O MNAC, coma outras institucións museísticas, sofre os retallos do que se di crise. Máis aló das súas ofertas permanentes e tamén temporais, axexan sombras que inquietan, que ameazan continuidades e programacións.
Lito Caramés
Recoñecendo El Divino Morales
O Museo del Prado, xunto co Museu Nacional d’Art de Catalunya (MNAC) e mais o Museu de Belas Artes (Bilboko Arte Ederren Museoa) de Bilbao, coorganizan a mostra El Divino Morales, unha posta a punto nas investigacións sobre Luís de Morales (1510-1586), un pintor que viviu e traballou principalmente en Estremadura, e tamén en Portugal, e que caeu no esquecemento dos séculos (como moitos outros artistas, mormente mulleres), pero que en vida foi todo un fenómeno comercial; tanto éxito tivo que os estudosos afirman que só foi superado, anos despois, polo Greco (aínda que este foino despois de morto). As obras de Morales cotizábanse, chamábano bispos e comunidades relixiosas, e as súas iconografías –amables e conmovedoras– eran imitadas por outros artistas. A mostra, que xa se viu no Prado e mais no Museo de Bilbao, brinda a oportunidade de percorrer salas onde colgan 54 pezas do Divino, procedentes de varios museos, de coleccións privadas e institucións relixiosas, e deterse na súa calidade técnica e mais nas iconografías relixiosas que elaborou, e repetiu, a cabalo entre os aires novos renacentistas e a contraofensiva fundamentalista da Contrarreforma.
A exposición está comisariada por Leticia Ruíz Gómez, que asemade é a xefa do departamento de Pintura Española do Renacemento do Museo Nacional del Prado. Aquí en Barcelona a mostra inclúe dúas obras que non se puideron ver nin en Madrid nin en Bilbao: Cristo con la cruz a cuestas e o Ecce Homo, que son propiedade do MNAC e todo parece indicar que non as cedeu para ser vistas nas outras cidades. Por contra, os responsables do MNAC non teñen reparo en afirmar que é doado contemplar a peza de Morales que abre a exposición (La Virgen del Pajarito, procedente da igrexa de San Agustín de Madrid), grazas á intervención directa do ministro de Educación e Cultura, Íñigo Méndez de Vigo.
Na presentación, tanto o director do Museo del Prado, Miguel Zugaza, como o do MNAC, Pepe Serra, resaltaron a exemplar colaboración entre as tres institucións, e comentaron que neste proxecto expositivo buscouse resaltar a orixinalidade e a calidade de Luís de Morales, e non tanto facer referencias eruditas a un artista esquecido.
Morales. La virgen de la leche. 1560
Luís de Morales, el Divino, entre o Renacemento e o Barroco
El Divino Morales, español y pintor famoso; fue cognominado el Divino, así porque todo lo que pintó fueron cosas sagradas, como porque hizo cabezas de Cristo con tan gran primor, y sutileza en los cabellos, que al más curioso en el arte ocasionaba a querer soplarlos para que se muevan, porque parece que tienen la misma sutileza que los naturales (Antonio Palomino, pintor e estudoso da arte española, no volume terceiro da súa obra El Museo Pictórico y Escala Óptica, 1715-1724).
