– Palavra Comum: Que é para ti a música?
– Fran Pérez, Narf: Un impulso tan irremediábel e primitivo como a propia vida
– Palavra Comum: Como entendes o processo de criação artística?
– Fran Pérez, Narf: Exactamente igual que calquera outro traballo que se faga por amor, con paixón e con vontade de dedicarlle o esforzo necesario para que saia o mellor posible.
– Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- entre a música e outras artes (literatura, artes plásticas, teatro, etc.)?
– Fran Pérez, Narf: Gústanme os creadores doutras disciplinas relacionadas coa música, como o teatro ou o cine, que non utilizan a música como un mero acompañento de adorno, senón que aproveitan a súa carga emocional para formar un todo unívoco co resto de elementos en xogo, dende as interpretacións de actores e actrices ata a iluminación, e que lle dan o seu espazo para que iso sexa así. Acontece moi naturalmente na danza, por iso diría que me gusta que as outras artes dancen coa música.
Do mesmo xeito, coa poesía teño a sensación de que un bo poema agocha entre o fondo e a forma infinitas cancións coas que danza internamente. Ou dito doutro xeito, como se cada poema fose unha illa rodeada polo océano das súas infinitas músicas posíbeis, cara onde un músico concreto tende unha ponte en forma de canción. Un camiño para chegar ao poema, pero non o único, non excluínte doutras rutas, incluídas as do silencio ou as da propia voz, que, por suposto, poden ser máis certeiras.
Tamén no eido das artes plásticas é enriquecedora esta simbiose. Sempre me fascinou, por exemplo, a extraordinaria harmonía emocional que percibo entre a música e a pintura dos impresionistas ou entre a obra gráfica de Warhol e a música da Velvet, etc…
– Palavra Comum: Quais são os teus referentes criativos?
– Fran Pérez, Narf: Cando era máis novo tendía a fixarme nas grandes figuras que máis ou menos todos coñecemos, pero co paso do tempo fun fixando a miña atención e admiración moito máis nos artistas de calquera disciplina cos que convivo aquí na casa, ou os de outros lugares do mundo cos que teño a oportunidade de encontro e intercambio. Coñecer como traballan, como buscan as máis variadas fórmulas para seguir adiante, para perseverar e reinventarse… é de onde realmente obteño moito do alimento que preciso para continuar eu mesmo. Sen ir máis lonxe, agora en Novembro estreouse o espectáculo “Desperta” de Pistacatro, unha compañía de Santiago vinculada ao mundo do circo para quen compuxen a banda sonora orixinal. Velos ensaiar e actuar con tanta dedicación e convicción, cos seus malabares de precisión e as súas arriscadas acrobacias, xogándose o tipo, voando polos aires para regalarnos un pouco de frescura, alegría e diversión, foi realmente inspirador.
– Palavra Comum: Que músicas/músicos reivindicarias por não serem suficientemente conhecidos (ainda)?
– Fran Pérez, Narf: Pois habería que mencionar a moitísima xente, e eu mesmo sería o primeiro en cometer o erro de dar unha lista incompleta precisamente por descoñecemento. E non estou a esaxerar nin a eludir unha resposta, é que realmente é así. Basta por exemplo darse unha volta pola páxina web da Asociación de Músicos ao Vivo e ver a enorme cantidade e calidade de proxectos de todos os estilos anotados aos premios Martín Códax deste ano, e iso é apenas unha parte do que hai espallado por todo o país. Estamos nun momento de moitísima potencialidade, e temos todos moito por descubrir.
Nese sentido o que reivindico é unha actitude activa e creativa dos espectadores, entre os que, por suposto, tamén me inclúo como consumidor asiduo de concertos, no sentido de configurar o noso propio gusto musical á marxe dos ditados dos grandes medios, achegándonos á música que soa nas nosas prazas, nos nosos teatros ou nos nosos bares. Hai moitos artistas que desde hai anos están facendo o labor de levar as propostas á porta da casa, como quen di. Na Galiza vivimos, como dixen antes, un momento de sorprendente calidade e variedade musical. Isto non quita que poidamos disfrutar tamén da música internacional, de masas ou minorías; ao contrario, a cultura musical do público sempre enriquece ao compositor ou intérprete que se presenta ante el. De calquera xeito, é bo decatarse do importante que é que unha sociedade produza, coide, consuma e mesmo exporte os seus propios produtos culturais, tal como, facendo un símil, bebemos con pracer caipiriña ou ron, mais ben que nos gusta ter o noso viño ou o noso licor de herbas autóctono, por poñer un exemplo, e estamos orgullosos de disfrutalos e de poder ofrecelos aos demais; na miña opinión debería acontecer o mesmo co xeito en que vemos aos magníficos artistas cos que contamos.
– Palavra Comum: Qual achas que é a relação existente entre a música galega e as da lusofonia e qual é o seu potencial criativo? Como valoras o que levas feito nessa linha?
