– Palavra Comum: Que é para ti a cultura, nas suas diversas manifestações?
– Manuel Gago: Pois se partimos da definición máis básica, na que a cultura é a interacción do ser humano ca natureza, temos que a cultura é todo e inclúe todo. Tendo a considerala así, de maneira integral, sen facer unha distinción demasiado ríxida entre ciencia e letras, dunha banda (sempre vin como moi conectadas a bioloxía, a xeoloxía ou a filosofía, por exemplo) e por outra banda, entre alta e baixa cultura no sentido máis convencional. Atopo moitas conexións entre etnografía e creación artística, entre a programación computacional e a lírica, entre a física e a historia.
O que si teño claro é que esas partes da cultura que van máis alá da subsistencia e do instrumental e teñen que ver co coñecemento, a memoria e o disfrute e a creación nas diversas artes, son un elemento central do desenvolvemento integral do ser humano como suxeito individual e político. A cultura é o imprescindible morteiro que estrutura sempre as sociedades. Non creo no mito do feliz ignorante. A xente se dispón de máis coñecemento é máis consciente, máis crítica, está ubicada mellor no mundo e ten máis oportunidades de ser feliz ou cando menos de tentalo.
– Palavra Comum: Como levas a cabo, no teu caso, o processo de trabalho literário e cultural?
– Manuel Gago: Como un volcán ao que tento poñer método con maior ou menor fortuna. Debido á miña formación profesional, adoito pensar en termos transmedia. Un proxecto non pode acabar nun libro e nunha presentación, por exemplo. Deberiamos ter claro que un novela é, esencialmente, unha historia. E ese é o punto de partida. Se o pensamos así, que esa historia cobre vida en diferentes soportes é a consecuencia natural. No meu libro Vento e Chuvia comezamos cun libro e levámolo a un espectáculo de narración oral con versións para públicos diferentes e a un híbrido entre conferencia e espectáculo de narración.
Cada medio proponme unha linguaxe e un enfoque distintos. Ás veces podes apostar por modelos transmedia, que aproveitan o mellor de cada soporte para complementarse entre si, e outra volta convén simplificar, e elaborar unha única obra nun único soporte. Isto tamén segue a ter sentido: queirámolo ou non, a lóxica da industria cultural chega a todas partes e a xente entende os proxectos en función de produtos. Iso é un libro. Iso unha película. Esoutro un disco. En todo caso, combino tanto o traballo de equipos humanos moi variados nos grandes proxectos -ás veces moi grandes, e a maior parte das veces con compañeiras e compañeiros dun talento e formación excepcionais- coa disciplina do traballo individual no meu exercicio literario.
Neste último caso, na literatura, para min é importante o que os vellos chamaban o “estado de graza”. Non falo da inspiración nun sentido máxico ou místico, senón a capacidade de concentración suficiente como para que unha historia viva en ti, estea prendida diariamente, e ocupe un espazo continuo nos teus pensamentos. Por iso non sempre se pode escribir literatura. Como paso moitas horas do día en traballo e compromisos extraliterarios, a forma de conseguir isto é disciplinarme a escribir alomenos un mínimo todos os días, a primeirísima hora da mañá, que é a hora dourada da creatividade. Así manteño a chama prendida ata que chego aos ocos de tempo que me permiten concentrarme no desenvolvemento máis complexo. No caso de O anxo negro, unha historia longa de cincocentas páxinas con varias tramas e subtramas, manter o estado de concentración foi determinante para dar rematado o libro.
– Palavra Comum: Que vínculos existem -explícitos ou potenciais-, do teu ponto de vista, entre as artes, as diversas formas de conhecimento e a vida?
– Manuel Gago: Todo está conectado. Recentemente lin un breve ensaio de John Fowles, A árbore, no que o escritor criticaba o exceso de separación e de illamento sobre a natureza. Estas barreiras mentais proceden da mentalidade vitoriana e do empeño de clasificalo todo que procede desas taxonomías botánicas -por outra banda estupendas- de Linneo. As fronteiras entre disciplinas son tan só unha ferramenta que empregamos para operar co mundo. Iso quere dicir que se empregamos unha ferramenta mellor ou distinta sobre o mesmo obxecto podemos obter diferentes resultados. E iso é o que fago eu moitas veces. Reparto nalgo moi visto (un castro, un obxecto, unha historia) e aplico unha ferramenta inusual: unha tecnoloxía, unha ollada, unha estratexia, que veñen doutro lugar. E xero unha consecuencia nova sobre ese lugar ou elemento que obriga a reubicar todo o que anteriormente se fixo.
