A celebración dos primeiros 25 anos da Fundació Antoni Tàpies é un bo intre para reflexionar sobre o traballo feito ao longo dos anos. E tamén para opinar sobre o devir da institución. Debe converterse nun museo de arte contemporánea?
Lito Caramés
Tàpies. Composició amb figures (1947)
A Fundació Antoni Tàpies conmemora nestas datas o primeiro cuarto de século de existencia. Foi creada en 1984 polo propio artista, pero non abriu as portas ata xuño de 1990, na sede da antiga editorial Montaner i Simon, edificio modernista de Lluís Domènech i Montaner, sito na rúa Aragó entre Rambla Catalunya e Passeig de Gràcia. A Fundació Tàpies desenvolveu ata agora un importante labor, con estudos, mostras do propio artista e mais doutrxs, publicacións, grupos de traballo, etc. Executou, por exemplo, moitas e moi boas exposicións nestes anos de artistas pouco coñecidxs (e rupturistas) axs que a Fundació deu publicidade. Poden ser o caso de Ana Mendieta, de Ana Maria Maiolino, Eva Hesse, Maria Lassnig (xa valorada nesta revista). Neste cuarto de centuria recibiu máis de millón e medio de visitantes. Agora, para celebrar os 25 anos de vida, organiza a mostra Tàpies. Colecció d’Artista, unha escolma do artista, obras de creadorxs do século XX e un documental inédito.
Tàpies. Peu (1984).
Antolóxica de Antoni Tàpies
Entre 2014 e 2015 a familia de Antoni Tàpies (1923-2012) cedeu en depósito á Fundació 230 obras que formaban parte da colección privada do artista (algunhas colgaban fisicamente no cuarto de Teresa e Antoni). A meirande parte delas son creacións de Tàpies, comprendidas entre 1940 e finais dos anos 80. Tàpies. Colecció d’Artista arrinca dese depósito, con 40 obras de todas as etapas de Tàpies: autorretratos nos seus comezos (preto do surrealismo), realismo máxico nos 40, informalista matérico nos 50, expresionista nos 60, artista comprometido nos 70, ou obxectualista nos 80.
En Tàpies. Colecció d’Artista é doado atopar boa parte das teimas creativas do artista de Campins. Gustaba dos muros (referencias ao seu apelido), dixo reiteradamente que o muro é unha estrutura que contén parte da obra de arte (que logo segue até onde queira o espectador); a obra como muro-espello; os muros que falan do pasar do tempo. E a paisaxe, mormente a do Montseny (Campins está aos pés da serra do Montseny). E as partes do corpo separadas: o artista sufriu no ano 1941 unha tise, que o obrigou a encamar durante meses; a experiencia fíxoo moi consciente do seu propio corpo, que pasou a formar parte fundamental na súa obra. E os obxectos máis cotiáns incorporados ás teas ou táboas, que informa do valor que para o artista tiñan as cousas sinxelas, pobres, influencia certa das filosofías orientais que tanto estudou.
De Antoni Tàpies xa se ten dito todo. Ou non. Quizais a súa complexidade como persoa agarda novos e limpos ollares; miradas que non recunquen no tópico nin abunden nos campos xa labrados. A perspectiva que ofrecen as 40 pezas do artista é diversa, complexa e presenta o inconformismo que vai dos temas aos materiais, ás propostas, ao longo das moitas décadas de traballo. Memoria plástica dun artista que hai pouco que deixou de crear, e que nos legou as súas teimas e interrogantes no compendio Memòria Personal. Que traballou ata os últimos días coa liberdade, coa franqueza que, segundo Adorno e outros teóricos da arte, alcanzan escollidos creadores ao final do percorrido vital; niso que os tales estudosos dan en chamar o Estilo Tardío.
Ernst. Fôret Bleu (1927)
Seus artistas preferidos
A mostra Tàpies. Colecció d’Artista segue con 31 pezas dos artistas que sempre foron referencia para el. Son obras, doadas tamén pola familia á Fundació, que Antoni Tàpies gardaba na súa casa e no seu estudo porque eran creacións que lle transmitían moita enerxía para seguir traballando. Obras de artistas que conformaron a súa maneira de crear: Klee (A muller do Demo, 1921), Miró (Téte d’Homme, 1932), Ernst (Forét Bleu, 1927), de artistas que tiveron a categoría de mestres e tamén dun atractivo especial: Duchamp, Kandinski, Arp ou Picasso, de quen tiña Le coq saigné (1947), unha alegoría á Francia dominada polos nazis. Tamén hai pezas de artistas coetáneos cos que Tàpies mantiña vencellos de amizade, de afinidade, de complicidade: Pollock, de Kooning, Dubuffet, Motherwell, etc. (Nesta páxina pódense ver moitas das obras expostas, así como detalles das salas da Fundació). No ano 50, aínda formando parte do grupo Dau al Set, Tàpies viaxa a París e coñece a Picasso e Miró; a estancia na capital francesa, o contacto cos grandes artistas españois exiliados e asistir aos latexos finais do surrealismo, influíron decisivamente na súa evolución estética. Logo comezará o coleccionismo de arte que alongou décadas.
En Tàpies. Colecció d’Artista tamén é doado ver cartas e invitacións de moitos destes artistas, libros de referencia, documentos de intercambio de obras (con Chillida e Motherwell, por exemplo), cartas recibidas por Tàpies de intelectuais que dan conta dunha ampla correspondencia e das temáticas da mesma; misivas de Andre Malraux, de Marcel Duchamp, de Bertrand Russell ou de Octavio Paz.
Tàpies. Graffiti (1985)
Documental Antoni Tàpies, de Maria Lluïsa Borràs (1981)
Entre todo o material cedido pola familia á fundación atopouse un documental que se elaborou nos anos 80 sobre Tàpies, que só se exhibiu en Estados Unidos, e que permaneceu oculto e inédito en España ata que comezou a preparación desta mostra. O documental pódese contemplar agora na Fundació e forma parte de Tàpies. Colecció d’Artista. O seu interese radica no repaso que fai pola obra de Tàpies e tamén polos seus referentes artísticos, literarios, culturais, todo dentro do contexto social e persoal do artista. O documental forma parte dun proxecto de Fotoscop que comezou a facer en Barcelona Joaquim Gomis, consistente na edición de imaxes con banda sonora.
Antoni Tàpies é un artista complexo, polifacético. Del poden sorprender moitas cousas. Por exemplo a súa amizade con José Ángel Valente, o grande poeta ourensán. Ambos mantiveron unha conversa no estudo de Tàpies no ano 1995. O coloquio sobre a creación artística e literaria foi publicado baixo o título Comunicación sobre el muro (Rosa Cúbica, 2004). No mesmo libriño aparecen escritos de Valente sobre a produción de Tàpies; nun deles fai a afirmación de que a arte de Tàpies ten a textura da meditación. Octavio Paz, pola súa parte, no poema titulado Diez líneas para Antoni Tàpies (Árbol Adentro, 1987) escribe: “”Sobre las superficies ciudadanas,/ las deshojadas hojas de los días,/ sobre los muros desollados, trazas/ signo carbones, números en llamas./ (…) tu pintura es el lienzo de la Verónica/ de ese Cristo sin rostro que es el tiempo.””
Menos coñecidas poden ser as facetas reivindicativas de Antoni Tàpies. No ano 1974 Tàpies pinta unha peza titulada A la memòria de Salvador Puig Antich. Noutros casos eran carteis convocando manifestacións e folgas. Na obra dedicada ao recordo do anarquista Puig Antich (executado a “garrote vil” polo franquismo nese mesmo ano), Tàpies deixa o lenzo case en branco, para que quen queira aplique as cores que se mostran nun mini-pantone.
Unha das leccións que se pode aprender deste pintor tan diverso, intimista e social, é o seu potencial intelectual. Na Fundació Tàpies xa hai 5.500 referencias bibliográficas que viñeron do domicilio do artista. Tàpies, como Hanna Arendt, procuraba non deixar de pensar, pois iso é o grande pecado: que as persoas decidan (por ideoloxía, por conveniencia, por comodidade) deixar de pensar. Deixar de pensar leva a calquera sumidoiro da propia humanidade.
Con anterioridade, na Fundació Antoni Tàpies xa se fixeron outras mostras sobre a creación do propio artista. Todas elas importantes e atractivas. Pódese lembrar Antoni Tàpies. Cap braços cames cos (2012), todo un tratado sobre a insistencia do artista no estudo-desmembración do corpo humano, do propio corpo, do que foi moi consciente logo dunha longa enfermidade, ou tamén Contra Tàpies (2013) un traballo de dous comisarios interesados en buscar os modos menos coñecidos de Tàpies, e a súa confrontación con outros artistas coetáneos seus (de aí o título): Graham, Hockney, Beuys ou Passolini. E no MNAC, o museo de referencia, fíxose unha ampla e variada mostra dedicada ao artista de Campins: Tàpies. Des de l’Interior (2013), unha mostra ampla na que se podían observar as querenzas de Tàpies pola arte románica, por exemplo.
