Coa rebeldía nace a consciencia
A Galería Mayoral, na súa liña de promover exposicións de óptima calidade, presenta agora un mangado de obras de artistas españois que traballaron na década dos anos 50 da pasada centuria; retrato artístico da realidade gris escura de entón, que tamén mostran as fotografías e mais as cintas cinematográficas coetáneas. Boa oportunidade para reflexionar sobre se a arte é un produto da situación social. Como artistas tan diversos chegan a solucións plásticas tan parellas?
Amb la rebel·lia neix la consciència. Galería Mayoral
Aquests artistes van compartir la voluntat de buscar un art nou per a expresar el seu temps i contemporitzar el magistral llegat d’El Greco, Velázquez y Goya, així com també el de Picasso i Miró. Van transmetre mitjançant les arts plàstiques una ferida i un patiment, un combat de denúncia i rebel·lia contra el statu quo (la injustícia i opressió (Eduard i Jordi Mayoral, 2018).
A mostra que estes meses de finais de 2018 brinda a Galería Mayoral leva por título Amb la rebel·lia neix la consciència, unha frase que acuñou o escritor francés Albert Camus. Unha expresión que, en todo caso e concretamente no presente, é a segunda premisa dun siloxismo de protesta e malestar contra a opresión. Antes foi preciso que estes artistas, e outros máis –mulleres e homes–, fosen “conscientes” dos anos que lles correspondía vivir: a saída dunha Guerra Civil coa peor das perspectivas (a ditadura) que se impuxera coa autoproclamada “victoria” dun bando sobre outro (como moi ben puntualiza o actor Agustín González no final do filme Las Bicicletas son para el Verano (1984) –de Jaime Chávarri e guión de Fernando Fernán Gómez– ante o comentario da muller que lle di: “por fin llegó la paz”, o actor mentado replica: “no; llegó la victoria, que es muy diferente”); e en Europa o final doutra guerra devastadora. Unha vez sabedores de onde naceran e vivían, tiveron que tomar “conciencia” das opcións que como artistas se abrían ante as súas vidas. Se non quixeron ser “artistas obedientes ao réxime ditatorial” é cando se manifesta a rebeldía. E novamente ese inconformismo encamíñaos –como proclama o escritor francés– a máis consciencia dos seus compromisos sociais, e mais das consecuencias que lles pode aportar o enfrontamento á ditadura.
O título da exposición Amb la rebel·lia neix la consciència, expresada por Camus no seu ensaio L’Homme révolté (1951) –no que invita á rebelión, como seguindo os pasos de Marx e mais de Engals– tamén remite a outras xeografías e a tempos máis próximos: Me llamo Rigoberta Menchú y así me nació la conciencia (1983), un libro da periodista Elizabeth Burgos que relata a vida da dirixente (agora premio Nobel da Paz) maia-quiché Rigoberta Menchú Tum: as barbaridades que as autoridades guatemaltecas levan feito contra as poboacións indíxenas daquel país mesoamericano, e contra a propia Rigoberta Menchú.
Nestes meses a devandita galería colga nas súas paredes pezas de artistas tan importantes na creación e na renovación artística do primeiro franquismo como Rafael Canogar ou Modest Cuixart, José Guerrero e Josep Guinovart, ou Luis Feito, Manolo Millares ou Antonio Saura e tamén Antoni Tàpies. Toda unha fotografía artística da Longa_Noite_de_Pedra. Hai, por tanto, boa representación do grupo El Paso e mais de Dau al Set. Non se trata de creadores dunha soa escola; o denominador común é vivir a españa negra dos anos cincuenta e decidir negarse á docilidade.
O comisario da mostra é o historiador e crítico da arte Tomás Llorens. Esta é a primeira exposición que Llorens comisaría para unha galería privada despois de ter sido profesor nunhas cantas universidades, director de Institut Valencià d’Art Modern (IVAM), entre 1986 e 1988, e mais do Museo Nacional Reina Sofía (1988-1990), así como conservador-xefe do Museo Thyssen-Bornemissa (1991-2005). É un especialista nos artistas que formaron parte do Equipo Crónica.
