Entre diversas entidades museísticas van perfilando posibles relatos artísticos das producións en terras catalás. Agora tócalle aos traballos da época da ditadura e da transición. Anuncio de próximas ampliacións?
Lito Caramés
O Museu Nacional d’Art de Catalunya (MNAC) regala nestas datas de verán unha mostra extensa, Del segon origen. Arts a Catalunya, 1950-1977, con 194 pezas, pertencentes a 109 artistas e con máis de 400 documentos que ambientan e sitúan períodos históricos e fixan as prácticas artísticas no contexto social e cultural. Escóllese esta cronoloxía (1950-1977) para significar que o primeiro ano é o momento en que artistas de Dau al Set fan a súa viaxe a París antes que se produza o cambio de beira atlántica e sexa New York o grande foco de atracción artístico (no ano 2007 o MACBA programou unha exposición co título “Sota la Bomba”, onde se contrastaban as artes que se facían en Europa, capital París, e en New York, xusto despois da Segunda Guerra Mundial). En París asisten á fin do surrealismo e máis contactan con Joan Miró e Pablo Picasso –os dous grandes artistas e mestres das vangardas que vivían exiliados na capital francesa–, e o segundo porque, acabada a ditadura, comezan aires novos: o 2 de xullo de 1977 celébrase en Barcelona o grande mitin da CNT. Del segon origen. Arts a Catalunya, 1950-1977 é o resumo de moitas outras exposicións que se viñeron facendo en Cataluña nos primeiros 15 anos do milenio. Por iso Pep Serra, director do MNAC, quixo agradecer a colaboración a persoas, a galerías, a artistas, a familias de artistas, que axudaron a reunir esta escolma de pintura, deseño, performances, libros, vídeos, fotografía, revistas, xornais, manifestos, esculturas, tecidos, escritos. Volven aparecer aquí certas evidencias de que ‘a historia da arte contemporánea é a historia das exposicións‘.
Josefa Tolrà. Debuxo fluídico, sen data.
Entre o MNAC e o MACBA
O Museu Nacional d’Art de Catalunya, unificado non hai moitos anos e situado no Palau Nacional (sede principal da Exposición Universal de 1929, Montjuïc) sempre viviu de rendas da extraordinaria colección de Arte Románica, herdanza do traslado das pinturas orixinarias de moitas igrexas dos Pireneos a Barcelona nos anos 20 do século XX, por iniciativa da Junta de Museus e para evitar que uns cantos italianos –vivos e expeditivos– as arrincasen todas e as vendesen en USA. Tamén contou coa colección de Gótico, e logo foise engadindo o Barroco. O ano pasado o MNAC inaugurou a reordenación e ampliación das salas dedicadas á Arte Moderna, con obras das centurias XIX e primeira metade do século XX.
Mentres, no centro da cidade (Raval) naceu e medrou o Museu d’Art Contemporani de Barcelona (MACBA), aplicado en mostrar parte da produción artística máis actual, como demostra a exposición temporal que agora teñen en todo o primeiro andar: Desexos e Necesidades, a presentación en sociedade das compras do museo nos últimos tres anos.
Hai, entón, un burato negro respecto da exhibición pública da arte realizada en Cataluña na segunda metade do século pasado. Este é o obxectivo da mostra Del segon origen. Arts a Catalunya, 1950-1977: presentar unha escolma de obras e documentos que falan da produción artística nesas tres décadas en terras catalás, da que se ofrecen retallos neste vídeo.
Ponsatí, Barcelona, 1977.
Entre Josefa Tolrà e Federica Montseny
Segundo os comisarios, entre eles o propio director do museo, Pep Serra, non é unha exposición de formato clásico, onde se pretende defender unha tese. Trátase da presentación de materiais que aínda están espallados, que proceden de institucións e coleccións diversas e que logo retornarán aos seus donos. O MNAC só é propietario de tres das obras expostas (e moitos dos documentos) e o MACBA de máis de 80. Os comisarios insistiron en que a produción artística destas tres décadas é rica e complexa, razón pola que cómpre traballala en profundidade, procurando fuxir dos prexuízos e abríndose a novos enfoques para o seu estudo e relato. Segundo os comisarios (Pep Serra, Juan José Lahuerta e Valentín Roma) esta mostra ten carácter estratéxico: é o xermolo, a prefiguración do que nun futuro terán que ser as salas que dean visualización ás creacións da segunda metade do século XX.
Pep Serra queixouse na presentación de Del segon origen. Arts a Catalunya, 1950-1977 de que o MNAC non ten espazo, nin orzamento, nin equipo para atacar a ampliación das salas do museo e seguir así a exhibición cronolóxica a partir de 1950, que é ata onde chegan agora as salas da Arte Moderna, e propón que as institucións públicas (Ajuntament, Generalitat) habiliten un dos pavillóns da Fira para albergar a arte da segunda metade do século XX.