Motherwell, Sen título (1963)
O mellor museo de Barcelona?
Nin Barcelona nin Cataluña teñen un museo que albergue obras de artistas de vangarda do século XX. Hai si un Museu Picasso en Barcelona, un Teatre-Museu Dalí en Figueres, pero son centros monotemáticos. Cómpre unha institución aberta, sen prexuízos, e que poida conseguir con facilidade moitas das obras que se precisarían, xa cubistas, xa fauvistas, surrealistas, abstractas, expresionistas, etc. Hai cousa dun mes, precisamente, o MNAC abriu as portas da mostra Del Segon Origen. Arts a Catalunya 1950-1977 (reseñada nesta revista), co obxectivo de visualizar a arte que en Cataluña se foi facendo na ditadura franquista, pois as realizacións plásticas da segunda metade do século XX semellan ter entrado nun burato negro e nin no MNAC nin no MACBA teñen presencia. As pezas que Antoni Tàpies posúe (agora a súa familia e a Fundació) son un magnífico xermolo para tal fin. Non existe actualmente na cidade unha colección de arte do século pasado comparable á que este artista acumulou ao longo dos anos, en variedade temática e estilística, en calidade, en multiplicidade de orixes.
Un bo exemplo da liberdade creadora e da ausencia de prexuízos que sempre demostrou o artista de Campins é o feito seguinte. No ano 1992, ás portas das olimpíadas, Antoni Tàpies propuxo instalar o seu xa famoso Mitjó (Calcetín), unha escultura de 18 metros de altura na Sala Oval do MNAC. Sería unha escultura entre a Arte povera e a Pop art, dunha altura acorde coas dimensións da Sala Oval (o recinto central da Exposición Universal de 1929) e transitable por dentro. A resposta que lle deron as autoridades de entón é antolóxica: “”O seu Mitjó non está á altura de Catalunya”” (Deixar de pensar?). Trátase dun calcetín rachado no calcañar e mais na punta, da promoción estética dunha das pezas de roupa máis cotiás e deostadas. Pero altura si que Tàpies propuña que tivese. A que tipo de altura se referían? O que darían hoxe os dirixentes do MNAC e moitas autoridades por ter esa icona plástica en Montjuïc! Sería de certo un dos emblemas culturais da cidade, un reclamo estético de primeira magnitude (sospeitarían que podía competir coa Sagrada Familia?). Hoxe hai unha réplica de só 3 metros de altura na terraza da Fundació Antoni Tàpies, que pouca xente coñece.
Precisamente, para combater ese provincianismo que ameaza con instalarse en mentes e establecementos, sería conveniente que a familia de Antoni Tàpies e mais as autoridades metropolitanas (e outras máis se fose preciso) mirasen de argallar o modo de que a riqueza artística que Tàpies acumulou ao longo da súa vida teña visibilidade pública. Poida que as novas autoridades municipais teñan visións máis libres sobre a cultura e a súa concreción na cidade. E hai días a Fundació Tàpies escolleu novo director, Carles Guerra (antes Director da Virreina Centre de la Imatge en Barcelona e Conservador xefe do Museu d’Art Contemporani de Barcelona). Pep Serra, o director do MNAC, fala de ampliar este museo polas dependencias da Fira de Montjuïc. Todo parece axudar a unha confluencia de intereses e de sensibilidades. ¿Renovados cargos directivos no municipio e mais na Fundació favorecerán o entendemento, traballarán na implantación dunha institución cultural na cidade máis plural, máis universal?
Lito Caramés
EXPOSICIÓN: Tàpies. Colecció d’Artista
Fundació Antoni Tàpies
ata o 10 de xaneiro de 2016
You might also like
More from Crítica de arte
Ana Tomé: Intemporalidade | Inma Doval
Ana Tomé: Intemporalidade. Exposición de fotografía no espazo cultural da libraría Biblos de Betanzos (mes de marzo de 2024) | …
Os folgos da escultura flúen polas veas de June Crespo | Lito Caramés
Estes meses o Museo Guggenheim instala nas súas salas unha importante mostra dos traballos da escultora June Crespo: Vascular. Que …