Nos nosos primeiros anos de matrimonio, el tiña por costume facer o amor escoitando a radio, mentres me agarimaba dun xeito mecánico. De cando en vez, cunha man no transistor, a outra sobre a miña pel, cambiaba de sintonía, para escoitar alternativamente noticias e cancións; logo acadaba un vaso que sempre tiña na mesiña de noite, e botaba un grolo de auga con bicarbonato. Os seus bicos sabíanme lixeiramente salgados, fríos e moi asépticos. Tiña a impresión de que eran bicos receitados por prescrición facultativa.
Aquel seu xeito de amar, alén de me incomodar, deixábame indiferente. Non sentía máis ca o seu peso sobre min, os sons intrusos do transistor, e o desexo fervente de que todo rematase axiña. As cores daqueles encontros sexuais eran os do fastío e os da monotonía. Ás veces tiña a sensación de que a miña vida estábase a consumir sen lle sacar proveito algún. Bolboreta sen ás, víame atrapada nun remanso sen luz, ou o que é o mesmo, nun pozo en sombras. Cando el durmía, púñame a soñar esperta coa miña adolescencia e os meus espertares… As raias de sol debuxaban na persiana medio pechada do meu cuarto horizontais sorrisos de luz, que me incitaba a incorporarme ao mundo. O espazo enchíase de pentagramas, e as paredes da alcoba semellaban pintadas con música. Os días da miña adolescencia resolvíanse en sucesivas capas de tons claramente azuis, e o teito do mundo adquiría todas as noites un negrísimo azul, un azul que recendía a misterio… Gustábanme os paseos nocturnos por prados e corredoiras, rodeada do alborozo dos curmáns. Ás veces, detida na escuridade, sentindo baixo os pés o frescor da herba, cos ollos postos no ceo, contemplaba absorta o paso silencioso e fuxidío dunha estrela. Entón a noite para min convertíase nun enigma e nun altar.
Falábamos baixiño, en murmurios case, coma se temésemos espantar o tránsito lentísimo dos vagalumes que, enfiados, ían deixando o ronsel luminoso das súas pegadas na beira dos camiños. Tío Artur adoitaba coller unha daquelas luces vivas e pousábaa con suavidade sobre a miña trenza. Os curmáns, rindo, imitábano. As tías, ledas, robustas e sensuais coma as tres Venus de Rubens, enchían a noite cos seus pasos rexos e delicados á vez, aspirando con fruición os efluvios campestres. Falaban baixiño entre elas de afrodisíacos e exquisitas receitas de cociña; logo de ponderar con frases escollidas a miña nacente beleza, adoitaban engalanarme entre risas cos abrochos das roseiras. Cando remataba o paseo chegaba a casa cos cabelos cubertos de flores e vagalumes. Entón mirábame no espello. Tío Artur tras de min, os ollos cravados na imaxe reflectida no azougue, semellaba o artífice que contempla satisfeito a súa obra.
“A maxia da noite, Elisa, mudoute nunha linda fada” –murmuraba quedo, ao tempo que baixaba as pálpebras e puña reixas de contención ao lume de desexo que en labaradas prendía na súa ollada…
Si, aquelas noites recendían a sensualidade, e alentaba derredor de nós un sopro morno, terreo e astral. Eras noites tan claras coma densas, e tiñan a cor dun negrísimo e azul misterio, tan espeso que só cos coitelos da lúa se poderían cortar… Ao fío da media noite, cadaquén, metíase no santuario do seu cuarto, onde, libre das ataduras convencionais, espíase para se entregar con audacia aos soños… Eu, esperta, centrábame na escuridade, da que de súpeto xurdía unha luz que me puña ás, permitíndome ir máis alá de min, e penetrar nos cuartos pechados e nas mentes dos que soñaban…
As criadas, sempre tan melindrosas, mestras en finxir rubor, despedían no seu sono un fresco recendo a mazás e anís. A entrega. Ambas as dúas sen ningún pudor, brancas e núas coma ondas, ofrecían os corpos novos a un imaxinado amante, co que chegaban a experimentalo todo… A cor dos días desas dúas rapazas era o incerto e fluctuante ton da hipocrisía.
As miñas tías, Cloe e Selda, nesa súa hora secreta e tan privada, coa fiestra aberta á noite, tendíanse entre as sabas e, despoxándose dos camisóns, murmuraban palabras de amor e pregaban caricias, coa mesma fe do que está a ler un devocionario. Carne intacta, robusta a delas, consumíndose de desexo. Asombradas avelaíñas nocturnas coábanse pola fiestra e xiraban de redor do leito, atraídas polo tenue suor que transpiraban, e a luz opalina que irradiaban os seus corpos. A cor dos días das miñas tías Cloe e Selda era o da frustración e as arelas reprimidas.
Os curmáns tiñan soños que recendían a aventura, a galeóns cargados de tesouros, a tesouros agochados, a damas fermosísimas secuestradas, a piratas malvados que cheiraban a ron. Eles eran heroes que o arranxaban todo cunha espada. Os dous eran ferventes lectores da Illa do tesouro. A cor dos días deses rapaces era dun luminoso e eterno verdor.
Quedábame por entrar nos soños dos que compartían a alcoba matrimonial. O cuarto da tía Elia e do tío Artur. Ás veces tiña a tentación de pasar sen pararme, pois pensaba que era mellor non ser testemuña do que non sucedía entre eles… Pobre tía Elia! Preto daquel corpo tan distante… Mentres el soñaba amores prohibidos, ela languidecía, esperando en van unha caricia, un bico. Esa íntima tenrura que trae logo á paixón da man… Para tío Artur, Elia, que cruzara xa a fronteira dos corenta e cinco, era tan só o recipiente onde depositara a semente dos fillos. A eficiente ama de casa que administraba o fogar, educaba aos nenos, e lle procuraba as comodidades e pequenos praceres domésticos. Non había máis. As cores dos días da miña tía eran os da insatisfacción e o desamor.
Si, cada día trae a súa cor. A felicidade, a desdita, o optimismo, o abandono, as frustracións, teñen cada unha a súa cor, que exerce sobre cada un de nós a súa influencia. Hoxe, sinto coma se todas as cores dos días vividos volvesen a min, mesturándose nun calidoscopio de luces e sombras.
Malia ser agosto, o ceo está gris, moi gris, e alenta no mar a tristeza do chumbo, as cores da melancolía. Dende a ventá, vexo o descolorido tendal da miña solitaria veciña. A roupa posta a secar, que aínda garda o sinal, a feitura do seu corpo, abanéase con lentitude. Hai neses movementos coma a mensaxe cifrada dunha pena.
You might also like
More from Chelo Suárez
O gato de Hilario
Hilario volveu de América máis pobre que marchara. Para disimular a súa frustración, presumía diante dos colegas de ter vivido …
Emulando a Juan Eduardo Cirlot
Recreando ao meu admirado poeta Juan Eduardo Cirlot. Meu pranto Meu pranto é a cruz que me condena, meu pranto vai pola xustiza …