I
Con dedos de lume, amada,
cada palabra que che escribo.
II
Amarte así, tendida, núa,
sentindo tan só a música
desta paixón que nos ata,
inducirá, amada, a
doce e mansa entregarte.
O violín do vento
soando coma un laio ao redor.
Un delirio de arpas
arroupando
o teu corpo vencido;
tan vencido de amor…
Na túa pel
un frenesí de soles
E o suave teclear
dun piano
nas miñas tempas.
III
Coa inexperta tenrura dunha iniciada
tremente, achegaraste a min.
Señor son dos teus praceres.
Baixo a miña mirada, liberada da roupa e de todo pudor,
Ofrécesteme…
Eu, coa lingua, seguirei una rota descendente
para tatuar, coa saliva, sabiamente
a túa pel.
Ata acadar o cáliz
onde agochas a flor.
IV
Ao acariciarte, sinto no rosario do lombo
un suave rozar de ás…
Un leve rir de axóuxeres percórreme a caluga…
Auga delgada ás veces
vólveste nos meus brazos.
Outras, río de mel, rosa esfollada;
lúa derramada no meu leito.
Seda enfiada a miña paixón
tan dúctil e entregada.
Marxe que de súpeto
limita os meus desexos.
O teu corpo
é distinto
cada vez que o posúo…
V
Amordazarte hei con farrapos de lúa,
meu caravel.
Despois de atarche os pulsos con cadeas de hedra.
Para logo
nun leito de rubios azafráns e vermelllas papoulas,
pel sobre pel, xuntos xacer
co ritmo acompasado
dun único latexo.
Os nosos corpos trémulos
perlados de suor,
entrelazados, cativos dunha sede
que
canto máis e máis bebamos
máis suscitará o desexo de beber…
You might also like
More from Chelo Suárez
O gato de Hilario
Hilario volveu de América máis pobre que marchara. Para disimular a súa frustración, presumía diante dos colegas de ter vivido …
Emulando a Juan Eduardo Cirlot
Recreando ao meu admirado poeta Juan Eduardo Cirlot. Meu pranto Meu pranto é a cruz que me condena, meu pranto vai pola xustiza …