Kanaga. The Widow Watson, 1924
A fotógrafa Kanaga foi unha verdadeira pioneira no mundo da fotografía, máxime sendo muller. As súas sensibilidades orientáronse cara aqueles colectivos desfavorecidos cos se foi atopando ao longo da súa vida: obreiros, comunidades afroamericanas e mesmo as mulleres. Consuelo Kanaga. Copsar l’Esperit é unha necesaria antolóxica que recupera os traballos dunha gran fotógrafa.
❧
Consuelo Kanaga. Copsar l’Esperit. KBr Mapfre
I could have done lots more, put in much more work and developed more pictures, but I had also a desire to say what I felt about life. Simple things like a little picture in the window or the corner of the studio or an old stove in the kitchen have always been fascinating to me. They are very much alive, these flowers and grasses with the dew on them. Stieglitz always said, “What have you got to say?” I think in a few small cases I’ve said a few things, expressed how I felt, trying to show the horror of poverty or the beauty of black people. I think that in photography what you’ve done is what you’ve had to say. (Manifestacións de C. Kanaga, recollidas en Margaretta K. Mitchell. Recollections: Ten Women of Photography, 1979).
Consuelo Kanaga (1894-1978) foi unha importante fotógrafa norteamericana. Pioneira en moitos campos, como o de ser a primeira fotorreporteira da que se teñan noticias. Naceu en Oregon e logo se mudou cos pais á zona de San Francisco. Cómpre suliñar que xa no ano 1911 (con 17 anos) traballaba para xornais e revistas de San Francisco, como San Francisco Chronicle ou o Daily News. Segunda a súa amiga, e tamén fotógrafa, Dorothea Lance: foi a primeira fotógrafa de prensa que coñecín. Unha muller moi adiantada ao seu tempo.
Nestes comezos de 2024, o KBr Barcelona Photo Center presenta nas súas salas en Barcelona a interesante e atractiva exposición Consuelo Kanaga. Copsar l’Esperit. Trátase dunha antolóxica da fotógrafa, a primeira por suposto que se fai en España, que conta con máis de 180 imaxes e diverso material documental sobre Kanaga. Foi unha das primeiras (se non foi a primeira) fotógrafas dedicadas ao fotoperiodismo, e tamén abriu camiños nas súas relacións con círculos vangardistas. En San Francisco formou parte do grupo profesional Grup f.64 creado, entre outras cousas, polas influencias de Paul Strand, fotógrafo de ideoloxía progresista, o que o levou a interesarse polas clases traballadoras e menos favorecidas socialmente. No ano 1950, descontento coa política dos EEUU nesa época (a Guerra Fría), decidiu exiliarse en Francia, e alí viviu ata o seu pasamento (Kanaga xa presentou fotografías na primeira exposición que o grupo en 1932). Poucos anos despois, cando se mudou a New York, entrou en Photo League, que tiña como un dos seus obxectivos a reportaxe como denuncia social. Funcionou ata 1951, e entre os seus membros cóntase a Berenice Abbott, a recuperadora de Eugene Atget e mais grande fotógrafa de New York, e tamén -outra volta- Paul Strand. No seu ideario lese A fotografía ten un importante valor social. Nos fotógrafos recae a responsabilidade e o deber de rexistrar unha imaxe veraz do mundo tal como é. Foi por estas ideas que acusaron á Photo League de comunista e foi perseguida perante a caza de bruxas de McCarthy e obrigada a desaparecer.
Na extensa antolóxica Consuelo Kanaga. Copsar l’Esperit as imaxes, case todas copias de época, de reducido tamaño e coa luz que a fotógrafa lles daba, proveñen dos arquivos que posúe o Brooklyn Museum, lugar onde a fotógrafa depositou case que as súas coleccións ao completo. E a mostra agora comentada tamén a organizou o devandito museo neoiorquino, en colaboración coa Fundación Mapfre e o San Francisco Museum of Modern Art (SFMOMA). E o comisario de Consuelo Kanaga. Copsar l’Esperit é Drew Sawyer, historiador da arte e mais comisario de moitas exposicións, mormente de fotografía.
