– Palavra Comum: Como entendes o processo de criação artística e literária?
– Mercedes Queixas: No meu caso conviven dous procesos moi dispares, mesmo antagónicos até tal punto que non me resulta doado explicalos.
A respecto da escrita ensaística, este responde sempre a un proceso planificado, moi calculado desde a xénese e cun horizonte final a nivel editorial moi próximo. Neste caso, o esforzo creativo céntrase no proceso de lectura e investigación, na arquitectura do texto, na selección dos contidos e na procura dun enfoque expresivo o máis persoal posíbel.
Pola contra, a escrita máis persoal é moito máis convulsa, emocional, impulsiva e, ás veces, irracional. Non é procurada intencionadamente, tamén non é pautada, pois xorde a partir da necesidade de procurar axuda para pór en palabras o desequilibrio exterior que non me permite o acougo interior. Esta escrita é a terapéutica, a catalizadora dun presente de bárbara inxustiza social que non son quen de asumir e, ao tempo, a que me reta a descubrir os meus límites nos marcos osixenantes da palabra.
Desde hai moito tempo teño gravadas as palabras de Uxío Novoneyra: De tanto calar xa falo eu solo. Esta escrita íntima é o diálogo necesario para verbalizar as palabras-espiña, aquilo que bole dentro de min en sensacións e impulsos que, en ficando no interior, acababan por me atragoaren.
A escrita en min non naceu como algo procurado, intencionado, senón como unha proposta externa, un convite, mais si podo afirmar que co tempo foi medrando como unha trampa aditiva ou unha necesidade orgánica e así descúbrome, ás veces, mergullada nunha evasión que me leva a tomar notas en calquera soporte ao xeito (unha servilleta de papel, unha libreta do bolso ou na axenda do móbil…) e en calquera lugar.
– Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (fotografia, música, audiovisual, etc.)?
– Mercedes Queixas: A irmandade das artes non me resulta comprensíbel na súa totalidade se non é desde o punto de encontro e a retroalimentación como a que representa a imaxe dos vasos comunicantes.
Pretender deslindar a persoa entre as letras ou as ciencias resúltame ridículo. Aillar as diferentes artes en cuartos insonorizados, impermeábeis e escuros, tamén.
Visionar unha secuencia narrativa, caligrafar a imaxe poética, musicar un texto lírico, narrar un cadro, dramatizar a literatura oral… é compañía imprescindíbel historicamente.
Probabelmente, a lírica medieval galegoportuguesa sexa unha anta inaugural ben clarificadora neste sentido. Máis próximo a nós no tempo, velaí a concepción analizada por Luísa Villalta no ensaio O outro lado da música, a poesía. A popular intercomunicación da regueifa ou a expresión artística múltiple que desenvolven colectivamente poetas e artistas plásticos no obra colectiva ben recente Catálago poderían ser algún exemplos representativos dunha reincidente cronoloxía artística interdiciplinar.
– Palavra Comum: Quais são os teus referentes criativos (desde todos os pontos de vista)? Deles, quais reivindicarias por serem insuficientemente reconhecidos a dia de hoje?
– Mercedes Queixas: Máis do que referentes propiamente nominais e individualizadores, reparo especialmente naquela escrita que nace no interior de quen entende a palabra como facho restaurador, blindaxe contra a manipulación, reparador de sombras negadoras e que, polo tanto, cede a palabra rebelde ás almas e corpos invisíbeis, aos perdedores eternos, ás heroínas do silencio imposto ás que, por non lles estar permitida nunca a presenza en primeira persoa, corren o risco de non seren nomeadas na historia dos tempos.
Gosto da escrita que me revolve por dentro, que esperta en min o sentido crítico, que me transporta a novas lecturas, que me ofrece respostas e, ao tempo, me obrigar a abrir novos interrogantes, porque a verdade absoluta posibelmente non existe.
Valoro inmenso na arte da escrita a capacidade de devolverlle nova vida ás palabras, de burlar semánticas gastas e sorprender con outras imprevistas, de provocar emocións desde esa función vital intercomunicadora.
– Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?
– Mercedes Queixas: Se partimos da base de que temos unha materia prima creativa completa, ancha e moi diversa, como acredito firmemente, acho que do que estamos preocupantemente carentes é de vías de presenza pública, de visibilidade que a coloquen ao alcance da sociedade para poder decidir, en igualdade de oportunidades e desde a liberdade, su gosta, interesa ou partilla.
A sociedade está a percibir multitude de estímulos, tantos que é imposíbel a súa asimilación con sentido crítico e reflexivo. Mais, no entanto, non se inclúen de xeito preferente ou, cando menos, en igualdade de condicións, os elementos culturais galegos, nomeadamente os escritores e as escritoras como referentes.
