Intentaba xogar a desfigurarse diante do espello para aprender a súa imaxe lonxeva antes de tempo. Xogar a imaxinar o paso dos días contra o que hoxe, diariamente, é urxente, necesario, reaxirmos a metade da humanidade.
Ese mesmo transcorrer de tempo que antes semellaba lento, piano, piano, que non andaba o suficiente elástico cando o espírito novo devecía por medrar e descubrir, desde o alto dun tacón de agulla, aquilo do que, semella que desde sempre, todo o mundo sabe, case ninguén fala e todos os egos ignoran.
Asoman entón aquelas televisivas liñas de expresión que a cosmética obriga a mudar por impresións atemporais preferentemente en non menos de tres semanas –testado clinicamente– porque, xa se sabe, cómpre apreixarmos axiña a liña do tempo. E domealo á nosa conta.
E entón decátase de que precisa reflexionar, apañar aqueles recordos que ficaron nun espazo reservado só para a autoobrigada vontade de pensar. E repara en que o cerebro é un trasno saltareiro que agocha aquilo que non podemos ter presente a diario, mais que nos asexa sempre disposto a nos ofrecer o seu saco de pousos desinteresadamente ao llo pedires con determinación. Ás veces, mesmo presenta a traizón siluetas presuntamente esmorecidas e espazos irrecoñecíbeis entre a nebulosa omnisciente. Eis a factura do tempo que, en perdéndoo, imos gozando.
E, decidida, fixa de novo unha mirada determinadamente ousada no espello á procura dun pensamento enganosamente perdido e decátase de que o xogo non é gratuíto.
Por primeira vez saúda esa marca no entrecello. Relaxa a ollada e desaparece. Mais está, sabe que chegou para ficar. Volta fixar a ollada coa determinación que acompaña o non-medo e apaña, co entrecello simetricamente delimitado na vertical do nariz, aquel primeiro estremecemento infantil perante a mortalla da bisavoa. E recoñécese decontado nos seus entrecellos. E lembra agora a voz donda daquela velliña miúda enloitada en contraste cos profundos ollos verdes océano, anda acó, miña nena, axuda a debullar!, sentada no tallo ao pé da negritude da lareira, arrequecendo a frialdade dos ósos contados polos días de trafego e de labores ao ventimperio.
A bisavoa de longa trenza amarelecida, desenredada a primeira hora do día logo do puntual alisado co peite de carei ben gardado no caixón do medio do chineiro da cociña, agochada no pano negro de catro puntas ben medidas para anoar con precisión simétrica no alto da cabeza. Ela. Un entrecello cómplice a mirala sempiterno canda o riso feble dunha muller que amou cando a vida llo permitiu sen gardar rancor a quen a entregou de miúda naquel hospicio. Que amou canto puido a quen a liberou daquela orfandade artificial para lle dar quentura de alento de home e grolos de vida fértil.
E, inevitabelmente, reviviu o día en que as campás tocaron a linguaxe das badaladas cadenciosas que anuncia a fin.
Na noite pecha, alguén decidiu que a nena tiña que se despedir da velliña. Ninguén entendeu que non había razón para descubrir a brancura da mortalla antes de tempo. Na casa do alto todo mudara: a veciñanza compartía longos parladoiros fóra contradicindo o silencio noctámbulo interior, coma no adro da igrexa de abaixo. Dentro, ao pé da cociña, o agardado e sempre compañeiro bafo da Pinta, da Careta, da Moura e da Roxa foran substituídos por outros arrecendos corpóreos irrecoñecíbeis e estraños.
O pai deu a man e subiron aquelas escaleiras de madeira gasta que triscaban, como as roscas morenas da romaría, cando as pegadas pousaban nelas trazando un movemento musical harmónico.
Un ruxerruxe de letanías afogadas nas gorxas pregaban ao compás acariñado das doas. Entre os coros de laios e as sombras proxectadas polos cirios, descubriu a bisavoa.
O pai tomouna no colo, achegouna ao cadaleito e suavemente foina abaixando. Un cálido bico na pálida fronte arrefriou de contado a súa boca.
Ollouna hoxe de novo no espello e confirmou que por fin tiña algo de seu.
Comprendeu que o tempo fala sempre para nos recoñecermos nel.
NOTA: a fotografia foi realizada por Eduardo Castro, e figura no Centro de Documentación da AELG.
You might also like
More from Mercedes Queixas
Entrevista a Mercedes Queixas
- Palavra Comum: Como entendes o processo de criação artística e literária? - Mercedes Queixas: No meu caso conviven dous procesos …