– Palavra Comum: Que é para ti a música?
– Aida Saco Beiroa: A música é unha forma de expresión que toma coma referencia a linguaxe oral, cos seus acentos, pausas, frases, énfases… Mais a música, que chega a nós se cadra máis directamente que o resto das artes, é algo máxico e inexplicable a un tempo.
A min gústame pensar nela como nunha atmosfera que me envolve, refuxia, me aílla por un momento da realidade ou permite que flúan os meus sentimentos. Sempre pensei nela coma unha viaxe: é coma un vehículo que te transporta por un espazo, unha cidade, mentres fóra chove.
– Palavra Comum: Como entendes (e practicas, no teu caso) o processo de criação artística?
– Aida Saco Beiroa: O estado anímico, o tempo do que disponho… son factores que determinan sempre o meu proceso creativo. A música semella estar na minha cabeza querendo saír canto antes, así que cando me sento ao piano con ganas de crear unha nova peza sempre xorde algo. Ás veces é sorprendente o rápido que flúen as novas composicións, coma se existisen previamente e eu só tivese que deixalas saír.
Por suposto, a vida é unha constante aprendizaxe e o proceso creativo forma parte del. Gostaría de aplicarme unha cita do gran Dmitri Shostakóvich para explicar o principal motivo que me leva a compoñer: “Un artista creativo ponse a traballar na súa seguinte composición porque non quedou satisfeito coa anterior”.
– Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a música e outras artes (literatura, artes plásticas, teatro, etc.)? Que experiências tens, neste sentido?
– Aida Saco Beiroa: Considero que as diferentes artes deben ter sempre forza suficiente para conseguir chegar ao espectador por separado. Mais compartindo un obxectivo fundamental, que é a expresión dos sentimentos dos propios artistas, que buscan chegar ao público.
Pero a unión fai a forza! No meu caso teño musicado poemas e proxectos para musicar outros novos. Tamén gosto da fotografía e, de feito, as composicións que subo a Youtube fágoas unindo música e imaxes.
– Palavra Comum: Como experimentas, no teu caso, a relação entre Arte(s) e Vida?
– Aida Saco Beiroa: Na minha situación actual, estudando segundo de bacharelato, nun sistema educativo que eu non me cansarei nunca de criticar, que impide desenvolver plenamente calquera interese que o alumnado tenha fóra da materia da que se examinará no instituto, á música quédalle na minha vida unha pequena parte do meu tempo.
Mais a música convértese para min nun motivo para querer avanzar e desenvolverme coma persoa. Calquera nova composición que creo, calquera concerto que faga ou no que participe… é un pasinho máis co que avanzo cara á minha felicidade.
Os mellores momentos da semana vívoos nas tardes que paso no conservatorio e nos anaquinhos de tempo que saco no fin de semana para estudar piano ou mesmo compor algo. A música é a forma na cal me sinto a gusto e iso, ao final, é o único importante.
– Palavra Comum: Quais são os teus referentes criativos? Quais del@s reivindicarias por não serem suficientemente conhecidos (ainda)?
– Aida Saco Beiroa: Sempre é difícil determinar cales son realmente os referentes creativos ou influencias. No meu caso, non minto cando digo que escoito música moi variada, de diferentes épocas e estilos musicais. Porén é verdade tamén que para min a máxima sensación de plenitude, de satisfacción, atópoa na chamada “música clásica”.
Gosto tamén da música minimalista e escoito a obra dos compositores actuais de bandas sonoras, que quizais sexan a minha máxima influencia nesta serie de composicións nas que estou traballando.
– Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das suas criações à sociedade, etc.) estimas interessantes para a música (e a cultura, em geral) hoje?
– Aida Saco Beiroa: Na sociedade de consumo a música está presente constantemente no noso día a día; na maior parte dos casos coma un mero fondo. Hai tempo que a cantidade superou á calidade. Estou convencida de que estamos perdendo o hábito de escoitar detidamente unha composición, analizala e valorala relaxadamente.
Como consecuencia disto, hai moitos compositores actuais moi bos, así coma intérpretes, que non están conseguindo o recoñecemento que merecen. Semella que o único importante é o “marketing”, a imaxe.
A min gustaríame que a minha música fose escoitada. As novas tecnoloxías xogan un papel fundamental para a difusión musical na actualidade. Estar presente nelas garante xa un espazo. Mais aspiro, nun futuro, a facer música que sexa arte real, non un produto de “usar e tirar”.
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– Aida Saco Beiroa: Dende pequena foi para min un xogo crear melodías; imaxinaba unha escena dunha película, un capítulo dun libro… que me gustase e facía unha pequena peza que reflectise ese momento.
Durante o verán pasado decidín crear sendas canles en Youtube e Soundcloud para dar a conhecer un proxecto ao que denominei METAMORFOSES e co que pretendo crear tamén unha especie de “diario musical” dos últimos anos da minha adolescencia. Son composicións que propoñen unha viaxe exterior á través da natureza, mais tamén interior a través das emocións e sentimentos. Nestas pezas permanecerán sempre para min recordos de vivencias, persoas especiais…
Nun futuro quero iniciar estudos de composición e continuar os que xa realizo de interpretación pianística. Tenho en mente musicar poemas, tocar ante o público sempre que se me presente a oportunidade, e nun futuro gostaría de componher bandas sonoras para películas.
You might also like
More from Aida Saco Beiroa
Vencedores no Certame de Narrações Breves Manuel Murguia de Arteijo
Vencedores no Certame de Narrações Breves Manuel Murguia de Arteijo: a) Primeiro premio, ao relato Bochorno, de Charo Pita; b) …
NARF
Na Palavra Comum queremos oferecer esta homenagem ao enorme músico, artista e ser humano Fran Pérez, Narf. Acreditamos na transformação …