Scully. Spirit, 1992
As propostas artísticas das vangardas do século XX foron endereitando as súas linguaxes plásticas cara vieiros máis simplificados. Do figurativismo ás fórmulas de puras liñas xeométricas. O artista Sean Scully vén sendo hoxe un dos máximos exemplos vivos de creadores que procuran reflectir as emocións que lles procura a natureza e a vida con trazos, cores e formas que escoran entre un Mondrian e un Rothko. Os seus landline son expresión de saudades por paisaxes perdidas?
❧
Sean Scully. La Pedrera. Xeometría abstracta.
Non deixaba de mirar a raia do horizonte, o xeito como a fin do mar toca o comezo do ceo, os modos cos que o ceo deixa caer o seu peso sobre o mar e o xeito como aquela liña (aquela relación) se pode pintar. (…) Penso na terra, no mar, no ceo. Sempre establecen unha relación profunda. Intento pintala, pintar a sensación de unión elemental entre terra e mar, entre ceo e terra, unión de pezas que se dispoñen unha a carón da outra ou amoreadas en forma de raias do horizonte (S. Scully, Inner. 2016).
Os parágrafos anteriores, escritos polo artista abstracto Sean Scully (Dublin, 1945) veñen a conto dunha das liñas de traballos que segue ultimamente: a pintura de Landline, que veñen sendo a acumulación de liñas horizontais amplas -unhas por riba doutras e de tonalidades que se poden asemellar bastante- e que ben convidan a entender que tales franxas están a facer referencia a esas relacións tan estreitas entre ceo, mar e terra.
Sean Scully naceu en Dublín, aos poucos anos a súa familia foise vivir a Londres; posteriormente residiu en varias cidades de Alemaña, en Barcelona (perante 14 anos) e logo en New York. Entón, segundo el mesmo vai dicindo, esas liñas nos Landline veñen a representar a morriña que sente o emigrante. O emigrante -coma el- perde os referentes de infancia, da seguridade do fogar, e albisca o horizonte (esa liña tan enigmática) procurando atopar aquela terra que deixou e que, aínda que regrese, xa nunca será igual ca era cando residía nela permanentemente. Scully escribiu que un día atopábase nunha das illas de Man (oeste de Irlanda), mirando o mar, a conexión entre ceo e mar; mirando ao oeste con certa inquedanza pois aos poucos días abandonaba Europa e marchaba vivir a New York. Vello Mundo-Novo Mundo, iso si que é un Landline estremecedor. A carón dos seus traballos -pretendidamente só xeométricos de Scully- emotivos pódense situar as imaxes do fotógrafo Hiroshi Sugimoto, que tamén anda á caza de imaxes nas que a emoción viaxa polas finas liñas que perfilan ceos e mares.
O horizonte é indeterminado, enigmático, ceibe, emocionante, atractivo. A todas horas se poden contemplar horizontes. Moitas pinturas, deseños e fotos exhiben as súas liñas de demarcación, onde se intúen as intencionalidades de moitos artistas ao apostar por un horizonte baixo, ou alto, curvilíneo ou recto, esa liña, que parece nítida e que realmente confronta aos humanos coas súas obxectividades e imaxinacións. O horizonte é confín. Horizonte é a porta ao que pode haber máis alá, despois; para o que non se coñece. O artista irlandés pinta con trazos fortes, sen contemplacións, empregando brochas gordas (nada de pinceis finos) e botando man -cada vez máis- de cores mesturados; nada de esencialidades nin purismos, e sen preocuparse de se as franxas quedan ben rematadas e as xuntanzas entre elas ben definidas.
Agora na Pedrera -ese monumental edificio modernista firmado por Antoni Gaudí- a Fundació Catalunya La Pedrera presenta unha importante exposición deste artista: Sean Scully, na que é doado contemplar máis de 60 pezas entre pinturas, algúns debuxos e fotografías, e mais unhas cantas esculturas. Acompaña ás obras un vídeo, filmado polo cineasta David Trueba no estudo do artista, e que paga a pena ver pois alí está Scully, grande e enérxico, elaborando unha peza pictórica. Scully enfróntase ao lenzo (ou peza metálica) de gran formato como se dun combate se tratase. Concéntrase nos golpes de brocha, na execución dunha franxa e logo noutra, sen ter como premisa que cada cor teña que respectar un límite exacto. Esta exposición está organizada pola Fundació Catalunya La Pedrera, e ten como comisario a Javier Molins.
Sean Scully comezou facendo pintura figurativa, ben influenciado -entre outros- por Matisse e mais por Kitchner, para pasarse logo ás prácticas do minimalismo perante a súa época de New York e na década dos anos 70. En 1980 realiza unha viaxe por México e iso fíxolle mudar de rumbo. Quedáronselle marcadas nas retinas as estruturas arquitectónicas das construcións aztecas e maias. A xeometría de Chichen Itzá ou Teotihuacán faláronlle doutras expectativas artísticas. E aí comezou o seu vieiro cara a abstracción.
Sean Scully. Aberturas.
Quero comentar agora por que fago cadros abstractos. Concordo coa idea de Kandinsky que a representación da aparencia do mundo real obstaculiza dalgún xeito o acceso ao ámbito espiritual. E é neste ámbito onde trato de acceder coas miñas pinturas. É neste elemento no que sempre miro de afondar. E por iso pinto de maneira abstracta. (S. Scully. The Sublime and the Ordenary, 1989).
