– Palavra Comum: Que é para ti a música?
– Martin Wu: Sei o que NON é: non é por desgraza a miña profesión e nunca deu nin para autososterse; e non é un simple hobby, porque as afeccións non ocupan tanto tempo nin tantas neuronas, nin dan tantas alegrías e desgustos. É algo que levo comigo desde neno e do que probablemente nunca me desprenderei. Ultimamente sérveme tamén de expiación, para botar as culebras fóra e lembrarme que todos somos algo máis que aquilo no que a vida nos converte. Nese sentido, tamén é unha forma de compromiso, de dicirlle aos poderosos que quizá nos teñan dominados, pero que nos damos conta e que non nos presta, e que calquera día…
– Palavra Comum: Como entendes o processo de criação artística?
– Martin Wu: No caso de Grampoder é unha cousa moi orgánica, moito máis sinxela do que nunca foi. É tan doado coma xuntármonos Roi e máis eu a enredar con melodías e trebellos, ás veces a partir de algo asubiado no teléfono móbil, outras desde cero, sen descartar nada. Nin sequera necesitamos falar demasiado para ver o que nos parece que funciona e o que non. Funcionamos case por telepatía. Unha vez temos perfilada a canción eu prometo facer unha letra animada e festeira e, uns días despois, chego con vinte liñas espumando raiba… As cancións lévanse a medio cocer ao estudio (habitualmente A Ponte, en Roxos, con Tomás Ageitos) para darlles “espírito”.
– Palavra Comum: Qual consideras que é -ou poderia ser- entre a música e outras artes (literatura, audiovisual, artes plásticas, etc.)?
– Martin Wu: No meu caso sempre lle vin relación coa literatura, aínda que sei que as miñas letras non son grande cousa. A maior parte das letras que escribín contan unha historia e normalmente os discos teñen certa unidade, aínda que só sexa para nós. Supoño que algún día quixen ser escritor, pero para as novelas non me daba o tempo, para os contos non me daba a cabeza e para os poemas non me daba o corazón, así que acabei facendo letras o máis telegráficas posible. Os Grampoder temos unha débeda con nós mesmos, que é facer música para imaxes en movemento, ou imaxes en movemento para a nosa música. O que apareza primeiro. Algún día daranos o orzamento.
– Palavra Comum: Quais são os teus referentes criativos?
– Martin Wu: Lin por aí que ningunha música che chega tanto como aquela que escoitas cando tes catorce anos. Eu gábome de ser unha persoa bastante aberta no musical, que escoita de todo e que en todo atopa cousas interesantes, pero ao final, á hora de facer cancións, se non queres escribir pastiches, botas man do que tes máis dentro. Así que referentes os de sempre, maiormente anglosaxóns: o pop e a psicodelia dos 60, o punk e o hardcore dos 70 e os 80, o que mamamos nos 90… O son dos Byrds, o idioma dos Diplomáticos e a cosmovisión de Eskorbuto. Con este formato mínimo escoitamos moito a grupos con menos persoal ou incluso a bandas dun só membro, como Michel Cloup, Gruff Rhys, Timber Timbre, Aries…
– Palavra Comum: Que músicas/músicos reivindicarias por não serem suficientemente conhecidos (ainda)?
– Martin Wu: Moitos músicos de por aquí deberían ser coñecidos no mundo enteiro. Caxade, por exemplo, editou este ano o disco máis impresionante que deu Galiza en moitos anos; ou outros compañeiros nosos de selo, Das Kapital, que teñen uns traballos fabulosos, áridos, vangardistas, que nos dan envexa aos que facemos máis ou menos rocanrol de toda a vida. Hai unha corrente subterránea neste país que por desgraza nunca acaba de saír á superficie, xente como Projecto Mourente (para min o seu ‘A pior’ está entre as mellores cancións galegas de todos os tempos), os eternos Samesugas…
– Palavra Comum: Tens participado em diversos projetos. Que reflexões podes fazer sobre eles? Que lhe dirias a quem começasse agora por caminhos semelhantes?
– Martin Wu: Como lle lin a Nick Cave hai pouco, que abandonen toda esperanza. Eu engadiría que a partir de aí, de non agardar demasiado, poden empezar a construír un discurso propio. O fundamental (creo, quen son eu para dar consellos!) é facer o que a un lle pete sen mirar moito polo que pensan os demais; ao final isto impórtalle a pouca xente e en cen anos todos estaremos calvos (algúns xa nos adiantamos a este prazo). Isto é algo que Roi e máis eu fomos aprendendo co tempo. Primeiro fixabámonos moito no estilo, en manter unha serie de pautas estéticas moi marcadas (o power pop, a música británica). Despois reaccionamos contra este corsé. E agora facemos o que nos apetece e o que somos capaces de facer.
– Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das suas criações à sociedade, etc.) estimas interessantes para a música hoje?
– Martin Wu: A música galega, polo menos a que nós facemos, ten un problema moi grave: a falta alarmante de público. Creo que non é algo que me pase só a min: nos concertos vexo en xeral menos xente e, sobre todo, menos xente nova. Evidentemente non é algo aplicable a esa apisonadora anticultural que son as orquestras, que fan refritos de cuarta de cancións chungas e espectáculos horrendos, españoleiros, machistas… pero multitudinarios. É o que hai. Preguntáchesme por camiños e faleiche dunha barreira…
– Palavra Comum: Que relações e complementariedades da língua galega consideras interessantes na tua experiência musical, nomeadamente no referido à Lusofonia?
– Martin Wu: Penso que probablemente é a única vía de escape que nos quede, e xa non só como músicos, senón para conseguir que a nosa lingua perviva. No musical é difícil, tendo en conta que Brasil é unha superpotencia cultural para a que probablemente só sexamos un bichiño alá na outra beira do océano; pero somos un bicho interesante, non?
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– Martin Wu: Os Grampoder levamos un par de anos co noso primeiro disco, Golf Whiskey (Discos da Máquina, 2013). Supoño que aquí remata un ciclo e comeza outro: en breve porémonos a escribir para despois gravar, editar un novo disco, tocar para defendelo e seguir dándolle á roda. Indubidablemente, o que máis me gustaría é conseguir a pasta necesaria para que este plan tan sinxelo se poida levar adiante. O máis inmediato é a edición dun EP de todos os grupos que facemos parte do selo cooperativo, con cancións inéditas.
– Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?
– Martin Wu: Pois atopo a moitos deses músicos que deberían ser moito máis coñecidos pola súa valía artística, por exemplo, contando cousas ben interesantes, polas que normalmente non se pregunta noutros medios.
You might also like
More from Entrevistas
Tono Galán expus na Corunha | Alfredo J. Ferreiro
Tono Galán (A Corunha, 1967) é um artista corunhês muito polifacético que, embora se esteja agora a dedicar fundamentalmente à …
José-Mª Monterroso Devesa: as suas e as nossas teimas | Alfredo J. Ferreiro
Em dezembro de 2023 aproveitamos a oportunidade de parabenizar o amigo José-Mª Monterroso Devesa pela publicação do seu último livro, …