– Palavra Comum: Que é para ti o humor?
– Carlos Ares: Esta é unha pregunta que me fan sempre. Unha das preguntas máis difíciles, complicadas, e ao mesmo tempo, bonitas de contestar.
Sempre digo, non sei se o inventei eu ou o copiei por aí, e non lembro as fontes (son un guionista e copio, ás veces mesmo sen querer): “se rimos, os malos perden”. A risa, saber rir, é unha das cousas máis sas e boas que un pode facer.
Facer rir é algo moi bonito, complicado, pero bonito. Facer chorar é ben doado: hai quen chora cos anuncios de turróns polo Nadal, eses de “vuelve a casa por navidad”, pero facer rir é difícil. Sempre conto a anécdota dun vello actor británico shakesperiano que estaba morrendo e outro amigo actor, especialista en dramas, preguntoulle: “É difícil morrer, eh?“, e o vello actor respostoulle: “non ho!, o realmente difícil é facer rir, saber morrer é ben doado”.
Hai que rir, e o máis importante, rir de ti mesmo. Rir é ser libre. É moi doado rir dos demais, pero o que realmente ten valor, o valente, o bonito, o propio de persoas libres é saber rir dun mesmo.
– Palavra Comum: Como entendes o processo de criação cultural no teu caso?
– Carlos Ares: Para min é un traballo, un traballo bonito, polo que me sinto moi afortunado de adicarme a isto. Co tempo aprendes “trucos”, que che van axudando a desenvolvelo.
Son feliz escribindo, inventando historias. E sobre todo que fagan rir á xente. Non hai nada máis gratificante e bonito que alguén che diga que riu con algo que ti escribiches.
Ás veces tes un mal día, como todos, e facer humor non é o que máis che apetece. Pero quédache iso, de que vas facer rir a xente, que a vida da xente é máis divertida e mellor, grazas ao teu traballo.
– Palavra Comum: Qual consideras que é a relação -ou qual se deveria procurar- entre o audiovisual e outras artes?
– Carlos Ares: Non sei se a televisión pode considerarse unha arte. Vaia, para min hai series que si, que son obras de arte. De feito din que hoxe en día hai moita maior creatividade, calidade, nas series que no cinema. Eu creo que hai de todo, tamén hai grandes películas no cinema da actualidade, pero na televisión os creadores de series poden atopar unha maior liberdade creativa.
Sempre houbo unha relación do audiovisual coas outras artes. Desde logo a principal coa narrativa. Tamén diferenzas, claro.
Non imaxino como sería a experiencia de ler un libro antes da aparición do cinema. Eu creo que agora imaxinas un personaxe cando les, influenciado polas películas, polas series, “ves” aos personaxes que che contan a historia.
Conta o mestre Jean-Claude Carriere, o grande guionista francés, e tamén escritor, que “o novelista escribe e o guionista trama, narra e describe”. Son linguaxes moi diferentes.
– Palavra Comum: De quem te sentes, criativamente, filho ou irmão?
– Carlos Ares: Admiro a moitos guionistas da actualidade. Hai grandísimos guionistas de TV, creadores de grandes series. Vou citar uns cantos: Aaron Sorkin (“The West Wing”, “Studio 60”, “The Newsroom”), David Simon (“The Wire”, “”Treme”) David Chase (“The Sopranos”), Mathew Weiner (Mad Men), Terence Winter (Boardwalk Empire), Tina Fey (30 Rock, Saturday Night live”). Matt Groening (The Simpsons” “Futurama”) Admíroos moito a todos eles e son un exemplo, son os que teñen o control absoluto sobre as súas series.
E hai dúas personaxes da historia do cinema que me pareen fundamentais, non xa na historia do cinema, nin da arte, senón mesmo como figuras indispensables do século XX: Charles Chaplin e John Ford.
E na historia da literatura foron moitos os autores dos que disfrutei, dos que disfruto, que me fixeron chorar, rir, pensar, ser libre, feliz. Quero pensar que me axudaron a ser guionista, a contar historias para os demais: Shakespeare (vaia guions teria feito hoxe en día), R. L. Stevenson, Jack London, Emilio Salgari, Borges, Conrad, García Márquez, Cunqueiro e moitos máis. Grazas a eles non é que sexa guionista; pero todos eles fixéronme e fanme feliz coa súa obra.
– Palavra Comum: Que autor@s audiovisuais e guionistas reivindicarias por não serem suficientemente conhecidos (ainda)?
– Carlos Ares: Os guionistas non somos coñecidos polo público. Repito a frase do grande Ernest Lehman cando lle deron o Oscar en recoñecemento a toda a súa carreira, por certo o único guionista ata agora en ter ese premio: “amigos, compañeiros, no noso traballo non hai profesións máis importantes que outras, o noso é un traballo de equipo. Pero lembrade, amigos, compañeiros, que todo comeza e todo remata cun guion. Antes din unha morea de nomes, de guionistas que admiro. Pero reivindico a figura do guionista como creador, como figura fundamental e imprescindible das obras audiovisuais.
– Palavra Comum: Que caminhos deveríamos transitar prioritariamente no audiovisual na Galiza? Que possibilidades achas para conectar mais e melhor com a lusofonia e sistemas culturais afins?
– Carlos Ares: Esa é unha asignatura pendente do noso audiovisual: un maior achegamento ao mundo da lusofonía.
Quero un audiovisual galego e en galego que chegue ao maior público posible. En Galicia só temos unha canle en galego, debemos coidar a nosa televisión, debemos facer que teña unha pretensión maioritaria, isto é, que chegue ao maior número de espectadores que sexa posible. Temos unha televisión pública que debe xerar contidos, de calidade e do gusto do noso público, e que ten como deber fundamental a normalización das nosa lingua.
– Palavra Comum: Que é o que consideras que deveríamos saber o público em geral sobre o trabalho dos guionistas que permanece oculto para a maioria?
– Carlos Ares: Que detrás de cada película, de cada serie, de cada programa de TV, de cada documental, hai un guionista, que é unha figura fundamental, imprescindible. A máis importante, creo eu, desa obra.
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– Carlos Ares: Agora estamos gravando a novena tempada de Era Visto!, e agardamos que a esta lle sigan varias máis. Ao mesmo tempo estamos desenvolvendo outros proxectos. Sempre estamos pensando en novas cousas, en novas series e programas.
– Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?
– Carlos Ares: Gosto moito da vosa revista. Seguide así. Son un fiel lector.
Capítulo de Air Galicia
Da serie Era Visto!
You might also like
More from Audiovisual
Inma Doval: “[círculo dentro do círculo]” | Carla Nepomuceno
O corpo, a vertigem, os ângulos... são alguns dos elementos que encontramos em [círculo dentro do círculo] de Inma Doval …
Marta Cortezão: “Cantiga Maria” | Carla Nepomuceno
A escritora Marta Cortezão lê um poema seu intitulado CANTIGA MARIA, deleitando-nos com a sua escrita.