O paso que deu Scully de traballar de xeito minucioso, artesanal, coas finas liñas (trazadas con axuda de cinta adhesiva para non saírse da máis pura xeometría) que agora se poden ver no piso principal da Pedrera (antigo domicilio dos señores Milà) ás creacións posteriores nas que as emocións están presentes, nas que o reparto de cores, de grosas texturas ten moito que ver coas sensacións provocadas por unha paisaxe, por estados de ánimo, ese paso resumiuno o propio artista dicindo que abandonou a “liña obxecto” e abrangueu a “liña suxeito”. A obxectividade do minimalismo deu paso á procura de certa espiritualidade nas xeiras da abstracción.
No vídeo que filmou David Trueba escóitanse os seus comentarios sobre os xeitos de traballar, aquilo que procura; pero tamén se asiste á maneira de encararse coa superficie en branco. As liñas horizontais e verticais e as tensións que provocan son o substrato da súa creatividade. As súas producións deixan de ser puras, pura xeometría, e encamiñan cara unha xeometría sensitiva, sentida. Algo así como pasar de Mondrian a Marc Rothko. Para alimentar a riqueza e viveza de cores nas súas pezas abstractas, Scully dá ás telas varias imprimacións de pinturas variadas, pinturas que non sempre deixa secar. Con este método as cores dos óleos (emprega óleo que é máis expresivo ca pintura acrílica) acaban por mesturarse, dando como resultado unha mestura de tonalidades; tonalidades das que moitas veces o propio pintor non sabe ben o resultado final. Tempo atrás este método xa foi empregado, por Vermeer, por exemplo.
Unha das pezas representativas da súa xeometría abstracta é a que titulou África (1989). Unha obra con bandas verticais e horizontais de cores sorprendentemente apagadas, entre ocre, as claras, e un negro indefinido, as escuras. A pintura pasa dos 3 metros e medio de longo e máis de dous metros e 30 centímetros de altura. Segundo afirma Scully é unha homenaxe ao norte de África e ás viaxes que fixo por aquelas paisaxes cando era novo. O artista di que esta peza ten unha misteriosa luz fría e cálida, escura e púrpura. A luz do ceo do deserto e a da area do deserto. Esta pintura, como moitas outras, ten unha abertura, unha fiestra. Esa peza incrustada na parte dereita da obra, presenta novidade de cores máis claras e bandas algo máis estreitas. É moi habitual que nas súas obras de pura abstracción Scully incorpore outra peza máis cativa, unha fiestra que racha uniformidades, que abre fonduras e imprime dinamismos, unha fiestra cara onde?, cara un horizonte interior da propia pintura?, a terceira dimensión?
Scully non se queda cos traballos pictóricos, cos seus ensaios e pescudas sobre que cores ou formas son as que mellor reflicten unha paisaxe, unha evocación do horizonte, a dor que provoca a morte dun fillo. O autor de Arles Abend Vincent (un tríptico e ujha verdadeira homenaxe a Vincent Van Gogh) tamén vai polas linguaxes que lle reconfortan co volume completo, coas tres dimensións. As súas esculturas son exercicios xeométricos, onde o cubo ou os paralelepípedos lle permiten xogar con cores e masas pétreas (ou metálicas) nas que procurar evocacións, a expresión de sensacións. Agora na Pedrera está instalada a peza Venice Stack (2020), unha acumulación de 14 pezas de diversas cores elaboradas con vidro de Murano. O resultado é realmente fermoso, rechamante, colorista e lúdico. E logo, polas salas adiante, atópanse unhas cantas pezas das obras cúbicas da serie Small Cubed, xogos de granitos e outras pedras coas súas cores e formas, e nas que case sempre aparecen fiestras. Sempre fiestras, a outra dimensión?, a un horizonte sensorial propio? Para redondear esta magnífica exposición elaborou, ex profeso, a peza 55, unha obra de 6 metros de altura (instalada no patio) e creada con pezas xeométricas de metal e pintadas con pintura de automóbil. O efecto á entrada na Pedrera pola porta principal é emocionante.
As súas inquietudes lévano por moi diversos camiños. Xa vai para uns cantos anos que fixo un severo e rigoroso traballo de decoración da igrexa de Santa Cecilia de Montserrat. As intervencións de Scully realizáronse entre 2012 e 2015, e cóntanse vidreiras e pinturas moi diversas (mesmo algunhas da serie “dórico” -en grises- que son referencias directas ás arquitecturas dóricas da Grecia Clásica). Polas naves da igrexa románica -situada a carón do mosteiro desa montaña máxica- aparecen diversas pinturas de xeometría abstracta de Scully. O efecto é formidable; a arquitectura románica soporta perfectamente eses novidosos motivos abstractos. Con posterioridade (2023) fixo algo similar na capela do palau de Valeriola, situada na cidade de Valencia, onde hoxe se sitúa o Centre d’Art Hortensia Herrero. Neste caso as súas intervencións centráronse nas grandes vidreiras e mais na pintura Landline Heat.
En 2019, en paralelo á Biennale, o artista irlandés fixera intervencións na Basílica San Giorgio Maggiore de Venecia. Alí instalou no medio e medio da nave central o que el chamou Stairway to Heaven, (quizais emulando a balada homónima do grupo Led Zeppelin?).
❧
EXPOSICIÓN: Sean Scully. La Pedrera, ata o 6 de xullo de 2025
You might also like
More from Artes
Irving Penn, a fotografía sen ornamentos | Lito Caramés
A Fundación MOP (A Coruña) ten o acerto de presentar unha mostra antolóxica de todos os traballos do gran fotógrafo …
entre espelhos falsos magritteanos e peugadas in-corpóreas de Bete Gouveia | Luís Serguilha
«entre espelhos falsos magritteanos e peugadas in-corpóreas de Bete Gouveia», por Luís Serguilha