Pola súa parte a galería Mayoral está especializada en traballar con creadoras e creadores da segunda metade do século XX, xa españois, xa internacionais (como reza o seu portal web: in modern and post-war art). Nas súas salas xa se viron mostras monográficas de Picasso ou Miró, traballos de Calder, Magritte ou Chagall e creacións de Brossa, Miralles ou Chillida. É de xustiza mencionar a exposición Mujeres surrealistas y su conexión con Cataluña. A comezos do ano 2017, a galería Mayoral programa esta exposición, a primeira en España que leva ese nome, pois foi a primeira vez que se puido ver unha antolóxica só, só, de mulleres que crearon obra nas esferas do surrealismo. Había pezas de Maruxa Mallo, Valentine Hugo, Dora Maar, Ángeles Santos, Lee Miller, Remedios Varo, Frida Khalo ou Leonora Carrington. Tamén ultimamente programaron unha exposición dedicada a Antonio Saura e outra unha miga anterior a Manolo Millares, ámbolos dous artistas incluídos agora na presente oferta: Amb la rebel·lia neix la consciència.
Antoni Tàpies, Modest Cuixart. Bienal de São Paulo
Especial resonancia tivo a exposición “Tendencias recentes da pintura francesa (1948-1955)” que se presentou en Madrid (1955) e viaxou a outras cidades (…) Máis importante aínda, quizais, foi a exposición organizada eses mesmo ano con fondos do MOMA no seo da III Bienal Hispanoamericana, celebrada en Barcelona, onde se puido ver por primeira vez a pintura do expresionismo abstracto norteamericano, aínda mal coñecida en Europa (Tomás Llorens, comisario, 2018).
A produción artística que se efectuaba neste país na década dos anos 50 basculaba entre a opción interna, autárquica, e as olladas que se dirixían cara o estranxeiro, cara a liberdade. Nesta dialéctica, ben comprensible nas tripas da ditadura franquista, van xurdindo furados por onde exteriorizar as teimas provocadas pola rabia, pola rebeldía. A xeración de pintores e escultores da postguerra distínguense doutros anteriores (Picasso, Miró, e anteriores) en que non marchan, non escollen Francia, EEUU para instalarse. Traballan dentro da escura realidade social dos anos 50, censura e represións incluídas. A pesares da autarquía capadora, os creadores deste país foron atopando –en boa medida pola súa calidade artística– fendas polas que saír ao exterior. Así na primeira Bienal de São Paulo (1957), onde houbo obra de Feito, Tàpies, Cuixart, Millares e outros, recibiu o Gran Premio de Escultura Jorge Oteiza, que daquela andaba argallando a estatuaria para o santuario de Arantzazu. Oteiza, o grande interpretador da pedra confesou que: Lo más importante y definitorio como estatua fue en mi visita al taller de Gaudí, en la Sagrada Familia, un pedazo geométrico de columna o de arco, una piedra sola abandonada en el suelo pero recorrida por una tensión física imperceptible. Una piedra quieta que está viva. Lo sagrado y mágico de lo inmóvil. Ao ano seguinte (1958) a Biennale de Venecia dálle o Gran Premio de Escultura a Chillida.
Para rematar os éxitos desta nova xeración artística no estranxeiro (en contra de todos os impedimentos ditados pola ditadura), no ano 1959 a Bienal de São Paulo concede o Gran Premio de Pintura a Modest Cuixart (dúas das pezas que Ciuxart enviou a Sao Paulo están agora na Galería Mayoral). E xa no ano 60 o Salomon R. Guggenheim Museum de New York organiza a mostra Before Picasso; after Miró, onde estaban representados todos os artistas que agora teñen obra na galería Mayoral, e moitos outros, por exemplo a súa compañeira (da que sempre se fala pouco, porque é muller?): Juana Francés. No mesmo ano o MOMA presenta New Spanish Painting and Sculpture, co nómina de creadores similar, aínda que un pouco máis reducida.
As pezas de Modest Cuixart i Tàpies (1925-2007) (cofundador do grupo Dau al Set a carón de Joan Brossa, Antoni Tàpies –eran primos–, Joan Ponç, etc.) que agora presenta a mostra Amb la rebel·lia neix la consciència son Pintura (1958-59), óleo sobre tela, onde se mesturan técnicas. Na meirande parte do cadro a pintura predominantemente gris e marrón escura foi esparexida en grandes manchas uniformes, mentres na parte dereita hai un espazo que o artista reserva para traballalo con exquisita minuciosidade. Minuciosidade de traballo artesanal ou pintura étnica. A outra obra de Cuixart presente na galería Mayoral é unha peza grande, titulada El sueño de Eude (1959); técnica mixta sobre lenzo. A peza de cromatismo apagado e tamén entre os grises e tonalidades moradas, baila por entre o informalismo, a pintura matérica (influencia do primo?), ou o surrealismo polos vieiros que escoraba Miró. Aínda máis, hai regueiros de pintura que aproximan a obra ás action painting dos expresionistas abstractos estadounidenses. Como se pode apreciar nas paredes da Mayoral, esta camada de pintores estaba exiliada no interior de España, pero non cega ás tendencias internacionais.