– Fran Pérez, Narf: Para min, o traballo con xente dese ámbito lingüístico foi sempre absolutamente normal, ata tal punto que nos case vinte anos que levo colaborando con artistas Portugueses e Mozambicanos principalmente, pero tamén Brasileiros, Caboverdianos ou Guineenses como Manecas Costa, nunca tivemos que pensar en termos de lusofonía, simplemente era algo inherente á nosa relación, inevitábel e natural. Se hai que enfatizar o concepto para darse conta da forza e a solidez da ponte que tende a fala común, pois benvido sexa, por suposto, pero sempre coa prudencia e consciencia de que ao outro lado desa ponte, particularmente en Africa, agardan centos de tesouros culturais en forma de linguas autóctonas, que postergadas historicamente pola lingua imperante, reclaman hoxe o espazo que merecen na educación, na cultura e na vida en xeral.
Paradoxalmente, os Galegos podemos entender moi ben esta situación, e creo que temos o deber de estar moi atentos a isto. Neste aspecto reside un dos fundamentos das miñas colaboracións cos Mozambicanos TIMBILA MUZIMBA. E é por iso que nas nosas cancións políglotas conviven en pé de igualdade o Chopi, o Shangana, o Galego e o Portugués, mesmo nalgún caso o Inglés.
– Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das suas criações à sociedade, etc.) estimas interessantes para a música hoje?
– Fran Pérez, Narf: Como comentaba antes, os camiños interesantes son de dobre sentido. Claro que ten que anunciarse a oferta e estar accesíbel e próxima, pero tamén é fundamental a inquietude de busca do espectador, e a formación dun gusto estético que lle permita escoller entre a infinidade de cousas que aboian na avalancha informativa dos novos tempos. No momento en que sexa unha evidencia xeneralizada, como xa o é para moitos, a percepción de que a música vai moito máis alá do que ser simplemente un elemento de ocio ou distracción, senón que e é tamén un necesario alimento básico para o espírito persoal e colectivo, os camiños trazaranse por si mesmos, dende a propia xente, e non tanto a través do márketing da industria. En certa medida é o proceso que seguen as músicas minoritarias, e é o que a min máis me interesa, porque é o que abre as fiestras da curiosidade por propostas de todo tipo, por estrañas ou orixinais que sexan.
– Palavra Comum: Com que experiências da tua trajetória estás mais satisfeito? Fala-nos delas (por exemplo, a participação no mundo do teatro, no mundo audiovisual, etc.).
– Fran Pérez, Narf: A verdade é que non me podo queixar das diferentes etapas do meu percurso (26 anos xa, mimá!!). Nicho Varullo, Os Quinindiola, Chévere e o teatro musical, a fundación da sala Nasa, a Psicofónica de Conxo, as colaboracións intensas con xente como Carlos Santiago, Xelís de Toro, Pepe Sendón, Marcos Teira, Quico Cadaval, Mofa e Befa, Xavier Bello, Toño Vazquez, o meu produtor de sempre con quen aínda traballo, Aló irmao con Manecas Costa, os proxectos en Mozambique cos Timbila Muzimba, a colaboración asidua cos portugueses Trigo Limpo Teatro ACERT, ou máis recentemente o NARF TRIO con “L.A.R.” Legido e Alberte Rodriguez “Ho Chi Ming”, a xira suramericana con Uxía este mesmo ano, etc, etc.
Ata tiven a oportunidade de compartir palco como actor na Ópera dos tres reais do CDG cun magnífico elenco encabezado por Luís Tosar.
O mellor de todo é que tiven a sorte de cruzarme case sempre con xente de gran xenerosidade e calidade humana, polo que me sinto moi afortunado, e sobradamente compensado dos desabores que tamén salpican a aventura incerta dunha vida adicada á música.
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– Fran Pérez, Narf: Agora mesmo, consolidar o NARF TRIO, co que me sinto moi contento e ilusionado. Gústame o traballo en equipa con “L.A.R” “Ho Chi Ming” e Toño. É todo un luxo pra min, como tamén o é poder traballar con Uxía. Actualmente estamos a gravar as “Baladas da Galiza Imaxinaria” que será una escolma do repertorio que estivemos cantando por Sudamérica en 2014 coa idea deixar constancia sonora do noso encontro, que, de novo, aconteceu dun xeito totalmente espontáneo.
E tamén o proxecto cos Timbila Muzimba de Mozambique, “Da Zigala a Zemambiquo” que vai florecendo cada vez que temos ocasión de xuntarnos aquí ou alá. Esa é unha viaxe longa na distancia, pero tamén no tempo.
– Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui
– Fran Pérez, Narf: Un espazo coma o voso encaixa perfectamente na idea que expresei antes de configurar un gusto estético máis propio, con máis identidade, coma un guieiro no maremagnum da información.
Aprecio especialmente, como é lóxico, as entrevistas musicais, e o feito de dispoñer dun foro de reflexión no que ao final parece establecerse unha especie de diálogo entre todos nós.
You might also like
More from Entrevistas
Tono Galán expus na Corunha | Alfredo J. Ferreiro
Tono Galán (A Corunha, 1967) é um artista corunhês muito polifacético que, embora se esteja agora a dedicar fundamentalmente à …
José-Mª Monterroso Devesa: as suas e as nossas teimas | Alfredo J. Ferreiro
Em dezembro de 2023 aproveitamos a oportunidade de parabenizar o amigo José-Mª Monterroso Devesa pela publicação do seu último livro, …