parte da fotografía, igual que o é o xeito de vestir ou de mirar (…) Se cada fotografía che rouba un pouco da alma, non é posible que eu estea deixando partes da miña ánima cada vez que tomo unha fotografía?
Pódese afirmar que no ano 2021, Segundo Ano da Pandemia, ningún ser humano desconfía das instantáneas? É arriscado atreverse a tal aserto, tendo constancias ao longo do tempo de todo o contrario. No seu caso, ¿hai tamén unha referencia indirecta a este temor na novela de Oscar Wilde e no sinistro xogo entre o mozo Dorian Grey e o seu retrato? Un dos casos que en moitas ocasións se cita para ilustrar a oposición á práctica da retratística é o acontecido ao antropólogo italiano Boggiani. Emigrado á Arxentina a finais do século XIX, dedicouse a estudar os indíxenas da rexión do Paraná. A comezos de século, con base en Asunción, fixo moitas incursións por Paraguay e Bolivia. En 1902 foise ao Gran Chaco, zona moi árida, e non regresou. Buscado polas autoridades foi atopado, o seu sepulcro. O cadáver tiña signos de violencia, a cabeza separada do corpo, … Pero a clave do acontecido deuno un detalle: tamén estaba enterrado, ben enterrado o instrumento infernal: a cámara fotográfica. Os chamacocos non consentiron que aquel afable explorador se quedase coas súas imaxes, que lles roubase as ánimas.
Cando Claudia Andujar comezou a facer retratos de ianomamis (anos 70) -grupos humanos que vivían totalmente illados entre territorios brasileiros e venezolanos- houbo oposición entre as distintas comunidades. Os seus espíritos estaban en perigo, nada sabían que acontecería coas súas imaxes. Os ianomamis, nos seus longos e potentes reahu, os rituais funerarios, destrúen todo o que pertenceu á persoa defunta (mesmo o seu corpo): só así pode alcanzar as beiras do ceo. Neses parámetros conceptuais, que podían pensar os ianomamis das fotografías que, a toda hora, capturaba aquela muller branca?
Máis adiante, en plena loita polas súas terras e en contra de políticas expansionistas de gobernos dispostos á posta en explotación de selvas (que para as explotacións capitalistas estaban sen producir), os mesmos indios entenderon que esas imaxes podían ser empregadas no seu beneficio, como mostra dos seus xeitos de vida e da continuidade lexítima de quen leva séculos ou milenios ocupando esas terras. Os ianomamis seguiron confiando nas súas concepcións do mundo, nas mitoloxías que explican cada acción deste e doutros mundos. Xa o dixo Esteban de Bizancio no século VI: a mitoloxía é o que nunca foi, pero sempre será. E tanto que é!
No filme The Emerald Forest (John Boorman, 1985) –filme discutible desde moitas ópticas- un xefe dunha das tribos de indíxenas da floresta do Amazonas, ao chegar polo medio da selva ao lugar onde unha empresa capitalista está destruíndo o medio ambiente, declara: Antes a fin do mundo estaba máis lonxe. Ese é o universo no que se meterá Andujar para coñecer os ianomamis, adaptarse aos seus modos de vida e convivir nas súas comunidades meses e meses. Tanto que anos despois, e agora, chámanlle nai.
A Fundación Mapfre, no seu novo e atractivo espazo fotográfico KBr Barcelona Photo Center, presenta nestes primeiros meses de 2021, Segundo Ano da Pandemia, a extraordinaria mostra sobre a fotógrafa nacionalizada brasileira, Claudia Andujar. Un luxo no marasmo expositivo da cidade condal. O KBr. Barcelona Photo Center conta con dúas salas de exposicións: a grande, de 700 m2, e a pequena con 150; e, na planta baixa, un espazo para actividades educativas, unha sala polivalente para convocatorias con público e a libraría especializada en fotografía. O KBr busca integrarse no tecido cultural barcelonés por medio da colaboración con universidades, entidades dedicadas a esta arte, cousa que está a acontecer nestes intres coa mostra La mirada captiva, colección de daguerrotipos do Centre de Recerca i Difusió de la Imatge de Girona.