De Antoni Tàpies a mostra Amb la rebel·lia neix la consciència presenta tres pezas ben peculiares. Unha é Finestró (1974), unha contraventá sobre a que Tàpies envorcou materia de cor granate escura; Empreintes d’assiettes (1973), técnica mixta tamén, dentro da súa pintura matérica: branco con pegadas de pratos. E por último Forats i claus sobre blanc (1968): técnica mixta sobre madeira, onde se aprecia o pó de mármore branco que foi furado en catro lugares e en todo o perímetro exterior sobresaen cravos. Hai estes meses no edificio gaudiano de La Pedrera unha exposición sobre arte cinético (Op Art): Obres obertes, l’art en moviment (1955-1975). Pois ben, algunhas das pezas que alí se poden ver. Mormente algunhas do coñecido artista xermánico Uecker enchen o espazo de cravos con tal de provocar con ese recurso a mobilidade da peza ao tempo que o espectador pasa por diante. Terá algo que ver esta peza de Tàpies coas creacións cinéticas? Preguntados a e o comisario de Obres obertes (Marianna Gelussi e Jordi Ballart) sobre esa posibilidade, puxeron faces de sorpresa engadindo que non, os artistas cinéticos odiaban o informalismo. Ao marxe, hai unha posible explicación sobre a disolución do grupo Dau al Set, ano 1951. Joan Ponç recórdalle a Modest Cuixart nunha carta posterior (1965): …recuerdo el pacto firmado de dividir la beca entre los tres, en caso de que tan solo nos concedieran una. Así sucedió y fue necesario ponerla a nombre de uno de nosotros y tras haber elegido a Antoni Tàpies te dije: “Desconfío. Me voy a quedar. Te doy mi parte”. Era la hora del crepúsculo de nuestra amistad, aunque nos mirábamos a la cara, pero los ojos ya no estaban… A París marchou coa bolsa Tàpies, e os outros quedaron.
Rafael Canogar, Josep Guinovart, Luís Feito. El Paso
Viajé a París relativamente pronto, yo creo que tendría 18 años cuando fui por primera vez a París; entonces empecé a ver cuadros y su realidad, con anterioridad solamente a través de reproducciones. No te puedo decir un libro concreto, pero si ciertos textos de Kandinsky y la espiritualidad en el arte. A mí el surrealismo no me interesó excesivamente, me interesó el magicismo de Klee y de Miró, una nueva forma de realidad plástica (R. Canogar, entrevista con Emmanuel Guigon, 2018, dentro do catálogo de Amb la rebel·lia neix la consciència).
Dentro do interesante retrato artístico dos anos 50 que é Amb la rebel·lia neix la consciència é doado contemplar unha peza de Rafael Canogar, un dos fundadores do grupo El Paso. O grupo El Paso fúndase en Madrid en 1957 (o nome seica vén dos abundantes carteis de “Prohibido el Paso”. Toda unha declaración de principios). No manifesto, publicado ese mesmo ano declaran: Creemos que nuestro arte no será válido mientras no contenga una inquietud coincidente con los signos de la época, realizando una apasionada toma de contacto con las más renovadoras corrientes artísticas. Vamos hacia una plástica revolucionaria —en la que estén presentes nuestra tradición dramática y nuestra directa expresión— que responda históricamente a una actividad universal. Na traxectoria das achegas dos artistas españois daquela década ás vangardas posteriores a 1945 a pulsión emocional e creativa do grupo El Paso foi fundamental, do mesmo modo que o foi Dau al Set. Entre os artistas fundadores de El Paso cóntanse Canogar, Feito, Francés (Juana), Millares, Saura –pintores– e Serrano, escultor. A peza de Canogar vén sendo Serie negra nº 2 (1959). A España negra tinta todas as realidades. Canogar –un dos poucos artistas aínda vivos daquela xeración– pasou por moitas etapas creativas ao longo dos anos. Neste caso a súa peza encaixa perfectamente dentro da época e das teimas artísticas do momento. Sobre o lenzo branco, unha extensión de pintura negra ocupa case todo o espazo. Sobre a tal superficie, Canogar arrabuñou cos dedos a uniformidade escura ata deixar constancia da súa rabia, da súa tensión manual sobre o lenzo. Xestualidades moi na liña da action painting, co proceso ao revés: non se trata de esborranchar a tela con pinturas (como facía polos mesmos anos de Kooning), o proceso é estender a pintura uniformemente e logo, cos dedos (as pegadas son ben visibles) gravar a superficie como se dunha pedra se tratase. Sobre os seus xeitos de traballar, Canogar confesa, na entrtevista con Emmanuel Guigon, actual director do Museo Picasso de Barcelona: influenciado ya por las nuevas tendencias del informalismo, encuentro mi camino a través de la materia, trabajando directamente con las manos; poniendo el color sobre la tela directamente con las manos, dejando la huella, los surcos, que hacen los dedos en la materia, como referencia a mi condición de artista castellano.