Calcúlase que Morales chegou a pintar directamente unhas 150 táboas e lenzos. Tal cantidade de obra fala da capacidade de traballo do artista durante décadas, así como do seu prestixio, que deriva en encargos, e dun obradoiro con axudantes que colaboran na confección xa de cores, xa de partes secundarias das pinturas. A comisaria, Leticia Ruíz, apuntou outra das razóns de tanta produción artística: Fue el primer fenómeno comercial de la época, antes que el Greco, que no tuvo éxito casi en vida. Supo acertar sobre todo con sus tablas devocionales, que ofrecen una religiosidad privada e íntima, con delicados iconos de misteriosa y melancólica belleza, que suscitan piedad, dolor, ternura, culpa o arrepentimiento. Ese éxito comercial vén axudado tamén polo que se estilaba xa no Renacemento e que logo no século XVII será a normalidade: cada pintor no seu obradoiro “especializábase” nun número reducido de iconografías (tal será o caso de Francisco de Zurbarán). Iconografías que se ofrecían aos posibles novos clientes, con algunhas variacións (nos fondos, en figuras secundarias, na luminosidade) para garantir a orixinalidade da peza. Os estudosos actuais da obra de Luís de Morales atópanse co problema de atribuír a autoría de pinturas da súa factoría, pois o número inxente de imitacións que tratan de facer pasar por creacións do Divino Morales, esixe análises meticulosas das mesmas. Por outra banda, a concesión do adxectivo Divino a un artista non é orixinal de Palomino, nin do século XVIII. Xa en vida lle atribuíron esa cualidade a Miquelangelo Buonarroti, entre outros. Aquí unha panorámica das salas de El Divino Morales.
Luís de Morales é un pintor que exerce a súa profesión na plenitude do século XVI, o Renacemento. Pouco se sabe da súa vida privada, a non ser que casou en Badaxoz e que se moveu por aquela rexión polos contratos firmados. Descoñécese, por exemplo, se viaxou ao estranxeiro, se visitou Italia, etc. En moitas das súas obras vense con claridade influencias da pintura flamenca. Sería bo coñecer se Morales vira algunha vez pezas de Van der Weyden, pois a dor e afectación de obras como o Descendemento deste pintor flamenco do século XV (que se conserva no Museo del Prado) teñen reflexo en iconografías de Morales.
Morales. La Piedad. 1560
Luís de Morales, iconografías reiteradas
Na mostra El Divino Morales é doado comprobar que Morales é un pintor da súa época. As súas figuras, enmarcadas en moitos casos en táboas de reducido tamaño -axeitadas á relixiosidade privada- e de medio corpo, remiten a maneiras de traballar de pintores da talla de Rafael ou Leonardo. Agora no MNAC acompaña ás pinturas de Morales o Ecce Homo (1525), unha talla de Alonso Berruguete, polas similitudes entre os quefaceres de ambos. Cómpre lembrar que Berruguete viviu en Florencia e foi un grande admirador de Donatello e de Miquelangelo Buonarroti.
Con todo, sorprende que en pleno Renacemento, ese movemento artístico tan proclive á arte greco-romana, e tan ofensivo coa arte anterior (os renacentistas puxeron o nome de gótico ao que se fixera por Europa na Baixa Idade Media, como epíteto descualificador), que buscaba a serena naturalidade das composicións clásicas, sorprende que Morales xa utilice recursos hiperrealistas do barroco: o patetismo e dramatismo que emanan algunhas das iconografías. Por exemplo, que nas piedades o corpo de Cristo apareza xa tumefacto, gris e azulado. E aínda máis que as figuras secundarias de moitas composicións mostren facianas moi realistas, como pintadas despois de coñecer a obra de Caravaggio (cousa neste caso imposible). Ao parecer, unhas das explicacións é a invitación á piedade e á devoción que promove a Contrarreforma católica.
Entre as iconografías máis coñecidas de Luís de Morales está La Virgen de la Leche, a peza máis representativa da mesma é a que actualmente se conserva no Museo del Prado. Estas obras, como case todas as de Morales de medio corpo, próximas ao espectador e con pouco fondo (o efecto visual que provoca consiste en facer que as figuras estean cerca, accesibles), presentan unha virxe moza e cos peitos cubertos, sendo o cativo o que rebusca a teta entre os delicados vestidos. Outro dos seus temas favoritos son as piedades. As piedades de Morales (tamén chamadas na época Quinta Angustia, en clara referencia ás sete dores de María), volvendo ao mesmo de antes, están lonxe do equilibrio e serenidade da Pietà del Vaticano de Miquelangelo; non hai a estrutura piramidal creada polo corpo vertical da nai e o corpo morto, horizontal, de Cristo. As piedades do pintor Morales aparecen cun claro dominio vertical, ao pé da cruz, con Cristo morto, sen fondo apenas, e non de corpo enteiro; están preto dalgunhas das últimas obras de Miquelangelo, obras nas que xa aparece a dor e o dramatismo (Pietà Rondanini). Dicir tamén que algunhas das súas nosas señoras son coñecidas como as Virxes xitanas, denominadas así na época por estimar que os vestidos que Morales lle puña a María eran cos que ela fixera o camiño de fuxida a Exipto.
