Poemas dedicados a Rosalía de Castro.
Entre as sombras e a luz
escoito o seu silencio…
Del veñen a min, como un nacente, versos e palabras.
Entre as sombras e a luz deste quero e non quero amencer,
ela máis eu conversamos…
Envoltas nun remuíño de primavera e follas.
Xílgaros polo azul
sobrevoándonos.
*
De redor de ti, na máis profunda escuridade
persiste toda a luz resplandecente
da nosa máis xenuína flor.
A flor do toxo, acendendo silencios, sempre estivo en nós.
Sol preso das espiñas, luminaria das almas,
compañeira nos camiños, bágoa que choraron as estrelas,
zapatiño de anxo. Grilanda das nosas vellas fadas.
*
Soñaba…
E a lúa, a túa cometa, na man levabas.
Prendida cun sutil fío.
*
Esta música interior que sinto,
mesturada co lóstrego e a calma.
Co pulo da danzar cos pensamentos
venme de ti.
*
O arco da vella tende unha ponte irisada na tarde,
curva de luz que sostén todo o peso do ceo;
mentres ledo rola polas nubes, o trebón de estío, con risos de lampo.
A terra bebe choivas de ámbar que a fecundan.
Xa están de volta a rosa e a azucena.
O mirto e o loureiro reverdecen; reafirman a súa inmortalidade.
A tarde fica inmóbil, sostida na áurea sonoridade do solpor, dun asubío…
Sinto que a eternidade está en ti.
E neste instante.
*
Quizais existes sombra nun mar cheo de estrelas.
E te achegues a min, con pasos silandeiros
dende o furtivo son dun acento perdido…
Nese vagar constante que te eterniza ao tempo.
Se cadra existes no discorrer das augas
que as fontes polos claustros verten lúcida e pura.
Conversas de rumoroso son
onde apagan a sede brancas pombas e rulas.
Quizais existes, espírito das formas,
dentro de todos nós, cal vaguidade núa.
You might also like
More from Chelo Suárez
O gato de Hilario
Hilario volveu de América máis pobre que marchara. Para disimular a súa frustración, presumía diante dos colegas de ter vivido …
Emulando a Juan Eduardo Cirlot
Recreando ao meu admirado poeta Juan Eduardo Cirlot. Meu pranto Meu pranto é a cruz que me condena, meu pranto vai pola xustiza …