Polo que se refire a Josep Guinovart, a xogada é diferente. Homenatge a Domènech i Montaner (1965) é unha técnica mixta, é unha collage, é un xogo. Sobre unha superficie, a metade dereita de cor clara, a metade esquerda de cor ben escura (porque o material que había –lenzo, papel– foi arrincado) Guinovart inserta unha das estruturas de madeira que soportan aos lados unha cadeira con balancín. A gracia, a broma, consiste en que esa peza de cadeira (un ready made) está chea de curvas e máis curvas: curvas modernistas; como as que o arquitecto Domènech i Montaner se encargou de facer no Palau de la Música Catalana, no Hospital Sant Pau e en tantos outros dos seus edificios. Josep Guinovart tamén estivo relacionado co grupo Dau al Set –aínda que non fose dos fundadores– e destacou sempre pola súa creación pictórica –case sempre dentro do informalismo–, como gravador e mais como debuxante.
A presencia de Luís Feito na mostra que se comenta, componse de dúas pezas. Na que leva por título Nº 260 (1961) Feito enche o lenzo de pintura negra, para logo (parte central inferior) facer emerxer un vermello violentado. Logo despois, sobre ese vermello vai engadindo con golpes de paleta ou espátula máis masas de pintura negra. Que di?, que insinúa? A España negra inzada de violencia? A violencia non ten por que ser só física… A outra peza Sin título (1960) é ben diferente; un cadro dobre, composto por dúas telas enganchadas. Tamén aquí hai cores negra e vermella, pero quedan enmarcadas por tonalidades amarelas e/ou ocres. A peza está realizada con pinturas ao óleo e mais con areas- Praza de touros, tarde de corrida coas manchas de sangue ben visibles sobre a pel negra do touro, sobre o manto negro da realidade social?
Antonio Saura, Manolo Millares. A España máis negra
Leer esta exposición en clave rebelde supone pensar la pintura como disconformidad y la creación como espacio contestatario. Por él discurren las obras reunidas aquí. Bajo el grupo El Paso, vigente de 1957 a 1960, circularon muchas de las ideas de Rafael Canogar, Luis Feito, Antonio Saura y Manolo Millares. En los últimos años cincuenta, compartían la misma actitud revulsiva hacia la realidad del momento, el franquismo, que canalizaban mediante el lenguaje plástico abstracto y, por lo tanto, impermeable a la censura. Fue su individualismo y el tópico de la pintura negra, pronto interpretada como protesta por la crítica internacional, lo que distinguía el Informalismo español de otras formulaciones ideológicas más asépticas (Bea Espejo. ¿Qué es un rebelde? 2018, dentro do catálogo de Amb la rebel·lia neix la consciència).
Por se non tivesen suficiente calidade as pezas reseñadas, cómpre engadir as de Saura e mais a do seu compañeiro Millares (cofundadores tamén do grupo El Paso), dous retratistas da sociedade española de antano, en branco e negro, pero onde dominaba estas última cor. No ano 2005, a mesma galería Mayoral presentou unha escolma de obra de Antonio Saura: Saura. Retrats, Crucifixions, Dames, Acumulacions. Desde entón non houbo en Barcelona outra mostra do autor das crucifixións (cabe máis simbolismo da violencia ditatorial, do compromiso antifranquista?). A segunte exposición sobre a obra do gran artista Antonio Saura volve ser na galería Mayoral, baixo o título Saura. Tragèdia i creació, hai uns meses, neste mesmo ano 2018. Para esta ocasión os irmáns Mayoral lograron xuntar, nada máis e nada menos, que 15 obras do mestre de Osca e Cuenca. Na quincena de pezas puidéronse apreciarse técnicas variadas como a pintura ao óleo, os debuxos e as collages. Creacións sobre tela e sobre papel, de épocas diversas: óleos das décadas dos 50 e 60 e logo algunhas montaxes e collages dos anos 70. Exposición memorable. Antonio Saura pasou tempadas en Paris, o suficiente para captar a pegada do surrealismo; mentres que desde a outra banda do Atlántico a forza económica dos EE. UU. envía mensaxes de automatismo, non exentas de mensaxes ideolóxicos. Agora –anos e décadas despois– está probado que a CIA norteamericana subvencionou e promocionou aos artistas do Expresionismo Abstracto, para opoñelos –como modelo de enfants terrible do neoliberalismo– aos artistas europeos moi concienciados politicamente, e moitos deles comunistas (Picasso, por exemplo).