Sorprende, así mesmo, o contraste deste dramatismo e realismo de moitas das súas figuras coas faces de moitas nosas señoras, que son delicadas, mozas; tipicamente renacentistas. Segundo a comisaria, Morales chegaba a machacar vidro para mesturar ese po de vidro aos pigmentos e lograr así texturas máis finas e transparencias realmente difíciles de lograr. Contraditorio, entre idealista e realista. Por tras das súas imaxes pasan as sombras de Rafael ou Leonardo, pero tamén a de Parmigianino e aínda a de quen será Lo Spagnoletto.
Morales. Cristo presentado ante el pueblo. 1570
Ramon Casas i les ombres xineses d’Els Quatre Gats
Ramon Casas i les ombres xineses d’Els Quatre Gats és un conjunt inèdit que permet posar en context les ombres xineses i el llegat de Casas, no com a pintor modernista, sinó tot reivindicant la seva condició d’artista bohemi. L’exposició mostra el Ramon Casas més versàtil, divers, polifacètic i bohemi (Francesc Quílez, comisario).
Co gallo do 150 aniversario do seu nacemento, 37 institucións e entidades ofertarán ao público sete grandes exposicións por diversas localidades catalás. En Barcelona, curiosamente, a máis ampla mostra sobre Casas é a que se pode ver no Museu del Modernisme. E sorprende que, para agasallar a un dos grandes nomes da arte en Cataluña, non se celebre no MNAC que ten moita obra de Casas. O director desta institución, Pepe Serra, declarou hai pouco que o MNAC co-organiza unha mostra xunto co Museu de Maricel, de Sitges, como un xeito de diversificar as ofertas culturais e espallalas polo territorio. Por contra, o MNAC ofrecerá ao longo do ano a exposición Ramon Casas i les ombres xineses d’Els Quatre Gats, a que vén de abrirse. Paralelamente, no Cercle del Liceu (unha institución burguesa anexa ao Teatre del Liceu) é doado contemplar outra vertente da creación de Casas: Júlia, el desig. Ramon Casas, un repaso polas pinturas e deseños do pintor e editor que realizou desde que coñeceu á que sería a súa modelo e compañeira, Júlia Peraire Ricarte. E, a partir de novembro, en Sitges estará a máis ampla exposición sobre o artista: Ramon Casas, la modernidad anhelada. A gran mostra está producida polo concello de Sitges e mais por LaCaixa e contará con obras de coleccionistas privados que antes nunca se puideron ver. En 2017 viaxará a Madrid e a Palma de Mallorca,
Ramon Casas i les ombres xineses d’Els Quatre Gats está comisariada por Francesc Quílez, coordinador de coleccións e coordinador xefe do Gabinete de Debuxos e Gravados do MNAC. E decidiron instalala na sala onde permanentemente o museo expón dúas obras icónicas de Ramon Casas: Ramon Casas i Pere Romeu en un tàndem (1897) e Ramon Casas i Pere Romeu en un automòbil (1901), arranxo oportuno pois nas dúas pezas o autor, rico e vividor, móstrase cun dos protagonistas da vida bohemia da Barcelona modernista. Aproveitando a efeméride dos 150 anos do nacemento de Casas, o MNAC acompaña as sombras chinesas dun bocexo, inédito, da obra Ramon Casas i Pere Romeu en un tàndem (que presidía as paredes do bar Els Quatre Gats desde a súa apertura), no que se pode apreciar que a obra orixinal era máis grande do que é actualmente (aínda así agora fai case 2mx2m), pois o galerista comprador, Plandiura, recortouna bastante para poder colgala na súa casa. Pola parte de riba, o galerista retallou unha lenda posta por Casas: Per anar am bicicleta no’s pot dur l’esquena dreta (aquí pódese ver tal e como era a peza enteira, antes das mutilacións).