Cumpría facer a presente exposición. Consuelo Kanaga foi unha fotógrafa moi recoñecida perante a súa vida. Imaxes tiradas por Kanaga en diversos escenarios, xa de reivindicacións, xa dos traballos e os días, foron publicándose en xornais, revistas e tamén en exposicións. En 1955 as súas instantáneas estiveron na humanista e famosa exposición The Family of Man, organizada polo MOMA, nada menos, xunto coas de moitas e moitos outros profesionais da fotografía. O Brooklyn Museum foi quen, tamén de organizarlle outra individual en 1976. Cumpría organizar Consuelo Kanaga. Copsar l’Esperit porque Kanaga non se prodigou en autopromocións; máis ben axudou a moitas amigas fotógrafas (da que se falará no seguinte apartado), e dedicou tempo e esforzos a manter as relacións afectivas que lle foron xurdindo ao longo da vida, e deixando en segundo plano a propia careira profesional.
Como xa se dixo, a mostra sobre Consuelo Kanaga que agora ofrece KBr Mapfre é extensa e intensa, preparada con agarimo e coa presentación das instantáneas da fotógrafa nas súas versións (copias) orixinais. Poucas son as imaxes actuais. Iso é un valor engadido, para unha exposición de fotografía.
Consuelo Kanaga. Copsar l’Esperit. “Harlem Renaissance” / “The New Negro”. Hands.
The “Harlem Renaissance” was a time period where African American culture greatly influenced many aspects of life, especially in the creative arts. The Harlem Renaissance produced many talented and successful artists, writers, and musicians. These notable figures in history helped bring about changes in American society, through new and unique innovations. Famous musicians, for example, such as Louis Armstrong, significantly impacted American culture through their innovational style of playing music and development of new techniques. (Revista Bartleby.com).
Nos comezos da súa profesión como fotógrafa, Kanaga estivo moi influenciada por Alfred Stieglitz (1 de enero de 1864 – 13 de julio de 1946). Perante os seus cincuenta años de traballo fotográfico loitou por facer que a fotografía fose unha forma de arte; arte comparable ao que eran daquela a pintura e mais a escultura. Todo un valedor da fotografía artística. Para conseguir o obxectivo artístico comezou traballando aspectos que eran propios da pintura (composición, texturas); xa logo pasou a botar man de elementos propiamente fotográficos (luz, fondura de campo, …). Pouco a pouco Stieglitz acabará pasando da fotografía que se coñece como o pictorialismo (fixo fotografías que, aínda sendo en branco e negro, lembran moito a pinturas impresionistas, ou mesmo do tardorromántico William Turner) a outras categorías, como a coñecida como “fotografía directa”, onde xa o inflúen tamén discípulos seus como Paul Stand. (A Stieglitz tamén se lle coñece polo seu casamento coa pintora Georgia O’Keeffe).
Neste ambiente medrou profesionalmente Kanaga, pasando da fotografía estética a outra comprometida coas persoas menos favorecidas. É ben coñecido o labor que Kanaga fixo dentro da categoría de retratos. Retratos a obreiros, traballadores agrícolas, mendigos urbanos. E sempre esta muller emprega a cámara para facer o que non fan outras compañeiras , ou compañeiros. Kanaga retrata persoas pobres, pero achega tanto a cámara ás faces desas persoas que case nunca se ve nada do ambiente en vive esa persoa. É dicir, a Kanaga interésanlle as faccións de mulleres e homes, non evidenciar que vive na rúa, que vai moi mal vestida. Retratos con dignidade. E, aínda máis, na meirande parte deses retratos a face aparece acompañada cunha ou coas dúas mans, dándolle á composición un ar entre teatral e dramático que forza a quen os ve a fixarse na estética, na composición, e así deixar de botar de menos o hábitat onde se atopaba esa persoa á hora de ser retratada. Naqueles anos outros profesionais toman imaxes (se se quere denunciadoras) onde se evidencia a pobreza. Para Kanaga o compromiso social tamén se pode levar acompañado pola beleza.
Nas súas estancias entre unha costa e a outra, Kanaga acaba por estar máis tempo en New York. Alí entre os anos 20 e 30 participa -como xa se dixo- como compoñente da reivindicativa Photo League. E por aí entra en contacto con movementos reivindicativos das persoas afroamericanas, que estaban a sufrir unha forte discriminación racial. En New York coñece o movemento chamado The Harlem Renaissance, unha asociación de intelectuais e mais de xentes da cultura que quere reivindicar e fortalecer precisamente a cultura Afroameriana. Neste amplo movemento atópanse escritores, políticos, artistas, músicos, todos centrados nese barrio de coñecida residencia de persoas afroamericanas.