Eu estou con Fowles nunha noción máis turbia e borrosa das fronteiras entre ciencias, artes e coñecemento. Gústame moito o concepto da hedra, que se expande lentamente sobre superficies moi distintas pero é quen de manter a súa propia textura. Creo, ademais, que hai outra dimensión que é o tempo: a forma na que se pensa no pasado, no presente e no futuro, e que incide directamente nas maneiras de coñecemento e de creación. Gústame moito esa vella asociación entre artistas e profecía. Sempre lles digo aos científicos que deben ir moito máis aos centros de arte contemporánea. O artista produce no presente para un futuro que descoñece, e a súa materia prima adoita estar conformada por memoria, esa reelaboración do pasado que é o caldo no que sabemos que se pode entrever o futuro a través dos vapores húmidos da cocción. O tempo como idea é fundamental para explicar a forma na que actuamos nas artes.
Quero contar unha historia que me sorprendeu: movéndome sempre na escrita electrónica, non acababa de ter claro que valor achegaba o libro ensaístico impreso aparte do sentimental. Defendía que os ensaios son, por definición, unha materia cambiante, segundo cambias o teu pensamento ou aparecen novas perspectivas e descubrimentos. Pero cando publiquei con Xurxo Ayán o ensaio Herdeiros pola Forza, chegou un lector duns trinta e poucos anos na primeira presentación e pediume que lle dedicase o libro a María e Xela. Pregunteille quen eran e el contestoume: “as miñas fillas, que agora teñen dous e tres anos”. Estiven pensando durante días en que lerían esas nenas dentro de vinte anos e que lle diría o meu eu actual a esas rapazas do 2036. En certo xeito, non teño resposta para esa pregunta varios anos despois, pero sigo pensando no mesmo. Escribo para hoxe, como xornalista que son, pero cada vez máis para os que veñen, e iso inflúe na maneira de escribir.
– Palavra Comum: Quais são os teus referentes (desde todos os pontos de vista)?
– Manuel Gago: Moitísimos, claro. En todos os ámbitos. Por dicir algúns, e vou mesturar as artes e as artesanías como calquera cousa, e que teñen que ver con contactos dos últimos tempos: Cormac McCarthy, John Berger, Cristina García Rodero, Faulkner, Riveiro Coello, Jean Echenoz, Paolo Sorrentino, Maruxa Mallo, Alessandro Baricco, Francisco Leiro, Xurxo Mariño, Martín Caparrós, Juan Rulfo, Richard Dawkins, Barry Cunnlife, Amin Maalouf, Roberto Bolaño, Patrick Leigh Fermor, Álvaro Cunqueiro. En fin, unha chea deles. Eu son moito de admirar. 🙂
– Palavra Comum: Qual é a tua perspectiva sobre a arqueologia (na Galiza e em geral)? Que aspectos consideras mais desconhecidos?
– Manuel Gago: A arqueoloxía é unha disciplina dunhas potencialidades tremendas. Coñezo poucas ciencias que sexan quen de emocionar da mesma maneira ao público, porque intervén nas raíces da identidade que cada quen busca para si. Por iso hai que reflexionar como, sendo unha das ciencias máis populares, se atopa na situación na que se atopa a nivel xeral. No caso galego, a arqueoloxía ten grandes desafíos no futuro, tanto a nivel científico como do sector en si. Nunha entrevista anterior en Palavra Comum, Xurxo Ayán sinalaba algún deles. Eu, por completar a miña querenza pola Idade do Ferro falaría doutro: precisamos saber máis dos castros fóra dos castros. Cada vez temos máis datos (dispersos, iso si) sobre a vida no noso territorio alén desa visión estereotipada do castro como lugar habitacional. Os camiños? As necrópoles, se as houber? Os cultivos? Os lugares de reunión? Os “castros que non son castros”? Creo que tamén as novas tecnoloxías comezan a darnos unha visión nova sobre todo isto. Eu estou metido nunha marabillosa aventura científica cos arqueólogos cos que integro o colectivo romanarmy.eu: ciencia en modo indie, centrada en novas tecnoloxías, que nos está permitindo comezar a ver dunha maneira distinta o proceso de conquista do territorio de Gallaecia e o resto do noroeste peninsular polas lexións.
