Hoxe domingo, non ben abrín os ollos, máis aló do horizonte das persianas, o sol estábame a facer tímidas chiscadelas. Encántame madrugar e saír á rúa cando aínda ninguén a pisou. Bebín por todos os poros da pel a alma da mañá, xa que hai tempo cheguei á conclusión de que non ben amence, a mañá adquire ánima, unha alma nítida, transparente, e respira… A esa hora en que a claridade esconxura as sombras, hai un tremor, un palpito de pétalo recendente e iniciático no ambiente. Coa sensualidade dun vampiro, chuchei esa fragrancia… Gústame camiñar polo medio da estrada baleira. Pisar o silencio. Ir máis aló do pelotón de nubes avermelladas que se concentran enriba dos tellados.
Como todo pode acontecer nesta mañá-milagre, de súpeto teño ás. Unhas ás de raso e néboa, que me fan despegar os pés da estrada, e voar, voar en círculos ao redor da cidade aínda durmida. Aterro no silencio da praza das Bárbaras, coa sensación de que retrocedín no tempo. Entro na pequena capela do convento. Non hai ninguén. Hai, si, unha monxa, arranxando con flores o altar; silenciosa, dilixente e beata. Leva un rosario de doas prendido do van. Mírame de esguello. Síntome unha intrusa, irrompendo na súa mística intimidade. Saín da capela coa convicción de que aquela monxa, sen saber nada de min, estábanme a acusar de irreverente.
Ben entrada a mañá, achegueime á praia. O día, espléndido, como sucede tantas veces ao remate do verán. Había un xentío que aproveitaba para despedirse do sol e dos baños. Preto de min, un grupo de mulleres ao sol, non tiñan máis ocupación que a de pór podres ás amigas ausentes. Arredeime delas. Ao meu carón sentouse unha especie de tartaruga en traxe de baño. Sacou da bolsa unha toalla verde leituga, un bote de crema, e púxose a estendela polas pernas con moita parsimonia. Non me agradou a súa semellanza cun batracio. Fuxindo dela, do cheiro a manteiga rancia da crema, e dunha mole morena con ollos de boliche, que ameazaba con caérseme enriba, funme sentar nunha rocha a ler tranquila o xornal. Unhas declaracións do físico británico Stephen Hawking déronme que pensar… Resumíndoas: o mundo en cen anos, plof! Desastre asegurado. Non nos quedará outra aos terrícolas que buscar refuxio nalgún hospitalario planeta veciño para sobrevivir. Imaxineinos a todos recluídos coma toupas en profundas galerías entre basaltos lunares. Sen despegarnos dos traxes de amianto, iniciaremos unha nova era. Velaí o novo paraíso. Un deserto de xeados e grises areais, cheos de buratos, onde para non enlouquecer, soñaremos coas rosas e as vides… Pechei o xornal. Mar, gaivotas, andoriñas, risas de nenos… A vida alentaba ao meu redor… Arriba, contemplándonos eterno, o ollo do pai sol. Neses momentos as declaracións parecéronme pura ciencia ficción. Esquecín o xornal, e contenta, nadei entre augas azuis o resto da mañá, sentíndome completamente apegada ao meu mundo.
You might also like
More from Chelo Suárez
O gato de Hilario
Hilario volveu de América máis pobre que marchara. Para disimular a súa frustración, presumía diante dos colegas de ter vivido …
Emulando a Juan Eduardo Cirlot
Recreando ao meu admirado poeta Juan Eduardo Cirlot. Meu pranto Meu pranto é a cruz que me condena, meu pranto vai pola xustiza …