Coñécese antes calquera figura mediocre e incluso tóxica para a formación do individuo –e, por extensión, da sociedade- que unha referente da escrita, da música, da ciencia, das artes plásticas, do teatro, etc.. Cultívase o valor da simple aparencia física predeterminada por un canon homoxéneo do que a capacidade intelectual; reforzase o valor do acceso ao carto rápido antes do que a cultura do esforzo e traballo progresivo cara á cultura do coñecemento. E todo isto con fortes investimentos económicos para inventar un determinado mercado superficial e carente de principios firmes que consoliden os valores imprescindíbeis para un modelo social xusto e equilibrado.
Que a infancia e a mocidade soñe con ser futbolista ou modelo moi maioritariamente non me parece o mellor termostato da boa saúde social. Que porcentaxe da cidadanía soubo –e foi quen de o valorar- que o eminente científico galego Ángel Carracedo acaba de recibir o Premio Nacional polo seu determinante labor desenvolto ao redor da investigación xenética? Quen foi Mª Josefa Wonenburger?
Que nivel de difusión social teñen a nivel galego todos os chamados Premios Nacionais de Literatura que concede o Ministerio de Cultura español? Infelizmente, moi mínimo, mais por que ha de sabelo a sociedade e aínda valoralo se non aparecen nos medios, día si e día tamén?
Que presenza ten a programación cultural galega nas radios, nas televisión, na internet, no cinema, no teatro, nos foros públicos, na prensa impresa e dixital, nas revistas? Porque xa sabemos que non se valora o que non se coñece.
Estamos moi faltas de escaparates nas librarías, de ferramentas atraentes on line, de mercadotecnia que faga chegar o libro suxerente para formar o novo lectorado e para mantelo nas seguintes franxas etáreas. Precisamos gañar espazos de socialización desde o libro e a lectura.
– Palavra Comum: Qual é a tua visão sobre a língua galega hoje (e a vinculação que tem com a Lusofonia)? Que potenciais achas que não são aproveitados para ela?
– Mercedes Queixas: A miña visión persoal reflíctema o espello do día a día.
O meu espazo vivencial de traballo diario como docente en Coristanco ofréceme un contexto de aparente normalidade lingüística, onde o galego é a lingua de uso espontáneo, habitual, lingua inicial e de transmisión xeracional na infancia practicamente total. Obsérvanse no contorno, iso si, algúns usos diglósicos a nivel de expresión escrita, mais pode afirmarse que a vitalidade da lingua galega é plena.
Pola contra, a miña vida persoal e familiar na Coruña, con apenas 40 quilómetros de distancia física, amósame unha realidade moito máis complexa, onde o galego ten unha presenza pública, oral e escrita, moitísimo menor e onde a transmisión familiar está practicamente anulada, aínda que é ben certo que non é este un fotograma único nin moito menos na cidade, porque na vida dos barrios segue presente.
A realidade paralela oficial, aquela que, desde a reponsabilidade que se agardaría dun goberno, difunden os medios de comunicación, semella camiñar en sentido contrario, sen pisar o freo e sen atender a esa realidade que calquera de nós pode contrastar, pretendendo construír no imaxinario social un mundo irreal baseado na mentira e na falacia.
O Conselleiro de Educación acaba de se gabar de que nunca tanto galego se aprendeu na escola nin tan boa competencia nel se conseguiu. Evidentemente non é quen de afirmar que nunca tan pouco uso social se fixo, nomedamente por parte da infancia e mocidade, nin nada se está a facer para actuar contra os vellos e novos prexuízos lingüísticos. No entanto, o goberno ten eliminado, cualitativa e cuantitativamente, por decreto a súa presenza na escola e acrecentado o seu capital prexuizoso negándolle legalmente a posibilidade de ser empregado no ámbito matemático-científico ou non respectando a vontade daquelas familias que se manifestan a favor da escolarización en galego para as súas crianzas.
Seguro que concordamos en que nunca tantas matemáticas se dominaron como agora, mais iso, a diferenza do galego, non semella ser razón de base como para continuar a lle acrecentar aínda máis horario a esta materia no ensino obrigatorio a LOMCE.
O retroceso na protección legal que o actual goberno do presidente Feijoo impuxo unilateralmente, batendo de fronte coa sociedade desde as diferentes vertentes, ou o desatendemento da implantación progresiva do Plan xeral de normalización lingüística está a ser unha táctica global ben esclarecedora de cal é a intención ideolóxica antinormalizadora do goberno curiosamente chamado popular.
Cando era estudante de Filoloxía Galega e comecei coas aulas de portugués decateime de que, para alén de aprender un idioma, estaba a mellorar o meu. No portugués residía o esclarecemento a moitas dúbidas lingüísticas, significaba voltar á orixe para testemuñar as fontes que axudasen a clarificar e autentificar o que debe ser o galego moderno, necesariamente espido da forza do imperio castelanizador hexemónico desde o século XV.
O ámbito da lusofonía ten que ser visto como unha oportunidade para o futuro do galego a todos os niveis.
– Palavra Comum: Como seria a tua Galiza Imaginária? Que há dela na realmente existente a dia de hoje?
