A grea infame pechou xornais, ilegalizou a palabra política en calquera das canles coñecidas. Pola contra, deixou abertas moitas outras. Aquelas que definiran en tempos as máximas do antigo réxime, hoxe tristemente vixente, porque nin a república española, nin a transición bourbónica, deran conta da súa evolución imparable, sendo a devandita transición o corolario desta última.
Non hai moito, falaba sobre a compilación poética dos poetas do alzamento da Pascua do 1916 irlandesa. Concluíase, naquel intercambio de impresións, que moitos dos textos escritos daquela por estes catro afoutos, e algún ou algunha máis que ficaron fóra sendo igualmente merecentes de mención, hoxe serían motivo da aplicación da lei antiterrorista. Naquel momento, eu era máis partidario de aplicar esa norma a calquera dos textos incluídos no Boletín Oficial do Estado.
Dou en lembrar a Mac Piarais, advertindo aos que el denominaba donos do seu pobo, polo que estaba por vir, un alzamento popular que debería escarmentar a eses que se consideraban propietarios do poder. Penso isto, e matino que, efectivamente, a poesía garda o valor de ser cultura, se cadra un escano por riba daquela política, que tanto se despreza hoxe en día. Ese chanzo, que separa a poesía de ser ilegalizada, é o mesmo que a converte en ferramenta de comunicación dunha idea diversa. Pode ser isto, propaganda encamiñada a gañar prosélitos? Prefiro considerala unha arma para mostrar outra visión nun momento de necesidade.
Camiño, como Rábade Paredes, sobre ruínas. Vou co paso demorado que levan os anos de silencio, rumiando cada verso sen espera, sen meta definida. Penso se el que escribe a esa matrona prostrada, sería tamén mencionado para aplicar a lei contra a diferencia, contra a confrontación, contra a discrepancia. Se quixésemos, de ser esa a nosa intención, descubrir certa xenreira, veriámola en cada verso, contida en palabras precisas, pronunciadas no ton xusto que marca a certeza de saberse en posesión da verdade. Non deberemos denominar arma o libro de Rábade, pero si, certamente, sería escollido entre os primeiros para ser queimado naquelas presadas de exemplares que arderon para atemorizar coa soa luz das lapas. Agora, segundo vou construíndo este discurso, que non é máis que unha divagación dun serán ocioso, penso que as chamas do mercado han deixar arder a luz de Rábade no ostracismo do que din minoritario. Sen deixar de ser este último, o termo que define a diferenza, a confrontación e a discrepancia. E aquí temos a condena da poesía, a de virar as costas á inercia, proclamándose en fuga, arrastrando coa súa estela a esencia do que é verdade, oculta entre o hiperreal e a mentira máis desapiadada, ás veces tan imbricados, seducíndose mutuamente, na confusión que nos allea do que somos nós, tamén, en esencia, políticos.
Escribiremos, por tanto, poesía política ou non escribiremos.
You might also like
More from Alberte Momán Noval
Fin | Alberte Momán
Calquera que conte cunha mínima bagaxe lectora, ha recoñecer que hai lecturas que marcan. Cando neno, entendo que como todos …
Cerco literario para ovellas lectoras
Como adoita acontecer, as redes sociais, alén doutras consideracións, teñen a función de prender lumes pero, como se dos montes …