A fotografía de Claudia Andujar bascula entre as súas prioridades estéticas e temáticas e o compromiso social. Andujar desde sempre tivo un ollar que a encamiñaba cara o intimismo, á presentación das persoas e espazos retratados en ambientes reflexivos. No caso das instantáneas que tomará durante décadas nas comunidades ianomamis (máis de 40.000) tivo que enfrontarse a moitos problemas. Por exemplo, nos yanos, grandes casas comunitarias, moitas veces (máis con chuvia) había moi pouca luz; calquera movemento traducíase nunha imaxe borrosa. Así que tivo que recorrer ao uso de grandes angulares, a longas exposicións, o que en moitos casos aínda incrementaba os problemas.
Urihi, Terra-floresta. A vida entre o yano e o reahu.
Os Yanomami são gente diferente e, no entanto, suas palavras são retas e claras. A floresta deles é bela e silenciosa. Eles ali foram criados e vivem sem preocupação desde o primeiro tempo. O pensamento deles segue caminhos outros que o da mercadoria. (…) Querem defender sua terra porque desejam continuar vivendo nela como antigamente. Se eles não a protegerem, seus filhos não terão lugar para viver felizes. Vão pensar que a seus pais de fato faltavam inteligên-cia, já que só terão deixado para eles uma terra nua e queimada, impregnada de fumaças de epidemia e cortada por rios de águas sujas!”. (palabras de Kopenawa, en Davi Kopenawa e Bruce Albert, A Queda do Céu, 2015)
A impresionante exposición que a Fundación Mapfre, a través dos seus espazos fotográficos KBr Barcelona Photo Center, ofrece sobre Claudia Andujar está composta por máis de 200 imaxes da gran creación desta fotógrafa de orixe húngaro. Para completar a visión dos traballos de Andujar—Haas, nesta mostra tamén hai interesantes deseños dos propios ianomamis, libros, documentos e proxeccións audiovisuais. Un destes vídeos é Urihi-Haromatipë, o filme de Morzaniel Iramari, primeiro director de cinema ianomami. Coorganizada polo Instituto Moreira Salles brasileiro e a propia Fundación Mapfre e comisariada por Thyago Nogueira, responsable de Fotografía do amentado instituto e especialista na obra da fotógrafa que estivo casada cun español. A antolóxica de Andujar xa foi mostrada en varias localidades do Brasil, París, e logo irá a Londres e Suíza.
Co gallo desta grande exposición, a Fundación Mapfre edita un soberbio catálogo, con gran luxo de imaxes e mais con escritos da propia Andujar e estudos de Thyago Nogueira ou Bruce Albert, así como biografías e cronoloxías da fotógrafa que se atopou na encrucillada histórica de ter que trocar a Transilvania (cando aínda era húngara) polas terras amazónicas.
O fondo compromiso de Claudia Andujar coas comunidades ianomamis levouna a convivir con eles nos seus yanos, as grandes casas comunitarias, onde todo o grupo fai a vida (Ianomami na súa lingua -como acontece noutros grupos humanos- significa ser humano). Desde eses yanos os xamáns comunícanse cos xapiri, os espíritos da floresta (denominada por eles Urihi -mundo-), para ver as súas plumas brancas, os seus voos e cantos e tamén as súas danzas sobre inmensos espellos. Estes espellos sobre os que bailan os xapiri (que só poden ver os xamáns), serán ríos?, os desmesurados ríos amazónicos? Para mellor conectar coa natureza, cos xapiri, os xamáns realizan a cerimonia da yãkoana, na que inhalan un po alucinóxeno que os deixa en transo. En tal situación, por exemplo, dirixen as duras cerimonias reahu, de honra ás persoas mortas.
A loita na que se embarcou Andujar a favor dos ianomamis levouna a realizar máis de 40.000 fotografías sobre eles e os seus hábitos, despois de que algúns membros desas comunidades -en especial Davi Kopenawa- entendesen que as imaxes ían ben para loitar polas súas terras e as súas vidas. Tamén foi fundadora da Comissão pela Criação do Parque Yanomami (1978) co obxectivo claro de protexer os territorios onde vivían. Para alcanzar tal meta Andujar, entre outras actividades viaxou polo mundo durante 12 anos en compañía do xamán ianomami Davi Kopenawa, como embaixadores desas comunidades. Tamén no ano 1978 -ano no que o goberno brasileiro lle prohibiu estar na Amazonía pois resultaba moi incómoda a súa estadía- publicou tres libros de fotografía para estender as denuncias: Yanomami: frente eterno, Amazônia e Mitopoemas yãnomam. Nestas publicacións e exposicións paralelas participou activamente o MASP e os Bardi. O segundo foi prohibido, saíndo logo retallado.