– Palavra Comum: Que opinião tens sobre a língua e cultura galegas a dia de hoje e com que outros sistemas culturais se conecta (Lusofonia, culturas atlânticas, etc.)? Que influências existem, do teu ponto de vista, que não são (re)conhecidas suficientemente?
– Manuel Gago: Teño opinións encontradas sobre o estado da lingua e da cultura. Por unha banda, temos que estar orgullosos por este país ter chegado onde chegou a nivel cultural pasando as que pasou ao longo da Historia. Pero ao mesmo tempo, aínda hoxe en día cóntanme historias estarrecedoras de autoodio e rexeitamento da lingua e da cultura por parte dos nenos, que só pode provir dun ambiente familiar triste e intoxicado que décadas de democracia e planos de normalización lingüística non foron quen de solucionar. Temos unha pequena parte da poboación moi vinculada á nosa cultura e lingua, case incomunicada con outra, inmensamente maior, que non quere saber nada dela. Se non somos conscientes da gravidade deste problema dificilmente poderemos trazar políticas e estratexias para crebar esta barreira. E creo que non somos conscientes. Os principais actores da cultura do país aínda foron criados durante a ditadura franquista e, desde esa perspectiva, para eles agora estamos moito mellor que daquela. Pero os que somos de xeracións posteriores, xa nacidas ou criadas na democracia, somos quen de percibir con facilidade unha caída alarmante que debe ser tratada con eficacia e urxencia. Deberiamos deixar de autoenganarnos con isto e ser conscientes de que nos estamos xogando o futuro.
Por outra banda, outra das claves da cultura galega é a necesidade de saír e conectarse co mundo. Isto é un elemento vital de calquera cultura contemporánea. Pero cústanos moitísimo e habería que averiguar por que. As aproximacións ao mundo lusófono foron ata o momento desiderátums e boas palabras que non acaban de callar en iniciativas conxuntas viables e estables agás cando hai moitos cartos da UE polo medio (ao mellor o problema é ese). É como cando te empeñas, nunha comida familiar, en que xoguen xuntos dous curmáns que non se aprecian todo o que deberían. Entón, creo que a principal estratexia aquí é tentar crear un horizonte común de intereses e posibilidades prácticas e reais que faga que as dúas partes teñan un interese real por colaborar alén do de obter cartos da Unión Europea. Tendo en conta ademais unha cousa: non se trata de presentarse de intermediarios, como sempre se di, por exemplo, cando falamos de Brasil. “Ser intermediarios entre o Brasil e Europa”, iso é unha posición errónea e con certo cheiro neocolonial. Precisamente estamos na época da desintermediación: quen quere intermediarios? Para que? Non hai que ser intermediarios, hai que ser socios.
E, por outra banda, temos totalmente desatendidas as relacións atlánticas de Galicia en Europa que se comezaran a tecer, a nivel informal, nos anos 80. As relacións con Irlanda, Gales, Escocia, ou a Bretaña francesa son unha ponte determinante para abrir mercados culturais, tecer redes persoais, e gañar influencia na Unión Europea e noutros territorios. É o que Alessandro Baricco chama “entrar en secuencia”. Deberiamos reflexionar por que a única industria cultural galega que foi quen de ter un certo éxito internacional foi a música e que leccións podemos extraer do seu éxito para outras.
– Palavra Comum: Que caminhos (de comunicação, interacção com a sociedade, etc.) estimas interessantes para as diversas manifestações culturais nestes tempos? Qual é a tua experiência neste sentido (internet, etc.)?
