O reloxo espertador irrompe no seu espazo, estragándolle un agradable soño coa súa aguda voz de chifre. “Terei que cambialo por outro menos ruidoso” -pensa. Dende hai un tempo cústalle incorporarme aos días. Prefire as noites, envoltas nunha capa de escuro veludo. As noites propician os seus soños; cómplices de canto pasa neles, aproban dende a primeira ata a última das súas loucuras.
– Polo día son unha escritora de mediana idade e mediana estatura; nin gorda nin fraca, nin guapa nin fea; acoirazada tras un ríxido traxe chaqueta de la gris, que fai xogo co ton indeciso dos meus ollos e dos meus cabelos. Confeso que escribindo son mediocre, por non dicir aburridísima, tanto coma eficaz e desinhibida á hora de soñar…
A fiestra do meu cuarto de baño ten unhas fermosas vistas. Dende ela vexo, e venme, os pasaxeiros dos transatlánticos que atracan no peirao. Esas moles brancas inmensas de varios pisos. Os turistas están a fitarme na cuberta con abraio. Vestida coa fina camisa de durmir, métome baixo o chorro quente da ducha. Consciente de que me escoitan, dedícolles unha canción obscena. Polos acenos que me fan parece gustarlles. Dende o primeiro ao último: ingleses, franceses, chineses ou moscovitas, sen quitarme ollo, están a masturbarse… Decátome da súa lascivia… Entón espreguízome coqueta entre un flotante veo de vapor. Coa esponxa acaricio con suma e sabia lentitude o corpo… Eles berran de pracer… Intencionadamente, apértolle o colo de plástico, ao frasco do xabón líquido, que expulsa unha baba abrancazada, espesa… Semella moco cervical… Na palma das mans ofrézollo aos turistas, que na distancia, delirantes, succiónano con avidez, glup, glup, glup! Nese momento, o desaugadoiro da bañeira, dilatándose coma o colo dun útero, absórbeme de vez.. En plena escuridade viaxo a todo ritmo, pola ancha, rugosa e longa vaxina dun encanamento, ata desembocar no mar. Ao momento, o transatlántico, con catro avisos de sirena, pérdese no océano. Os turistas, seino, sóñanme, tendidos en ringleira ao sol, deixándose anainar polo vaivén dos seus lascivos pensamentos… Dende o pico dunha onda axito unha man húmida e dígolles adeus. Adeus tamén á nave, gaivota de neve que se perde na distancia, se perde…
O reloxo espertador irrompe no seu espazo de soñar… Espreguízase, érguese con lentitude, e métese no baño. Núa, asómase a ventá.
– Bos días, día. -dille á mañá.
De cóbados no peitoril, olla o grande transatlántico, gaivota de neve na distancia, que medra e se achega, achégase ao peirao, ateigado de turistas chineses, franceses, ingleses, moscovitas… Entón, maliciosa, sorrí…, pois acaba de abrirlle as portas do día aos seus soños máis atrevidos…
E sabe que xamais volverá a por o seu anódino e ríxido traxe gris, que cambiará a cor dos ollos e do pelo. Fará traballar os músculos, indo a un ximnasio misto. Que non volverá escribir nin unha soa liña sobre esas cousas tan politicamente correctas e aburridas que adoitaba cando estaba esperta, que sabe non lle interesan a ninguén.
You might also like
More from Chelo Suárez
O gato de Hilario
Hilario volveu de América máis pobre que marchara. Para disimular a súa frustración, presumía diante dos colegas de ter vivido …
Emulando a Juan Eduardo Cirlot
Recreando ao meu admirado poeta Juan Eduardo Cirlot. Meu pranto Meu pranto é a cruz que me condena, meu pranto vai pola xustiza …