– Palavra Comum: Que supõe para ti a literatura?
– Miguel Anxo Fernández: Non son quen de procurar respostas transcendentes nin vagar polos recantos da retórica para esta cuestión, pode que pola miña condición de historiador vinculado ao audiovisual, que entende máis de imaxes que de palabras… Entendo a literatura como unha variante da comunicación pola vía da expresión escrita. A necesidade de contar historias porque na outra banda hai alguén disposto a aprecialas e a poñer o seu goce nelas. Se non existe ese elo, escritor-lector, entendo que non é literatura, é simplemente onanismo, á marxe de que uses de ferramentas de estilo que poderán ser máis ou menos sofisticadas, ou mesmo de estruturas narrativas audaces. Todo iso podo entendelo, pero nunca en contra da comunicación no sentido máis fondo da expresión, como sinónimo de empatía. E, naturalmente, o compromiso da literatura co entorno social e histórico no que vive, a súa condición de voceira da realidade.
– Palavra Comum: Como entendes o processo de criação literária?
– Miguel Anxo Fernández: No meu caso laborioso, pero ao tempo dando prioridade á historia que vou contar. Quero dicir, procurando que leve un aquel de orixinalidade que sorprenda ao lector. Para contar o mesmo, xa o fixeron outros. Despois está a variante estrutural e de estilo. Iso tamén require consideración, sobre todo ao lector. Fuxir da idea de que o lector, como é soberano, está na obriga de asumir as ocorrencias, os experimentos e os xogos literarios en nome de non sei que patrón ou cousa… Por iso me mete medo cando escoito a verba “experimental”. É tan feble a liña que separa iso da arroutada, que me poño moi á defensiva. No cinema, os clásicos dicían que só aspiraban a “contar historias”. Cando escribo teño iso por única aspiración. Iso non implica rexeitar o agarimo coa lingua e porse de costas aos tempos que corren.
– Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (música, cinema, artes plásticas, etc.)? Como é a tua experiência nestes âmbitos?
– Miguel Anxo Fernández: As artes non son excluíntes. Nunca. Forman parte do abano da expresión humana e, xa que todas son nacidas do mesmo tronco, así deberá ser o seu itinerario creativo. No meu caso (pese a non son consciente de tal cousa) a influencia do cinema pode que se aprecie pola banda da estrutura narrativa, máis alá das referencias concretas que puidera haber a elementos vinculados ao audiovisual. Entendo que somos fillos do tempo vivido, e o noso comezou a andaina nos anos sesenta da man do cine popular, do programa dobre e moito filme de xénero, como tamén da televisión única dos seriais en branco e negro. Tamén somos fillos do que agora chaman cómic e antes eran tebeos (nós chamabámoslle “contos”), e máis das novelas baratas, sobre todo do Oeste, de Marcial Lafuente Estefanía ou Keith Luger… Variantes do consumo cultural máis popular (o que chaman “de masas”) e non podo evitar que iso asome nas miñas historias. O contrario sería imposto e en consecuencia, o autor cun aquel de impostor…
– Palavra Comum: Quais são os teus referentes criativos? Quais deles reivindicas por não serem suficientemente (re)conhecid@s?
– Miguel Anxo Fernández: Un pouco vai respostado nas anteriores. A miña xeración, nenos de vilas en boa parte, tiñamos como únicas alternativas “evasoras” o cine (as de vaqueiros, de romanos, de aventuras…) e os “contos” (Hazañas bélicas, Roberto Alcázar y Pedrín, El capitán Trueno, El Jabato, TBO…), a televisión (ciclos de cine clásico, seriais como Bonanza, El Virginiano, Belphegor, El agente CIPOL…), mentres da escola recibíamos a obriga de ler aos clásicos de xénero (Verne, Conan Doyle…) e a oferta disponible na biblioteca pública do Carballiño, no meu caso. Penso que iso non se recoñece coa claridade necesaria. Pode que se consideren influencias “desvalorizadas”, pero son o que hai. Non medrei lendo a Proust nin a Joyce nin a Cortázar. A Cervantes si, pero non El Quijote, que daquela ninguén do noso tempo o lía completo… Tampouco direi que iso me importe. En absoluto. Son fillo do que son e sería ir contra meu ser optar pola pose e pola impostura…
– Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?