Ao mesmo tempo, alá por 1925, aparece outro grupo con idénticos obxectivos e que se acaba undindo co anterior: The New Negro (importante a publicación que ese ano fai Alain Locke dun volume con idéntico título: The New Negro, an interpretation. Esta nova maneira de asosiacionismo vai máis aló da metrópole e súmanse a ela persoas doutras vilas e estados, mormente persoas afectadas polo que entón se coñecía como a Great Migration, que non era outra cousa que a fuxida dos afroamericanos do sur, racista, violento, ás cidades do norte, onde era posible loitar polos dereitos civís. Calcúlase que máis de 6 millóns de persoas negras fixeron ese camiño na primeira metade do século XX. O filme Harriet (2019) é a recreación das actividades de Harriet Tubman que en 1849 fuxiu da escravitude e dedicou o resto da súa vida a axudar a outras persoas afroamericanas a procurar a liberdade: marchar ao norte.
Consuelo Kanaga será unha das poucas fotógrafas (e máis branca) que porá a cámara ao servizo deses movementos afroamericanos. Moitos dos seus retratos son desta época e foron feitos a persoas negras. Unha das súas imaxes máis icónicas (e reivindicativas do xeito que lle agradaba a ela) é Hands (1930). É unha imaxe moi sinxela: a imaxe mostra, á dereita, unha man negra grande (diríase de home) que acepta na súa palma a man branca e delicada dunha muller. Máis nada. Máis nada e tanto! É todo un alegado antirracista, nos intres en que ambas comunidades non podían relacionarse nin mesturarse de ningún xeito. Respecto da separación de comunidades nos EEUU hai moita filmografía. Baste citar dous casos ben chamativos: Señoras y Criadas (The Help), 2011, e outra ben reivindicativa tamén: Figuras ocultas (Hidden figures), 2016. Estes dous filmes reflicten a segregación, e por riba o maltrato ás mulleres negras.
Entre todas as personalidades que se involucraron en movementos como The New Negro atópase o formidable músico Louis Armstrong. De Armstrong tense dito que mudou a música de jazz para sempre. Coa súa trompeta deulle forza e orgullo ás comunidades afroamericanas que vivían en Harlem (New York) e no resto dos EEUU. Foi criticado por non significarse demasiado nas loitas raciais, pero os seus xeitos de facer as cousas era pousón e delicado; algo así como o que Kanaga facía coas imaxes de persoas negras. Unha das teimas de Armstrong consistía en atraer á poboación branca á música de jazz e todas aquela manifestacións que ata entón foran exclusivas dos negros. Pero Louis Armstrong axudou economicamente a Martin Luter King nas súas loitas polos dereitos civís, discretamente. En 1957 criticou publicamente a Eisenhower por non facer ren nos conflitos (e mortes) de negros que se sucedían nos EEUU; e tamén cancelou unha xira de concertos, que o goberno dos EEUU lle organizara como parte da súa política exterior, polo trato que ese goberno dispensaba á poboación afroamericana.
Hai certas similitudes entre as actitudes de Kanaga e mais Armstrong. Ambos foxen das estridencias, e apostan máis por dignificar aquilo co que traballan.
Consuelo Kanaga. Copsar l’Esperit. Mulleres. She Is A Tree Of Life To Them.
feel that room swayin’…… / while the band’s playin’ / One of your old favourite songs from way back / when / So….. take her wrap, fellas……. / find her an empty lap, fellas / Dolly’ll never go away again (Jerry Herman e Louis Armstrong, Hello Dolly, 1964).
A icónica canción Hello Dolly, popularizada por Armstrong celebra a volta de Dolly, unha amiga, e asegura a quen a escoite que Dolly non volverá marchar. É un verdadeiro himno á alegría de vivir, unha peza moi optimista. Pódese interpretar como que o optimismo tamén o queren exportar a toda a poboación?
