Detrás dunha vida sempre vai outra. E seguindo os nosos pasos, sempre se escoitarán outros. Uns achegados e veciños, e outros, inevitable, distantes e alleos. As pegadas de todos eles quedan nas rúas e os seus silencios, tamén. Teñen marcas, pautas e atallos, rigores e rutinas repetidas. Alguén pode pensar que son automatismos propios do camiño cotián, do que hai que facer día por día. Ou liñas condutivas a seguir na pedra, visibles e invisibles, como marcadas pola insistencia da camiñada e mais pola forza automática dos traballos do andar. Os pasos contan biografías; as olladas, dignidade. Os xestos axudan a imaxinar traxectorias e idades. Algunha mirada, presumir un pasado agora confiscado pola nobreza e honra das engurras. E o trazo dos corpos permiten describir os fillos que se pariron ou as netas que á fin chegaron. A man na carteira, o xeito de portala, narrar tempos de fame. Días de suores e remendos, de pouca luz, de frío na escola, de sabe deus que. Non agacha a muller, a vella, os seus ollos ao retratista. Ao contrario. Devólvelle comprensión, beleza doutrora. O fotógrafo, entregado, detecta o que ten que detectar. Retarda, sen detelo, o movemento e modula, sen artificios, a súa admiración pola imprevista modelo. Si, modelo.
You might also like
More from Fotografia
Lúa Ribeira: “Subir ao ceo” para baixar a duras realidades | Lito Caramés
Nesta primeira metade de 2023 e na cidade de Donostia, está aberta unha ampla e contundente mostra da fotógrafa Lúa …