En Amb la rebel·lia neix la consciència, Saura está representado por dúas pezas. Dama (1961) é unha pintura sobre papel máis ben pequena na que con esforzo é doado visualizar a cabeza dunha muller, en cores grises, con toques sosados no que sería a face. Esta peza tampouco está lonxe das creacións automáticas de de Kooning; a mesma violencia no trazo, o mesmo ritmo reiterado a discorrer pola mesma parcela de papel. Tamén é certo que acoden á memoria as Pinturas Negras do outro gran creador aragonés: Francisco de Goya. Algo similar é o que merece a contemplación de Ángela (1959), a outra pintura ao óleo. Se cadra aínda máis preto de Goya, os trazos negros, interceptados por algunha tonalidades brancas, falan da rabia, da rebeldía, coa que o autor se empeña en repasar a face do que debe ser unha muller, nesta tela grande. Impresionante realización, impactante testemuña e retrato dunha época.
Para rematar, hai que aludir ás tres pezas coas que Manolo Millares está representado nesta fotografía artística da España dos anos 50 que é Amb la rebel·lia neix la consciència. Millares é un artista moi especial; sincero, esconxurador de traumas. Moitas pezas de Manolo Millares son esculturas. Millares, nado na illa de Gran Canaria, desde sempre veu no seu redor formas arredondadas da lava dos volcáns; e sempre sentiu curiosidade pola arqueoloxía: as momias que ían aparecendo na súa terra condicionárono á hora de crear. Todo iso vai conformando un mundo de seu que define a súa arte: polas fendas que efectúa no seu material de traballo, buscar a saída a tanta barbarie. O ano pasado A mesma galería Mayoral brindou ao público a ambiciosa e cativadora mostra que levaba por nome Millares. Construint ponts, no murs? Segundo os comisarios a proposta positiva que leva implícita o título responde á dobre teima de Millares: agredir, rachar a tela de saco, a esteira, para logo cosela, reparala. Evidenciar a violencia e mirar de dar alternativas á mesma. E tamén ao feito de que as denuncias das opresións, violencias e represións da ditadura franquista que Millares fixo, serven perfectamente para a actualidade. As súas obras poden exporse nunha mostra que denuncie a violencia en Siria, en Irak, ou en calquera parte do mundo. De aí as pontes, non muros. Muros xa hai en Palestina, muros en Europa, muros no río Grande. O Brexit acabará por ser outro muro?
Unha a seguir das outras as tres pezas de Manolo Millares pertencen ao final doss anos 50 e teñen o mesmo estilo e argumentación. A primeira, Cuadro 72 (1959) é unha tela grande tan maltratada polo autor que boa parte da mesma non está; no centro a esteira amolímase con pintuira negra e trazos vermellos. Por último tamén están as cordas coas que Millares remata a obra: a rabia que o leva a rachar as superficies, a esperanza de que todo irá a mellor anímao a coser a desfeita. Cuadro (3) (1960) presenta moitas similitudes. A tela está menos agredida, pero por contra a pintura negra enche case todo o espazo, que logo tamén se ve retocada coas consabidas cordas. E Cuadro 128 (1961) engade á pintura negra e á vermella e ás cordas grafismos xeométricos e caligráficos trazados sobre a tela tinguida de negro cun punzón ou similar (outra agresión?). Os grafismos denotan informalismo?, influencias de Miró e mais das caligrafías orientais?
EXPOSICIÓN: Amb la rebel·lia neix la consciència
Galería Mayoral
ata o 5 de xaneiro de 2019
You might also like
More from Lito Caramés
“Veneradas e Temidas” ~ O poder feminino entre dualidades | Lito Caramés
Exposición Venerades i Temudes. El poder femení en l’art i les creences. Caixaforum. Divinas dualidades.
Os folgos da escultura flúen polas veas de June Crespo | Lito Caramés
Estes meses o Museo Guggenheim instala nas súas salas unha importante mostra dos traballos da escultora June Crespo: Vascular. Que …