A mostra comeza con dúas obras de Josefa Tolrà, unha campesiña do Maresme que foi esquecida ata hai dous anos, en que a comisaria independente, Pilar Bonet, organizou unha exposición dos seus debuxos no Can Palauet de Mataró. Josefa Tolrà (Cabrils, 1880) comezou a riscar debuxos fluídicos aos 60 anos, tras a morte de dous dos seus fillos na Guerra Civil Española. En transo comunicábase con espíritos que lle ditaban o que había representar. Xa nos anos 50 foi admirada por Brossa e outros artistas de Dau al Set. E, tras percorrer as creacións dos anos 50, 60 e 70, remata Del segon origen. Arts a Catalunya, 1950-1977 con fotografías anónimas do mitin que a CNT celebrou en Barcelona o 2 de xullo de 1977, xusto diante do Palau Nacional, que hoxe é o MNAC, e ao que asistiu Federica Montseny.
Àngel Ferrant, Noies entrellaçades, 1952.
Entre o surrealismo e a heteroxeneidade dos anos 70
O grupo Dau al Set (Brossa, Tàpies, Cuixart, Ponç, Tharrats) créase no ano 1948 inspirado no surrealismo de Miró e en certo existencialismo. Para o relato máis canónico da arte catalá, este grupo e esta data son como un “mito orixinario” da produción artística nos comezos da ditadura franquista, coa súa propia revista, Algol. Tal é así que o resto de artistas e grupos quedaron eclipsados polos membros de Dau al Set. Pero nos anos 50 traballaron artistas tan relevantes como o surrealista Ángel Ferrant (moi na liña de Yves Tanguy), Antoni Clavé, o deseñador Ricard Giralt, o Club 49 e a mesma Josefa Tolrà, que atoparon na Sala Gaspar e nas Galeries Laietanes lugares onde mostrar as propostas máis arriscadas do momento.
Nos anos sesenta o panorama é moi diverso: arte informal, conceptual, pop art, art povera. En Del segon origen. Arts a Catalunya, 1950-1977 é doado ver (en papel e en vídeo) a performance que o Grup Gallot de Sabadell fixo na Praza de Cataluña barcelonesa (24/09/1960), que suxire querencias polas grafías orientais, a Colita facendo fotografía documental con Carmen Amaya, a Llena dedicándose á arte povera, ou a Joan Miró confeccionando un mural efémero nas paredes de vidro do Col·legi d’Arquitectes de Catalunya, e que Pere Portabella recolleu na filmación Miró, l’altre (1969). Iso quer dicir que, contra a percepción que hoxe teñen moitos estudosos e artistas, naquelas décadas houbo arte máis aló de Tàpies. Nestes anos tamén viron a luz estudos que hoxe son considerados verdadeiros clásicos na análise das novas realidades que emerxían. Por exemplo: Teoría de la sensibilidad (X. Rubert de Ventós, 1968), La televisión (R. Gubern, 1965) e La filosofía y su sombra (E. Trias, 1969).
A década dos setenta aínda diversifica máis o panorama artístico, con certa pátina de academicismo. Seguen a traballar xentes como Brossa, Tàpies ou Ponç, e xa aparece Miquel Barceló, Amèlia Riera, ou o fotógrafo Maspons. Por esas datas a politización cobra unha dimensión importante na vida e na obra das persoas: exemplo diso son as propostas do Grup de Treball. Ao longo de todas estas décadas a editorial Gustavo Gili representou un fito importante na bibliografía da arte.
Grup Treball. Solidaritat amb el moviment obrer, 1973.
Del segon origen. Arts a Catalunya, 1950-1977 é o resultado dos esforzos de moitas persoas para xuntar pezas e artistas que ata agora transitan por coleccións, galerías e institucións, e por buscar eixos aos quefaceres artísticos de hai 30, 40 ou 50 anos. Tamén é unha ampla exposición na que están representados máis de 100 creadores. Pero só un 10% son mulleres artistas. Mulleres silenciadas, outra volta, como explicita este documental. Sorprende esta realidade, pois Del segon origen. Arts a Catalunya, 1950-1977 presenta obras ben próximas a nós, onde a creatividade das mulleres é ben coñecida, e nos tempos que corren as sensibilidades xa comezaron a cambiar.
Lito Caramés
EXPOSICIÓN Del segon origen. Arts a Catalunya, 1950-1977
MNAC
Ata 25 de outubro de 2015
You might also like
More from Crítica de arte
Irving Penn, a fotografía sen ornamentos | Lito Caramés
A Fundación MOP (A Coruña) ten o acerto de presentar unha mostra antolóxica de todos os traballos do gran fotógrafo …
entre espelhos falsos magritteanos e peugadas in-corpóreas de Bete Gouveia | Luís Serguilha
«entre espelhos falsos magritteanos e peugadas in-corpóreas de Bete Gouveia», por Luís Serguilha