Casas e Meifrèn. Àngel Guimerà. Ombres xineses. 1897-1898
Sombras chinesas burlonas, de artistas e literatos
A mostra Ramon Casas i les ombres xineses d’Els Quatre Gats presenta 57 obras, entre carteis, invitacións e álbums con sombras chinesas; do total, 44 pezas pertencen ao MNAC. As sombras chinesas, foron ideadas en plan burlesco e lúdico por Ramon Casas para Els Quatre Gats, e realizadas por Josep Meifrén, dentista e amigo de Casas. As sombras chegaron ao MNAC pola doazón de Pere Jiménez-Meifrèn, sobriño de Josep Meifrèn. Giménez explicou que as sombras estiveron moito tempo nunha caixa de cartón e logo tívoas expostas na súa casa durante anos. E hai pouco, sabendo dos actos que se fan co gallo do Any Ramon Casas, preguntou por que non se expuñan as sombras chinesas de Casas, e a explicación que lle deron foi (palabras textuais): “porque non sabemos onde están as sombras”. Oído isto, Jiménez-Meifrèn decide pór remedio e deposita, por un período de dez anos, as sombras chinesas de Casas e Meifrén no MNAC.
As sombras chinesas estaban de moda a finais do século XIX por toda Europa. As de Casas son de 1897 e 1988. En concreto as que aquí se referencian serviron para facer representacións na taberna Els Quatre Gats, centro difusor do modernismo en Barcelona e refuxio de artistas e bohemios da época (tamén Picasso andou por alí). E as figuras son facilmente identificables, pois representan a escritores ou artistas como Àngel Guimerà ou Miquel Utrillo, a Pompeu Gener e Pere Romeu; incluso o propio Casas se autocaricaturiza. O obxectivo dos espectáculos é, por suposto, burlón e satírico. Un divertimento. A chegada e popularización do cinematógrafo acabou cos espectáculos das sombras chinesas.
Casas e Meifrén. Pompeu Gener. Ombres xineses. 1897-1898
David Bestué, Sala 83
Se quixésemos establecer unha xenealoxía das obras que David Bestué presenta neste proxecto, teriamos que comezar por referirnos á famosa frase do Conde de Lautréamont: “Belo como o encontro fortuíto dun paraugas e unha máquina de coser nunha mesa de disección” (Juan José Lahuerta, xefe de coleccións do MNAC).
O artista David Bestué, coñecido do MNAC por outros proxectos, vén de instalar nunha sala relativamente pequena, que se abre á monumental Sala Oval (orixinariamente foi o espazo principal da Exposición Universal de 1929). Unha instalación de pezas variadas, todas elas dos fondos do propio museo e que leva por título “Sala 83”. O título indica que se trata dunha proposta de relectura das coleccións do MNAC; propón un epílogo para a exposición permanente do museo, pois este ten 82 salas expositivas. Por tanto esta é a última. Todas as pezas están nun espazo único, pequeno “un espazo propio dun centro cívico”, afirmou Bestué, e foxen de cronoloxías nin de orde aparente.
Segundo reza no díptico que edita o museo para presentar esta instalación, as pezas que se poden atopar en Sala 83 son, entre outras: Expositor metálico con pesas e elementos cerámicos modernistas, Columna salomónica de madeira con cerámica, Marco neogótico, Peaña con mlduras barrocas con cerámica romana e graxa, Estrutura metálica con cántara medieval, etc.
