John Ashbery naceu en Rochester, Nova York, en 1927. Pertence ao grupo coñecido como New York Poets. Posuidor de todos os recoñecementos reservados para os grandes poetas, agás o Premio Nobel, que se lle resiste ano tras ano. Ten publicado arredor de vintecinco libros de poemas. As súas influencias máis directas encóntranse nos textos de W. H. Auden, Wallace Stevens, Boris Pasternak e os surrealistas franceses. Ten sido comparado por Harold Bloom con Yeats e con Stevens. Os seus poemas son como unha xanela aberta ao fluxo dos seus pensamentos, de aí as constantes mudanzas de ritmo, de rexistros, de ánimo e de temas. En ocasións o tempo contráese e multitude de palabras sobreveñen para narrar unha milésima de segundo; noutros momentos concédenos a graza de comprender como fulmina unha era cunhas poucas palabras escollidas coa precisión dun ourive.
Traducimos Chinese Whispers, que dá nome tamén ao libro en que está inserido. O título fai referencia aos rumores e a ese xogo en que unha frase circula de boca en boca, e de oído en oído, entre un grupo de persoas sentadas en círculo, de modo que irremediabelmente acaba deturpándose, logo de pasar por todos os elos da cadea comunicativa.
TELÉFONO AVARIADO
E de alí a un bocado cedemos á presión:
Supuracións ad nauseam, o querer sermos máis altos,
malia que só sexa por sermos máis misteriosos, isto é, non máis altos,
como calquera árbore en calquera bosque.
Muda, a filloa descríbete.
Levaba pequenos números romanos incrustados polo borde.
Era un reloxo filloa. Facíanse naqueles tempos,
cada vez máis pequenos, por iso acabaron extinguidos.
Foi cen anos antes de que alguén se decatase.
O governador xeral
chamábao “sinuoso”. Mais nós, nós tiñamos outros nomes para el,
sabiamos que duraría moito tempo,
aínda que se extinguise. E tan certo como que as porras caen das árbores
sobre as entradas conxeladas, voltou de novo
cando toda lembanza fora expurgada
da mente común.
Todo o mundo quere probar un deses novos reloxos filloa.
Un noivo da vila do lado tiña un
mais atinadamente esquecía traelo sempre que o convidabamos.
Ao final os rumores viraron máis fabulosos que a realidade:
Seica levan incrustacións de madeixas de carpaza,
tan densas
que nin un príncipe na procura da Bela Adormecida podería entrar.
E aínda máis, hai moitos máis que cando estaban extinguidos,
Pero os prezos seguen a subir. Hainos nas Hespérides
e nas aldeas de chabolas nos límites do mundo coñecido,
azuis polo frío. Habíaos en todos os centros urbanos.
As cámaras escuras
tamén tiveron o seu momento aquel ano. Mais por que con tanta xente
a querer saber de que vai a historia ninguén dá atopado a receita orixinal?
Ao momento, a ninguén lle importa. Volvemos a ter detalles os uns cos outros,
a formar unha pequena vía para o tren a forza de pegar selo tras selo,
e outras cousas menos apreciábeis. O pasado fica esquecido até a próxima.
Como describir os anos? Algúns foron como bloques do máis pálido halva,
alleos a que os tocasen. Algúns deitaban o lixo dos outros,
tirábanse os ollos. Tirábanse moitos
antes de que ninguén se decatase, era como un claroscuro
de nubes a caeren.
Como eu devecía por volverte visitar naquela casa vella! Mais ti estabas xorda,
ou morta. As nosas cartas cruzáronse. Unha motora levábame alén
do baixío, as persoas na beira semellaban bonecos a manosearen cousas.
Aínda hai máis
que me vén á cabeza sobre os cans. Certo que unha sinxela aperta
dun peixe itinerante tería sido desprezada en certos tempos. Non agora.
Hai unha fame de anos na terra, as mulleres son lindas,
mais tamén vellas prematuras e gastas. Non mellora. Rochas semienterradas
en bandas de area, e maldicións espontáneas.
Bérrolle á porta principal do barco,
querendo ser máis alto, e nalgún punto no medio todo isto se perde.
Fun fantasma por un día. Os meus amigos leváronme con eles.
Sempre se acaba vendo que hai moito que salvar.
Os galiñeiros
non saíron flotando na inundación. As bordadoras volveron ao labor
con ganas. Todos os cerralleiros marcharan da vila á noite.
Acabou sendo unha bonita estación, primavera ou outono,
o ar era dixeríbel, os peixes anoados polo amor
nas súas padiolas. Si, e as viaxes
tamén eran palpábeis: alguén falara de gardar as aparencias
e as paredes eran unha miga demasiado azuis a media mañá.
Houbo algunha vez un tempo tal? Gustaríame tocarte como a froita
mazarte a beixos por iso, mais sempre hai algo que me detén:
a conciencia de que isto non é historia,
Independentemente das veces
que a sigamos tomando polo presente, que os titulares
anuncian a toque de trompeta todos e cada un dos días.
Mais detrás deste antiestético colexio, agora unha tenda
de encurtidos, coñécese e non se ignora a verdadeira natureza das cousas:
o teu é un voto como calquera outro. E hai fraude nas urnas,
cheas de encaixes de San Valentín e vaticinios de básculas automáticas,
dispensados con nobre caridade, como se isto puidese importarnos,
estas melodías
traídas polo vento
desde un realexo a varias millas de distancia. Non, non é o momento
de nos revelares o teu engano. Agarda a que a chuvia e a idade
nos teñan amolecido un bocado máis.
Entón veremos como de extintas
se volveron algunhas castes, como se erguen os anos
perante as súas descricións, por moi errados que estean,
e durante canto tempo fican no lugar os exércitos disoltos. Debo darche os parabéns
polo traballo de detective, como experto que son
en tupidos bordados, malia que non teña un título que mostrar.
As árbores, as estériles árbores, teñen sido descritas en máis dunha ocasión.
Sempre son máis altas, parece, e o río pasa a rentes delas
sen se decatar. Nós tamén somos máis altos,
máis altos os nosos teitos, máis pintadas as nosas paredes
con elocuentes frescos, as nosas eiras máis arexadas e borrosas,
segundo o tempo pasa e tece os seus breves enganos de modo intermitente,
un fío secreto.
A paz é un punto final.
E aínda que tivemos algunha oportunidade de saír do cerco,
agora só o tempo aceptará ter algo a ver connosco,
sen sabermos con que fin.
More from Críticas
Sobre “Estado Demente Comrazão”, de Paulo Fernandes Mirás | Alfredo J. Ferreiro Salgueiro
Estado Demente Comrazão é um livro complicado. É por isso que não está na moda. Parabéns ao seu autor!
O tempo das “Não-Coisas”. E o uso excessivo das redes sociais segundo Byung-Chul Han
"O que há nas coisas: esse é o verdadeiro mistério" Jacques Lacan Agarramos o smartphone, verificamos as notificações do Instagram, do Facebook, …