Sobre o libro Mitopoemas yãnomam cómpre dicir que combina debuxos de ianomamis (tratando de representar as súas mitoloxías; iso que non existe, pero que é), fotos de Andujar e escritos dos propios indios. Os debuxos falan da creación do mundo, de Omam (o importante heroe cultural) e outros elementos mitolóxicos, das primeiras mulleres, do lume, do diluvio, de animais, etc. Un cativo exemplo dos textos míticos, sobre a primeira muller: A primeira mulher 1/ (…) / Omam pescou Yoinani filha / (que é) a filla de Tèpèresi / Mulheres, mulheres não havia mesmo, / Não havia mesmo mulheres. / Os yanomami não tinham mulheres / e Omam morava sozinho.
Con posterioridade, 1989, organizará no MASP (Museo de Arte de São Paulo, dirixido por Pietro Bardi) a mostra Genocídio do Yanomami: morte do Brasil, co conseguinte libro. Trátase dun grande esforzo por dar visibilidade á loita das comunidades ianomamis contra estradas rachadoras do seu Urihi, contra gandeiros, contra garimpeiros. No título está centrada a tese do discurso expositivo: se o Brasil non defende a Amazonía e as súas comunidades, tamén morrerá toda a sociedade, toda a colectividade brasileira. Claudia Andujar ten dito de si mesma que con tantos cambios de residencias, estados e continentes, atopábase perdida. E que no Urihi, na floresta, foi onde se atopou coa súa propia identidade. A causa en favor dos ianomamis deulle os pulos de loita que non puidera exercer na vella Europa contra o nazismo?
No ano 1992 ese obxectivo da creación do Parque Yanomami foi conseguido. A partir de entón a presencia pública da activista e fotógrafa baixa moito, dedicándose máis a refacer os seus arquivos, dar visibilidade só gráfica desas comunidades do Catrimani. Aínda agora, a punto de cumprir os 90 anos, Claudia Andujar, a nai, visita as comunidades que tan ben coñece e das que forma parte.
¿Como estarán a pasar as comunidades amazónicas esta pandemia viral que -sumada á crise ecolóxica- pon patas para riba os modos de vida habituais de calquera latitude? O Brasil é dos estados máis afectados e as vidas harmónicas das terras do gran río teñen que verse severamente afectadas polo voo de calquera ser (aínda dos xapiri. A senrazón xeral deste mundo levounos, hai pouco, a contemplar un barco que atrancou o Canal de Suez e a constatar a extrema fraxilidade do comercio mundial, do capitalismo agresivo e violento. A pandemia é a metáfora dos tempos: un inimigo tan diminuto (un virus) deixa á humanidade sen recursos. Pandemias houbo na antigüidade, no medievo, nos tempos modernos e mais nos contemporáneos. E a Arte floreceu nesas circunstancias. A Arte cómpre para a vida. Esa é outra das mensaxes das creacións de Claudia Andujar—Claudine Haas.
Claudia Andujar: Marcados. Tristes Trópicos.
Aos 13 anos tive o primeiro encontro com os “marcados para morrer”. Foi na Transilvânia, Hungria, no fim da Segunda Guerra. Meu pai, meus parentes paternos, meus amigos de escola, todos com a estrela de Davi, visível, amarela, costurada na roupa, na altura do peito, para identificá-los como “marcados”, para agredi-los, incomodá-los e, posteriormente, deportá-los aos campos de extermínio. (…) É esse sentimento ambíguo que me leva, 60 anos mais tarde, a transformar o simples registro dos Yanomami na condição de “gente” – marcada para viver – em obra que questiona o método de rotular seres para fins diversos (C. Andujar, sobre a serie Marcados, presentada na 27ª Bienal de São Paulo, 2006)
A fotografía de Andujar-Haas é de seu expresionista. Desde os seus comezos soubo combinar perfectamente a mirada cara as fasquías intimistas, cotiás, coa atención aos tremas sociais. Desde os primeiros traballos buscou sectores desfavorecidos, persoas con escasos recursos. Un dos seus traballos máis coñecidos (antes de centrarse nas loitas dos ianomamis) é o de Familias Brasileiras (1962-1964), o seguimento de 4 familias ben dispares: terratenentes, pescadores, familia de clase media e outra relixiosa. Xa nestes traballos se observan as liñas mestras do seu facer: interese polas labouras e situacións domésticas, diarias; non heroicas nin triunfalistas. Máis tarde coas comunidades de Catrimani acontecerá outro tanto: os cuidados a crianzas, a comuñón co Urihi, o lecer, tan importante nestas comunidades que empregan o máis das horas nas relacións sociais, no xogo, nos cantos.
