– Palavra Comum: Que é para ti a arte e que relação tem com a vida?
– Mónica de Nut: Para min a arte é o meu medio de vida tanto no aspecto material como a outros niveis. Arte é vida.
– Palavra Comum: Como entendes o processo de criação artística?
– Mónica de Nut: O proceso de creación artística pode ser moi variado; simple ou complexo, longo ou breve, solitario ou en comunidade, cómodo ou duro… como as xestacións e os partos (supoño; eu non son nai). Máis que escollelos danse por necesidades expresivas propias ou porque son invitada a compartir proxectos que acepto se me prestan… logo, pode que si escolla. Entendo que o proceso de creación é tan magnificamente gratificante ou máis que o propio resultado.
– Palavra Comum: Qual consideras que é a relação -ou qual pode chegar a ser- entre as diversas artes (música, literatura, fotografia, etc.)?
– Mónica de Nut: As diferentes artes apóianse entre si estimulando cada unha a percepción por diferentes canles: ouvido, razón, emocións, vista… A relación é fructífera cando falan e conversan harmonicamente respectándose e deixando espazos para a comprensión.
– Palavra Comum: De quem te sentes, criativamente, filha ou irmã?
– Mónica de Nut: Creativamente falando son filla da música, da teatralidade e das imaxes do entorno próximo durante os primeiros anos de vida (Canido, rural de San Miguel de Oia, na provincia de Pontevedra). Creativamente falando tamén son irmá da cultura globalizada que non entende de fronteiras espaciais nin temporais (culturas do mundo e artes de todos os tempos ás que tiven acceso por medio da miña formación e curiosidade).
– Palavra Comum: Que artistas reivindicarias por não serem suficientemente conhecidos (ainda)?
– Mónica de Nut: Reivindico ós artistas non coñecidos porque un artista non ten que ser coñecido para suscitar interese. Mellor dito, non é o artista o interesante, o interese está na arte, no que fai. Deixémonos de egos! Como público gústame descubrir, que me sorprendan… ademais da opción de asistir a un espectáculo xa coñecido. Deste xeito as programacións poderían ser moito máis variadas e os espectáculos máis plurais.
– Palavra Comum: Como consideras que está a música e quais os caminhos prioritários que deveria transitar?
– Mónica de Nut: A música está no seu mellor momento, como o resto das artes. Non creo que poida ser doutro xeito. Os artistas cada vez máis formados, espertos, expertos e arriscados. As artes, as tendencias, seguen o seu camiño natural. Creo que, como a natureza, é inutil programalas… non se deixan, son bravas! Outra cousa é a xestión, a organización, a política… non xogan a favor precisamente.
– Palavra Comum: Quais são as tuas experiências com as diversas formas de criações artísticas que levas posto em prática -música, dança, teatro, trabalho com crianças-?
– Mónica de Nut: As miñas experiencias artísticas son moi variadas e engloban música, teatro e danza, sobre todo música. Tamén exerzo como docente de educación musical e canto en cursos e aulas regulares; gústame transmitir os coñecementos que me axudaron a medrar dun xeito creativo, personalizado e liberador.
Arte nut foi a miña estrea nos escenarios. Despois viñeron outros grupos… a experimentación, a música clásica, o jazz, a tradición galega, sefardí, ópera, musical e teatro con traballos coreográficos e performance (pódese atopar o meu currículum detallado na miña web).
Actualmente estou a presentar o meu segundo disco, Dos fíos invisibles chegan as cores, xunto ao guitarrista Virxilio da Silva. Fago performance en solitario xogando coa voz e aparellos electrónicos e a interacción co público. Canto con Isga Collective, co arpista de música antiga Manuel Vilas (A Palabra Oculta, poesía e música de monxas de clausura), e máis recentemente estou a traballar no repertorio hipnótico de Raíces aéreas, dúo formado co arpista de música tradicional Luís Martínez.
A miña interpretación como Jenny na Ópera dos tres reás dirixida por Quico Cadaval e protagonizada por Luis Tosar fai tres anos, púxome en contacto con moitos profesionais do panorama teatral galego e posteriormente xurdiron outros proxectos como Mujer Muerta Caminando de Carlos Alvarez Ossorio e actualmente Barbazul, obra de Borja Fernández dirixida por Marta Pazos coa que andamos de xira pola península.
As aulas de música e canto danme estabilidade e rutina entre tanto meneo de viaxes e ensaios. Aprendo moito do alumnado ademais de axudarlles co que fun lidiando o longo dos anos de experiencia e formación… Pasa o tempo! Teño un taller de voz en Compostela e aulas para crianzas na Escola do Medio e na agrupación Cantigas e agarimos. Este curso imparto aulas tamén en A Coruña, na asociación de teatro Manicómicos e na Escuela de Músicos.
– Palavra Comum: Qual é a tua perspectiva sobre a língua (e a relação com a lusofonia) e que influência tem sobre o teu trabalho?
– Mónica de Nut: A lingua úsoa para comunicarme, en galego ou noutras linguas que faciliten unha mellor comunicación. O galego, ademais, nútreme enlázandome as miñas raíces. Ás miñas creacións precisan deste nutriente.
Respecto a lusofonía eu síntome portuguesa antes que española. Pero a política e mesmo a escrita parécenme, ó meu entender, o envoltorio de algo moito máis profundo. Están en constante transformación e penso que deberían responder a unha función práctica. A fala e os costumes son outra historia. Cando a xente me escoita identifican o meu xeito de falar ó lugar onde me criei e isto faime feliz e orgullosa de ser quen son.
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– Mónica de Nut: Ademais do que xa dixen antes, estou a emprender unha nova produción con Pista Catro que combina circo e teatro. Chámase Íntimo. Tócame compoñer a música, algo que me apetece moitísimo agora mesmo, facer máis música propia. Ademais de interpretar esta música no directo, participarei na escena como actriz e interaccionando nalgún número circense… siiiiiiiiiiiiii, hahahaha, xenial!!!. No duo Raíces aéreas tamén estamos a compoñer temas propios… nova faceta, nova etapa! e máis calma, menos cousas que facer e máis tempo para respirar (isto último é o que quero chegar a desenvolver prioritariamente, respiraaaaaar).
– Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?
– Mónica de Nut: Gostaría de ver o que non vexo agora normalmente, que me sorprendan, precisamente iso; un respiro ao panorama repetitivo e abafante dos medios de comunicación… un aaaaaaaaaiiiiiiii grande.
You might also like
More from Entrevistas
Carla Nepomuceno entrevista Adrienne Savazoni | Café com Português
O «Café com Português» e a Palavra Comum trazem uma entrevista com a professora, ambientalista, promotora cultural e poeta brasileira …
Entrevista I edu_ALBO: “A minha arte surge do risco e da valentia”
Conheci edu_ALBO num dos muitos e inebriantes baretos de Monte Alto (Corunha), acabando por terminar esse mesmo dia no seu …