Xa se ten dito que unha das prioridades de Kanaga como fotógrafa foi dedicar as súas reportaxes, retratos e imaxes aos colectivos desfavorecidos, xa obreiros (os anos 30 son os anos da Grande Depresión, das fileiras de persoas sen traballo, sen comida), xa as comunidades afroamericanas. Tamén fixo outras cousas. Por exemplo, tomou bastantes instantáneas dos rañaceos que ían xurdindo na cidade de New York. Esta actividade Kanaga foi quen de facela en paralelo ao que andaba a artellar a súa amiga Berenice Abbott, a máis coñecida retratista das novas edificacións da metrópole, que concentrou na publicación Changing New York (1939). Neste caso tamén se cumpre: as imaxes de Abbott son icónicas para a historia da arquitectura neoiorquina, mentres que as de Kanaga pouco se coñecen.
Outro dos temas favoritos da autora de Hands é o mundo feminino, as súas relacións de amizade con elas e mesmo os retratos que lles dedicou. Kanaga foi amiga, por exemplo, de Abbott, ou de Dorothea Lance, coa que tamén compartiu militancias en asociacións como a Photo League. A que quizais é a imaxe máis icónica e potente de Lance (Migrant mother, 1936) xa apareceu a carón das instantáneas de Kanaga en The Family of Man. Unha migrante, neste caso non é negra, pero si que Florence Owens (tal é o seu nome) tiña sangue cherokee, outro colectivo ben desfavorecido. Sobre o respecto e dignidade coas que Kanaga trataba ás persoas, sábese que no ano 1952 viaxou a New Mexico onde o seu amigo Lewisohn estaba rodando un filme sobre o pobo navajo. E alí, no semideserto, Kanaga negouse a retratalas e retratalos alegando que sería unha intromisión nas súas intimidades.
Tamén coñeceu, foi amiga e axudou a outra fotógrafa: Tina Modotti, unha italiana que fuxira da súa terra á procura de mellores oportunidades. Modotti seguiu vieiros semellantes aos de Kanaga, sempre próximos á fotografía social. Nunha revista mexicana escribiu: o que trato de producir no es arte, sino fotografías honradas, sin trucos ni manipulaciones, mientras que la mayoría de los fotógrafos aun buscan los “efectos artísticos”. Modotti marchará a México onde foi unha das reporteiras das revolucións sociais de aquel país.
Consuelo Kanaga fixo, ao longo de tantas décadas, moitos retratos de mulleres. Delicados, dignos. Unha das súas imaxes emblemáticas é a que ela mesma titulou She is a Tree of Life for Them (1950), que aparece acompañando estas liñas. A instantánea está tomada en Florida, onde se desprazou a fotógrafa para reportar o traballo das comunidades negras nos duros traballos do algodón. A imaxe é un monumento ao traballo, á resignación decidida desta muller negra que mantén e defende ao fillo e mais á filla. A imaxe está tomada en contrapicado, feito que resalta a monolítica estatura desta muller de ollar triste pero decidido. A árbore da vida, un signo sacro; un evanxeo das clases traballadoras. Salvador Dalí dixo que a pintura de Millet, L’Angélus, era para el unha Biblia Moderna. She is a Tree of Life for Them é outro capítulo desa Biblia Moderna.
Para rematar esta panorámica sobre a antolóxica Consuelo Kanaga. Copsar l’Esperit, dicir que Kanaga -aínda sendo unha muller branca- axudou a dignificar e a denunciar a situación (entre outros colectivos) da poboación afroamericana dos EEUU, ese país que semella tan rico, pero que aínda hoxe discrimina racialmente. Neste senso foi unha adiantada a outras fotógrafas que remataron por facer cousas similares. Por exemplo, a grande fotógrafa Carrie Mae Weems, a que o mesmo espazo (o KBr Mapfre) dedicou hai pouco unha magna antolóxica.
A necesaria antolóxica Consuelo Kanaga. Copsar l’Esperit merece ser visitada e reflexionada.
❧
EXPOSICIÓN: Consuelo Kanaga. Copsar l’Esperit. KBr Barcelona Photo Center (Mapfre), ata o 12 de maio de 2024
You might also like
More from Artes
Paz Errázuriz, o reverso da realidade chilena | Lito Caramés
A fotógrafa Paz Errázuriz retratou as faces antiestéticas, incómodas da ditadura de Pinochet. E segue na mesma liña.
Suzanne Valadon, artista valente | Lito Caramés
Agora, no MNAC, pódese disfrutar da mostra Suzanne Valadon. Una epopeia moderna, unha antolóxica dedicada a esta artista que, contra …