– Manuel Gago: Eu sempre digo que Internet foi un enorme balón de osíxeno para a lingua e cultura galegas dos 90 e principios dos 2000. Este esquema de comunicación horizontal encaixa moi ben coa estrutura dos conxuntos de activistas a nivel local repartidos por todo o país. Hai movementos culturais actuais en Galicia que non se poden comprender sen a rede, e a súa influencia vai a máis. Internet desbordou o papel dos medios de comunicación tradicionais en Galicia, xerando un gran volume de información sobre a actividade cultural do país, en primeiro lugar, e logo conectando aos creadores entre si. Iso nun país pequeno e envellecido coma o noso, con poucos participantes da escena cultural, é fundamental para osixenar e incrementar a masa crítica, a creación de oportunidades e de valor.
Esta relevancia cada vez maior das redes sociais dentro da rede tamén trae serios problemas dos que cada vez son máis consciente: unha cultura e unha actitude acomodaticia que nace e morre na propia Internet, a obsesión dos políticos polo Facebook e polo tanto, da imaxe e do que se comenta nesta rede social e outras. Os axentes que toman decisións son, en moitos casos, moi inxenuos ao redor do impacto real dun comentario crítico, ou non son conscientes, como si o son no caso dos medios de comunicación, dos intereses económicos e persoais que pode haber detrás dun comentario malicioso. Xa está pasando, e irá a máis nos vindeiros anos, que proxectos moi valiosos de ámbitos moi distintos (coñezo ben tres casos recentes: un literario, un turístico e un botánico) que se van ver parados porque un troll os criticou no perfil dun concello. Esperemos que acabe cambiando isto.
– Palavra Comum: Como vês o jornalismo a dia de hoje?
– Manuel Gago: Pois como todo teño dúas perspectivas (como mínimo). Creo que estamos vivindo un renacemento do xornalismo como marca persoal, do xornalismo como un proxecto individual ou de pequenos equipos que, con poucos recursos económicos, son capaces de dispoñer dunha plataforma de publicación que pode conseguir grandes éxitos e audiencias. Hai cousas verdadeiramente interesantes e boa parte do futuro, para min, estará nestes micromedios e moitísimas novas formas híbridas de comunicación, de información e tamén de entretemento.
Sen embargo, o xornalismo ten un gran problema na súa estrutura da propiedade e na consecución de marxes de beneficio -necesarios para a súa supervivencia e para o traballo digno dos profesionais-. Aínda que os grandes medios están comezando a obter beneficios razoables, isto baséase en marcas que son globais e que poden chegar a millóns de persoas, e é nesas grandes comunidades de usuarios onde está a capacidade de obter ingresos. As comunidades e linguas máis pequenas deberán seguir outras estratexias para garantir a súa pervivencia. O gran problema de non solucionar estas viabilidades económicas é a excesiva dependencia do poder político, que é un cancro cada vez máis grave dos medios de comunicación tradicionais.
– Palavra Comum: Qual é a tua opinião (e experiência) sobre o ensino universitário?
– Manuel Gago: Que hai que darlle unha profunda volta en moitos aspectos. Por poñer unha idea sobre a mesa, creo que a propia idea de titulación está (ou debería estar) en crise, e que cada vez máis a diversificación de ofertas ou oficios obriga a dinámicas de coñecemento máis interdisciplinares e flexibles. Nin sequera a vella división Humanidades / Ciencias da Natureza ou Físicas ten sentido hoxe en día. O gran problema para abordar isto é que un esquema de titulacións é parte dunha mecánica que moi pouca xente quererá cambiar porque afecta a todo un entramado establecido (oposicións, etc.).
– Palavra Comum: Como seria a tua Galiza Imaginária? Que há dela na realmente existente?
– Manuel Gago: Esta é a típica pregunta onde a xente se volve estupenda e comeza a dicir grandes frases para a Historia, de aplicación vaga, irrealizable e que só levan á frustración. Partindo da base de que a min me gustaría vivir nunha Galicia dona de seu, quería falar dunha Galicia real, cuantificable en datos, e que cunha aposta clara de mudanza sería notablemente distinta á actual. Cuantificar as cousas en datos significa que se pode saber que medidas aplicar para chegar a iso, quen as debería aplicar e polo tanto onde se está a fallar. Así que aquí indico a Galicia na que me gustaría vivir en 2026.
