Escoito os teus silencios…
Deles veñen a min,
como un nacente,
palabras e versos
que en ti dormen.
aaa *
Entre as sombras e a luz
deste quero e non quero amencer, conversamos.
Envoltas nun remuíño de primavera e follas.
Xílgaros polo azul
sobrevoándonos.
*
Hoxe acode a min a túa voz.
Que, remontando tempos e silencios,
vén elevarme,
con ás sonoras
de piano e luz.
*
Mirando dende a fiestra a Vía Láctea
sei que a noite é un silencio pleno.
Un sorriso de leite derramado
nun mar de abellas de ouro.
De redor, como un abano, a noite ábrese.
E, sobre min, en escamas,
chove música e luz.
*
A música interior que eu sinto
mesturada co lóstrego e a calma,
co pulo de danzar co pensamento,
venme de ti.
*
Quizais existes, sombra, nun mar cheo de estrelas
nese vagar constante que te eterniza ao tempo.
Se cadra existes no discorrer da auga
que as fontes polos claustros verten lúcida e pura.
Conversas de rumoroso son, onde apagan a sede
brancas pombas e rulas.
Quizais existes, espírito das formas,
dentro de todos nós, cal vaguidade núa.
Logo,
un lóstrego nas pálpebras veu espertarme
deste inconcluso soño…
E unha ansia de ti, de te ir buscar
nas pechadas estancias
do pazo máis deserto.
You might also like
More from Chelo Suárez
O gato de Hilario
Hilario volveu de América máis pobre que marchara. Para disimular a súa frustración, presumía diante dos colegas de ter vivido …
Emulando a Juan Eduardo Cirlot
Recreando ao meu admirado poeta Juan Eduardo Cirlot. Meu pranto Meu pranto é a cruz que me condena, meu pranto vai pola xustiza …