DÍAS DESES
Hai días tenros
coma lanuxe de paxaro novo
que fan estremecer
cando miras dende eles
ollos atrás
e ves coma dende un belvedere
todas as eivas
do teu paso polo tempo
Outeas ontes e antontes
e róeche no dentro
non poder reaxir
aaaaa dende o hoxe
en contra túa
Sentes a impotencia
de saber que a vida
só che brinda a opción
de lamentar
de cargar todo o resto da viaxe
co desasosego
do remorso
***
SILENCIO
Un día decátaste de que o silencio
máis que unha ausencia
é un inmenso océano
cuxa singradura
só precisa dun compás de calma
que permita todas as derivas
Daquela sentas os teus anos
no tallo da soidade
e agardas vir todo o que non sabes
ata as tenras redes da atención
Dislle co pensamento que estás aí
para que te descubra
e escóitalo coa mansedume
de quen sabe por fin
que outros eus teus
serían un largacío
que ningún horizonte
sería quen de afogar
Miras o arredor sen ansia
e envólveste contigo
no teu acougo
para que o ar diga por ti:
Sabe tan doce o tempo
que non ten destino!
You might also like
More from Isidro Novo
Entrevista ao escritor galego Isidro Novo
- Palavra Comum: Que representa para ti a literatura? - Isidro Novo: A literatura consta de moitos apartados diferentes e segundo …