1. Unha Galicia cunha taxa de risco de pobreza ou exclusión inferior ao 10% [hoxe: máis do 24%].
2. Unha Galicia cun PIB per capita de 28.000 euros [hoxe: 20.431€].
3. Unha Galicia na que o gasto medio cultural por fogar ao ano sexa de 800 € [hoxe é de 563 euros].
4. Que 900.000 galegos falen máis galego que castelán de modo habitual [hoxe son 513.325].
5. Que a Xunta invista anualmente 170 millóns de euros en cultura [en 2016 61 millóns; no 2008 foron 142 millóns].
6. Unha Galicia na que os libros en galego sexan un 40% das vendas totais das librarías. [hoxe deben ser un 10-15%].
7. Unha Galicia que teña voos directos e frecuencias razoables a Nova York, Berlín, Hong Kong, París e Dublín todo o ano.
8. Unha Galicia que todos os anos consiga colocar 5 apps nas 100 máis vendidas nas stores de móbiles.
9. Unha Galicia na que as listas de espera para atención de especialista na saúde estean nos 20 días.
10. Unha Galicia no que o volume de exportacións industriais acade os 30.000 millóns de euros [hoxe están nos case 18.000].
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– Manuel Gago: Proxectos teño unha chea deles.
As miñas angueiras destes meses serán facer visible O anxo negro, a miña primeira novela, editada en Xerais, como un paso importante do meu proxecto literario. É unha novela que tenta falar de varias cousas. En primeiro lugar, dun crime perfecto: o espolio do patrimonio rural eclesiástico despois do Vaticano II. Temos ducias e ducias de referencias orais colleitadas nas aldeas sobre santos, figuras e mobiliario sacro desaparecido entre os 60 e os 90. A xente lémbrase perfectamente do que foi roubado. Pero curiosamente, hai moi poucas denuncias (só de casos clamorosos ou máis vilegos), e como as pezas non estaban inventariadas, “non existen”. Así que as enormes cifras do maior espolio de patrimonio moble da Historia do país serían dificilmente comprobables e demostrables desde un punto de vista xornalístico: só fican as voces dos veciños, unha tradición oral. Falamos, xa que logo, dun crime perfecto do que non fica rastro! A historia pareceume de tal potencia que crin que debía ter saída, se non como xornalismo, si como literatura, que ás veces non ten que ser só profeta do futuro, senón que neste caso pode selo do pasado.
Por outra banda, O anxo negro explora como unha comunidade rural ten recursos de seu, ás veces moito máis poderosos do que ela mesma pensa, para resolver os seus problemas. E as solucións e os procedementos non sempre encaixarían na noción “urbana” ou “moderna” da xustiza: seguen unha ética e unha lóxica máis antiga e propia. Ademais, nos anos 80, que é onde está ambientada esta novela, estas comunidades rurais estaban conectadas, a través da emigración e a Mariña mercante, con recursos humanos de todo o mundo. Os emigrantes podían chegar a ser un enorme exército de subalternos: de obreiros, canteiros, criadas, camareiros, chapistas, mecánicos, todo baseado na ramificación, nos contactos e nun certo sentido de identidade que se quere preservar a toda costa. Que pode conseguir un exército que se move na sombra?
Ao meu proxecto literario dedicareille alomenos os vindeiros dez anos, e logo xa veremos. A maiores, estou especialmente interesado en iniciativas de divulgación científica que desenvolveremos nos vindeiros anos e tamén na confluencia entre ciencia, ecosistemas, tecnoloxía e creación artística. Teño un proxecto un pouco delirante co meu irmán, que é biólogo, que veremos se sacamos adiante neste sentido. E a enogastronomía, por suposto. Agora que xa está pasando o ultraboom mediático e toda a súa parvada -do que me desliguei conscientemente para non andar cabreado todo o día- poderemos volver a este tema e facer cousas bonitas e interesantes.
You might also like
More from Antropologia
Entrevista ao antropólogo galego Rafael Quintía: “A antropoloxía ten que estar ao servizo da sociedade e baixar ao campo de batalla da vida cotiá”
Rafael Quintía Pereira. (Vigo, 1971). Licenciado en Antropoloxía Social e Cultural, Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais, escritor, documentalista e …
Amor(es), permacultura(s) e outras lerias
Beka Iglesias Se penso no amor, nas relacións afectivas na miña vida, aparece sempre unha continua procura da experimentación, da mudanza. …