– Miguel Anxo Fernández: Carezo de recursos para darche unha resposta lúcida porque ademais fuxo da transcendencia, pero entendo que o camiño literario do país, como ocorre co audiovisual, deberá ir pola diferenza, na procura de trazos que a afasten do mainstream, da tendencia global. Que a novela negra teña moito predicamento en todo o mundo, non pode levarnos a imitar a Mankell, a Márkaris, a Vargas ou a Camilleri, pero si a procurar trazos singulares que nos vendan como distintos desde o noso país. Só así, desde o distingo, poderemos reafirmarnos. O uso da lingua propia xa vai nesa dirección, pero non basta se non conseguimos saír a outros lectores, e polo tanto a outras linguas. Penso que o sistema literario galego ten aí un problema moi serio, algo que, regresando ao audiovisual, xa está a corrixir, ou cando menos a intentalo. Facer filmes na lingua propia que a través das lendas poidan ser disfrutados pola comunidade global. É que, do contrario, converterémonos nun gueto literario, se non o somos xa…. Xa che advertín de que son moi simple no meu argumentario…
– Palavra Comum: Que perspectivas tens sobre a língua galega (e também sobre a sua relação com a Lusofonia)? Por onde encaminhar uma relação mais frutífera para a literatura galega nesse(s) mundo(s)?
– Miguel Anxo Fernández: Enfía coa resposta anterior. A Lusofonía é parte desa aspiración de ir máis alá das nosas fronteiras político-xeográficas, pero eu aspiraría aínda a moito máis. Penso, por exemplo, aínda que dicilo así, a pau seco, semelle unha trasnada cun aquel de frivolidade, nos 1.300 millóns de chineses se tivesen oportunidade de achegarse á literatura galega. Bastaríame con que foxen 300.000… Quero dicir con isto, que se conseguimos acceder á comunidade lectora internacional e falarlles do noso país e do noso ser, máis fortes nos faremos coa nosa lingua, máis fondas serán as nosas conviccións, estou seguro. Regresando á Lusofonía, dou por feito que iso nin tería que ser unha aspiración, simplemente debera ser xa de estar nun país normalizado.
– Palavra Comum: Fala-nos da tua outra grande paixão, o cinema… Como ves a sua situação neste momento (em geral, e, em concreto, aqui)?
– Miguel Anxo Fernández: Vexo ao audiovisual (do que o cinema é parte, pero tamén as demais modalidades de ficción, soportes, etc.) con paso firme ata a conquista dos mercados alleos e tamén na senda da pluralidade creativa, onde conviven os formatos convencionais xunto aos experimentais. Claro está, asumindo que somos país de recursos limitados, pero que ao tempo precisamos do audiovisual para a pervivencia da nosa cultura, comezando pola lingua, cousa que ás veces, non parecen ter moi clara algúns filmmaker apelando a un errado criterio de universalidade…
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– Miguel Anxo Fernández: Agora mesmo ando nun proxecto de investigación vinculado á miña docencia universitaria que me mantén moi enredado desde hai tres anos, polo que teño un chisco abeirada a miña faceta creativa literaria. Pero insistirei en prolongar as peripecias do meu detective Frank Soutelo e seguirei madurando outros textos con anos encima, pero que considero aínda deberán agardar. Todo desde a limitación que para min supón non poder acceder a outras linguas a través das traducións, asumindo que escribo en galego como lingua nai e primixenia. Por forza teño a escrita como un hobby xa que profesionalizarse véxoo imposible nun sistema literario como o noso, no que faltan axentes literarios e proxectos editoriais ao nivel que están a funcionar xa algunhas produtoras audiovisuais, por exemplo, e máis alá de estar moi a gusto con Galaxia, a miña editora. Hai pouco estiven a punto de chegar a acordo cunha importante editorial española para sacar Lume de cobiza en castelán, pero finalmente, estragouse… Apostar por un autor da periferia sae moi caro: que lle imos facer. Despois está adaptar ao cine ou a televisión algunha das miñas obras. A senda para iso xa está aberta… En todo caso, teño moi claro que insistirei e resistirei.
– Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?
– Miguel Anxo Fernández: Non son quen de dar consellos nin recomendacións, máis alá do que me piden os meus alumnos dado o caso, e tampouco o vou facer agora. Promover e manter un proxecto como Palavra Comum xa me parece de Oscar, de Goya e de Mestre Mateo… Unha grande valentía e un plus de ousadía, que os tempos son os que son, pero, pese a ser un consumidor e defensor do soporte papel, asumo que xa non se pode vivir de costas á Rede. Entendo que papel e Rede poden ser perfectos aliados, unha vez que a Rede estea regulada e permita a viabilidade económica que lle axude a acceder tamén ao papel. Así que máis alá de botar nada en falla, gustaríame que algún día puideramos “tocar” Palavra Comum… En todo caso, parabéns.
NOTA: a fotografia do autor é de Alba Colino.
You might also like
More from Audiovisual
Inma Doval: “[círculo dentro do círculo]” | Carla Nepomuceno
O corpo, a vertigem, os ângulos... são alguns dos elementos que encontramos em [círculo dentro do círculo] de Inma Doval …
Marta Cortezão: “Cantiga Maria” | Carla Nepomuceno
A escritora Marta Cortezão lê um poema seu intitulado CANTIGA MARIA, deleitando-nos com a sua escrita.