Como ben di a fotógrafa no parágrafo que abre este apartado, desde os 13 anos xa se atopou con persoas marcadas. Na adolescencia, na fin da II Guerra Mundial atópase con toda a familia paterna (e amizades) marcadas cunha estrela de David polo nazismo. Marcados para morrer nos campos de exterminio. Quizais esa experiencia tan dura (unha das vítimas foi o mozo que lle deu o primeiro bico de namorado) quedoulle nos miolos para toda a vida, manifestándose nas atencións ás persoas peor tratadas nas sociedades.
A partir de 1980, por tanto corenta anos despois, o contacto dos ianomamis con gandeiros, garimpeiros, comeza a provocar moitas enfermidades novas, e moitas mortes entre os aborixes. E Andujar, en compañía de médicos e voluntarios, promove compañas de vacinación masivas para evitar que o sarampelo e outras epidemias afecten aquelas poboacións. Entre os ianomamis non hai nomes invariables e de por vida. Segundo o que vaia sucedendo van cambiando as denominacións para a mesma persoa. Iso facía case imposible levar rexistros fiables das persoas vacinadas. E a Andujar ocorréuselle a solución de colgar ao pescozo de cada ianomami unha pequena placa cun número, e fotografar cada persoa vacinada; esa imaxe acompañaría o resto de informacións que os médicos incluían nas fichas. Por conxunto, Andujar tirou máis de 1.000 instantáneas de persoas ianomamis cun número colgado no peito. Foi así como, sen crer o que pasaba, a fotógrafa Haas atopouse de novo ante persoas marcadas. Cando as expuxo, tempo despois, recibiu críticas por reducir a individualidade a un número; un trato que se pode entender como insultante ou como se se tratasen de fichas policiais. Pero Andujar reaxiu ante o que lle estaba a suceder: atoparse por segunda vez ante unhas persoas marcadas. E agora marcadas por ela mesma! E reaccionou dicindo que agora, anos 80, esas persoas eran marcadas para viver. Todo o contrario do que se propuxeran os nazis.
A inauguración do KBr Barcelona Photo Center correu a cargo das fantásticas mostras Bill Brandt e mais Paul Strand. Entre as imaxes que se puideron contemplar na de Strand había a dunha muller cega que levaba pendurado do pescozo a lenda BLIND, outorgado polo concello de New York en 1916. As motivacións son diferentes, pero unhas imaxes levan ás outras.
Nos anos 50 o antropólogo Claude Levi-Strauss, aproveitando que traballaba como profesor na universidade de São Paulo, xa percorrera boa parte das selvas amazónicas en contacto directo con comunidades aborixes. Como resultado, en 1955 publicou o famoso e atractivo libro Tristes Trópicos, unha mestura de tratado etnográfico e libro de viaxes. Polas páxinas deste tratado pasan os caduveo coas súas pinturas corporais, as aldeas dos bororo ou a lingua e estilos de vida dos nambikwara. Levi-Strauss, sen dicilo, xa prognosticaba as dificultades que tiñan e ían ter esas comunidades remotas, utópicas, cando chocaran cos intereses dos capitalistas.
Claudia Andujar-Claudine Haas, a fotógrafa activista, recibiu moitos recoñecementos de sociedades internacionais. No ano 2018, como exemplo, o estado alemán outorgoulle a Medalla Goethe, a máxima distinción que se concede nese estado.
EXPOSICIÓN: Claudia Andujar. KBr – Mapfre. Ata o 23 de maio de 2021
You might also like
More from Crítica de arte
Suzanne Valadon, artista valente | Lito Caramés
Agora, no MNAC, pódese disfrutar da mostra Suzanne Valadon. Una epopeia moderna, unha antolóxica dedicada a esta artista que, contra …
“Veneradas e Temidas” ~ O poder feminino entre dualidades | Lito Caramés
Exposición Venerades i Temudes. El poder femení en l’art i les creences. Caixaforum. Divinas dualidades.