– Mercedes Queixas: A Galiza na que acredito é aquela que teña coñecemento de si, da súa historia, das súas fortalezas e fraquezas. É unha Galiza consciente do seu papel na historia universal, un ente propio gobernado desde a autoestima e con vocación de futuro de seu, intolerante coa aldraxe, a mansedume e a subordinación. Unha Galiza orgullosa, onde triunfe o amor propio e o orgullo de ser e estar En pé!, como di o poema de Ramón Cabanillas.
Coido que non é un soño, unha ilusión somnolenta, senón unha realidade que puidemos comezar a albiscar cando o nacionalismo gobernou este país recentemente. A viraxe no plano dialéctico, actitudinal e politicamente resolutivo, desde a palabra á acción, malia o curto tempo, foi inaudita e non hai mellor proba disto que o catálogo de derruba sistemática que marcou o posterior goberno do PP até a actualidade, unha carta de presentación para as leccións de Historia do futuro que simboliza unha fenda e unha derrota maquiavélica profunda para o propio desenvolvemento estrutural do país, que pretende invalidar calquera capacidade de xestión autónoma da nosa nación como se fose un corpo que respira coas mans e os pés presos.
– Palavra Comum: Fala-nos da tua experiência na Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Que caminhos achas sugestivos para a entidade de cara ao futuro?
– Mercedes Queixas: Este tempo de pertenza ao consello directivo da AELG ten sido moi esixente, mais só podo cualificalo como unha experiencia de xestión e organización altamente positiva e moi enriquecedora humana e profesionalmente, ora desde a solvencia e xenerosidade dos diferentes compañeiros e compañeiras do consello directivo ora desde a base asociativa á que vin crecer de xeito imparábel coa incorporación progresiva das novas xeracións, un estímulo sempre alentador.
Coido que debe ser valorado o esforzo que desde a AELG se fixo nos últimos dez anos para se converter nun referencial axente mediador entre as escritoras e escritores que optan polo galego como lingua de creación e expresión e a sociedade, así como a súa capacidade para abrir campos de traballo (como a Sección de Literatura Oral), estabelecer pontes á procura de espazos e foros, propios e alleos, que contribuísen a visibilizar e pór en valor a figura e obra das autoras contemporáneas, procurando gañar presenza pública para a súa palabra, a súa creación literaria e o seu pensamento. A este obxectivo vertebrador pertence boa parte do investimento económico e humano volcado na web (www.aelg.gal) ao longo destes últimos dez anos en que formo parte da directiva. A cantidade e calidade dos contidos deste inmenso centro de documentación virtual entendo que é un servizo útil e imprescindíbel que a sociedade galega precisa e merece.
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– Mercedes Queixas: Nesta altura están a convivir o proceso creativo e mais o editorial. Por unha banda, estou nas vésperas de presentar unha breve e divulgativa historia da literatura galega que se publica no catálogo de Xerais e, pola outra, estou a preparar unha biografía sobre o escritor Manuel María que a editorial Galaxia me propuxo levar adiante para editar a comezos do 2016, ano crucial e especialmente simbólico ao coincidir coa dedicación do Día das Letras Galegas a Manuel María e mais o centenario das Irmandades da Fala.
Simultaneamente, cando o corpo o pide ou o tempo o permite, achégome por cartafoles que se van tornando progresivamente en artesas de palabras levedadas, de expresión se cadra algo máis poética e narrativa, aos que me gustaría dedicar máis tempo en breve, botarlle o pulso ás diferentes escritas, en definitiva.
– Palavra Comum: Que opinas de Palavra Comum? Que botas de menos aqui?
– Mercedes Queixas: Celebrei o seu nacemento en canto que chegaba para cubrir un espazo de lectura, formación e comunicación absolutamente ermo. Paréceme unha moi completa revista das artes, que atende o próximo e o foráneo, nomeadamente o ámbito portugués -que non por próximo espacialmente é máis coñecido- desde múltiples perspectivas.
Percíboa como un proceso en construción, un proxecto aberto onde a protagonista é a sorpresa na descuberta de gran parte dos seus contidos, así que non é hora aínda de botar nada en falta. Mais si é boa oportunidade esta para agradecer o traballo de quen, entre bambalinas, guía teclados, escolma imaxes e domea arquivos.
NOTA: a fotografia foi realizada por Eduardo Castro, e figura no Centro de Documentación da AELG.
You might also like
More from Entrevistas
Tono Galán expus na Corunha | Alfredo J. Ferreiro
Tono Galán (A Corunha, 1967) é um artista corunhês muito polifacético que, embora se esteja agora a dedicar fundamentalmente à …
José-Mª Monterroso Devesa: as suas e as nossas teimas | Alfredo J. Ferreiro
Em dezembro de 2023 aproveitamos a oportunidade de parabenizar o amigo José-Mª Monterroso Devesa pela publicação do seu último livro, …