David Bestué (Barcelona, 1980) é un artista que experimenta con ideas que lle chegan da poesía, da historia da arte e da arquitectura. En Sala 83 os cacharros e máquinas de Picabia e de Duchamp parecen as sombras dos que escolleu e mesturou Bestué.
Casas. Puchine·lis. Quatre Gats. 1899
Perspectivas de futuro para o MNAC
O Museu Nacional d’Art de Catalunya ocupa desde hai uns anos o edificio do denominado Palau Nacional, a construción que foi a sede principal da Exposición Universal de 1929; a segunda que se celebrou en Barcelona (a primeira foi no 1888). O novo director, Pepe Serra, ten entre as súas prioridades atopar novos espazos para ampliar a exposición permanente dos fondos do museo. Unha das solucións, segundo el mesmo, sería proseguir a realidade física do museo polos edificios próximos, tamén fillos da exposición de 1929 e situados ás beiras das fervenzas e mais da fonte monumental. Mentres tal ampliación non chega, vanse facendo apaños.
Noutra orde de cousas, o MNAC ten problemas de financiamento, como moitas outras institucións; máis se tales institucións dependen de cartos públicos. Seica o actual conselleiro de Cultura, Santi Vila, prometeu unha dotación de 950.000 euros a engadir aos millóns que xa recibía (un 21% máis). Como en Cataluña non se aproban orzamentos, a promesa segue a ser iso, unha promesa. A non chegada deses cartos pode coutar os proxectos do MNAC para o ano vindeiro. Entre eses proxectos atópase a exposición na que as obras de Pablo Ruíz Picasso dialogan coa arte románica que se conserva no MNAC, como resultado de baixar as pinturas das igrexas dos Perineos a Barcelona, evitando así que uns italianos agudos as levasen e vendesen en EEUU. Esa mostra arrinca de que no ano 1906, Picasso pasou unha tempada en Gòsol, unha pequena vila do Pireneo, e que en 1934 visita as coleccións da arte románica do que hoxe é o MNAC.
E por se fose pouco, o museo ten agora en contra unha sentenza xudicial que lle obriga a devolver as pinturas murais do mosteiro de Santa María de Sigena ao concello desta localidade oscense. O museo, xunto coas autoridades do Govern da Generalitat de Catalunya, negan tal devolución, e pretenden facer recursos e máis recursos á mencionada sentenza co obxectivo que as pinturas queden en Barcelona e mais en Lleida (algunhas están na cidade ilerdense). Estes días a tensión entre Aragón e Cataluña medra: o director do MNAC, Pepe Serra, afirmou que mentres el estea no cargo de director as pinturas murais de Sigena non se retirarán: “Lo digo bien claro, sería una bobada, un despropósito internacional”. Da outra banda, o presidente de Aragón, Javier Lambán, anunciou á prensa que pedirá a actuación da policía xudicial se este 25 de xullo o Govern de la Generalitat de Catalunya non devolve as 97 pezas do mosteiro de Santa María de Sigena depositadas en museos cataláns. A solución nos meses vindeiros.
Lito Caramés
David Bestué. Sala 83.
EXPOSICIÓNS:
El Divino Morales (ata o 25 de setembro de 2016)
Ramon Casas i les ombres xineses d’Els Quatre Gats (ata o 27 de novembro de 2016)
David Bestué, Sala 83 (ata o 2 de outubro de 2016)
MNAC
You might also like
More from Crítica de arte
Irving Penn, a fotografía sen ornamentos | Lito Caramés
A Fundación MOP (A Coruña) ten o acerto de presentar unha mostra antolóxica de todos os traballos do gran fotógrafo …
entre espelhos falsos magritteanos e peugadas in-corpóreas de Bete Gouveia | Luís Serguilha
«entre espelhos falsos magritteanos e peugadas in-corpóreas de Bete Gouveia», por Luís Serguilha