Estela Pan: “Cos ollos de quen procura o que nin sequera sabe que existe”. O descoñecido é o que nos move a comprender?
Baldo Ramos: O descoñecido é o que nos move a crear.
“A beleza é un estado de comuñón coas cousas / a boca pola que respira o mundo no poema”. Onde ves a beleza, é ela a que che fai escribir?
Beleza aquí non significa fermosura. É o vínculo que temos coas cousas que nos fan escribir.
“Atoparás a luz nas palabras que te devolven ao silencio”. Falar e calar, o que nos remite a Deleuze. Como conxugar estes dous verbos?
Interésanme os espazos nos que as palabras xa non poden significar. O silencio non é aquí ausencia de palabras, senón o espazo habitado pola palabra que non pretende proclamar, impoñer, ser comprendida.
“O vértice da vontade de ver coa imposibilidade de posuír”. Que posuímos e que non para facérmonos coa palabra?
Non saber obríganos a andar ás apalpadas. A experiencia da escrita para min é a necesidade de buscar ás escuras unha luz que nos acolla, e non dar con ela.
“Escribimos para evitar saber” Achámonos nunha espiral de inconsciencia?
Nunha espiral de contradicións. A poesía como coñecemento irrealizable.
“Que é verdade polo que ten de incompresible” A postmodernidade deixa atrás todo intento de comprensión?
O que non sabemos explicar con palabras convencionais, trilladas, con palabras que cotizan no mercado literario afástanos da verdade admitida, da posverdade, da compracencia. Fainos felices porque nos permite ser nós. E iso sempre é difícil de explicar e de entender.
“Pero negouse a ser o que os augures lle ditaron”. O oráculo, como se pode escapar del?
Pois sendo nós mesmos, sen influencias interesadas.
“Estamos envoltos nunha ficción”. A sociedade do espectáculo como nos forma e conforma?
Non lembro ter escrito ese verso, pero igual ás veces escribimos desde a ficción de ser outros.
“Cada verso evoca un baleiro que as palabras non poden encher”. Os corpos si enchen ese baleiro?
Se lemos co corpo si.
“A poesía é a aprendizaxe do final”. Estamos preparados para a fin irreversíbel que é a morte?
Os que viven ao límite imaxino que si. Os que tememos a morte non temos máis remedio que consolarnos pensando que a escrita pode axudarnos a acatar esa sentenza que está escrita moito antes de empezar o xuízo e alegar nada ao noso favor.
“E que ser non sexa un falso xogo de palabras”. De que estamos feitos na nosa autenticidade?
De respostas innecesarias.
“Escribo para ter a sensación de que desando o tempo”. A escrita, mesmo a pintura, fainos xogar co tempo?
Fainos recuperalo. A memoria e a escrita son os zapatos que calzo cando desando a súa pegada.
“A memoria é a perspectiva coa que fala no poema a palabra que afondamos na linguaxe”. A memoria propia é unha creación que ten máis de real que de irreal?
A memoria é a nosa casa, o único lugar que sempre espera por nós. Ata que a perdemos, claro.
“A ausencia era a evocación do que tan só terá sentido nas palabras”. Cheos de ausencias é o tempo do amor a única salvación?
O tempo da palabra compartida. Amamos para deixar de ser nós.
“Concibe o baleiro como un diálogo co azar”. O inesperado como inflúe nas nosas vidas?
Escribín ese verso pensando na miña experiencia como calígrafo. Azar, baleiro, poesía.
“Alí a cidade cobra sentido lonxe da escrita”. Está separado até que ponto o feito de vivir e o de escribir?
Para min noutro tempo estaban moi unidos. Agora a cidade, por veces, faise máis habitable lonxe da escrita.
“A poesía dialoga coa pintura sen empregar palabras”. A pintura presente no libro en forma de composición vermella e negra, que quere aportar de plus?
A caligrafía neste libro é unha invitación a deixarse levar pola súa lectura. Coido que este libro está cheo de voces, de todas as voces coas que me identifico.
“Renunciarás á sintaxe artificiosa do discurso para evitar a ficción en canto escribes”. Ese outro poeta ao que te dirixes pretende crear unha linguaxe pura?
Pretende escribir sen ánimo de facer literatura, sen ánimo de crear espazos de ficción.
“A ferida é un lugar de paso”. Estamos en constante tránsito?
Ir indo é o noso destino.
“Escribo para evitar que a morte me comprenda”. Canto hai de pulsión de morte no poemario?
A morte está sempre presente no que escribo e, posiblemente, unha das razóns disto sexa que a escrita permítenos dialogar, dun xeito íntimo e sereno, con aquelas persoas que quixemos e agora xa non están.
“A patria que só existiu nas barricadas do poema”. A poesía é o lugar onde moras?
A poesía é o lugar onde me agocho.
“Só pedía evitar o encontro, eludir a obriga de comprender”. Debemos comprendernos para avanzar como sociedade?
Debemos aprender a escoitar. Hoxe moita xente chámalle dialogar a falar cun mesmo.
“Escribes para non ter que actuar”. Palabras e actos como conviven?
O compromiso cívico cada vez dáme máis preguiza. E a poesía unha pouca menos.
“Che devolva nestes versos a confianza na linguaxe”. A linguaxe: é a súa función sandar as feridas da comprensión?
A linguaxe é un refuxio, un lugar de acollida.
“Escoitei voces e só recoñecín ausencias”. Estamos feitos do que perdemos?
E do que nunca chegaremos a posuír.
“Entro na fertilidade cun único desexo: comprender a vertixe que nos impide avanzar”. Cara onde nos diriximos como ente común?
Cara o lugar de partida.
“O poema é un camiño sen retorno”. Estás dalgún xeito atrapado na escrita?
Que non haxa retorno non significa que esteas atrapado. Escribo para non ter que volver.
“Escribo para non ser eu”. Que hai de real no poemario?
Confundimos realidade con materialidade. A soidade, o silencio, o sentimento de perda, o baleiro son conceptos abstractos, pero na realidade de quen non están ben presentes?
“Hai unha vontade de resistencia que nos impide actualizar o pasado”. A resistencia devólvenos a esperanza?
E a desesperanza de envellecer.
“Penso no que a memoria xa non pode reconstruír”. A memoria podemos construíla ou so é subconsciente?
Construímola no noso inconsciente e ás veces moi conscientemente.
“A fidelidade é o único lugar no que podemos evitar a desaparición”. Ser fiel a un mesmo é o que requirimos para seguir?
Máis importante para min é ser fiel ás túas raiceiras, aos teus antepasados.
“ A escrita confúndese co corpo”. Somos materia, como chegamos a desprendernos dela?”
Cando nos facemos palabra.
“Transparente como o desexo de ser comprendido”. É a comunicación efectiva a fin da palabra?
Como calquera outro acto de comunicación. E a poesía éo dende o momento no que o compartimos.
“Non hai verdadeiro poeta sen rebeldía”. A revolta, é ese camiño para non ficar na compracencia?
A rebeldía semella con frecuencia un concepto trasnoitado. Para non ficar na compracencia ás veces abonda coa indiferenza.
*
You might also like
More from Artes
Dominica Sánchez no Principal de Còrsega | Lito Caramés
Unha artista especial, de longo percorrido, como é Dominica Sánchez presenta agora as súas creacións nun espazo singular, o piso-galería …