O blues do estremecemento
Dicionario no aspecto externo, pois os poemas son titulados tan só con isoladas palabras a modo de listaxe lexicográfica (“Confusión”, “Nai”, “Poetas”, “Paciencia”, “Río”, “Pel”, “Civilización”…), no seu interior un rico imaxinario respira nunha reflexión humanista de grande fólego. As contradicións da experiencia vital que perturban o ser humano maniféstanse largamente no poemario como caos universal: a luz face á sombra, o lume face á auga, o silencio face á voz… Un eterno designio: “Estamos condenados / ao doloroso labirinto / de vivir.”
Mais esta condena non é o destino real, senón o aguillón con que a vida nos obriga a enfrentar o reto do coñecemento. No poemario de Fernán Vello múltiplas son as orixes do “estremecemento”, mais só unha a reacción positiva perante as continxencias: “a brasa que nos fai vivir” debe conducirnos a unha procura gnóstica, é dicir, á fórmula revelada en que a calor cósmica que posuímos nos outorgue luz: “Mais seguimos á procura de nós mesmos, / da palabra perfecta que nos salve / e que invada o mundo.”
O poeta posúe a sensibilidade que o fai visionario entre os membros da comunidade: “O artista ben sabe que a vida é un abismo que nos amordaza. / E nós sabemos contemplar o fulgor dese enigma”. O fulgor da Verdade que a obra de arte transmite, a Verdade que existe en inúmeras metamorfoses e que só a linguaxe artística pode expresar completamente porque non ata cabos, porque abre as imaxes poéticas en relacións complementarias, porque fornece unha lente desde a que observar “os astros liberados do futuro”.
Mais este poemario nace do húmido barreiro da tristeza, aquela producida pola desharmonía que tinxe a nosa vida de azul (esta cor aparece en 17 dos 35 poemas). Se me permiten unha piscadela musical, até diría que o Dicionario do estremecemento é o blues dun poeta, dun home que se deixa guiar pola súa man na procura do transcendente: “Vivo na respiración do poema / e non teño outro oficio / nin outra patria.”
A. F.
Nota: Esta crítica foi publicada en Protexta 05 (inverno ’07/08).
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …