– Palavra Comum: Que é para ti a ilustração?
– Jacobo Fernández Serrano: É un dos empregos que pode ter a arte do debuxo e da pintura, aquel no que se lle pide a colaboración cun texto para facer un libro, ou cunha idea para facer calquera outra cousa. Falamos de ilustración para entendernos, pero é debuxo. Debuxo en relación co mundo editorial, publicitario, audiovisual, textil ou calquera outro, pero debuxo. Esa é, para min, a palabra grande e querida, debuxo, unha das máis grandes e máis queridas que existen.
E que é o debuxo? Pois é un fío que me une co exterior e co interior ao mesmo tempo, polo que digo e fago cousas e polo que escoito o que queren dicirme os vivos e os mortos. É un pensamento manual que se constrúe e medra sobre o papel. Forma parte do equipamento de primeirísima hora dos humanos, das primeiras ferramentas que tivemos para entender e facernos entender, para buscar, para lembrar, para inventar vida e para tocar o mundo. Poder debuxar é un éxito da infancia e un fracaso dos adultos, e cabe supoñer que, logo da inminente revolución do ensino (que será a definitiva) o debuxo vai ser para todo o mundo e para calquera idade. E, por se isto fora pouco, tamén é unha arte cunha historia presente e cun futuro que facemos hoxe.
– Palavra Comum: Como desenvolves o processo de criação, no teu caso?
– Jacobo Fernández Serrano: É un proceso delicado e crebadizo. Empeza cunha conversa humorística cos materiais, cos papeis, os pinceis e as acuarelas, cos rotuladores e coa luz do monitor, co lapis e coa madeira. Eles están dispostos a dar pistas sobre os seus misterios, mais é importante non preguntarlles directamente. Trátase de levar a conversa a temas do día a día: falar con eles do tempo, da auga, da roupa, da morte, do mal ou das plantas. A min vaime ben contarlles un conto, distraelos cunha fantasía para que se confíen e digan algo; e hai que ter o ollo fino e estar moi atentos ao que din, mais tomándoo con certa brincadeira se non queremos que falen por eles espíritos podres. Porén tamén hai que respectalos, de non facelo perderán a intelixencia, evolucionarán a parvos, e xa non haberá nada que facer con eles até despois da sesta.
Normalmente divídome en varias persoas para que sempre haxa algunha durmindo ou paseando mentres outra está sentada ergonomicamente diante da mesa. Cando vou facer unha liña no papel sinto que é a derradeira e a única, penso que nunca debuxei e que non volverei ter a oportunidade de facelo. Entón o lapis comeza a andar e lembro que tiña un xardín, e que nas covas os meus debuxos de cervos paleofalaban e movían a cabeciña; e axiña dou co fío para seguir debuxando eternamente até a hora de comer.
En canto levo un par de horas dándolle, recibo informacións microscópicas que me confirman que debuxar non é calquera cousa, e atopo no acto debuxístico razóns que aparecen e desaparecen. Supoño que algo vou aprendendo pero, ás veces, as últimas dezasete horas agrétanse e convértense en po, levántase vento, aran os bois, chove e hai que tentar vivir.
Máis non che podo contar sen poñer en boca de todos a miña intimidade e a de terceiras persoas pouco sólidas pero reais que tamén interveñen; entre elas un eu que está por fóra.
– Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deve/pode ser- a relação entre as diversas artes (literatura, música, audiovisual, etc.)? Como valoras as tuas experiências nesta linha?
– Jacobo Fernández Serrano: Eu creo que o propio das artes é relacionarse e saudarse como se tal cousa. Aínda que pode darse o caso dunha arte tímida, esquiva ou repugnante que prefira non ver xente, e paréceme ben, porque tamén é propio das artes buscar a soidade e o silencio para preguntarse quen son en realidade e onde imos parar. Hai grupiños tendentes a considerar, dentro da mesma modalidade artística, unha obra superior a outra polo feito de gastar unicamente os recursos que lles son máis característicos e intransferibles; pois ben, admito que, seguindo esas premisas poidan saír grandes obras, porque as grandes obras poden saír a partir de calquera premisa, pero non penso que esa pureza compense se, finalmente, debemos disimular que o resultado nos repele. O humano ser, que é un chafalleiro por definición, é o común que teñen as artes todas, e por aí entra a chafallada comunicante imposible de conter, e dese caldo sae unha voz que canta dende o primeiro día cousas que nos interesan e son do noso gusto. E no que toca á relación entre debuxo e literatura eu sempre fun da opinión de que ut pictura poesis e viceversa.
– Palavra Comum: Que referentes criativos tens (desde todo ponto de vista)?
– Jacobo Fernández Serrano: Rembrandt, Segar e Cunqueiro, por dicir tres músicos.
– Palavra Comum: Como valoras a situação da ilustração e a banda desenhada hoje?
– Jacobo Fernández Serrano: Moi ben e mellorando. Traballamos contentos e optimistas, rodeados de compañeiros e compañeiras que camiñan polo mundo con descaro e sabedoría, entretidos coas marabillas tecnolóxicas que facilitan o noso quefacer cotián, abertos a un mundo que entra nunha casca de noz, capaces de calquera esforzo ou calquera proba, administrando a nosa experiencia e as ensinanzas dos nosos clásicos contemporáneos e gozando, máis que nunca, das obras dos que antes ca nós empuñaron un pincel. Mais nunha sociedade que, maioritariamente, non sente interese por estas cuestións. Mala sorte. O noso traballo inefable, inaprensible e sutil, amasando conceptos ou esencias en trato con fantasmas queridos, as nosas invencións nocturnas ou diurnas, non son moi apreciadas pola veciñanza; xa sería moito, tamén comprendo.
Analicemos o seguinte exemplo: neste noso pais, campechano e festeiro, onde non se pide perdón por berrar, nin por empurrar, nin por cortar a palabra, nin por dar o lombo, nin por roubar, nin por estafar, nin por ensuxar, nin por escarallar, nin por peidear, nin por enmerdar, nin por apestar, nin por arrotar, nin por nada, existe, porén, unha situación na que alguén solicitará de vós o perdón. A cousa ocorrerá naquela conversa, entrevista, conferencia ou tertulia na que ese alguén faga uso público do seu pensamento durante un número de segundos superior a dezasete. Pois ben, deseguida, rematado o abuso, o falante pedirá perdón polo “rollo”, como curándose en saúde diante dun público que empeza a recear. Se cadra, o falante, no seu cerebro reptiliano de galego ou español (segundo sexa o caso e as opinións) sabe que, en fin, pode alongar de máis a exposición dunha idea, pode incluso citar de pasada, como quen non quere a cousa, que leu tal nun libro, pode, xa en plan kamikaze, tusir un latín disimuladamente, pero sabe que acto seguido debe escusarse diante do auditorio, para relaxar esa tensión ancestral que considera a súa demostración un insulto merecente de resposta popular sumarísima.
A ostentación da riqueza, da violencia, da ignorancia, do poder, da forza, e do sometemento sobre os demais non sentimos que precise de disculpas; a “ostentación” da cultura si, non vaia ser o demo.
Como sociedade, desconfiamos da cultura, e estamos convencidos da súa inutilidade. Esta actitude vese sublimada na clase dirixente, que é unha redución, no sentido gastronómico e no outro, do prebe que somos nós. Eles menten amor e nós sentímonos desexados, e respondemos coa instantánea entrega das audiencias televisivas. Entón recollen o noso diñeiro e deciden, e as súas decisións chegan ás bibliotecas que hai, e ás bibliotecas que non hai. Chegan aos plans de estudos de colexios e institutos, e botan fóra as ensinanzas artísticas, fóra a música, o debuxo, o teatro, a danza, a filosofía das matemáticas, o latín da bioloxía e a literatura da física e da educación física; todo fóra. E as herbas do campo mexan da risa co burros que somos.
A alegre caste dos ilustradores e comiqueiros do noso país galego desenvolvemos, igual que o resto dos traballadores da cultura, as nosas actividades profesionais nun entorno semellante a aquela cápsula de gravidade 100 na que o nobre Songoku adestraba durante o seu paso polo ceo. Logo dese adestramento, cando soltan a algún de nós nun entorno máis favorable e respectuoso, os movementos vólvense tan rápidos e certeiros como debuxos invisibles. (E quen che mandou a ti ser debuxante? Ninguén, that is precisamente the cuestión).
– Palavra Comum: Que enriqueceu na tua obra o trabalho para nen@s? Como influi nela?
– Jacobo Fernández Serrano: Eu fago o tipo de obra á que me levan as miñas ideas e procuras artísticas, e coincidiu que unha grande parte do que fago entra dentro do que se entende vai dirixido a público infantil. Levo toda a miña vida consumindo “indiscriminadamente” obras adultas, infantís ou xuvenís, sexan en cómics, libros, pelis ou televisión. O público infantil, entre outras, ten dúas características que son a base do meu traballo: unha é que gozan cos xogos da imaxinación e da fantasía; e, outra, que prefiren as historias que veñen contadas mediante a combinación química de textos e debuxos. Penso que son estas dúas cousas as que fan que nos levemos tan ben. E tamén que a rapazada é vangardista por definición.
– Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das suas criações à sociedade, etc.) estimas interessantes para a ilustração (e as artes, em geral) hoje, nomeadamente no que tem a ver com o contacto com o público?
– Jacobo Fernández Serrano: Coido que as creacións e obras da xente deben estar accesibles nun ou en varios sitios para quen lle interese, que o público en xeral debe ser informado con regularidade de novidades e sucesos, e que os novos medios dan a posibilidade dunha relación máis estreita entre os artistas e a súa clientela. Agora ben, sen esaxerar.
O outro día estaba comendo coa miña familia, botando aceite de oliva sobre unha fraga de brócoli ás folerpas de Maldon, cando soou o teléfono. Traizoando os meus principios collín e, decontado, polo trato cordial do meu interlocutor, decateime de que acababa de caer na trampa do telemárketing. Incapaz de desairar a tan amable voz traguei indefenso todas as mensaxes coas que quixo lixar a miña mente. Agardaba que fose o atropelo polo pau da telefonía, os seguros ou as tarxetas bancarias, mais non, para o meu abraio tratábase dun autor de cómic disposto a presentarme a súa última creación e a convencerme do vital da súa compra inmediata. Faloume primeiro do traballo de meses e anos que lle levou facelo, das noites sen durmir, das findes sen saír e do sacrificio familiar. (Non cheguei a chorar, mais confeso que sentín o peso dunha bágoa tremer no meu ollo dereito, o máis sentimental dos tres). Logo enumerou as súas influencias, da historia da arte e da literatura, da historia do cómic, do rock e do jazz, nunha chourizada infinda de nomeazos que marcaron o seu traballo, alternando clásicos e modernos e amosando, iso si, un gusto irreprochable. Logo explicou de que vai o libro pois, aínda que a simple vista non o pareza, quixo plasmar nel a actual conxuntura, a loita da xente, os males do mundo, a corrupción do sistema, a podremia do poder, as idades da vida, a súa evolución como persoa, o desacougo humano e o porqué do mal e da incultura. Despois faloume da arte do cómic, do seu amor polo medio, do seu eficaz emprego de recursos impensables. Destacou sen rubor algún os seus achádegos narrativos, o dinamismo do seu trazo, a necesidade das súas cores, a orixinalidade das suas ideas, e a trascendencia que terá a súa obra na historia da banda deseñada. Logo falou del, da súa infancia entre tebeos, da bohemia xuventude, de que frega a louza, loita polo galego e colabora coa reciclaxe, do amigo que é dos seus amigos, do que quere á súa familia, aos animais e á patria. O cal ten grande mérito pois, dixo, no seu interior habita un desasosego escuro, insondable e abismal que non deixa de turrar del e pretende afundilo na tolemia, no alcolismo e na depresión; e do que só se zafa grazas ao amor e á arte. E para rematar anuncioume que se pagaba os dezasete euros e adquiría un exemplar, tería dereito a unha dedicatoria da súa propia man pintada ao óleo na portadiña e valorada en dez mil euros. Chegados a este punto, e vendo que o suxeito parou un intre para alentar, ocorréuseme comentar que o seu traballo era magnífico mais quixera, antes de mercalo, botar un ollo ás páxinas en si. Fíxose un silencio indignado e colgou.
Quedei pensando, e agora penso, que se cadra existe nos cómics, nos libros e na cultura en xeral, una certa burbulla promocional e autopromocional. Estamos mentindo moito, ou, dito de xeito máis benévolo, estamos emocionándonos moito con nós mesmos, amigos artistas, críticos e divulgadores. Comprendo que queremos facer que o noso traballo chegue á xente, que queremos apoiar a cultura e que a dinámica do mercado cósmico leva á esaxeración; pero, na miña opinión, tan alto grao de vendemantismo é contraproducente e fai que as obras sintan vergoña dos seus autores, e aparezan diante dos lectores tristes e inseguras, obrigadas a finxir, a facer de outras que non son. O lector cliente vai cansar un día de tanta marabilla, de tanto imprescindible e de tanta quintaesencia, que logo son chasco tras chasco. E o que é peor, ese envoltorio aéreo e maximalista volverao cego ao que de verdade tiña a obra para darlle, fóra do mundo, libres eles dous.
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– Jacobo Fernández Serrano: Agora mesmo estou traballando en dous proxectos de cómic que, se todo vai ben, verán a luz antes ou despois. Un é a cuarta entrega de Marcopola que sairá con Xerais e se chamará Avoa Power. O outro, é unha adaptación do Merlín e familia de Álvaro Cunqueiro, que editará Galaxia e que debuxo rindo cun ollo e chorando co outro. Tamén traballo nunha nova novela infantil que quere tetraloxía estacional, noutra de terror paranormal, nun melodrama amoroso de instituto, nun poemario comiqueiro inmarcescible, nunha colección de noveliñas gráficas infantís, nun conto de pingüíns, nunha serie de cinco álbumes formato europeo XXL, nunha novela gráfica ambientada nos últimos anos do Sacro Imperio, no webcómic de Tulpa, nun libro de ensaios sobre varios temas que levará o título de Ensaios sobre varios temas, nun tratado sobre o ensino do debuxo titulado Nulla dies sine línea, nunha exposición de pintura con algunha escultura, e a ver se tamén nunha de escultura con algo de gravado. Así que lembre agora mesmo. Todo isto debuxado en galego de As Travesas, e logo se tal xa se pasa ao castelán ou ao francobelga. Fóra do Avoa Power e do Merlín non podo concretar editoriais porque aínda non o saben nin elas, e sería grande indiscreción.
– Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?
– Jacobo Fernández Serrano: Está moi ben, recibide pola miña parte a “parabenizatio” do grao 33 que, como ben sabedes, é o máis alto grao de parabenización co que está permitido parabenizar xente na Unión Europea. Saúde e adiós ríos!
You might also like
More from Entrevistas
Tono Galán expus na Corunha | Alfredo J. Ferreiro
Tono Galán (A Corunha, 1967) é um artista corunhês muito polifacético que, embora se esteja agora a dedicar fundamentalmente à …
José-Mª Monterroso Devesa: as suas e as nossas teimas | Alfredo J. Ferreiro
Em dezembro de 2023 aproveitamos a oportunidade de parabenizar o amigo José-Mª Monterroso Devesa pela publicação do seu último livro, …