– Palavra Comum: Que é para ti a fotografia?
– Paula Gómez del Valle: É ter unha relación intensa e vital coa liberdade e con todo o que iso implica.
– Palavra Comum: Como entendes (e levas a cabo, no teu caso) o processo de criação artística?
– Paula Gómez del Valle: Como un acto de investigación continua comigo mesma e co que me rodea pero tamén como un camiño onde caben todas as emocións posibles. Sempre me lembro da xente que fai caída libre por un cantil e véxome coma elas porque antes de chegar a guindarte por el, tes que ter un traballo constante de técnica e esforzo, de repetir unha e outra vez, de facer e desfacer ata asegurarte que todo vai ir por onde ti queres… e despois, esa sensación de caída libre, a adrenalina que ferve no corpo ao ver esa foto que medra e como se converte no papel o que ti sentiches ao facela.
– Palavra Comum: Qual consideras que é a relação -ou qual deveria ser- entre a fotografia e outras manifestações da cultura (literatura, música, etc.)?
– Paula Gómez del Valle: Para min todo é cultura. Non fago distincións nin separo artes e ciencias porque, para min, existe un punto de fusión/fisión entre elas sempre. Un dos exemplos sería a astrofotografía ou a nanofotografía. Polo tanto, para min, a relación da fotografía con todas elas é a do punto en común, un punto de encontro onde todas aportan o mellor de si para crear. O importante de todo é a creación e dá igual de que eido veña, o interesante é a idea e a medra de algo que nace de entre todas elas.
– Palavra Comum: Que experiências tens neste sentido?
– Paula Gómez del Valle: Intenteino coa astrofotografía… pero aínda estou en cueiros. 😀
– Palavra Comum: Que referentes e influências tens no teu trabalho artístico? Quais destacarias especialmente por não serem suficientemente reconhecid@s?
– Paula Gómez del Valle: Posme nun brete, xa que todo o que vexo, leo e miro é un referente, tanto do país como de fóra. Teño medo de citar aos profesionais porque non quero que se me quede atrás ningún por ter eu mala memoria.
Eu non sei medir a repercusión que poden ter nos demais as fotógrafas e fotógrafos a quen sigo, é dicir, se son ou non máis ou menos recoñecidos, podo falar de como me impactan a min.
– Palavra Comum: Que caminhos entendes que seria interessante transitar nas artes, nomeadamente na comunicação com o público e a sociedade? Quais deles valoras mais, no teu caso?
– Paula Gómez del Valle: Para min, a arte é comunicación en si mesma e posúe mil canles distintas polas que chegar á sociedade. E aí está o quid: o que me interesa é o uso desa comunicación: como creala e manexala para facermos entender, denunciar ou mostrar para non esquecer. Vivimos nun mundo onde as certezas son poucas porque a comunicación coa sociedade está viciada e as canles das que se vale moi manipuladas ás conveniencias dus poucos e por ende, cercenadas polo capital que escolle e consome arte como se dunha carta de restaurante se tratase, e, por tanto, non é ceiba, está supeditada aos intereses. Daí que apoio firmemente as actitudes libertarias que ten a arte para poñer foco no que molesta, revolve e cuestiona. Non creo nunha manifestación artística que non “mova os marcos”, porque non me di nada, é presa dese acoutamento á que a someteron quen pensan que só serve para decorar.
– Palavra Comum: Que vínculos há, para ti, entre Arte(s) e Vida?
– Paula Gómez del Valle: A arte é todo e non está estanca nun museo nin nunha caixa como moitas veces nola venden. Está en cada cosido na pel, por unha cirurxiá, na divulgación científica, nos primeiros trazos nun papel dunha crianza, nas paredes dunha cidade calquera, na construción dunha barca, na man da arqueóloga que limpa as pezas atopadas, nas matemáticas e nun bico.
A arte é expresión, comunicación, curiosidade, inquedanza; é facermos entender, sentir e sentirmos, e a vida, para min, é iso e algunha cousiña máis que nos queda por descubrir, porque incluso no camiño do descubrimento atopamos arte.
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver? Fala-nos, em concreto, de Cunca Editora…
– Paula Gómez del Valle: Teño varios proxectos en cola que van ser ben interesantes polas persoas que están implicadas, pero primeiro descansar a cabeza e os ollos porque veño de rematar, precisamente con Cunca Editora, quen se atreveu cunha cousa tan chula, o libro de Traxes na Galiza.
O proxecto nace dunha visión moderna sobre as nosas tradicións. Neste caso, sobre o traxe tradicional, que dende sempre estivo asociado ao antigo e que nas últimas décadas quedou relegado a ser unha figura estática e fosilizada dentro duns círculos moi pechados. O traxe foi e é usado, aínda agora, coma algo exótico e visto só en romarías ou festas de gardar ou coma obxecto de consumo do turista e non da xente daquí. Esta visión chea de pó non lle fai xustiza a ese mundo tan rico e diverso onde tanta xente traballa e deixa ilusión, tempo e esforzo para que saia daí e que sexa un orgullo de todos e nun duns poucos.
Existe unha comuñón entre a modernidade e a tradición e é a evolución da propia sociedade que adapta o que é seu aos novos tempos e non por iso perdela polo camiño. O traxe forma parte da nosa identidade pero podemos ir orgullosamente vestidos de traxe tradicional mentres cantamos rap, blues ou metal ou facemos o pinchacarneiro para unha sesión de fotos. Ese é o punto de flexibilidade que se intentou retratar neste libro: respectar a tradición para adaptala a nós e facela de todos.
You might also like
More from Entrevistas
Carla Nepomuceno entrevista Adrienne Savazoni | Café com Português
O «Café com Português» e a Palavra Comum trazem uma entrevista com a professora, ambientalista, promotora cultural e poeta brasileira …
Entrevista I edu_ALBO: “A minha arte surge do risco e da valentia”
Conheci edu_ALBO num dos muitos e inebriantes baretos de Monte Alto (Corunha), acabando por terminar esse mesmo dia no seu …